logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

Puntualizacións de SGHN

Enchido con auga do Eume do oco da antiga mina de lignito das Pontes

SGHN-Delegación Ferrol ven de dirixirse ao Presidente de Augas de Galicia (PDF) para expresarlle a total disconformidade coas declaracións nas que manifestaba non ter constancia de que se lle solicitaran datos sobre a calidade das augas que enchen o oco da antiga mina de lignito das Pontes. Xunto con ADEGA e Verdegaia, a SGHN, cando menos en cinco ocasións no último ano, enviou vía correo electrónico (medio indicado como máis idóneo polo propio organismo Augas de Galiza) solicitudes ao respecto. O feito de non ter recibido ningunha clase de resposta motivou que as dúas últimas solicitudes se realizasen por escrito entregado no Rexistro da Xunta de Galiza, polo que se ten constancia da entrega (PDF). Nembargantes, a resposta foi a mesma: ningunha.

En relación coa súa afirmación de que o único perigo de contaminación está no fondo da antiga mina, é preciso puntualizar que a profundidade da mina é de 200m no campo oeste e somentes 60m no campo leste, onde se atopa a escombreira interior, realizada pola necesidade de conter o deslizamento dos bloques adxacentes. Con 60m de profundidade é posible que no inverno as temperaturas dos distintos estratos se igualen e, polo tanto, se misturen as masas de auga, provocando que os materiais do fondo afloren á superficie, e con eles as cargas contaminantes.

Por outra banda, o maior perigo reside na fraxilidade do macizo e nas escorreduras procedentes dos taludes, que presentan zonas nas que é imposible fixar vexetación debido á verticalidade do terreo e os desprendementos continuos dos materiais que o conforman, o que constitúe unha fonte continua de acidificación das auas, situación que empeorará a partir do cese do aporte das augas do río Eume, feito que sucederá no momento en que as augas da bacía comecen a rebordar cara o Eume pola canle de desaugamento.

Un dos datos que se solicitaban no último escrito é se o rebordo xa se producira, pois no caso de que así fose, ENDESA entregaría á Xunta de Galiza a xestión do espazo, como estaba previsto no proxecto. Este acto de cesión conlevaría obrigatoriamente a exposición a información pública cos mecanismos que a lei establece.

No que si estamos de acordo é en que os resultados son mellores dos agardados, en canto á velocidade de enchido se refire; superáronse as previsións e este completouse en catro anos. Tendo en conta que durante o proceso non chegaron a acadarse niveis pluviométricos óptimos, a rapidez do proceso pon en dúbida o respecto dos caudais ecolóxicos do río Eume ao longo deste período.

Tal volume de auga non afectada polas actividades industriais e mineiras suporía, nun principio, segundo o pronóstico expresado no proxecto, unha garantía para acadar unha boa calidade das augas, sen embargo a análise das mostras recollidas ao pé dos taludes o pasado día 22 por membros de ADEGA, indican que a situación actual se alonxa significativamente do escenario agardado: pH de 2,5 nos aportes de escorredura e infiltración dos taludes (valor 10.000 veces superior aos normais), osíxeno disolto na auga inferior a 4mg/l, temperaturas de entre 23º e 24º que supoñen unha saturación inferior ao 40%, datos todos que evidencian unha situación que compromete gravemente a viabilidade dos organismos acuáticos.

Aínda que a Universidade de Compostela, a través do Laboratorio de Tecnoloxía Ambiental, na súa máis que custionable intervención, dá o visto e prace ao proxecto, non o fai sen indicar os riscos que este entraña, deixando claro a necesidade de realizar novas investigacións antes de comezar o enchido e do posible carácter irreversible dos graves impactos aos ecosistemas afectados.

Atendendo ao exposto, SGHN-Delegación Ferrol ven de solicitar:

  1. Que se teñan en conta os nosos criterios, baseados fundamentalmente nas investigacións levadas a cabo pola Universidade de Compostela e expostas no proxecto do enchido.
  2. Que, tendo en consideración o principio de cautela, se supervise por un equipo independente da empresa os resultados emitidos por esta.
  3. Que se certifique que no momento da entrega do espazo á Xunta de Galiza os obxectivos acadados coincidan cos previstos no proxecto. En caso contrario, ENDESA debe facerse responsable dos custes orixinados para as enmendas precisas co fin de acadar que a entrada da auga no Eume se faga en condicións satisfactorias. É obvio que a Xunta non disporá dos medios económicos necesarios para acadar tal obxectivo.
  4. Que se rectifique publicamente a afirmación de que as entidades non solicitaran os datos requeridos.

 

ADEGA, Verdegaia e a SGHN cuestionan a calidade das augas
que enchen a antiga mina das Pontes

23 de agosto de 2012. A inauguración do mal chamado “lago de As Pontes”, en realidade unha balsa mineira, amosa numerosas incertidumes e máis que posíbeis riscos para a saúde e o ambiente. Para ADEGA, Verdegaia e SGHN a recente autorización do baño nestas augas resulta sorprendente, por canto Augas de Galiza continúa sen propocionar datos sobre a súa calidade. Esta información, imprescindíbel para avaliar o estado da balsa e, consecuentemente, os posíbeis riscos ambientais e cidadás, foille solicitada até catro veces ao longo deste último ano á Consellería de Medio Ambiente e segue sen aparecer na súa web. Cais son as razóns desta ocultación deliberada?

As únicas previsións do que acontecerá na balsa son as achegadas por ENDESA no Proxecto e Estudo de Impacto Ambiental do enchido do oco da mina con auga do Eume. A empresa afirmaba que os niveis de metais pesados tras o proceso de enchido manteríanse en valores practicamente idénticos aos do escenario inicial. Para as nosas entidades, isto non é suficiente. Tendo en conta que os metais pesados (neste caso arsénico, manganeso e aluminio) acumúlanse no organismo humano, a utilización destas augas para o baño podería carrexar graves consecuencias para a saúde. Por iso, fronte a unha administración desaparecida, os nosos grupos imos realizar análises fisicoquímicas periódicas e facer públicos os resultados.

 

Imaxe: Resultado da medición do pH (6,60) na balsa mineira de As Pontes.

Para avaliar tamén a calidade da auga e o seu impacto na saúde e no ambiente, alén dos metais pesados analisaremos tamén, entre outros, parámetros como o pH (grao de acidez), osíxeno disolto e nitratos. Nunha primeira visita efectuada o 22 de agosto, comprobamos que o pH da masa principal está dentro dos parámetros correctos, arredor de 6,6, se cadra un chisco ácido. Porén, a acidez dos aportes (augas de escorrentía e infiltración que chegan á balsa dende os taludes perimetrais) é moi alta, arredor de 2,5 isto é, 10.000 veces máis ácido do normal, aproximadamente como un desincrustante industrial. Chama a atención tamén a baixa proporción de osíxeno disolto na auga, bastante inferior a 4mg/l. Estes valores, asociados a unha temperatura de 23-24ºC, indica unha saturación inferior ao 40%, co que o lago amosa malas condicións para a vida dos organismos acuáticos.

Outra cuestión demandada a Augas de Galiza e non respostada refírese a se rematou o proceso de enchido (anunciado nos medios mais sen confirmación oficial) e a se, consecuentemente, tiñan rematado as detraccións de auga do Eume, xa que a licitación do proxecto quedaba condicionada á restitución do cauce natural do río. Porén, o Eume sufrirá para sempre un impacto permanente xa que os aportes de auga procedente das bacías dos ríos Maciñeira, Peleteiro e Bacía Norte elimináronse definitivamente, e só mediante rebordamento da balsa mineira podería ser compensado. Estes aportes non terán as condicións fisico-químicas e biolóxicas orixinais, e mesmo segundo as previsións do EIA, en veráns con baixos níveis pluviométricos non haberá rebordamento, precisamente o intre no que eses caudais son imprescindíbeis para manter o equilibrio do ecosistema sistema fluvial.

ADEGA, Verdegaia e a SGHN exiximos da Xunta máis responsabilidade e menos escurantismo, demagoxia e populismo neste asunto. É función dunha administración pública salvagardar a saúde ambiental e cidadá e non actuar como “palanganera” dunha empresa que despois de contaminar a caño libre durante décadas e obter inmensos beneficios cos nosos recursos, agora quere irse “de rositas” fuxindo da súa responsabilidade ambiental.

Imaxe: Resultados da medición do osíxeno disolto e do pH (2,47) das augas de escorrentía á balsa mineira de As Pontes.