logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

REDE NATURA 2000 EN GALICIA

No Día da Terra, ADEGA, FEG e SGHN demandan á Xunta
que aprobe a ampliación da Rede Natura 2000 galega

Feijóo e Hernández prometeron a ampliación da Rede Natura galega que, ao non aprobarse, perde 842 ha ao decaer a ZEPVN Miño-Neira

22 de abril de 2014, Día da Terra

O recente anuncio do Consellero de Medio Ambiente de non ampliar a Rede Natura 2000 “nun curto prazo” revela outro dos incumprimentos da Xunta na “xestión” do noso medio ambiente.

Malia a ter vendido reiteradamente unha misérrima ampliación (ao 14%), sensiblemente inferior á presentada en 2008 (18%), e mesmo prometer no programa eleitoral de 2012 que a Rede Natura ía alongarse para sacar a Galiza do último posto en porcentaxe de superficie con esta figura de protección no estado, agora resulta que “non é unha das súas prioridades”.

Prometeran tamén no Consello Galego de Medio Ambiente (COGAMADES) e mesmo en sé parlamentar que a ampliación, cuxa tramitación concluíu en 2012, iría paralela á do Plano Director que, por imperativo legal e baixo ameaza de expediente por parte da Comisión Europea, a Xunta tiña que ter entregado en 2010. Outra promesa incumprida.

Logo de aprobar hai uns días un Plano Director hiper-permisivo e discrecional para converter en papel mollado a proteción dos nosos espazos naturais máis senlleiros, semella que seguir cumprindo (aínda que sexa formalmente) con Europa, que instou repetidamente á Xunta a ampliar determinados hábitats, xa “non é unha das súas prioridades”: Unha temeridade que pode sairnos moi cara.

Acontece que a Comisión Europea considerou insuficiente (Decisión 2004/813/CEE, DOUE 29-12-2004, e Decisión 2006/613/CE, DOUE 21-09-2006) a representatividade de determinados hábitats das rexións bioxeográficas atlántica e mediterránea, presentes en Galiza: Queirogais húmidos atlánticos con Erica ciliaris e E. tetralix (Nat-2000 4020*), Turbeiras altas activas (Nat-2000 7110*) ambos os dous prioritarios, e o hábitat de interese comunitario Mires de Transición (Nat-2000 7140); así como os Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (Nat-2000 91E0*), tamén prioritario, e os Prados de sega de baixa altitude (Nat-2000 6510).

O incumprimento das esixencias da Comisión Europea pon á Xunta diante dun novo proceso de infracción da lexislación comunitaria, que podería rematar en sancións e importantes multas. As consecuencias do irresponsábel proceder da Xunta pódeas acabar pagando non só os nosos espazos naturais senón tamén o peto dunha cidadanía xa precarizada pola crise ao ter que afrontar Galiza o custo das multas ou a perda de fondos europeos por desatender os requerimentos da Comisión.

A negativa a ampliar a Rede Natura ten tamén outra consecuencia: Perdemos un espazo protexido, as 842 ha da ZEPVN Miño-Neira. Este espazo, declarado provisionalmente por 3 anos en 2007 como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais mediante Orde de 21/12/2007 (DOG 14-1-2008), estaba incluido na proposta de ampliación de 2008 con 18.210 ha, que a actual Xunta reducira a 842 ha na súa proposta de 2011 que agora queda nun caixón. Ao renunciar á ampliación que consolidaría o LIC, a declaración de zona protexida caducou en 2011 e, polo tanto, os valores naturais que motivaron a súa declaración provisional fican sen protección.

As organizacións asinantes demandamos pois da Xunta que cumpra o seu compromiso e non demore máis a ampliación da maltreita Rede Natura 2000 galega. Coa tramitación xa rematada, coas advertencias de insuficiencia por parte de Europa, renunciar á ampliación da RN2000 por pequena que sexa suporía unha gravísima irresponsabilidade e un intolerábel desleixo para co noso patrimonio natural.

 

Plan Director: TARDE E MAL, coma sempre coa Rede Natura en Galicia

Santiago de Compostela, 20-04-2014

Coa promulgación da Directiva Hábitat en 1992, a Unión Europea asumiu como obxectivo fundamental propiciar o mantemento da biodiversidade tendo en conta as esixencias económicas, sociais, culturais e rexionais nun marco de desenvolvemento sostible.

A Xunta de Galicia tardou nada menos que 7 anos en elaborar unha primeira proposta de Rede Natura, tan ridiculamente cativa que tivo que modificala catro veces antes de que fose aceptada en 2004.

Moito máis aló de conformarse que un papel oficial diga que unha zona é Rede Natura, a Directiva Hábitat esixe (dende hai 22 anos) a realización dun plan de xestión específico para os lugares incluidos na Rede e o establecemento de medidas regulamentarias e administrativas, acordes coas esixencias ecolóxicas dos hábitats e as especies incluidos nos anexos da Directiva.

En 2008, o vogal de SGHN e os restantes membros do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible recibiron un primeiro borrador do Plan Director da Rede Natura, que logo quedou nun caixón ata que se someteu a información pública en 2011, periodo no cal SGHN presentou as súas alegacións que nunca tiveron resposta malia que o Plan aprobouse hai tres semanas.

Cales foron as consecuencias destes retrasos sen fin? Pois que durante 10 anos os espazos galegos da Rede Natura careceron do imprescindible instrumento de xestión, o cal tivo consecuencias moi perniciosas sobre a conservación de hábitats e especies ameazados, pero tamén sobre os habitantes e o desenvolvemento económico dos pobos incluidos en LICs e ZEPAs pois, ao carecer de ferramentas de planificación, apenas puideron recibir fondos europeos a traverso do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia 2007-13 que deberan adicarse a eses fins.

Para colmo, despois desta espera interminable, o Plan Director agora aprobado é francamente pior que o sometido a información pública ata o punto de convertelo nunha mala caricatura dun instrumento de xestión para espazos protexidos.

Pervertindo o espírito e a letra da Directiva Hábitat, a Lei galega 9/2001 (artigo 6) e a Lei estatal 42/2007 (artigo 18), o Plan Director queda supeditado ao que digan os plans sectoriais mineiros, enerxéticos, forestais ou acuícolas, cando LEGALMENTE TEN QUE SER AO REVÉS. Ademais, non incorpora os principios de cautela e precaución na xestión ambiental, deixando moitas actividades no limbo administrativo da decisión discrecional do responsable de turno, que mesmo podería tolerar a destrución de hábitats de conservación prioritaria e de especies en perigo crítico de extinción.

Por último, pero en absoluto menos importante, o Plan Director perpetra o gravísimo erro de desaproveitar unha magnífica oportunidade para apoiar e promover as actividades e os aproveitamentos tradicionais sostibles, que son absolutamente imprescindibles para acadar os obxectivos ambientais e socio-económicos da Rede Natura e para que os habitantes desas zonas sintan na súa calidade de vida que a Rede Natura é tan boa para eles como para a Natureza.

http://www.farodevigo.es/opinion/2014/04/20/plan-director-tarde-e-mal/1008098.html

SGHN denuncia á Unión Europea a desprotección da Rede Natura 2000 en Galicia

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2013

Transcorridos case dous anos dende a presentación ante o Parlamento de Galicia (21-12-2011) da Proposta de Ampliación da Rede Natura 2000 de Galicia, esixida pola Comisión Europea (Decisión 2004/813/CE e Decisión 2006/613/CE), e rematado o período de participación pública, os trámites da ampliación están paralizados, sen explicación ou xustificación algunha.

Segundo a propia memoria presentada pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza (en adiante DXCN) a proposta de ampliación Rede Natura 2000 atendía á necesidade de mellorar a representación daqueles tipos de hábitats de interese comunitario que a Comisión Europea considerara como deficitarios, especialmente os fráxiles "hábitats prioritarios".

A Lei 42/2007, do 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade obriga aos poderes públicos a establecer as medidas de xestión necesarias para conservar os hábitats de interese comunitario, sexan ou non prioritarios, mesmo fóra do ámbito territorial delimitado pola Rede Natura 2000 (art. 45.3), en conformidade co establecido pola Directiva 92/43/CEE. Ademais, tanto a normativa estatal (Lei 42/2007) como a autonómica (Lei 9/2001) que rexen a declaración de espazos naturais comtemplan mecanismos para garantir que durante o proceso de declaración dos novos espazos, ou das ampliacións dos existentes, non sexan degradados os seus valores ambientais.

Malia isto, nun claro abandono das súas funcións e obrigas legais, a DXCN deixou degradar áreas propostas na "Ampliación da Rede Natura 2000 de Galicia" incumprindo a normativa comunitaria, estatal e autonómica que garante a protección dos espazos naturais e dos seus compoñentes (Directiva 92/43/CEE; Lei 42/2007; Lei 9/2001). Esta afirmación queda referendada polo traballo de campo que, ao longo dos últimos meses, realizou SGHN comprobando sobre o terreo e coa axuda de fotografías aéreas os cambios que experimentaron dende o ano 2011 ata a actualidade diversas áreas xa declaradas LICS ou incluídas na proposta de Ampliación da Rede Natura 2000 de Galicia:

  • En todos os novos LIC, así como en todas as áreas de ampliación da Rede Natura 2000, constatouse unha perda significativa daqueles tipos de hábitats que, segundo a memoria da DXCN (2011), xustificaban técnicamente a súa inclusión na proposta presentada pola Xunta de Galicia para ser avaliada pola Comisión Europea.
  • As perdas máis dramáticas rexístranse nas provincias de A Coruña e Lugo onde, por falta de vixilancia, neglixencia ou incompetencia, produciuse unha xeneralizada destrución e degradación dos hábitats de interese comunitario.

Tras agardar inútilmente resposta da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ao escrito remitido o pasado 16 de outubro (PDF), SGHN ven de poñer estos feitos en coñecemento do Comisario Europeo de Medio Ambiente (PDF), ao que solicitou que a Comisión Europea abra un proceso de infracción da lexislación comunitaria contra o Estado Español e a Comunidade Autónoma de Galicia polo incumprimento de:

  • As esixencias para subsanar as insuficiencias da Rede Natura 2000 no ámbito das rexións bioxeográficas Atlántica e Mediterránea (Decisión 2004/813/CE e Decisión 2006/613/CE) e, polo tanto, da Directiva 92/43/CEE relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres.
  • A Directiva 2009/147/CE relativa á conservación das aves silvestres pola degradación das ZEPAs de Pena Trevinca e A Limia.
  • A Directiva 2003/4/CE relativa ao acceso do público á información medioambiental.

Arriba

Fotografías: Estado da Braña de Fabás, incluida no LIC Parga-Ladra-Támoga, en 2011 (arriba; foto extraida do informe "Proposta de ampliación da Rede Natura 2000 de Galicia" Xunta de Galicia) e na actualidade (abaixo).

 

Proposta de Ampliación da Rede Natura 2000 de Galicia
Alegacións da SGHN

Dentro do reducido prazo (1 mes) aberto para información pública pola Consellería de Medio Ambiente, SGHN presentou as súas alegacións (ver PDF) á Proposta de Ampliación da Rede Natura 2000 de Galicia: 26 páxinas que recollen 1 “alegación á totalidade” e 22 alegacións específicas.

A “alegación á totalidade” é a petición de que a Proposta de ampliación da Rede Natura 2000 contemple todas as ampliacións de LICs e os novos LICs incluidos na proposta de 2008. A xustificación é clara: sendo elaboradas polo mesmo equipo redactor, non pode haber motivos científico-técnicos para a grande disparidade existente entre a Proposta de ampliación de 2008 (que non chegou a aprobarse) e a de 2011:

  • 2008 Ampliación de 187.347 ha terrestres, ata acadar 541.923 ha que son un 18,3 % da superficie continental de Galicia (lixeiramente máis que o 17,5 % na UE). Ampliación de 102.469 ha mariñas.
  • 2011 Ampliación de 102.857 ha terrestres, ata acadar 450.181 ha que representan un 15,2 % da superficie continental de Galicia (máis de 2 puntos inferior ao 17,5 % na UE). Ampliación de 51.318 ha mariñas.

Resulta moi chamativo o caso do LIC Veiga de Ponteliñares que na proposta de 2008 era o que se beneficiaba da maior ampliación relativa (un 782 %) e que na de 2011 queda sen cambios, malia abranguer os dous hábitats da Rexión Biogeográfica Mediterránea con presenza en Galicia para os que segundo a UE é necesario mellorar a representatividade: os Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (Nat-2000 91E0*) e os Prados de sega de baixa altitude (Nat-2000 6510). Na mesma liña e por motivos semellantes resulta sorprendente a “desaparición” en 2011 do novo LIC Río Faramontaos previsto en 2008 e a non ampliación a tres afluentes do Río Támega. Ademais, a proposta de ampliación de 2011 non responde axeitadamente ao concepto de “rede” que inspira á Rede Natura 2000 e desperdicia moitas oportunidades para empregar os cauces fluviais como corredores verdes que interconecten os distintos LICs e ZEPAs como, por exemplo, nos ríos Tambre, Ulla, Miño-Sil, Támega, Arnoia, Navea e Verdugo.

A imaxe da esquerda (elaboración SGHN sobre mapa oficial) reflicte a proposta de ampliación da Rede Natura 2000 elaborada en 2008 e na que os óvalos sombreados resaltan as principais zonas de interese natural que "desapareceron" na nova proposta de ampliación de 2012 (imaxe da dereita, elaboración SGHN a partires dos mapas oficiais).

As 22 alegacións específicas, xustificadas ao longo de 22 páxinas de texto e gráficas, son as seguintes peticións:

  • Ampliación da superficie proposta no novo LIC río Belelle.
  • Ampliación da superficie do actual LIC río Mera.
  • Ampliación da superficie do actual LIC río Xubia-Castro.
  • Creación dos LIC Enseada da Barca e Enseada do Baño.
  • Creación dun LIC na ría de Ferrol para protexer as pradeiras mariñas de Zostera.
  • Creación do LIC Cantís de Pontedeume.
  • Creación do LIC Xunqueira de Ares.
  • Ampliación do LIC Encoro de Abegondo-Cecebre nos tramos finais dos ríos Mero e Goia.
  • Ampliación do LIC Costa de Dexo na zona submareal entre a Punta de Mera e a Punta Fontán e a costa entre ésta e o porto de Lorbé.
  • Creación do LIC Lagoa de Sobrado e Milalres.
  • Conexión dos LIC Betanzos-Mandeo, Brañas do Deo e Cova da Serpe no tramo de terrazas fluviais do río Mandeo e nos tramos dos ríos Deo e Portabenza.
  • Ampliación do LIC Betanzos-Mandeo aos regatos tributarios e bosque de ribeira, ao Canón do Inferniño, ás xunqueiras e canavais de A Veiga e San Xiao, á praia de Sumiño, ao río Lambre e ás marismas de Miodelo e do Mar Pequeno.
  • Creación do LIC Brañas e bosque de ribeira de Sada.
  • Ampliación da proposta de LIC Esteiro do río Baxoi á praia de Miño e costa da Punta Satareixas.
  • Creación do LIC Serra da Loba, abranguendo o Cordal de Montouto e sur da serra da Loba.
  • Ampliación de superficie e o cambio da actual denominación errónea do LIC Veiga de Ponteliñares.
  • Creación do LIC río Faramontaos como estaba previsto na proposta de 2008.
  • Ampliación do novo LIC Brañas de Golpellás para abranguer as veigas de Castelaus, Lobás, Serois, Lucenza, Saceda e Pedrosa e o cadoiro do río Fírbeda.
  • Creación do LIC río Mente como corredor biolóxico entre os Parques Naturales do Invernadeiro e o de Montesinho, e co novo LIC Penas Libres.
  • Ampliación do LIC Videferre.
  • Ampliación do LIC río Támega.
  • Corrección do nome do LIC Pena Veidosa, polo de LIC Serra de Martiñá, que é a denominación toponímica local da zona.

Arriba


Alegacións de SGHN e SGO ao Plan Director da Rede Natura 2000
GALICIA: SUPERFICIE DE ZEPAs= 3%, SUPERFICIE CEMENTADA E ASFALTADA= 2%

En primeiro lugar compre sinalar que a Consellería de Medio Rural non concedeu nin un día máis do periodo mínimo legal de 30 días para información pública, malia que o Plan Director consta dunhas 3.000 páxinas e abundante cartografía. Non semella, pois, que entre as intencións da Consellería figurase a de facilitar a participación pública na tramitación dun documento clave para a xestión dos espacios naturais máis sobranceiros de Galicia.

SGO e SGHN, que estudaron coordinadamente o Plan Director da Rede Natura 2000, consideran que é positivo pero pouco ambicioso en conxunto. Limítase a perfilar cales deben ser os obxectivos de xestión da Rede en Galicia pero sen establecer unha planificación real e efectiva dos distintos espazos que a compoñen. Entre as eivas fundamentais do documento compre salientar as seguintes:

  1. Incoherencia entre a valoración ambiental dos espacios naturais, baseada en criterios técnicos e científicos, e a zonificación que, condicionada por outro tipo de decisións, deixou fóra da categoría de máxima protección a máis de 27.000 ha cun valor ambiental moi alto, incrumprindo os criterios de zonificación definidos no propio Plan Director.
  2. Ausencia de adaptación do Plan Director ás características dos LIC e ZEPA, realizándose unha análise global e pouco detallada. Á vista da moi somera e difusa definición de usos e actividades permitidos nos distintos espazos en función das súas tipoloxías, SGHN e SGO demandan a redacción de plans de conservación específicos para os distintos lugares ou grupos de lugares.
  3. Carencia da necesaria metodoloxía de avaliación, planificación e xestión específica para as ZEPA, declaradas en base a uns criterios (aves de interese para a conservación) distintos dos LIC (hábitats de interese comunitario). Ademais, o Plan Director non fai referencia algunha á imprescindible ampliación do número, a superficie e a representatividade das ZEPA, ata acadar alomenos o promedio das restantes Autonomías. Resulta bochornoso que, de acordo coas cifras oficiais, a superficie de Galicia protexida como ZEPAs (3%) apenas supere á superficie de Galicia cuberta por cemento e asfalto (2%).
  4. Consideración de “autorizables” para proxectos cun elevado impacto ambiental e paisaxístico (por ex. plantas de acuicultura, infraestruturas, queimas, repoboacións, concentracións parcelarias, rectificación de canles e diversas obras) mesmo en zonas de valor ambiental moi alto e máxima protección “teórica” e a pesares de haber alternativas con menor impacto ambiental.
  5. Feble e difuso compromiso coa erradicación das especies exóticas invasoras e coa prohibición de liberar organismos transxénicos (¡e iso nos espacios naturais máis valiosos de Galicia!).
  6. Omisión de toda referencia á necesidade de recuperar os humidais degradados, alomenos os existentes dentro do ámbito territorial da Rede Natura 2000 e os incluidos no inventario de humidais de Galicia.
  7. Carencia de compromiso en investimentos que permitan desenvolver as directrices e medidas precisas para a conservación da Rede Natura 2000 en Galicia máis aló de estimacións tentativas en números redondos supeditados a dispoñibilidade económica de cada momento. Máis...

Arriba