logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
INICIO
line decor

 

 

 
 
 
 

 

SGHN solicita información á Consellería de Medio Rural

PASTOREO E ARADURA DE ZONAS QUEIMADAS

A Lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, establece que:

  1. “A aradura de calquera terreo forestal para a implantación de cultivos agrícolas ou pasteiros exixirá a obtención de autorización administrativa por parte da consellaría competente en materia forestal nos termos que se establezan regulamentariamente. Cando se producise un incendio forestal nos tres anos anteriores á solicitude, a autorización concederase de forma excepcional atendendo as circunstancias especiais que se determinen regulamentariamente” (artigo 40).
  2. “Con carácter xeral, prohíbese o pastoreo en todos os terreos forestais que resulten afectados por incendios forestais, nun prazo mínimo de dous anos a partir da data en que se produza o lume e ata que as axeitadas condicións de restauración da masa arborada o permitan. Neste caso, precisarase de autorización administrativa nos termos que se establezan para o efecto” (artigo 43.1) e que “Regulamentariamente poderán preverse excepcións á prohibición establecida na alínea anterior, baseadas na acreditación de perdas de difícil reparación pola prohibición ao pastoreo ou na inexistencia de alternativas ao pastoreo nas áreas afectadas por incendios forestais dentro da mesma comarca” (artigo 43.2).

Polo devandito, ó abeiro da lexislación europea (Directiva 2003/4/CE), española (Lei 38/1995 e Lei 27/2006) e galega (Lei 1/1995) que regulan o dereito de acceso á información sobre o medio ambiente e despois da vaga de lumes do outono de 2011, SGHN ven de solicitar á Dirección Xeral de Produción Agropecuaria (Consellería de Medio Rural, ver PDF) información das medidas que no exercicio das súas competencias e obrigas legais puxo en marcha para o control, vixiancia e seguemento das zonas afectadas a fin de asegurar o cumprimento da Lei 3/2007.

 

SGHN PIDE A SUSPENSIÓN DA TEMPADA DE CAZA NAS ZONAS QUEIMADAS

Galicia padece na actualidade unha situación extraordinaria como consecuencia da sequía e a vaga de incendios forestais no outono de 2011, principalmente na provincia de Ourense, na de Lugo e no sur de Pontevedra.

A Lei 4/1997, de caza de Galicia, establece que “queda prohibido cazar en tempo e lugares nos que, como consecuencia de incendios, epizootias, envelenamentos, inundacións, secas ou outras causas, os animais se ven privados dos seus hábitats e das súas facultades normais de defensa e obrigados a concentrarse en determinados lugares” (artigo 34.1.3). Asi mesmo, a Lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, establece que “Os aproveitamentos e a repoboación cinexética en terreos queimados quedan prohibidos durante un período de tres anos desde a data do lume, agás autorización expresa da dirección xeral competente en materia cinexética, logo de informe favorable da consellaría competente en materia forestal” (artigo 44.1).

Por todo o devandito, SGHN ven de soliciatar ao Director Xeral de Conservación da Natureza (Consellería de Medio Rural) (ver PDF):

  • Que, en exercicio das súas competencias e obrigas legais, proceda a suspender a tempada de caza, con carácter inmediato e a todos os efectos, nos TECOR afectados por incendios forestais este ano. Alomenos no caso de grandes lumes, dita suspensión da tempada de caza debera extenderse aos TECOR limítrofes non afectados polo lume nos que os animais véranse obrigados a concentrarse como atinadamente sinala o artigo 34.1.3 da Lei 4/1997.
  • Que manteña informada a SGHN de cantas decisións e actuacións adopte ao respecto.

Fotografía: Imaxe dun gran incendio no Macizo Central ourensán.

 

“Non agardes resultados diferentes se sempre fas o mesmo”

COMUNICADO DA SGHN SOBRE A VAGA DE INCENDIOS FORESTAIS DE OUTONO-2011

A falta de medios, ou o exceso, é unha circunstancia, máis non é o problema.

A política forestal poderá, ou non, ser un agravante, máis non é o problema.

O monte, o matorral, o arborado son a vida, nunca poden ser o problema.

O problema real dos incendios forestais en Galicia son os galegos/galegas que prenden o lume, por qué o prenden e por qué lles resulta tan fácil facelo impunemente.

A estas preguntas son ás que teñen que responder os nosos dirixentes: os que gobernan agora, os que o fixeron antes e os que aspiran a gobernarnos. Déixense de palabras e póñanse a traballar na realidade.

E “non agarden resultados diferentes se sempre fan o mesmo”, pois xa van 22 anos de extinción, extinción, extinción, obtendo o mesmo resultado: unha presión incendiaria insoportable e (case) constante, polo que en canto se dan as condicións climatolóxicas propicias hai unha vaga de incendios incontrolable por moitos medios e cartos que se destinen.

A solución dos incendios do vindeiro ano pasa por comezar a evitalos hoxe: prevención si, educación tamén, e sobre todo, medidas efectivas contra os incendiarios/incendiarias, xa que as actuais está suficientemente demostrado que non sirven.

Polas características dos lumes e a orografía das zonas afectadas pola vaga de incendios de outubro-2011, é moi probable que a situación dos terreos queimados a vindeira primavera sexa moi semellante á desta imaxe tomada en maio de 2011 na zona arrasada polo incendio de Camba (Laza, Ourense) en setembro-2010: a devastación provocada polo lume deu paso a unha erosión escalofriante en outono-inverno.

 

INCENDIO FORESTAL DE ARCUCELOS-VENCES (OURENSE)

URXE APLICAR MEDIDAS PARA PROTEXER O LIC "ES1130005 Río Támega"

O incendio forestal que a primeiros de outubro 2011 afectou a terreos entre Arcucelos (Laza) e Vences (Monterrei), na provincia de Ourense, ademais de provocar a morte dunha persoa nas labouras de extinción, calcinou 382 ha cunha pendente media do 39,6 % (equivalente a subir un edificio de 15 plantas nunha distancia dun campo de fútbol) polo que o risco de graves fenómenos erosivos é moi importante, máis aínda ao considerar que:

  • Perto de tres cuartas partes (272 ha; un 71,1 %) ten pendentes superiores ao 30 %.
  • Case a metade (182 ha; un 47,6 %) ten pendentes superiores ao 40 %.
  • Case a cuarta parte (95 ha; un 24,9 %) ten pendentes superiores ao 50 %.
  • Máis de 42 ha (un 11,1% do total) ten pendentes maiores do 60 %, que chegan a ser de ata o 80-90 %.
  • As características da vexetación queimada, composta maioritariamente por matogueiras de uces e carqueixas, e a intensidade do lume indican unha forte susceptibilidade aos fenómenos erosivos.

No seu bordo leste, o perímetro da área queimada atópase en promedio a menos de 600 m (rango entre 75 e 977 m) do cauce do río Támega, é dicir, do LIC ES1130005 Río Támega, no que desembocan directamente dous cursos de auga estacionais, os regatos de Fervenza e Rebordallo, que nacen na zona queimada. Compre salientar que un 44% da superficie do LIC Río Támega está constituído polo hábitat de conservación prioritaria na Unión Europea "91E0 Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior". (Directiva 92/43/CEE), e que neste espazo natural está documentada a presencia de dous moluscos considerados "vulnerables" polo Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Decreto 88/2007): a babosa terrestre Geomalacus maculosus e o mexilón de río Anodonta cygnea, especie esta última moi sensible á degradación da calidade das augas.

Por todas estas razóns, SGHN ven de solicitar á Consellería de Medio Rural (PDF) e á Confederación Hidrográfica do Duero (do que o Támega é afluente, PDF) que adopten, coordinadamente e coa máxima urxencia, todas as medidas posibles de conservación dos solos e protección hidrolóxico-forestal na área queimada para minimizar o seu deterioro post-incendio así como as afeccións ao LIC ES 1130005 Río Támega por arrastres de cinzas e sedimentos, especialmente no referente a calidade das augas e conservación dos hábitats de conservación prioritaria na Unión Europea.

Imaxes (elaboración propia): Perímetro do lume (esquerda) delimitado sobre unha ortofoto obtida do SIGPAC (Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño) e mapa de pendentes da zona queimada (dereita).

 

INCENDIOS FORESTAIS, TAMÉN DRAMAS HUMÁNS

O 02-10-2011 finou D. Íñigo Zubiaga Pagadigorria o estrelarse a súa avioneta cando colaboraba na extinción dun incendio forestal entre Arcucelos (Laza) e Vences (Monterrei) na provincia de Ourense.

O 04-10-2011 traballadores dos Servizos Forestais de Ourense concentráronse na cidade en memoria do finado. No acto deron lectura a un manifesto cós seus puntos de vista sobre a problemática incendiaria.

Ante a súa solicitude de darlle publicidade e por solidariedade con Íñigo e coas persoas que día a día loitan contra os lumes forestais, arriscando a súas vidas, incluímos o manifesto nesta páxina web de SGHN.

 

INCENDIOS FORESTAIS 2011: BEN, PERO NON TANTO

A petición de La Voz de Galicia (http://www.lavozdegalicia.es/galicia/2011/09/28/0003_201109G28P4993.htm), o Presidente da SGHN fixo unha avaliación "de urxencia" das cifras de incendios forestais feitas públicas onte no Parlamento Galego polo Conselleiro de Medio Rural, que se transcribe deseguido. Dita análise refírese exclusivamente aos datos de número de incendios e superficie queimada.

"Toda reducción das cifras anuais de incendios forestais e superficie queimada é unha boa nova para a natureza galega. Xa que logo, as cifras adiantadas polo Conselleiro de Medio Rural son unha boa nova. Pero, para non caer nun optimismo infundado, compre analizalas con rigor.

Así, é preciso salientar que os 4.365 incendios dan un promedio de 16 diarios e 21 por cada 100 km2 de superficie forestal e que as 12.702 ha queimadas (máis de 16.000 campos de fútbol!) supoñen a perda dun 0,6% da superficie forestal nun só ano. Ademais, as cifras facilitadas exclúen os “conatos” (lumes menores de 1 ha) e as queimas autorizadas (250.000 ao ano), polo que a superficie realmente queimada é maior.

E iso admitindo que os datos oficiais fosen reais. Analizemos un só dato concreto. O Conselleiro afirma que 2011 é o único do último decenio sen un gran incendio (máis de 500 ha). A resposta oficial recibida por SGHN sobre o provocado pola queima controlada do 8 de abril en Bande e Verea (Ourense) sinala 475 ha, pero a planimetría do croquis do incendio supera as 500 ha."