logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

O milagre da Rede de Parques Naturais de Galicia:
Naceu en 2007, agonizou 6 anos, enterrárona en 2015 e "renace" como ave fénix en 2016

Santiago de Compostela, 20-05-2016

Nos últimos anos a conservación da natureza en Galicia foi de mal a peor. A destrución continua de hábitats e a perda de núcleos poboacionais de especies protexidas foise incrementando ata alcanzar valores moi alarmantes. A administración que debería velar pola protección dos compoñentes da biodiversidade e do patrimonio natural transformouse nun axente facilitador da destrución da natureza, especialista en terxiversar o espírito e a letra das normativas europeas, estatais e galegas. Todo iso en prol de favorecer o desenvolvemento de proxectos irracionais e insustentables, seguindo un camiño que cada vez nos separa máis de Europa.

Hai uns meses a Dirección Xeral de Conservación da Natureza sorprendíanos coa eliminación da figura de Director de Parque Natural polo que, malia a súa dilatada experiencia, os antigos directores quedaron afastados da xestión dos Parques. Con este proceder os políticos relegaban a un persoal técnico que a pesar da falta de apoio dos seus superiores e a penuria de medios lograron levar a cabo numerosas propostas de conservación, uso público e fomento de actividades de aproveitamento dos recursos naturais polas comunidades locais, grazas as cales os Parques Naturais lograron superar a falta de iniciativa que atenazaba a outras áreas protexidas da Rede Galega de Espazos Naturais.

No novo modelo de xestión para os Parques Naturais, minimalista e totalmente centralizado, toda a xestión ordinaria dos Parques Naturais (e da Reserva Nacional de Caza de Ancares) recae nun único funcionario con categoría de xefe de servizo (Decreto 167/2015), posto para o que se apostou por un perfil político ao elixir a unha persoa sen experiencia na xestión de espazos protexidos que, desde un despacho en San Lázaro e sobre un mapa de estradas, leva a xestión ordinaria e extraordinaria de 6 Parques Naturais e unha Reserva Nacional de Caza.

Este super-funcionario ou os seus inmediatos superiores, deberon elaborar a documentación técnica que serviu para aprobar no Consello da Xunta de Galicia celebrado onte a denominada como primeira Rede de Parques Naturais de Galicia. Pouco sentido ten crear unha rede cando os elementos das mesmas foron desnaturalizados e se xestionan ineficazmente. Pero a nota oficial distribuída pola Xunta de Galicia plantexa un tema de maior impacto mediático:

Santiago, 19 de maio de 2016.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, tras a reunión do Consello da Xunta, a creación da primeira Rede de parques naturais de Galicia que permitirá unha xestión compartida e coordinada destes espazos, ademais de facilitar e garantir a conservación e o coñecemento da riqueza natural do territorio
(http://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/3033/feijoo-salienta-que-creacion-primeira-rede-parques-naturais-galicia-permitira).

Pero, sexa por descoñecemento do Presidente da Xunta de Galicia ou porque está mal informado polos responsables da D.X. de Conservación da Natureza, estas declaracións oficiais do Sr. Núñez Feijóo non se axustan á verdade, xa que no Consello da Xunta de Galicia do 19-07-2007, baixo a presidencia do Sr. Pérez Touriño, acordouse a creación da primeira Rede de Parques Naturais de Galicia, materializada no Decreto 148/2007, do 19 de xullo, polo que se determina a creación, composición e funcionamento do Consello da Rede de Parques Naturais de Galicia.

Con esta creación dábase resposta a unha petición do Parlamento de Galicia que auspiciaba unha mellor gobernanza e cumprimento de obxectivos nos espazos naturais. A creación da primeira Rede de Parques Naturais de Galicia e do seu órgano de xestión foi amplamente recollida nos medios de comunicación (El País, La Voz de Galicia). Comparecendo posteriormente o Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible diante do Parlamento para dar conta sobre a creación da Rede de Parques Naturais. A constitución da Rede de Parques Naturais e do seu órgano de xestión tivo lugar o 14-07-2008 no salón de actos dun coñecido hotel de Santiago de Compostela, como se recolleu nos medios de comunicación (Xornal Galicia). Na devandita reunión distribuiuse unha memoria técnica (I Informe da Situación da Rede de Parques Naturais de Galicia), así como o logo e pegatinas da Rede de Parques Naturais (imaxe da dereita).

Que o Presidente e, sobre todo, os responsables da D.X. de Conservación da Natureza descoñezan a escasa normativa sobre espazos naturais de Galicia resulta moi preocupante. Pero tampouco sorprende xa que no últimos sete anos as políticas relativas aos espazos protexidos estiveron cheas de actos pouco racionais como o adiamento sine die das propostas para a creación de novos Parques Naturais (Pindo, Ancares, Courel), ou máis recentemente, o bloqueo no procedemento de ampliación da Rede Natura 2000, unha vez finalizado o procedemento de participación pública.

Pegatina da Rede de Parques Naturais de Galicia editada e distribuida en 2008.

Durante esta etapa gris, a inicios do 2015, a Xunta de Galicia decideu suprimir o Consello da Rede de Parques Naturais de Galicia, decisión que se materializa no Decreto 20/2015, de "racionalización" de órganos colexiados da Xunta de Galicia. Pero agora, froito quizáis do proceso de cadeiras xiratorias que leva a postos clave da administración a persoas sen solvencia para o cargo, o que antes se eliminaba por irracional agora “créase” cun halo ficticio de novidade, sen explicar á opinión pública este cambio de parecer.

Quenes son os responsables deste desatino? Por acción ou omisión o Presidente ten unha responsabilidade obvia, como as Conselleiras Mato e Vázquez. Pero semella máis lóxico buscar os responsables nun chanzo máis abaixo, na DX de Conservación da Natureza e no “flamante” servizo de Parques Naturais que, cunha manifesta incompetencia, veñen de deixar públicamente en ridículo ao propio Presidente da Xunta de Galicia.

Afirmaba Goethe que “O home máis feliz do mundo é aquel que sabe recoñecer os méritos dos demais e pode alegrarse do ben alleo coma se fose propio”. Poida que o Presidente sexa infeliz, ou poida que sexan moi infelices os grises responsables da Conservación da Natureza en Galicia. Da igual, o plaxio de ideas e o crear e suprimir ciclicamente as mesmas estruturas para seguir caendo nos mesmos erros, non é un referente dun bo goberno.
Por unha vez (e que sirva de precedente), veremos o cese fulminante dos responsables deste cómico sainete?