logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

CONSTRUCCIÓN DE TRES PISTAS NO ESPACIO NATURAL "VEIGA DE PONTELIÑARES"

Dictame da Comisión de Traballo Permanente de Biodiversidade do Consello Galego de Medio Ambiente
aprobado por unanimidade na reunión plenaria do 23-03-2000

Na sesión plenaria celebrada o 09-11-1999, e a resultas do punto 5 da Orde do Día incluido a petición do representante da S.G.H.N., o Consello Galego de Medio Ambiente acordou encargar á súa Comisión de Traballo Permanente de Biodiversidade (en adiante CTP de Biodiversidade) a elaboración dun dictame sobre as repercusións ambientais derivadas da construcción de tres pistas no concello de Rairiz da Veiga (Ourense) ó traverso do Espacio Natural denominado Veiga de Ponteliñares.

En cumprimento deste acordo, a CTP de Biodiversidade tratou o tema nas súas xuntanzas celebradas os días 23-11-1999, 10-12-1999, 28-12-1999 e 07-02-2000. Ademais, os membros da comisión inspeccionaron detidamente o Espacio Natural e as pistas nel construidas durante a visita efectuada o 24-01-00 na compaña de Dna. Belén Bris (Xefa do Servicio de Medio Ambiente Natural de Ourense), Dna. Mª Luz Domínguez (Bióloga do Servicio de Medio Ambiente Natural de Ourense) e D. Félix González (Axente forestal da zona).

DOCUMENTACIÓN ANALIZADA

Para a elaboración do presente dictame, a CTP de Biodiversidade recabou e estudiou a seguinte información:

  • Documentación dispoñible no Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural (Consellería de Medio Ambiente) sobre o Espacio Natural Veigas de Ponteliñares e sobre a construcción das pistas.
  • Documentación dispoñible no Concello de Rairiz da Veiga sobre a construcción das pistas.
  • Documentación da Xerencia Territorial de Ourense (Catastro) do Ministerio de Economía e Facenda sobre a relación de propietarios, cultivos ou aproveitamentos, clases de terreo e superficies impoñibles, de acordo co catastro vixente, dos terreos afectados polas pistas.
  • D.O.G. de 19-06-91. Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento das Provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.
  • D.O.G. de 09-11-99. Orde do 28 de outubro de 1999 pola que se declaran provisionalmente as zonas propostas para a súa inclusión na Rede Europea Natura 2000 coma espacios naturais en réxime de protección xeral.
  • Cartografía das Veigas de Ponteliñares a escalas 1:25.000 e 1:50.000.
  • Documentación fotográfica histórica e recente da Veiga de Ponteliñares.
  • Publicacións científicas sobre a biodiversidade da Veiga de Ponteliñares.

CONSIDERACIÓNS

  • O Servicio de Medio Ambiente Natural de Ourense (Consellería de Medio Ambiente) informa que o 25-01-99 recibiu un escrito do Concello de Rairiz de Veiga no que se solicitaba autorización para a prolongación de dúas pistas ata as Veigas de Ordes e Penelas. Na súa resposta ó Concello, o Servicio de MAN expón: a) que emite un informe estrictamente dende o punto de vista ambiental, b) que a autorización das actuacións previstas corresponde a outra instancia administrativa, c) que as pistas afectarían ó espacio natural Veiga de Ponteliñares declarado pola COTOP (DOG de 20-06-91) e comprendido no catálogo de lugares propostos pola Comunidade Autónoma para a súa inclusión na Rede Europea Natura 2000, d) que os valores ecolóxicos da zona son relevantes de acordo cos criterios establecidos pola Unión Europea (Directivas 79/409 e 92/43; RD 1997/1995), e) que a construcción das pistas non é imprescindible para a explotación tradicional da veiga. Por todo elo, o Servicio de MAN conclúe que “cara a conservación da biodiversidade de flora e fauna silvestre da zona non é convinte a prolongación das citadas pistas”.
  • O Concello de Rairiz da Veiga informa: a) que as pistas, non asfaltadas, foron executadas con materiais sobrantes da desecación da antigua lagoa de Antela que estaban aínda apilados no lugar e que polo tanto non son “materiais extraños ó entorno”, b) que as pistas son prolongacións de camiños agrícolas existentes dende sempre e que teñen interese agrícola para facilitar o transporte das colleitas. Ademáis, o Concello remiteu copia da denuncia que lle foi presentada pola 613Ş Comandancia da Garda Civil, Patrulla SEPRONA de Lobios, pola construcción das pistas xa que podería constituir infracción do artigo 168.1 da Lei 1/97 de 24 de marzo de solo de Galicia.
  • Os terreos atravesados polas pistas son eriais de 2Ş e 3Ş que pertenecen en mán común ós veciños de Ordes e Penelas (Rairiz da Veiga).
  • Malia a forte drenaxe imposta pola rectificación e encanamento dos cursos fluviais do Limia, o Vidueiro e o Fírbeda, a Veiga de Ponteliñares ten un asolagamento estacional, máis ou menos extenso segundo os anos, que pode manterse ata comezos do verán. Por este motivo, o aproveitamento tradicional das veigas é unha explotación gandeira extensiva. Os únicos aproveitamentos agrícolas, ademáis da colleita de herba a moi pequena escala escomenzada en 1998, son dúas parcelas ó SW da confluencia do río Vidueiro co río Limia, froito de sendas invasións do comunal por particulares, que teñen acceso directo asfaltado pola Saínza e para as que as novas pistas non supoñen un atallo significativo.
  • As pistas están construidas totalmente no interior do espacio natural "Veiga de Ponteliñares" (Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento) e atravesan tamén o espacio natural en réxime de protección xeral Veiga de Ponteliñares (Orde do 28-10-99) incluida co Código ES1130005, Tipo B, no catálogo de lugares propostos pola Comunidade Autónoma para a súa inclusión na Rede Europea Natura 2.000. Inciden, ademais, no espacio natural catalogado como IBA 010 (SEO/BirdLife).
  • Para as dúas pistas xa rematadas e a terceira en construcción fíxose un acopio de materiais in situ mediante extracción do horizonte superficial do solo e a area subxacente en diversas zonas da veiga que, polo tanto, quedaron inutilizables para o aproveitamento gandeiro tradicional e o pretendido aproveitamento agrícola. Ademais, instaláronse drenaxes de tubos de formigón pretensado que foron reforzados con formigón en masa.
  • As pistas fragmentan e drenan os asolagamentos das veigas que son precisamente os hábitats de interese comunitario e o soporte da elevada biodiversidade que motivaron a protección do espacio natural. Ó respecto convén salientar que o espacio natural “Veiga de Ponteliñares”:
    • Alberga 2 hábitats incluidos no Anexo I da Directiva 92/43/CEE: a) lagos eutróficos naturais con vexetación Magnopotamion ou hydrocharition (código 3150), b) vexetación flotante de ranúnculos dos ríos de zonas premontañosas ou chairas (código 3260).
    • Alberga 23 especies de aves catalogadas no Anexo I da Directiva 79/409/CEE.
    • Alberga 7 especies (1 peixe, 1 réptil e 5 mamíferos) incluidas no Anexo II da Directiva 92/43/CEE.
    • Son a principal área galega de invernada e cría de Tachybaptus ruficollis (somorgullo pequeno), Ciconia ciconia (cegoña branca), Anas platyrhynchos (alavanco real), Gallinula chloropus (galiña de río) e Vanellus vanellus (avefría).
    • Son unha das máis importantes zonas ibéricas de cría de Gallinago gallinago (becacina cabra).
    • Son unha das contadas áreas ibéricas de cría de Anas crecca (cerceta real).
    • Son unha das tres localidades europeas de cría de Limosa limosa (mazarico rabinegro) ó sur do paralelo 50º N.
    • Son unha das escasas localidades galegas nas que se ten confirmado a cría de Tringa totanus (birulico común) e Burhinus oedicnemus (pernileiro).
    • Son unha das poucas zonas galegas con presencia de Rhinolophus euryale (morcego mediterráneo de ferradura), Myotis myotis (morcego ratoneiro grande), Barbastella barbastellus (morcego de fraga) e Hypsugo savii (morcego montañeiro).

CONCLUSIÓNS

Tendo en conta tódalas circunstancias antes expostas, a Comisión de Traballo Permanente sobre Biodiversidade considera, unánimemente, que a construcción de tres pistas no concello de Rairiz de Veiga (Ourense) ó traverso do espacio natural “Veiga de Ponteliñares” é incompatible coa conservación dos valores ambientais que motivaron a súa calificación como espacio natural protexido e, polo tanto, acorda propoñer ó pleno do Consello Galego de Medio Ambiente que solicite á Consellería de Medio Ambiente a total eliminación das devanditas pistas.

OUTRAS RECOMENDACIÓNS

Durante a visita efectuada ó espacio natural, os membros da Comisión de Traballo Permanente sobre Biodiversidade poideron comprobar sobre o terreo que:

  • Os límites do Espacio Natural proposto para a súa inclusión na Rede Europea Natura 2000 abranguen só unha pequena parte do hábitat de interese comunitario existente (Directiva 92/43/CEE) e do necesario perímetro de protección. Ademáis, os límites non se axustan a accidentes xeográficos, nin a lindeiros naturais ou antrópicos, polo que resultan moi difíciles de situar sobre o terreo, en contra do establecido na devandita Directiva. Por elo recoméndase a ampliación do espacio natural Veiga de Ponteliñares incluido na proposta da Xunta de Galicia para a Rede Europea Natura 2000. Se dita ampliación non fose posible por mor da fase actual de tramitación da proposta, recoméndase que se comecen os trámites para a súa declaración como Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA). Adxúntase un plano no que figuran os límites da ampliación suxerida, que inclúe só terreos veciñais en mán común tradicionalmente adicados á gandería extensiva e que non afecta a edificacións nin explotacións agrícolas. Suxírese, asimesmo, que a denominación do espacio natural sexa o de Veigas suroccidentais da Limia pois o de Veiga de Ponteliñares é un erro que se arrastra dende a publicación das Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento (a propiedade das veigas repártese entre varios pobos e a parte correspondente a Ponteliñares é das máis pequenas).
  • Para protexer axeitadamente os hábitats e as especies de flora e fauna contempladas nas Directivas 79/409/CEE e 92/43/CEE) existentes no cuadrante suroccidental da Limia, sería necesaria a adopción de medidas para a rexeneración das veigas, entre as que se recomendan:
    • A supresión das pistas sen utilidade agrícola, e dicir, as comprendidas entre a "fronteira agrícola" (o límite das leiras coas veigas) e o río Limia nos concellos de Rairiz de Veiga, Porqueira e Vilar de Santos; dos 25,5 km de pistas que bordean ou atravesan o espacio natural, apenas 4 km son necesarios para servidume de leiras. Recoméndase, asimesmo, variar o trazado da estrada construida en 1985 entre os pobos da Saínza e Toxal-Airavella pois fragmenta innecesariamente unha zona importante da veiga.
    • A rexeneración da dinámica hidrolóxica no espacio natural, que é a chave da súa elevada biodiversidade e do seu sobranceiro interese ecolóxico. Considérase posible e necesaria a recuperación dos cauces meandriformes naturais dos ríos Limia, Fírbeda e Vidueiro no interior das veigas, sin afectar ós terreos agrícolas. A restauración dos cauces meandriformes é tamén interesante en base a criterios xeomorfolóxicos e didácticos (pola súa singularidade a nivel galego), de calidade das augas (ó actuar como zona tampón da contaminación agrícola difusa) e agrícola (ó garantir un bó nivel de humidade estival nos solos).
  • Malia non ser un hábitat contemplado na Directiva 92/43/CEE, a paisaxe agraria tradicional de pasteiros, cultivos e sebes de arborado autóctono existente ó oeste das veigas é merecedor de protección polo seu interese cultural, didáctico e natural, como atinadamente estableceron as Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento.

Por último, pero non por elo menos importante, a CTP de Biodiversidade recomenda vivamente que a Consellería de Medio Ambiente divulgue nos pobos dos concellos de Rairiz da Veiga, Porqueira e Vilar de Santos os beneficios para os seus habitantes que derivarían da inclusión das Veigas suroccidentais da Limia na Rede Europea Natura 2000 e/ou da súa calificación como ZEPA. Dita divulgación debería complementarse co asesoramento ós veciños e ós concellos para a solicitude das axudas e subvencións da Unión Europea ás que terían dereito.

 

Dictame_CGMA

Plano: Límites das figuras de proteccion da Veiga de Ponteliñares en 2000 e límites aprobados polo Consello Galego de Medio Ambiente a proposta da súa Comisión de Traballo Permanente de Biodiversidade.