logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

PRUX do Parque Natural das Fragas do Eume: alegacións de SGHN

Ferrol - Santiago, 26-02-2015

Cando os retrasos se miden en anos, lustros ou mesmo decenios, como no PRUX do PN das Fragas do Eume, resulta inaudito que o prazo dado para que veciños e entidades interesadas presentasen alegacións ao PRUX fose de tan só 15 días, afortunadamente prorrogados "in extremis" por outros 15 máis. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas debera esforzarse en fomentar a participación pública, o diálogo e o consenso respecto non so do PRUX das Fragas do Eume, senón en todos os espazos naturais protexidos.

O PRUX non ten en conta a información científica máis actual, por poñer só un par de exemplos a contida nos dous Atlas de fauna máis recentes publicados pola SGHN (Atlas de anfibios e réptiles de Galicia, 2011; Atlas e libro vermello de Carabini, Cychrini e Lucanidae (Insecta, Coleoptera) de Galicia, 2014) e ignora totalmente as aportacións feitas por SGHN en 2011 a petición da “Xunta Consultiva do Parque Natural das Fragas do Eume” para as alegacións ao entón denominado “Borrador do Plan Reitor de Uso e Xestión do Parque Natural das Fragas do Eume”. Como consecuencia, o PRUX mantén os erros de:

  • Afirmar que hai 20 especies de Coleópteros no Parque Natural cando hai publicadas referencias de 514 especies.
  • Afirmar que só hai unha especie de Lucanidae no Parque Natural, cando en realidade hai tres: Lucanus cervus, Dorcus parallelepipedus e Platycerus spinifer.
  • Omitir a presencia de invertebrados ameazados como Oxygastra curtisii e Gomphus graslinii.
  • Omitir as categorías de ameaza recoñecidas para a anguía (Anguilla anguilla), o espiñento (Gasterosteus aculeatus /gymnurus), Chondrostoma duriense e Rutilus arcasii.

Medidas e normativa por compoñentes

Bótase en falla a recuperación dun réxime ecolóxico de caudais circulantes augas abaixo do encoro do Eume e a instalación de escalas para peixes nos encoros. Por outra banda, debera ser total e sen excepcións a prohibición das cortas nos corredores fluviais e bosques húmidos por afectar de xeito innecesario e inadmisible a un hábitat prioritario (91E0*), así como a destrución, transformación, subsolado, sangrado e rozas mecánicas nos ecosistemas naturais lacunares (3160), brañas e turbeiras (4020*, 6230*, 7110*, 7140, 7150).

Ben está que entre os “Obxectivos de conservación” se contemple “regular” o exercicio da pesca deportiva fluvial e da caza para manter nun estado de conservación favorable as poboacións das especies de interese para a conservación, pero nun PRUX nunca se debera “fomentar” ditas actividades.

Bótanse tamén en falla medidas de conservación para diversas especies de vertebrados e das especies de artrópodos xilófagas, saproxilófagas ou que precisen para a súa bioloxía dunhas condicións ligadas á madeira en descomposición. Así, debérase contemplar deixar sen recoller a madeira morta e os grandes restos leñosos, limitando ao mesmo tempo Seguindo as tendencias actuais nos países máis avanzados da nosa contorna, máxime tratándose do PRUX dun Parque Natural, na “Normativa xeral” debera prohibirse o uso, mesmo o selectivo, de herbicidas ou biocidas “nos medios sinantrópicos das vías de comunicación existentes”, nos bosques e nos hábitats incluídos no anexo I da Lei 42/2007 ou sobre os hábitats das especies de interese para a conservación.

Entre as actuacións estritamente prohibidas deberan incluirse as cortas de arborado de ribeira dentro dos límites do Dominio Público Hidráulico, “As actuacións de subsolado, sangrado e rozas mecánicas sobre os hábitats lacunares (3160), turbeiras (7110*, 7140, 7150, 6230*) ou corredores fluviais (3260, 3270, 6430, 91E0*)” e o “establecemento de zonas de caza permanente ou de pesca intensiva”.

Normativa zonal

En xeral, considéranse axeitados os obxectivos e directrices e, por ter sido un aspecto normalmente esquecido, merece os parabéns a inclusión da directriz : “Arbitraranse medidas de caracter económico especiais para os enclaves rurais existentes nesta zona, mediante subvencións ou beneficios fiscais para o desenvolvemento dos diferentes sectores produtivos e mellora da súa calidade de vida.”

No relativo á reconstrución e rehabilitación das edificacións tradicionais ou de singular valor arquitectónico debera contemplarse o mantemento ou, no seu caso, a habilitación de espazos de refuxio ou cría de quirópteros e aves (rapaces nocturnas, vencexos e hirundínidos). En canto á minería, deberan estar prohibidas non só as actividades de investigación e exploración senón tamén as de explotación.

Por último, no programa de actuacións sobre a biodiversidade debera contemplarse non só evitar o incremento da superficie ocupada por especies do xénero Eucalyptus, senón reducila progresivamente nas zonas de reserva e de conservación, establecendo convenios cos propietarios e medidas de compensación.

Alegacións SGHN
PRUX-P.N. Fragas do Eume 2014
Borrador PRUX-P.N. Fragas do Eume 2011

 

PRUX das Fragas do Eume: ASÍ NON, busquemos o consenso

Santiago de Compostela, Ferrol, 11-02-2015

Hai agora 10 meses, SGHN facía público o “Informe sobre as Fragas do Eume: un Parque Natural baixo mínimos” no que salientaba a situación francamente desalentadora do parque, a súa pésima gobernanza e a deterioración crecente da biodiversidade nun parque incapaz de impulsar os compromisos e obxectivos de conservación e o uso de prácticas e actividades sostibles, tanto entre o público que o visita como entre os veciños da súa área de influencia socio-económica.

Malia os 18 anos transcorridos dende a promulgación do Plan de Ordenación dos Recursos Naturais das Fragas do Eume (PDF) e a súa declaración como Parque Natural (PDF), as sucesivas Consellerías de Medio Ambiente foron incapaces de cumprir e facer cumprir as normativas ambientais e de implicar aos cidadáns que viven no Parque na súa xestión e conservación. Tampouco souberon, ou quiseron, apoiar e incentivar actividades económicas de carácter sostible na súa área de influencia, para promover o seu desenvolvemento e reverter o abandono que sofre o rural da zona.

A normativa establece que a conservación e xestión dun Parque Natural debe realizarse a través do Plan de Ordenación dos Recursos Naturais (PORN) e do Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX). O PORN das Fragas do Eume data de 1996 (PDF), polo que xa hai tempo que estaba anticuado e quedou totalmente desactualizado ao aprobar o Plan Director da Rede Natura 2000. En 2011 a Dirección Xeral de Conservación dá Natureza presentou á Xunta de Galicia un borrador de PRUX, que se tardou ¡¡¡3 anos!! en someter ao trámite de exposición pública.

Cando os retrasos se miden en anos, lustros ou mesmo decenios, como nas ferramentas básicas de xestión deste parque, resulta inaudito que o prazo dado para que veciños e entidades interesadas presentasen alegacións ao PRUX fose de tan só 15 días, prorrogados “in extremis” por outros 15 máis. Tan exiguo prazo reflicte ben ás claras o desinterese da Consellería de Medio Ambiente por fomentar a participación pública, o diálogo e o consenso respecto do PRUX das Fragas do Eume.

Pero ista actitude da Consellería non é senón o último eslabón dunha longa cadea de erros na conservación da natureza. Leva moitos anos deixando que a confusión, a desinformación, o descoñecemento e a falta de axudas directas e indirectas fagan que unha parte importante da poboación pense que vivir nun área protexida, como as Fragas do Eume, resulta un obstáculo para o desenvolvemento económico da zona e a calidade de vida dos veciños.

Sen unha estratexia de comunicación definida das oportunidades de desenvolvemento que ofrece o feito de que as Fragas do Eume sexan un Parque Natural, nen un plan de actuación e investimento que involucre aos veciños na conservación e o desenvolvemento sostible, a oposición veciñal é un problema enquistado dende a creación do parque. Pero mentres a posición dos veciños foi evolucionando co tempo e pasou dunha oposición ao parque a unha demanda de medidas compensatorias para os veciños e propietarios, as sucesivas Consellerías de Medio Ambiente non souberon, ou non quiseron, aproveitar e potenciar este cambio de actitude e consolidar o futuro do parque e da poboación que vive nel.

As Fragas do Eume e os demais espazos protexidos son parte do patrimonio natural de todos os galegos, españois e europeos. Todos disfrutamos deles e nos beneficiamos dun ou outro xeito. Xa que logo, todos debemos contribuir á súa conservación e baixo ningún concepto podemos deixar que os custes recaigan só na veciñanza dos espazos naturais.

Se por interese público algúns cidadáns teñen limitacións no uso ou aproveitamento lexítimo e racional das súas propiedades, o conxunto da sociedade debe apoialos e compensalos.

É lóxico. É posible. Hai fondos públicos para facelo, como as axudas da Unión Europea para zonas da Rede Natura 2000 contempladas no Plan de Desenvolvemento Rural, ou as axudas agroambientais. Tan só hai que investilos no fin para o que están pensados e non en outras cousas. A qué agarda a Xunta de Galicia para facelo?