logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

Alegacións de SGO, GN Hábitat, SGHN, Rabo do Galo e SEO

O dragado da ría do Burgo podería aumentar os niveis de contaminación das augas

NOTA DE PRENSA

• É un dos riscos sinalados polas organizacións científicas e conservacionistas nas suxestións presentadas ao proxecto.
• Ademais, poderían verse afectados o marisqueo e a poboación de aves da zona, que son un foco de atracción turística.
• O MAGRAMA presentou un proxecto de rexeneración da ría sen as suficientes garantías.

A Coruña, Santiago de Compostela, 27-01-2014

Ante a proposta de rexeneración da ría do Burgo elaborada polo Centro de Estudios y Experimentación de Obras Públicas (CEDEX), que a finais do ano pasado fixo público o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Sociedade Galega de Ornitoloxía, Grupo Naturalista Hábitat, Sociedade Galega de Historia Natural, Rabo do Galo e Sociedad Española de Ornitología SEO/Birdlife, queren realizar as seguintes consideracións:

  1. A ría do Burgo, malia as fortes alteracións sufridas por diferentes factores ao longo das últimas décadas, acada na actualidade importancia a nivel rexional polas súas poboacións de aves. Así, este espazo alberga unha media de 3.150 aves acuáticas durante o período invernal, sendo fogar nun momento ou outro do ciclo anual de 45 especies diferentes de aves acuáticas, ás que se suman outras 29 especies menos comúns. Ademais, a ría do Burgo xunto coa ría de A Coruña conforman o quinto lugar de importancia para as aves do norte de España.
  2. Todo plan de recuperación ambiental da ría do Burgo debe ter en conta tanto os seus valores produtivos (marisqueo) como os naturais (avifauna, en
    particular) e os sociais e pedagóxicos: a ría é un espazo único en Galicia para a observación de fauna salvaxe, cun enorme potencial educativo aínda por
    explotar. Eses tres tipos de valores son absolutamente compatibles. É mais: enriquécense un aos outros sempre que converxen nun mesmo lugar. Isto é o
    que desexamos para esta ría.
  3. Investigadores da Universidade da Coruña e outros organismos expresaron publicamente a súa preocupación e desacordo respecto a que o dragado da
    ría sexa a mellor solución para a recuperación ambiental do estuario, chegando a definir esta opción como “abrir a caixa de Pandora”. É por tanto
    fundamental consultar o maior número posible de opinións científico-técnicas respecto da pertinencia desta actuación, a fin de asegurar a súa oportunidade
    ou explorar outras alternativas.
  4. Neste senso, consideramos necesaria unha avaliación moi detallada do risco de resuspensión dos elementos contaminantes contidos nos lodos, e a súa
    incorporación á cadea trófica mediante fenómenos de bioacumulación, o que podería provocar un nivel de contaminación superior ao que se pretende
    corrixir.
  5. A ampliación dos paseos marítimos non pode constituír un argumento á hora de tomar unha decisión respecto do denominado “dragado ambiental” da ría
    do Burgo, pois desvirtúan o carácter inicialmente ambiental das actuacións tinguíndoas dun cariz meramente urbanizador. Os valores ambientais, sociais
    e pedagóxicos da ría están moi por riba deste tipo de argumentos.
  6. O indicado no punto anterior pode aplicarse ao aumento do nivel de inundación da ría, consecuencia do recheo previsto e que o Documento denomina “unha mellora estética”, nun xuízo de valor subxectivo que ignora a importancia trascendental da dinámica de inundación do ciclo das mareas, que converte ás rías en espazos ricos en biodiversidade, bancos marisqueiros incluídos.
  7. Por todo o indicado, as entidades asinantes rexeitan a alternativa consistente no dragado total e recheo dunha parte do estuario (previsto en ambas ribeiras
    da ría), e solicitan que se valoren outras alternativas con menor impacto sobre o espazo.

Preme AQUÍ para acceder ás alegacións de SGHN.

Polo seu interese, recomendamos a lectura da Contestación a la consulta sobre el alcance de la evaluación de impacto ambiental del proyecto 20130250COS: “Dragado Ambiental de los Sedimentos de la Ría de O Burgo (La Coruña)” realizada por investigadores do Campus do Mar.