logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

GALICIA NON É UNHA MINA: Defende a terra, Defende a vida

Manifestación en Santiago de Compostela contra a mega-minería contaminante o 02-06-2013

Declaración leída polo presidente de SGHN e impulsor da petición en Change.org

Versión en castellano
Santiago de Compostela, 02-06-2013

Ao remate da multitudinaria manifestación celebrada hoxe en Santiago de Compostela, na Praza da Quintana leéronse os manifestos finais das once plataformas veciñais de afectados polos mega-proxectos mineiros e a continuación o Presidente de SGHN e impulsor da petición en Change.org (http://www.change.org/petitions/que-non-arrasen-galicia-paremo-la-megaminería-contaminante) leeu a seguinte declaración:

"Impulsados polo crecemento da demanda nalgúns países de economía emerxente e, nesta época de crise, pola súa condición de valor refuxio para investidores e especuladores de todo o mundo, os metais preciosos e os considerados estratéxicos comezaron hai uns anos unha escalada de prezos nos mercados internacionais. Diante da perspectiva dun goloso negocio, as grandes empresas mineiras multinacionais emprenderon unha carreira tola na procura de materias primas pretendendo a explotación insustentable deses recursos naturais non renovables.

Lamentablemente, Galicia está tamén no punto de mira de varias desas multinacionais que, ademais, pretenden empregar as técnicas mineiras que lles reporten maiores beneficios en menos tempo, sen importarlles que sexan precisamente as que maiores impactos socioeconómicos, sanitarios e ecolóxicos provocan. Así, en Corcoesto, para extraer só 34 toneladas de ouro, terían que remexer 122 millóns de toneladas de terra e rochas, empregando máis de 5.000 toneladas de cianuro e solubilizando máis de 8.000 toneladas de arsénico atrapado nesas rochas, ameazando os sectores produtivos da contorna, a saúde dos veciños e a conservación do patrimonio cultural e natural, que quedaría hipotecado indefinidamente pola bomba de reloxería dunha xigantesca balsa mineira contaminante.

Pero a codicia sen límites destas empresas ten os ollos postos tamén en Santa Comba, Tomiño, A Fonsagrada, o Ribeiro, Terras de Celanova, A Limia, As Fragas do Eume e A Terra Chá. Ademais dos proxectos que xurdirán á sombra do plan sectorial de actividades extractivas, actualmente a información pública que propón autorizar permisos mineiros ata nos nosos cativos espazos naturais protexidos (Rede Natura 2000, Parques Naturais e Reservas da Biosfera).

Pero o que non esperaban as codiciosas empresas mineiras era que en Galicia xurdira unha corrente imparable de oposición aos seus proxectos: asociacións de veciños afectados, organizacións de defensa ambiental, sindicatos, partidos políticos de todo signo e os incontables cidadáns sen ningunha afiliación que decidiron apoiar a campaña en contra de mega-mineria contaminante e se sentiron representados por ese magnífico lema unitario e integrador que encabezou esta manifestación:

“Galicia non é unha mina. Defende a terra, defende a vida”.

A TODOS MOITÍSIMAS GRAZAS POLO VOSO APOIO, POR QUE XUNTOS PODEMOS CONSEGUIR FACELO REALIDADE"

Magnífica viñeta de Luis Dávila, publicada no Faro de Vigo do 23-05-2013 e empregada hoxe nunha das pancartas. Reproducida con permiso do autor.

 

GALICIA NON É UNHA MINA: Defende a terra, Defende a vida

Manifestación en Santiago de Compostela contra a mega-minería contaminante