logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

Regulación de actividades recreativas na Rede Natura 2000

Santiago de Compostela, 04-07-2016

O Decreto 37/2014 polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia establece unha zonificación para os espazos da Rede Natura segundo a cal:

  • A Zona 1, ou Área de Protección, está constituida por “territorios cun valor de conservación moi alto, constituídos por unha porción significativa de hábitats prioritarios ou hábitats de interese comunitario ou ben de núcleos poboacionais e hábitats de especies de interese para a conservación” (Art. 16).
  • A Zona 2, ou Área de Conservación, está constituida por “territorios cun valor de conservación alto e medio, cunha porción variable de hábitats do anexo I da Directiva 92/43/CEE, cunha elevada naturalidade e diversidade ... ou ben, unha porción significativa das áreas prioritarias das especies silvestres de flora e fauna de interese para a conservación” (Art. 17).
  • A Zona 3, ou Área de Uso Xeral, “na planificación de cada espazo protexido, debe ser capaz de absorber a maior parte das actividades de carácter recreativo, co fin de reducir a presión destas sobre as áreas que posúen hábitats ou especies cunha elevada fraxilidade” (Art. 18).

Malia ter transcorridos xa máis de dous anos dende a promulgación do Decreto 37/2014, xurden continuamente actividades recreativas para as que se contemplan asistencias multitudinarias en territorios declarados Zona 1 e 2, é dicir, no mesmo “corazón” dos espazos naturais máis valiosos, sensibles e emblemáticos de Galicia. Basten como exemplos recentes os seguintes:

  • Farinato Race Lugo” o 23-05-2015, carreira de obstáculos extremos con máis de 700 participantes polo leito do río Rato na Reserva da Biosfera Terras do Miño.
  • Festival “Con V de Valarés” entre o 14 e 16-08-2015, cuns 4200 asistentes en 2015 na praia de Balarés, Zona 1 da ZEPA Costa da Morte.
  • ”A ruta dos Faros”, senderismo en etapas dende Malpica ata Fistera, con máis de 400 participantes por etapa e pasando por zonas 1 e 2 da ZEPA Costa da Morte (Norte) en primavera.
  • “VI Costa-Trail de Oleiros Seixo Branco” o 03-04-2016 polo ZEC Costa de Dexo.
  • Proba con vehículos 4X4 o 02-04-2016 no Parque Natural Baixa Limia Serra do Xurés (que ademais é ZEC e ZEPA) que atravesou por zonas supostamente coa máxima protección tamén segundo o PORN do Parque Natural: Alta Serra do Xurés en Lobios, Serra de Santa Eufemia, Barranco de Cruz do Touro en Lobios.
  • “Ultra Trail” na ZEC Serra do Courel o 28-05-2016, no que os organizadores incumpliron as instrucións da DX Conservación da Natureza, desviaron o trazado sobre o previsto e desbrozaron monte a través e sen permiso.
  • “I Trail Fragas do Eume” o 19-06-2016 no Parque Natural homónimo (que ademais é ZEC e ZEPA).
  • “Treslunas Race”previsto para o 05 e 06-08-2016 na Serra de Enciña da Lastra (LIC, ZEPA e Parque Natural) e que contempla un número máximo de participantes de ata 500 en bicicleta TT e ata 300 a pé.

Compre ter en conta tamén que ademais de protexer zonas ambientalmente moi valiosas e sensibles, as Zonas 1 e 2 da Rede Natura 2000 representan tan só o 12% do territorio galego, polo que no 88% restante do territorio hai espazo axeitado e de sobra para organizar actividades recreativas multitudinarias, alomenos unha parte das cales fanse con intereses lucrativos, primando o beneficio duns poucos sobre o prexuízo da cidadanía en xeral e a conservación do patrimonio natural en particula.

Por todo iso, SGHN ven de solicitar á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio (PDF) que, en aplicación do espírito e a letra do Decreto 37/2014, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio que:

  • Prohiba con caracter xeral as actividades recreativas multitudinarias nas Zonas 1 e 2 dos espazos naturais declarados Zonas de Especial Conservación no cadro da Rede Natura 2000, así como que no resto dos casos se estuden e autoricen individualmente xa que poden existir zonas con valores ambientais incompatibles con estas actividades que na actualidade están fóra das Zonas 1 e 2 (por exemplo as zonas previstas de ampliación da Rede Natura 2000).
  • Divulgue exhaustivamente dita prohibición a traverso da súa páxina web e mediante comunicación expresa a todalas federacións, clubes deportivos e concellos.
  • Adopte todas as medidas necesarias para garantir o cumplimento do Decreto 37/2014.