logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

UN PROXECTO DE GANDERÍA "EXTENSIVA" AMEAZA O LIC SERRA DO XISTRAL

A información ambiental facilitada á administración bordea a falsedade en documento público

A SGHN ven de respostar ás consultas para a determinación do alcance do Estudio de Impacto Ambiental (EIA) do “Proxecto de explotación en extensivo de gando vacún”, promovido por COREN, SCG na finca “Paraxes do Marqués” en Vilalba (Lugo).

En primeiro lugar, compre salientar que a información proporcionada polo promotor é notoriamente deficiente, con erros, contradiccións, incongruencias e carencias. Ademais, apunta claramente a que boa parte da información ambiental presentada non se corresponde en realidade co proxecto sometido a trámite de consultas senón a outro, probablemente no surleste da provincia de Ourense.

Por outra banda, malia o recoñecemento retórico de que “A importancia do espacio natural nos ámbitos xeomorfológico e botánico é excepcional”, as actuacións proxectadas de “Transformación do terreo improductivo, colonizado por especies arbustivas e arbóreas de crecemento espontáneo, en terreno productivo mediante o desbroce, laboreo primario, correccións ou enmendas acordes ás necesidades dos novos cultivos, sementeira de pastizais e laboreo secundario” suporían a desaparición completa de tres hábitats de conservación prioritaria nas 542,16 ha afectadas.

Ademais, dende os puntos de vista edafolóxico e agrolóxico:

  • É moi preocupante o impacto que provocaría a erosión desencadeada polo laboreo nun terreo cunha pendente media do 30% e que supera el 70% en moitas zonas.
  • É moi dubidosa a viabilidade dunha “explotación totalmente autosuficiente” con semellante carga gandeira sobre solos de moi baixa fertilidade sen recurrir a enmendas e fertilizacións de forte intensidade, que, de aplicarse, suporían un risco grave de contaminación das augas nunha zona que é cabeceira de dez ríos.
  • É moi dubidoso que o “esterco líquido de explotaciones intensivas” se poida aplicar “como abono nas parcelas da explotación empregando unha cisterna esparcidora” nunha zona con pendentes que restrinxen severamente (ou impiden) o tránsito deste tipo de maquinaria. Xorde, pois, o risco moi probable de que aplicación dos zurros producidos se concentre só nas zonas de menor pendente, que dese xeito estarían a soportar na realidade unha carga gandeira superior á recomendada.

Vaca

Por todas estas razóns a SGHN ven de solicitar á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental que exixa a COREN, SCG que xustifique axeitadamente que non incurriu nun posible delito de falsedade en documento público ó presentar información ambiental que non se corresponde co proxecto. Ademais, a SGHN solicita que no EIA do “Proxecto de explotación en extensivo de gando vacún” en Vilalba (Lugo) o promotor COREN, SCG:

  • Subsane todas as deficiencias, erros, contradiccións, incongruencias e carencias do documento sometido a trámite de audiencia.
  • Clarifique as características da explotación para poder dilucidar si sería extensiva, semi-intensiva ou intensiva: número total de cabezas de gando, carga gandeira en UGM/ha, número de días ó ano no que o gando estaría estabulado, porcentaxe da alimentación do gando que non procedería da explotación, producción de zurros durante o periodo anual de estabulación e información detallada sobre as parcelas (situación, extensión, pendente) nas que se contempla aplicar os zurros.
  • Xustifique exhaustivamente cómo planea salvagardar os hábitats de conservación prioritaria recollidos no Anexo I da Directiva 92/43/CEE e as especies incluidas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas e nos correspondentes Libros Vermellos a nivel español.

Máis...

 

UN ENORME PROXECTO GANDEIRO DE COREN AMEAZA SERIAMENTE A DOUS LIC (Serra do Xistral e Sistema fluvial Parga-Ladra-Támoga)

A penas un mes despois de someterse ó trámite de consultas para a determinación do alcance do Estudio de Impacto Ambiental (EIA) do “Proxecto de explotación en extensivo de gando vacún”, promovido polo Grupo COREN, a documentación contida nun segundo proxecto (“Explotación avícola para producción de carne en A Garea”) ven de desvelar que os dous son tan só a "punta dun iceberg gandeiro": un amplísimo proxecto de gandería intensiva do Grupo COREN na finca “Paraxes do Marqués” en Vilalba (Lugo) cunha capacidade total de 840.000 prazas para polos de engorde, 4.800 cerdas para producción de leitóns, 10.000 prazas para porcino de ceba e entre 975 e 1.325 cabezas de gando bovino en explotación supostamente extensiva.

De acordo coas fórmulas de equivalencia establecidas polo Real Decreto 1724/2007, o proxecto global do Grupo COREN é instalar un macro-complexo de gandería intensiva equivalente como mínimo a 7.795 Unidades de Gando Maior (UGM). Mesmo considerando como Superficie Agraria Útil a totalidade das 542 ha que quere transformar en pasteiros en dita finca, suporía unha carga gandeira equivalente de 14 UGM/ha que case sextuplica a carga gandeira máxima recomendada (2,5 UGM /ha) e iso nunha zona:

  • Parcialmente incluida no LIC ES-1120015 Serra do Xistral, no que existen tres hábitats de conservación prioritaria (Anexo I da Directiva Hábitats 92/43/CEE): Nat-2000 4020 Breixeiras húmidas atlánticas de zonas mornas de Erica ciliaris e Erica tetralix, Nat-2000 6230 Formacións herbáceas con Nardus, con numerosas especies, sobre substratos silíceos de zonas montañosas (e de zonas submontañosas da Europa continental) e Nat-2000 7130 Turbeiras de cobertura.
  • Cunha pendente media do 30% (maior do 70% en moitas zonas) que comprende as cabeceiras de dez ríos (Madanela, Trimaz, Ladra, Labrada, Támoga, Batán, Eume, Muiños, Santabaia e San Martiño), entre eles os que forman augas abaixo o LIC ES-1120003 Sistema fluvial Parga-Ladra-Támoga.

De acordo cos feitos xa consumados cos dous proxectos presentados ata agora (o primeiro dos cales bordeaba a falsedade en documento público), a intención do Grupo COREN é a de fragmentar un único gran proxecto de gandería intensiva en varios subproxectos de menor entidade. Cabe deducir, pois, que con esta manobra pretende minimizar sobre o papel o impacto ambiental global da explotación, obviando toda avaliación dos efectos acumulativos e sinérxicos que sen dúbida terán os distintos subproxectos ó realizarse sobre unha mesma finca. É dicir, o Grupo COREN está a repetir na “Finca Parajes del Marqués” a estratexia que empregou en A Limia (Ourense) coa fragmentación dos seus macro-proxectos de gandería intensiva para eludir a avaliación dos impactos ambientais globais; estratexia denunciada, sen éxito, hai dous anos pola SGHN á entón Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (Máis...).

Por todo o devandito, a SGHN ven de solicitar á actual Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (ver Alegacións_Explotación_avícola_A_Garea.pdf):

  • Que rexeite taxativamente a presentación de EIA parciais de cada subproxecto e que esixa ó Grupo COREN SCG que presente un estudio de avaliación ambiental integrada para a totalidade do seu macro-complexo de gandería intensiva na finca “Parajes del Marqués” (Vilalba, Lugo).
  • Que esixa ó Grupo COREN, SCG que no EIA integral do seu macro-complexo de gandería intensiva:
    • Subsane todas as deficiencias, erros, contradiccións, incongruencias e carencias detectados nos documentos parciais ata agora presentado.
    • Clarifique todas as características da explotación: número total de UGM, carga gandeira en UGM/ha, producción total de zurros e información detallada sobre as parcelas (situación, extensión, pendente) nas que se contempla aplicar os zurros.
    • Xustifique exhaustivamente cómo planea salvagardar os hábitats de conservación prioritaria recollidos no Anexo I da Directiva 92/43/CEE e as especies incluidas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas e nos correspondentes Libros Vermellos a nivel español.

Ademáis, posto que o Grupo COREN SCG pretendía obter fondos europeos (FEAGA e/ou FEADER) para a transformación en pasteiros de 542 ha da finca, a SGHN ven de solicitar ó Conselleiro de Medio Rural (ver Pregunta_CMR_Finca_Parajes_Marques.pdf) toda a información dispoñible sobre:

  • Si finalmente o Grupo COREN SCG solicitou ou non a subvención á que se fai referencia na documentación recibida e, caso de ser afirmativa a resposta, cal é a superficie de hábitats de conservación prioritaria que pretende transformar.
  • As condicións contempladas pola Consellería de Medio Rural para garantir que os cartos do Fondo Europeo Agrícola de Garantía (FEAGA) e/ou do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) non se adiquen á destrucción de hábitats de conservación prioritaria na Unión Europea (Directiva Hábitats 92/43/CEE) no caso de que se aprobase a concesión dunha subvención ó Grupo COREN SCG para transformar en pasteiros parte da finca “Parajes del Marqués”.