logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

Novo milagre cun espazo natural protexido:
Plan de Xestión da Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón

Lugo, 18-06-2016

Hai apenas un mes a Dirección Xeral de Conservación da Natureza sorprendíanos co milagre da "resurrección" cal ave fénix da Rede Galega de Espazos Naturais protexidos (máis...), pero xa naqueles momentos estaba a preparar un novo milagre, neste caso o da "multiplicación dos pans e os orzamentos" para a Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón: en tan só un mes o orzamento do seu Plan de Xestión presentado diante do Foro de Participación (PDF) multiplicouse sorprendentemente por 22 segundo o publicado logo no DOG (PDF). Pero tan ocupados están na DX de Conservación da Natureza coas súas actividades milagreiras que:

  • Adían continuamente o seu traballo e os órganos de xestión desta Reserva constituironse con 7 anos de retraso.
  • Non actualizan a súa información, pois no mundo hai 669 Reservas da Biosfera e non 651 como afirma o Plan.
  • Adican apenas 23 páxinas do Plan de Xestión a describir de forma moi concisa a Reserva da Biosfera, sen realizar unha diagnose crible das súas debilidades, ameazas, fortalezas ou oportunidades, así por exemplo non plantexan ningunha medida para resolver os graves problemas ocasionados pola:
    • Eucaliptización galopante da Reserva.
    • Masificación do uso público no Monumento Natural da Praia das Catedrais.
  • Sendo, supostamente, unha Dirección Xeral de Conservación da Natureza plantexan un orzamento que adica:
    • Só un 12,3% dos fondos para a conservación - restauración de hábitats naturais.
    • Un ridículo 0,9% á conservación de especies protexidas.
  • Inclúen no Plan de Xestión accións xa desenvolvidas.
  • Incumpren as súas obrigas legais:
    • A definición das zonas núcleo desta Reserva incumple os criterios legais establecidos (Ley 42/2007 do patrimonio natural e a biodiversidade, modificada por la Ley 33/2015)
    • A redacción do Plan só en castelán incumple Lei Orgánica 1/1981, do Estatuto de Autonomía de Galicia, e a Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Por todas estas razóns, SGHN ven de presentar unhas "alegacións á totalidade" do Plan de Xestión (PDF).

 

Máis proxectos de minería metálica por empresas canadianas

Agora nas Reservas da Biosfera Eo-Oscos-Burón e Terras do Miño

Santiago de Compostela, 22-04-2013

A Consellería de Economía e Facenda outorgou á empresa Goldquest Ibérica, S.L. o permiso de investigación mineira denominado Lago (expediente 6053) para recursos da sección C (cinc, chumbo, prata, cobre e outros) no termo municipal de Becerreá (Lugo) para unha superficie de 68 cuadrículas mineras (PDF). O permiso de investigación fora inicialmente solicitado pola empresa Lundin Mining Exploration, S.L., tamén canadiana (PDF).

Na actualidade está a información pública a petición dunha ampliación de dito permiso de exploración mineria, denominado Lago II (expediente 6056) para 396 cuadrículas mineiras (unhas 12.000 ha; PDF). Ademais de incluír unha importante superficie do LIC Serra de Foncuberta, contemplado na proposta de ampliación da Rede Natura 2000 de Galicia actualmente en tramitación, as cuadrículas mineiras abarcadas polo permiso de investigación sitúanse case íntegramente en dous Reservas da Biosfera:

  • R.B. Río Eo-Oscos-Burón, con posibles afeccións directas sobre diversas zonas tampón e indirectas sobre a zona núcleo da cabeceira do río Eo, da que se situaría a escasa distancia. Unha afección á cabeceira do Eo podería ter consecuencias río abaixo, en zonas tampón da canle fluvial e tamén na desembocadura na Ría de Ribadeo, que é zona núcleo da Reserva, LIC e Zona Húmida de Importancia Internacional pola Convención de Ramsar.
  • R.B. Terras do Miño, con posibles afeccións directas a unha gran superficie na bacía alta do río Miño declarada como zona tampón para protexer as cabeceiras da multitude de ríos e regatos que drenan este territorio.

Por estes motivos, SGHN ven de solicitar ao Comité Español das Reservas da Biosfera (PDF):

  • Que realice de forma urxente e inmediata unha avaliación científica e obxectiva sobre o impacto deste permiso de investigación e a posible explotación mineira futura sobre o estado de conservación dos tipos de hábitats de interese comunitario e especies de flora e fauna estrictamente protexida no ámbito da Reserva da Biosfera Río Eo-Oscos-Burón e a Reserva da Biosfera de Terras do Miño.
  • Que os informes que se desprendan do mesmo se teñan en conta no proceso de avaliación decenal da Reserva da Biosfera Río Eo-Oscos-Burón e a Reserva da Biosfera de Terras do Miño, e sexan remitidos en consecuencia aos departamentos da UNESCO e da Rede Mundial de Reservas da Biosfera.