logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

A SGHN APOIA O MANIFESTO DAS CONFRARÍAS POLA RECUPERACIÓN DAS RÍAS

    A SGHN apoia o manifesto pola recuperación das rías e da costa galega presentado polas confrarías de A Coruña, Barallobre e Ferrol. Agradecemos que sexa dende o propio sector, dende onde se fai unha proposta deste tipo, o que mostra o total abandono das administracións públicas e a grave situación en que se atopa a costa galega en xeral. como organización adicada ao estudio, divulgación e defensa do medio ambiente, a SGHN quere engadir o seguinte:

  • Non hai ningunha razón senón excusas para o atraso inaceptable na construcción das EDAR.
  • Ten que haber un control exhaustivo dos recheos que en moitos casos, como se mostra a posteriori, son delictivos. Recheos que, en combinación coa falta das EDAR e cos verquidos industriais, hipotecan a supervivencia biolóxica de moitos dos nosos espacios costeiros
  • A explotación dos recursos mariños só ten futuro de un modo sustentábel. Só un ecosistema san e diverso pode garantir a subsistencia da pesca e o marisqueo. Para iso é fundamental que se prime o uso de aparellos e artes de pesca tradicionais, que sexan selectivos e que respecten as tallas. Non pode haber axudas nin apoios dende a administración pública ás pesquerías industriais esquilmadoras dos recursos e que ademais xeran grandes cantidades de descartes.
  • Os bancos marisqueiros e de pesca non son granxas. Aínda realizando unha explotación dos seus recursos en réxime de semicultivo, hai que respectar o entorno e a biodiversidade, que son os garantes do futuro desa explotación.
  • O control dos depredadores nos bancos marisqueiros debe exercerse de forma “racional”, é dicir, control, non exterminio.
  • É extremadamente grave é eliminar do medio natural especies necrófagas e detritívoras como o Nassarius reticulatus, que segundo o CIMA (Centro de Investigacións Mariñas da Xunta de Galicia) supostamente mata aos bivalvos por asfixia e logo os come.  As afirmacións do CIMA non están avaladas por ningún estudio ou publicación científica sobre esta especie que, lonxe de ser prexudicial para o marisqueo, realiza unha importante tarefa de limpeza de restos orgánicos e cadáveres nos fondos mariños, e a súa eliminación pode comprometer seriamente a viabilidade incluso dos animais que en teoría tratan de salvar.
  • A introducción de especies foráneas por erro é moi grave, e é preciso controlar o que se bota no mar. Casos como o do Sargassum muticum, hoxe amplamente distribuído por toda a costa, e con efectos moi graves por desprazar a especies autóctonas e deixar sen refuxio nin alimento a gran cantidade de animais mariños.
  • Non caben excusas para a introducción intencional de especies foráneas, pola súa resistencia á contaminación, rápido crecemento... O caso da ameixa xaponesa Ruditapes philippinarum é o mais escandaloso. Máxime cando na actualidade hai probas da súa hibridación con ameixa fina Ruditapes decussatus (Hurtado et al. 2011 Aquaculture RDE RPH Hybrids), resultando individuos fértiles que poden levar a longo prazo á desaparición da ameixa fina da nosa costa.
  • A proliferación de portos deportivos provoca unha ocupación de espacios mariños, que en moitos casos pola “presa” realízanse con recheos que provocan alteracións importantes na dinámica de correntes no interior das rías, con danos graves a bancos marisqueiros, áreas de alimentación de aves acuáticas e praias de baño. As actividades de lecer non se poden “exercer” a costa da destrucción do medio natural.
  • É importante ter en conta ademais a actividade extractiva realizada na “pesca deportiva”, que fora do control das lonxas, pode supoñer unha presión moi importante para moitas especies de peixes e moluscos.
  • A eliminación de fangos pode ser necesaria e convinte nalgúns casos para salvar bancos marisqueiros, pero debe abordarse só tras un exhaustivo estudio de todos os seus efectos ambientais.

Fotografía: Vista aérea do recheo do porto de Marín (300.000 m2), declarado ilegal o 30 de outubro de 2009 por unha sentencia inapelable do Tribunal Supremo que tamén anulou o Plan Especial do Porto. Imaxe obtida do Sistema de Identificación de Parcelas Agrícolas, do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño (http://sigpac.mapa.es/fega/visor)