logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

Plan Territorial Integrado da bacía do río Eume: alegacións da SGHN

Ferrol-Santiago de Compostela, 11-05-2013

Dentro do trámite de consultas no procedemento de avaliación ambiental estratéxica do “Plan territorial integrado da bacía do río Eume” recentemente rematado, SGHN presentou as seguintes consideracións, alegacións e comentarios:

  • SGHN considera necesaria e urxente a redacción e aprobación dun Plan Territorial Integrado para a Bacía Hidrográfica do Río Eume (en adiante PTI-Eume), polo que o comezo da súa realización é unha boa nova.
  • Debido á diversidade de hábitats e de condicións socioeconómicas, a bacía hidrográfica do Eume sería un ámbito privilexiado para desenvolver e implementar novos modelos produtivos baseados no desenvolvemento sostible e nas propostas do Sexto Programa de Acción da CE en materia de medio ambiente (que, ademais, poderían ser moi valiosos cara á elaboración de novos PTIs) e que sexan coincidintes coas esixencias das normativas vixentes en canto a acadar unha maior cohesión económica e social do territorio, cun enfoque claro cara a conservación dos importantes espazos naturais que o conforman.
  • O eixe vertebrador do PTI-Eume debera ser o propio Río Eume, a través do cal debéranse organizar as diferentes unidades de xestión cun criterio de interdependencia entre elas, adicando unha especial atención ao ordenamento dese 56% da superficie da bacía do Eume (26.458 ha das 47.000 ha) que, alomenos sobre o papel, goza dalgunha figura de protección legal mesmo coa categoría de Parque Natural. Neste senso, compre salientar que, malia os seus elevados valores ambientais, ditos espacios protexidos carecen lamentablemente dunha planificación axeitada o cal está a conlevar consecuencias moi negativas:
    • Merma nas condicións ambientais por mor de explotacións forestais pouco produtivas, perda de superficie dalgúns habitats prioritarios e deterioración da paisaxe.
    • Redución da calidade de vida das poboacións, o cal está a provocar un declive demográfico.
    • Abandono da funcionalidade de elementos culturais que poñen en perigo a súa persistencia.
  • No modelo de planificación deben priorizarse á hora de elaborar programas de desenvolvemento as actividades produtivas que aproveiten de xeito sustentable os recursos renovables e muden o modelo baseado no sector mineiro que, logo das case tres décadas de explotación do xacemento de lignitos, ameaza con novos proxectos como a pretendida mina de andalucita en Pico Vello (un espazo artificiosamente segregado do LIC e Parque Natural “Fragas do Eume”) e que:
    • Pon en perigo unha cunca fluvial, a do Río Belelle, e ameaza a captación de auga deste río para abastecemento humano do concello da Capela.
    • Nin siquera se cumpre os requisitos legais sobre cuadrículas mineiras.
  • Deberan definirse de xeito realista as características socioeconómicas actuais e as previsións para o futuro e en base a isto os obxectivos a acadar polo PTI-Eume.
  • Malia coincidir na opinión de que a contorna da vila de As Pontes merece unha consideración especial, semella erróneo e desafortunado que a elaboración do PTI-Eume se centre no lago artificial de As Pontes e na súa contorna pois:
    • Practicamente non abranguen ningún espazo protexido.
    • Restan aínda cinco anos de seguemento da suposta “restauración do oco da mina” para observar o comportamento da masa de auga e o seu entorno, así como a estabilidade do macizo. A propia ENDESA, responsable de dito seguemento, recoñece que ata o remate deste prazo non se poderá achegar consideración algunha sobre os resultados. Resulta arriscado edificar nun espazo do que se descoñece o seu comportamento a medio e longo prazo.
    • Mesmo está no aire a continuidade futura da actividade da central térmica debido á baixa produtividade dos últimos anos, co risco conseguinte de desmantelamento de diferentes actividades industriais subsidiarias da eléctrica.