logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

SGHN-As Mariñas e outras 9 entidades presentaron un escrito en contra deste proxecto

A senda fluvial aos Caneiros ( Betanzos):un proxecto que se debe modificar

Sada, 19-01-2017

O 28 de decembro o concello de Betanzos anunciou a apertura do proceso de licitación do proxecto do novo paseo fluvial Ponte Vella – Os Caneiros pola beira do río Mandeo. É o mesmo proxecto que quixo executar no ano 2014, e tamén similar ó que presentou o Plan Mandeo no ano 2010. Oito asociacións culturais e grupos conservacionistas expresaron naquelas dúas ocasións a súa oposición ós aspectos máis lesivos para o patrimonio natural, paisaxístico e etnográfico do proxecto, e apoiaron unha alternativa máis ecolóxica e máis económica que se expresou nun documento (máis...).

O concello de Betanzos, despois das protestas e alegacións presentadas en xaneiro de 2015 a un proxecto redactado no 2014, simplemente non o executou, pero agora dous anos despois saca a licitación a obra sen realizar ningunha modificación respecto ao anterior proxecto ( ver documentos técnicos).

Este proxecto do 2014 incorpora o trazado de 245 m de tubos de sumidoiro na zona de servidume do dominio público do río Mandeo e dentro do ZEC Betanzos-Mandeo, ademais de insistir nun recheo para senda de 700 m no carrizal de San Xiao, segue mantendo unha pasarela de pilotada de madeira por 120 m de carrizal e dunha escolleira de 40 m lineais nunha zona do río sen construcións ata o de agora.

O proxecto segue carecendo dunha avaliación do impacto ambiental, tal como establece o artigo 45.4 da Ley 42/2007 del Patrimonio Natural y de la Biodiversidad e os artigos 7 e 45 da Ley 21/2013 de Evaluación Ambiental. Igualmente carece do informe previo e favorable da Dirección Xeral de Conservación da Natureza respecto a como afecta á escribenta das canaveiras, segundo establece o Decreto 75/2013 polo que se aproba o Plan de recuperación da subespecie lusitanica da escribenta das canaveiras en Galicia.

A necesidade da avaliación ambiental e do informe favorable en base a esa lexislación nolo confirma con data 27-05-2015 o Defensor del Pueblo, que non atopa evidencias de que se teña realizado a avaliación ambiental correctamente nin que se teña avaliado o impacto negativo da construción e uso do paseo na escribenta das canaveiras.

Entre as cousas sorprendentes deste proxecto figura unha resolución do ano 2011 da Dirección Xeral de Conservación da Natureza que indicaba que no proxecto non se vía afectada ningunha zona húmida identificada (ríos e marismas son por definición zonas húmidas para calquera científico). O Defensor del Pueblo informounos con data 13-04-2016 que o Concello de Betanzos fixo caso omiso ás súas suxestións para que solicitara informes complementarios sobre o impacto da construción e uso do paseo fluvial, amosando así nulo interese en respectar a lexislación ambiental e en garantir a conservación do noso patrimonio natural.

A urbanización da zona de servidume do río nun tramo de 420 m, coa conseguinte destrución da metade do hábitat terrestre da beira esquerda do espazo natural ZEC Betanzos-Mandeo e o impacto do seu uso continuado na vida silvestre do espazo natural, vulnera diversa normativa ambiental. Esta destrución do hábitat non xustificada, carente dun interese público ineludible pois existe a alternativa de afastar o seu trazado do río, vulnera as directivas Hábitats (Directiva 92/43/CEE) e Aves (Directiva 2009/147/CE).

Estas razóns obrigaron, outra vez, a dez entidades conservacionistas e asociacións culturais da comarca a presentar unha serie de alegacións (máis...) ante a Consellería de Medioambiente, Demarcación de Costas, Deputación Provincial da Coruña e repetir as queixas ante El Defensor del Pueblo. O escrito presentouse o 16-01-2017 e ese mesmo día se reuniron as entidades que forman parte da Mesa de Medioambiente e Mozos do GDR As Mariñas-Betanzos para protestar ante este proxecto, esixir a súa modificación e pedirlle a esta asociación que xestiona directamente a Reserva da Biosfera “ As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo” que inflúa non concello de Betanzos para que paralice esta licitación e redacte un novo proxecto máis acorde coa preservación dos valores naturais. Chama moito a atención que o concello de Betanzos licite unha obra en terreos do concello de Coirós sen a súa participación ou autorización.

Tamén queremos comentar que este proxecto non se ten sometido a exposición pública, vulnerando os dereitos dos cidadáns recollidos no Convenio de Aarhus, asinado polo Estado español.

As vindeiras actividades que organizamos entre todas as entidades para expoñer as nosas propostar aos cidadáns son unha charla o sábado 21 de xaneiro en Betanzos e unha ruta pola zona para expoñer sobre o terreo por onde discorrería senda e o seu impacto.