logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

Guía de actuacións nunha zona queimada

SGHN está a recibir múltiples consultas sobre pautas de actuación nas zonas queimadas durante a última vaga de lumes.

Para que as recomendacións de SGHN cheguen a todos os interesados e simplificar a xestión das consultas, iremos publicando as respostas a través deste medio.

Antes de nada, o primeiro que hai que ter sempre presente son os obxectivos das actuacións de emerxencia post-incendio:

  • Frear a degradación do solo e reducir as perdas de solo e cinzas por erosión.
  • Favorecer á rápida recuperación das áreas queimadas.
  • Evitar os danos indirectos dos lumes sobre as zonas non queimadas, nomeadamente os cursos e masas de auga.
  • Non afectar ás zonas periféricas non queimadas, que actuarán de reservorio para a biodiversidade dende onde se producirá a recolonización das zonas queimadas pola flora e a fauna.

O primeiro é obter os permisos necesarios

  • En espazos naturais protexidos (Parques Naturais, Rede Natura 2000, etc), sexan terreos privados ou públicos, nunca intervir sen consultalo antes coa Consellería de Medio Ambiente.
  • En terros privados (máis do 90% dos montes galegos) solicitar previamente o permiso do(s) propietario(s), sexan particulares ou comunidades veciñais de montes en man común.
  • En terreos públicos ou privados conveniados ou consorciados coa administración, solicitar previamente o permiso da administración que o xestione (Consellería de Medio Rural, Concellos,...).

O segundo é planificar o traballo

Avaliar a situación do terreo queimado

É imprescindible avaliar a situación do terreo para decidir se é preciso ou non intervir, e priorizar as zonas de actuación. Incluso nun mesmo lume normalmente os danos na vexetación e nos solos son moi variables. Coma mostra recoméndase ollar este video no que se ven, nun radio de 100-150 m, exemplos de severidade do lume sobre o solo e a vexetación moi diferentes.

Priorizar as zonas de intervención

  • As zonas con árbores que sufriron lume de copas que consumiu completamente as follas/acículas e, especialmente, as zonas de mato en que a vexetación se calcinou totalmente (ou case) son zonas de intervención prioritaria.
  • A prioridade é maior nas zonas en que o lume afectou máis intensamente ao solo: non queda (ou case) capa de follasca chamuscada sobre o solo, as cinzas son branco-grisáceas en lugar de negras e o solo cambiou de cor ata máis dun par de centímetros de profundidade.
  • A prioridade é maior en zonas de pendente e/ou próximas a ríos/regatos ou captacións de auga para abastecemento.
  • NON é necesario nin conveniente intervir nas zonas chairas ou de pouca pendente, onde a severidade do lume foi baixa, con árbores ou arbustos nas que as copas están chamuscadas pero non se consumiron pois as follas protexerán de xeito natural o solo contra a choiva mentres se manteñen na árbore e tamén cando caian nos próximos días/semanas pois proporcionarán unha capa de follasca que cubrirá o solo. Nestas zonas é preferible deixar que actúe a rexeneración natural.

Seleccionar a actuación máis axeitada

Nas zonas de risco grave de erosión (alta severidade do lume e forte pendente), pode ser recomendable adoptar medidas de protección do solo, entre as que as máis eficaces son as seguintes:

  • Sementeira de vexetación axeitada:
    • NON ten sentido sementar ou plantar árbores nestes momentos, pois NON serán capaces de facer unha cuberta vexetal protectora do solo antes das choivas invernais. Pisotear o solo queimado e facer buratos para sementar landras ou castañas agora mesmo é contraproducente.
    • A vexetación ideal son as plantas herbáceas pois medran rápido xerando un “paraugas” protector do solo e un entramado denso de raíces que axudan a reter o solo e as cinzas. Pero é imprescindible ter en conta o seguinte:
      • Para restaurar os solos queimados o ideal é empregar sementes de especies silvestres autóctonas, pero pode resultar moi dificil ou imposible conseguilas.
      • Como alternativa pódense empregar sementes de cereais (centeo, trigo de inverno), a ser posible de procedencia local, canto máis perto mellor para non contribuir a espallar especies non desexadas.
      • Desaconséllase o emprego de sementes comerciais de especies pratenses (como as empregadas nos prados e pasteiros artificiais) e doutras especies de procedencia descoñecida pois a miudo conteñen mesturadas sementes de especies exóticas invasoras.
  • Crear un “alfombrado” con palla ou viruta de madeira. No caso da palla unha dose eficiente é duns 200 gramos por metro cadrado (non fai falla máis) e, como normalmente contén algunhas sementes, o recomendable é empregar palla de procedencia o máis próxima posible (por exemplo dun veciño que a colleitou), para evitar así o risco de introdución de especies non desexadas, mesmo exóticas invasoras. Se a palla dispoñible non é suficiente, pódese aplicar en faixas alternas ao longo das curvas de nivel.
  • En datas outonais como as presentes, unha alternativa á palla poderían ser as follas de árbores caducifolias que recollen os servizos de parques e xardíns de vilas, cidades, campus universitarios, etc. Neste caso haberá que prestar especial atención a que as follas estean o máis libres posible de papeis e, sobre todo, outros residuos. No caso de haber no parque especies ornamentais potencialmente invasoras habería que extremar as precaucións para que as follas estivesen libres de sementes.

Pautas de intervención

  • Para calquer tipo de intervención recoméndase evitar, ou reducir ao mínimo absolutamente imprescindible, o pisoteo de xente e o tránsito ou operación de maquinaria pesada na superficie queimada. Na medida do posible, circular sempre por camiños, pistas e cortalumes. Non arar, "rippear", subsolar (e moito menos pola liña de pendente) ou aterrazar o terreo.
  • Non fertilizar nin encalar, pois as cinzas teñen suficientes nutrientes e xa incrementaron o pH do chan.
  • Non cortar as árbores e arbustos que poidan rebrotar e, na medida do posible, demorar a talla das árbores madeirables que non poidan rebrotar. Cos piñeiros queimados hai o risco de que lles afecten pragas que deprecian a madeira e que poderían esténderse ás árbores sas, pero os expertos no tema indican que a súa curta podería retrasarse ata uns 3-4 meses sen problemas. Posto que se dispón de 3-4 meses, sería recomendable que nunca se tallen ladeiras enteiras con pendente senón que se tallen faixas alternas ao longo das curvas de nivel, que se adopten medidas para recuperar os chans nesas faixas e cando comece a recuperarse a vexetación herbácea nelas aos 3-4 meses se tallen as faixas restantes, nas que logo se adoptarán as medidas para recuperar os solos.
  • Nas faixas de arboredo madeirable que se tallen, deberíanse conservar as gaias e os restos de curta sobre o terreo facendo faixas con eles polas curvas de nivel para que protexan ao chan da escorrentía e erosión.
  • Nas zonas de arbolado non madeirable, poderíanse tallar algunhas árbores alternas e deitalas sobre o chan polas curvas de nivel, apoiados contra as árbores que non se corten (ou contra rochas), de tal xeito que non roden pola pendente. Así farán de pequenas terrazas "naturais" que freen a escorrentía e a erosión; algo similar poderíase facer na zonas de mato de gran porte que se queimaron.

Para técnicos e xestores recomendamos a lectura do protocolo de Acciones Urgentes contra la Erosión en áreas Forestales Quemadas. Guía para su planificación en Galicia elaborado un grupo de investigadores e técnicos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán (Xunta de Galicia), o Instituto de Investigacións Agrobiológicas de Galicia (IIAG-CSIC), a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo.

Pautas de actuación coa fauna

Qué fago se atopo un animal ferido ou aparentemente indefenso?

No caso de localizar algún animal silvestre ferido o mellor é comunicalo a un dos centros de recuperación de fauna e seguir as súas indicacións. Lembra que un animal silvestre pode ser potencialmente perigoso, sobre todo se está ferido, ten crías perto ou se sinte “acorralado” pola xente, por moi boa intención que teñan os que queiran axudalo.

  • A Coruña: CRFS de Santa Cruz de Oleiros. Lugar: Santa Cruz de Liáns (Oleiros). Teléfonos: 881960405 - 686597745.
  • Lugo: CRFS de O Veral (Lugo). Lugar: Estrada de Friol s/n (Lugo). Teléfonos: 982828441 - 649 668922 - 649 668923.
  • Ourense: CRFS Alto de O Rodicio : Lugar: Alto do Rodicio (Maceda). Teléfonos: 988 302051 - 628 358652.
  • Pontevedra: CRFS de Cotorredondo. Lugar: Lago de Castiñeiras s/n. ( Vilaboa). Teléfonos: 986 680390 - 606 656017.

No caso de atopar algún animal doméstico ferido o mellor sería avisar aos veciños das casas ou do pobo máis cercano para atopar ao seu propietario. Como alternativa poderíase avisar aos centros de recuperación de fauna, a protección civil ou a policía municipal. Lembra sempre que mesmo un animal de compañía xeralmente moi cariñoso pódese comportar dun xeito agresivo cando está enfermo, ferido ou se sinte acorralado.

Debo levar comida ó monte para os animais?

Lamentablemente a meirande parte dos animais morreron. Só sobreviviron as aves e mamíferos grandes que puideron fuxir voando ou correndo se non estaban perto do lume. Non o entendemos como necesario. Pregúntanos se levar pan é prexudicial, consideramos que non. O aproveitarán sobre todo córvidos.

Outras recomendacións

Como desplazarnos polo monte?

Desaconsellamos ir ó monte salvo para accións concretas e organizadas. Usar sempre os sendeiros, xa que pisar fóra dos camiños favorece a erosión.

Boas intencións e bos resultados

LEMBRA SEMPRE: Unha boa intención non ten por qué dar bos resultados, eso sí, precisamos a boa intención e as ganas de todos para obligar as administracións a que cumplan o seu papel, o traballo para o que os temos elexido e para o que lles pagamos todos os días. Por eso recomendamos encarecidamente que insistades en chamar á:

solicitando a organización de actividades de voluntariado dirixidas e organizadas, e ofrecéndovos como voluntarios. A maiores e moi importante, hai que seguir a apoiar as economías locais para suavizar as perdas que inevitablemente van ter.

E un último consello, as zonas verdes que permanecen van ser o refuxio e alimento da fauna que sobrevivíu e da propia do lugar, polo tanto é moi importante non detraer o alimento que van precisar (por exemplo, castañas, landras, froitos varios, …) pois supoñen a súa posibilidade de supervivencia e a súa futura reproducción.

Moitas gracias polo voso interese e ganas, entre todos debemos intentar reverter esta situación.