logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

"PARQUE EÓLICO DA BIOSFERA" TERRAS DO MIÑO

Nas Reservas da Biosfera, as "zonas núcleo" están constituidas polos ecosistemas mellor conservados e máis representativos da Reserva, polo que gozan da maior protección legal que únicamente permite actividades compatibles coa conservación da paisaxe, os ecosistemas e as especies que contén. As "zonas tampón" rodean ás zonas "núcleo" e as actividades que nelas se desenvolven están organizadas de tal xeito que non sexan un obstáculo para os obxectivos de conservación das zonas núcleo.

Ao longo de 2011 a Xunta de Galicia comezou a tramitación ambiental de quince parques eólicos no ámbito da Reserva da Biosfera "Terras do Miño", catorce dos cales se situarían en "zonas tampón" cun total de 156 aeroxeneradores, a meirande parte dos cales terían unha altura de 99-120 m ata o buxe e un diámetro dos rotores de 101-112 m, pero algúns, precisamente no bordo mesmo dunha "zona núcleo" terían alturas de 120 m ata o buxe e diámetro dos rotores de 150 m polo que acadarían unha altura total de 195 m.

Por iste motivo, SGHN ven de solicitar á Presidenta do Comité Español de Reservas da Biosfera (a Ministra de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, PDF) que se realice de forma urxente e inmediata unha avaliación científica e obxectiva sobre o impacto desta avalancha de parques eólicos sobre o estado de conservación dos tipos de hábitats de interese comunitario e especies de flora e fauna estrictamente protexida no ámbito da Reserva da Biosfera de Terras do Miño. SGHN solicita tamén que o seu escrito, e os informes que do mesmo se desprendan, se teñan en conta no proceso de avaliación decenal da Reserva da Biosfera de Terras do Miño, e sexan remitidos en consecuencia aos departamentos da UNESCO e da Rede Mundial de Reservas da Biosfera.

RESERVA DA BIOSFERA “TERRAS DO MIÑO”

 Parque Eólico  Clave proxecto
Concello
Aeroxeneradores
Mw Altura Diámetro
*Monciro 2011/065 Castroverde, Pol 21 2 87 78
*Ligonde-San Simón 2011/097 Palas de Rei, Guntín, Monterroso 18 2 78 90
*Montes de Abellá-Lu/11 2011/109 Triacastela, Láncara, Becerreá 5 3 120 112
*Neda 2011/110 Abadin, A Pastoriza 11 3 120 112
*Carracedo 2011/119 A Pastoriza 3 3 120 112
Sasdónigas Fase II 2011/131 Mondoñedo 3 3 120 112
*Meda-Lu/11 2011/161 Lugo, Castroverde 16 3 99 101
*Serra da Lagoa 2011/162 Láncara, Baralla 16 3 99 101
*Friol 2011/164 Friol 7 3 84-112 112
*Canedo 2011/195 Valadouro 3 4,5 120 150
*Pastoriza-Rodeiro 2011/212 A Pastoriza 15 3 99 101
*Serra Punago-Vacariza 2011/213 Castroverde, Baralla, Baleira 16 3 99 101
*Serra da Lagoa-Lu/11 2011/215 Baralla 10 3 84 112
*Cordal de Ousá 2011/216 Friol, Outeiro de Rei, Begonte 7 3 99 101
*Serra do Punago 2011/217 Baralla 8 3 100 109

* O parque eólico atópase total ou parcialmente dentro dunha zona tampón da Reserva da Biosfera. Para os aeroxeneradores dase a potencia unitaria en megavatios e as dimensións en metros.

 

LIC, RESERVA DA BIOSFERA, HÁBITATS PRIORITARIOS... e mina a ceo aberto

En resposta á petición de informe, recibida da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, sobre Proyecto de Ampliación de Explotación dentro de la Concesión de Explotación “Villalba I” nº 5511, en el Término municipal de Begonte (Lugo) promovido por Explotación de Rocas Industriales S.A. (ERIMSA), SGHN presentou o 23-08-2011 as seguintes alegacións (ver PDF):

  1. O proxecto suporía a destrucción dunha superficie de 101.960 m2 de tres hábitats de conservación prioritaria na Unión Europea (“4020 Uceiras húmidas atlánticas de Erica ciliaris e Erica tetralix”, “91D0 Bosques turbosos” e 91E0 Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior), circunstancia totalmente inaceptable pois non existen razóns imperiosas de interese público de primeiro orden (artigo 6 da DC 92/45/CEE, artigo 45 da Lei estatal 42/2007) para que sexan afectados por un proxecto de explotación de seixo metalúrxico e áridos para a construcción.
  2. Parte da explotación mineira a ceo aberto contemplada no proxecto suporía a degradación irreversible de parte dunha zona núcleo e dunha zona tampón da Reserva da Biosfera “Terras do Miño”, circunstancia, asimesmo, totalmente inaceptable pois como tal Reserva da Biosfera Española ten a consideración de espacio natural, baixo a tipoloxía de “Áreas Protexidas por Instrumentos Internacionais”, de acordo coa Lei estatal 42/2007, de 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade.
  3. Sin chegar a afectalo directamente, unha boa parte da zona que se pretende explotar linda co LIC ES1120003 Parga-Ladra-Támoga e sitúase na súa mesma chaira de asolagamento, polo que o risco de afeccións indirectas é moi elevado.
  4. O plan de explotación presentado é inaceptable por canto contempla a explotación simultánea de ata 3 das 5 zonas para as que se solicita a ampliación (primeiro as 3N, 7 e 9; logo as 6, 8 y 9). Para garantir a efectiva recuperación ambiental das zonas explotadas, a explotación e a restauración deben progresar ao mesmo tempo, sendo aceptable como máximo ter unha zona en preparación para a súa explotación, unha zona en explotación e unha terceira xa en fase de restauración.
  5. En base á experiencia actual, o período de explotación para o que se solicita o proxecto (21 anos) resulta excesivo para permitir un control axeitado por parte da administración, quedando xeralmente á boa fe dos propietarios da explotación o cumprimento das labores de restauración da zona, tal como se especifican no proxecto.
  6. O plan de restauración contempla a utilización de especies invasoras.

Imaxe: Fotografía aérea da zona, obtida do SIGPAC (Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño).

Tendo en conta estes argumentos, SGHN solicitoulle á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, á Dirección Xeral de Conservación da Natureza e a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, que:

  1. En aplicación da DC 92/45/CEE e da Lei estatal 42/2007, non se autorice a explotación sobre os hábitats de conservación prioritaria na Unión Europea existentes na zona.
  2. En coherencia coa definición e obxectivos que para as “zonas núcleo” establecen La Estrategia de Sevilla, o Marco Estatutario da Rede Mundial das Reservas da Biosfera e o Plan de Acción de Madrid para as Reservas da Biosfera, non se autorice a explotación sobre áreas identificadas como zona núcleo.
  3. Para evitar afeccións indirectas sobre o LIC ES1120003 Parga-Ladra-Támoga se estableza un perímetro de protección mínimo de 50 m no cal non se autorice a explotación
  4. Se reduza o tempo autorizado de explotación.
  5. Baixo ningún concepto se inclúan especies vexetais alóctonas no proxecto de recuperación e se empreguen especies que teñan certificada a súa procedencia xenética en poboacións galaicas, ó obxecto de evitar a contaminación xenética das poboacións autóctonas. En especial non se debe permitir o uso de calquera Ray Grass (Lolium spp.), dado que ten consideración de especie invasora.

SGHN pide unha avaliación científica urxente da situación

AS DESFEITAS NON DEIXAN DE AMEAZAR A RESERVA DA BIOSFERA "TERRAS DO MIÑO"

A Deputación Provincial de Lugo é a entidade xestora e responsable da Reserva da Biosfera de Terras do Miño, declarada pola UNESCO o ano 2002, pero que aínda non ten órganos de xestión e participación, plan de acción e Plan de Ordenación dos Recursos Naturais para as áreas núcleo.

Diante da pasividade de Deputación Provincial, Dirección Xeral de Conservación da Naturaleza e Confederación Hidrográfica Miño – Sil, a xestión das áreas núcleos tense realizado en moitos casos de forma contraria aos obxectivos de conservación da Reserva de la Biosfera de Terras do Miño, con actuacións que tiveron repercusións moi negativas sobre:

  • Hábitats prioritarios na UE: turbeiras de cobertor, turbeiras altas e uceiras húmidos na zona núcleo integrada no LIC Serra do Xistral.
  • Hábitats de interese comunitario: bosques de ribeira, lagoas, prados de sega e uceiras secas europeas, tanto en zona núcleo, como en zonas tampón ou de transición.
  • Especies estrictamente protexidas:
    • Desaparición da única poboación galega coñecida da planta Rhynchospora fusca (En Perigo de Extinción segundo o Catálogo Galego de Especies Ameazadas).
    • Reducción da superficie ocupada pola planta Eryngium viviparum (Especie Prioritaria da DC 92/43/CEE e En Perigo de Extinción segundo o Catálogo Galego de Especies Ameazadas).
    • Destrucción de áreas de cría e campeo de Tetrax tetrax (por regadios e intensificación agraría (especie En Perigo de Extinción segundo o Catálogo Galego de Especies Ameazadas).
    • Ameaza á única zona de cría en España do mazarico real Numenius arquata polos proxectos de ampliación de actividades no aeródromo de Rozas (Castro de Rei).

A estas actividades destructivas xa realizadas na Reserva da Biosfera, únese agora o proxecto da Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Lugo para transformar en praia fluvial un treito do río Miño, próximo a Lugo cidade e que ostenta 3 figuras legais de protección: LIC Parga–Ladra–Támoga, Zona de Especial Protección dos Valores Naturais e zona núcleo da Reserva da Biosfera de Terras do Miño (alegacións SGHN do 30-05-2011). Dito proxecto redactouse sen considerar o estatus de espacio natural protexido nin as afeccións que tería sobre os hábitats de interese comunitario, hábitats prioritarios e sobre os núcleos de especies estrictamente protexidas pola normativa europea, española e galega (Unio pictorum bivalvo acuático, Luronium natans planta acuática, Isoetes fluitans fento acuático exclusivo de Galicia, Nymphoides peltata nenúfar de río).

Por todo estes motivos, o 30-05-2011 SGHN solicitou ao Comité Español das Reservas da Biosfera (ver PDF):

  • Unha avaliación científica e obxectiva sobre o estado de conservación dos tipos de hábitats de interese comunitario e especies de flora e fauna estrictamente protexidas no ámbito da Reserva da Biosfera de Terras do Miño.
  • Unha avaliación inmediata acerca das repercusións da construcción dunha praia fluvial no treito coñecido como “Los Robles” (Concello de Lugo) sobre a integridade ecolóxica do treito fluvial, os hábitats de interese comunitario e as especies de flora e fauna estrictamente protexidas.
  • Que ditos informes se teñan en conta no proceso de avaliación decenal da Reserva da Biosfera de Terras do Miño, e sexan remitidos en consecuencia aos departamentos da UNESCO e da Rede Mundial de Reservas da Biosfera.
  • Que, se a Diputación Provincial de Lugo non subsana as deficiencias (formais e organizativas) e a súa incapacidade actual de garantir a protección e conservación dos compoñentes do patrimonio natural e da biodiversidade, se promova oficialmente a eliminación de Terras do Miño da Rede Española de Reservas da Biosfera e da Rede Mundial das Reservas da Biosfera.