logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

Veigas de Ordes e Penelas (Rairiz de Veiga, Ourense)

Humidal inventariado, LIC, ZEPA, Reserva da Biosfera... e vertedoiro de puríns

Ourense, 06-12-2014

A mediados da semana pasada, como denunciou inicialmente o MEL (Movemento Ecoloxista da Limia, que cedeu as fotografías desta nova) realizouse un vertido masivo de puríns de porcino nas veigas de Ordes e Penelas (Rairiz de Veiga, Ourense), un espazo natural de sobranceira importancia:

  • Moi asolagable e incluido no inventario dos humidais de Galicia.
  • Incluido parcialmente no LIC ES 1130006 Veiga de Ponteliñares (denominación incorrecta pois é a Veiga de Ordes e Penelas)
  • Totalmente incluido na ZEPA ES 0008 A Limia.
  • Catalogado como Zona Núcleo da Reserva da Biosfera Área de Allariz.
  • Hábitat de alomenos dez especies de flora e fauna ameazadas a nivel mundial, nacional ou galego (Pilularia globulifera, Eryngium viviparum, Gasterosteus gymnurus, Pelobates cultripes, Hyla arborea, Rana iberica, Burhinus oedicnemus, Gallinago gallinago, Tringa totanus, Vanellus vanellus).

Multitude de rodeiras dos vehículos empregados para o vertido.

Os residuos dos puríns cubren a vexetación natural da veiga

Este lamentable caso amosa con claridade que algúns pretenden a toda costa converter en vertedoiros de residuos gandeiros industriais os últimos recunchos naturais que aínda se conservan do antigo gran complexo húmido de Limia-Antela. Existe un risco moi elevado de que actuacións semellantes se repitan tanto nas veigas de Ordes e Penelas como nas restantes veigas da chairá limiá, de características hidrolóxicas e valores ambientais moi semellantes, debido ao exceso actual de macro-granxas industriais (maioritariamente do grupo COREN) na Limia e ao peche da planta de tratamento de puríns de COREN en Sarreaus.

Posto que ditos vertidos de residuos de gandería industrial ameazan moi gravemente a calidade das augas, así como a conservación dos humidais inventariados e das especies ameazadas que neles habitan e que motivaron a súa protección ambiental baixo diversas figuras de conservación, SGHN ven de solicitar á Dirección Xeral de Conservación da Natureza (PDF) que adopte todalas medidas posibles no ámbito das súas competencias e obrigas legais para esixir ao grupo COREN e ás súas granxas asociadas que respecten os elevados valores ambientais das veigas da Limia e non as empreguen como vertedoiro de residuos de gandería industrial. Asimesmo, SGHN ven de poñer os feitos en coñecemento do Comité Español de Reservas da Biosfera da UNESCO para que avalíe con carácter de urxencia os impactos dos vertidos na Zona Núcleo da da Reserva da Biosfera Área de Allariz (PDF).

Os vertidos non respectaron nin as zonas máis asolagables.