logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

Fragas do Eume: un ano despois do lume

A Xunta elude a súa responsabilidade sobre a necesaria planificación forestal no Parque Natural das Fragas do Eume

Ferrol-Pontedeume, 31-03-2013

Para os colectivos integrados na Federación Ecoloxista Galega e a Sociedade Galega de Historia Natural, a inexistencia do obrigado Plan Reitor de Usos e Xestión e dun plan forestal non só favorece ano tras ano o risco de incendios, senón que impide que as persoas propietarias podan conciliar a explotación forestal e a conservación da biodiversidade. Transcorrido un ano do incendio que afectou a este espazo natural, os responsables de Medio Ambiente limítanse a informar das medidas de urxencia adoptadas, silenciando os problemas de eucaliptización e ignorando as peticións de maior información de cara a consensuar os usos e aproveitamentos no parque.

O 22,5% do Parque Natural Fragas do Eume está ocupado por repoboacións de piñeirais ou eucaliptais, realizadas moitas delas en terreos de alta pendente. E foi precisamente nestes espazos, debido á alta pirofitidade producida polas resinas e alcoholes existentes na composición orgánica desas especies, onde o incendio ocorrido en 2012 tivo unha especial virulencia e onde a recuperación está sendo máis difícil.

Aínda que o lume se iniciou nunha zona de matogueiras, atopou nas repoboacións un excelente combustible que lle permitiu acadar as zonas de fragas. Transcorrido un ano de incendio, e concordando en liñas xerais coa información proporcionada por Medio Ambiente, convén salientar en cambio que nas zonas de rochedo pódese observar unha maior erosión e a perda de boa parte do mantillo protector.

Tamén queremos salientar o acerto de non autorizar talas prematuras nos espazos queimados, evitando así danos no chan. Sen embargo, os responsables de Medio Ambiente, na súa última nota de prensa, limítanse a informar das medidas de urxencia adoptadas, silenciando os problemas de eucaliptización e eludindo a súa responsabilidade sobre a necesaria planificación forestal no Parque Natural. O eucalipto, en fase de rebrote despois do lume, ademais do alto risco de propagación de incendios, é unha ameaza real para a biodiversidade natural do bosque caducifolio atlántico, posto que non é unha especie autóctona e se convirte en invasora colonizando espazos máis aló das propias plantacións de monocultivos forestais.

Fotografía: Panorámica da zona queimada polo lume de 2012 nas Fragas do Eume e, en primeiro plano, zona de fraga moi danada na marxe esquerda do Eume.

O ano 2012 pechouse, ao igual que os anos anteriores, coa falta de avances de cara á definición do obrigado Plan Reitor de Usos e Xestión e dun plan forestal. O borrador presentado en febreiro de 2011 resultou ser unha proposta insuficiente ou mesmo contraproducente de cara á conservación da biodiversidade. Sen embargo, a falta de avances vén derivada da parálise que os responsables de Medio Ambiente impoñen aos órganos, xa meramente consultivos, onde están representados os diferentes intereses: durante o 2012 a Xunta non convocou a obrigada reunión ordinaria da Xunta Consultiva do Parque nin se realizaron outro tipo de xuntanzas onde achegar posturas. Só no mes de maio se celebrou unha reunión extraordinaria con carácter meramente propagandista para dar conta das medidas tomadas como consecuencia do incendio que sufriron as Fragas do Eume.

Os colectivos asinantes reivindicamos novamente que se deben cumprir as diferentes normativas: a localización de eucaliptais e piñeirais na zona de transición entre as matogueiras e as fragas, e nos terreos de alta pendente, son un risco e deben ser substituídos por outro tipo de cultivos caducifolios e non pirófitos compatibles coa conservación da biodiversidade e cos intereses das persoas propietarios. Estas medidas deben integrarse no PRUX e no plan de xestión forestal, consensuados nun auténtico proceso de consulta e participación pública a través dos diferentes órganos (Xunta Consultiva, Consello Forestal, Consello Galego de Medio Ambiente, etc.). A Xunta de Galiza debe proporcionar toda a cobertura técnica e facilitar que as persoas propietarias accedan aos recursos públicos dispoñibles para acadar que a declaración como Parque Natural sexa unha vantaxe para elas e para o conxunto da cidadanía, e un exemplo real de conservación do territorio protexido.

 

PRIMEIRA AVALIACIÓN DOS DANOS DO LUME NAS FRAGAS DO EUME

Segundo a información proporcionada pola Xunta de Galicia, dende onte día 2 o incendio que afecta ao Parque Natural Fragas do Eume estaría controlado, polo que esperamos que nas próximas horas se dé finalmente por extinguido. Os colectivos representados na Xunta Consultiva do Parque Natural das Fragas do Eume (Federación Ecoloxista Galega e Sociedade Galega de Historia Natural) amosamos a nosa satisfacción polo feito de que o incendio non tivese ocasionado danos persoais ou nos domicilios da veciñanza afectada. Cremos necesario facer unha primeira valoración dos danos ocasionados coa perspectiva das medida que se deberán tomar.

Diferentes integrantes dos colectivos ecoloxistas achegáronse durante o pasado domingo e o luns a algunhas das principais zonas afectadas para coñecer de primeira man como se foi desenvolvendo o incendio. Unha impresión que salientamos é que o incendio non actuou de forma homoxénea, senón que foi moito máis intenso nas zonas de repoboacións (eucaliptais e piñeirais) e zonas de monte baixo. Sorprende incluso aquí, en concreto na zona de Teixido onde se sitúa o inicio do incendio, que o lume tivese respetado franxas de xestas e toxos. En canto ás zonas de fragas, a idea xeral é que resistiron relativamente ben de xeito que arderon máis as zonas herbáceas e o mantillo do chan e se respetaron as partes altas das árbores. Nas zonas de ribeira, a humidade axudou a que non se viran afectadas e que manteñan a cobertura vexetal do chan.

Durante esta mañá foinos posible contactar co Xefe Provincial de Conservación da Natureza e o Subdirector Xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade para coñecer tamén a avaliación que está a facer a Xunta de Galicia. Segundo a versión oficial as hectáreas totais son 750, das cales 370 formarían parte do Parque Natural e Concretamente algo máis de 60 hectáreas corresponden a fragas. Algunhas persoas que estiveron a traballar nos labores de extinción comentan a posibilidade de que a superficie puidera achegarse ás 1.000 hectáreas, pero unha vez extinguido o incendio, é necesario facer unha valoración máis precisa. A información proporcionada pola Xunta de Galicia tamén describe o incendio como un lume moi rápido que afectou ás zonas de sotobosque, máis intensamente no concello de Monfero, e que tivo unha afectación moderada no dosel arbóreo. Si se recoñece a voracidade do incendio nos eucaliptais e rodais próximos ás vivendas. O Xefe Provincial destacou a urxencia de elaborar un plan para evitar a erosión do chan e os arrastres aos cauces, feito no que coincidimos manifestando que deben primar os criterios de persoas expertas na materia, e sempre que sexa posible, favorecer que o propio ciclo vexetal permita rexenerar o chan afectado. En canto á fauna e outro tipo de vexetación que se puidera ver afectada, a Xunta entende que aínda é cedo necesitando máis días para precisar o dano.

Fotografía: Imaxe do Fontardión, onde se pensa que comezou o lume.

Os colectivos ecoloxistas manifestámoslle aos responsables de Conservación e Espazos Naturais a nosa preocupación polo baixo caudal do río Eume, do que supoñemos que a día de hoxe se segue a detraer auga para o enchido da antiga mina de As Pontes. O menor caudal en época de poucas precipitacións, pode estar a contribuir a un descenso da humidade nas Fragas do Eume o que podería ter axudado á rapidez coa que se propagou o incendio, xunto coa presencia de eucaliptais. Tamén esiximos a convocatoria urxente da Xunta Consultiva do Parque Natural das Fragas do Eume, como foro onde é necesario valorar o acontecido e as medidas que se porán en práctica.

 

Comunicado de prensa de ADEGA, SGHN e VERDEGAIA

INCENDIOS NAS FRAGAS DO EUME

Ferrol, 1 de abril de 2012

Dende ADEGA, Sociedade Galega de Historia Natural e Verdegaia queremos amosar a nosa solidaridade coa veciñanza dos Concellos de A Capela, As Pontes e Monfero que están a padecer as consecuencias directas dos incendios declarados durante a fin de semana e que afectan ao Parque Natural das Fragas do Eume e á zona de Anca. Así mesmo envíamos o noso apoio aos efectivos e persoas voluntarias que están a traballar nas labores de extinción. Sumadas unhas circunstancias meteorolóxicas desfavorables, o lume que afecta as Fragas do Eume é a consecuencia directa dunha política forestal baseada na falta de planificación e xestión forestal, así como o fomento de plantacións con especies que favorecen os incendios.

Segundo a información proporcionada pola Consellería de Medio Rural e do Mar, ata as 14 h de hoxe, 1 de abril, víronse afectadas 750 hectáreas do Parque Natural. Nesta mesma información tamén se falaba de 100 hectáreas na zona de Cabalar (A Capela), pero cremos que se trata dunha información errada xa que outro dos incendios de grandes dimensións que están a asolar a comarca producíuse na zona de Anca-As Louseiras. Varias persoas integrantes destes colectivos comprobaron que houbo un conato de incendio no lugar de Cabalar, pero sen a gravidade que lle atribúe a Xunta de Galiza.

Entre os datos que fomos coñecendo, os técnicos sinalan ata tres focos causantes do incendio que afecta ás Fragas do Eume, é dicir, trataríase dun lume intencionado que coincide no tempo e no espazo co incendio en As Louseiras e co conato de Cabalar, o que buscaría causar o maior dando posible a espazos naturais de grande importancia ecolóxica como son as fragas do río Eume e do río Belelle. A Xunta de Galiza está obrigada a poñer todos os medios e persoal necesarios para deter aquelas persoas que provoquen os incedios, pero tamén é necesario que a sociedade galega rexeite as actividades incendiarias e modifique a "cultura do lume" instaurada nas prácticas agrícolas.

No caso do parque natural, o incendio está a afectar zonas de Reserva Natural, e de maior interese ecolóxico, zonas de fragas, zona de repoboacións con especies alóctonas e zonas de mato e pasteiros.

Aínda que os responsables políticos, nomeadamente Alberto Núñez Feijoó, destacan xunto a intencionalidade do incendio, as condicións climatolóxicas de vento e escasez de humidade, ADEGA, SGHN e Verdegaia queremos salientar que as dimensións deste incendio non poden entenderse se non é tendo en conta outros factores referentes as políticas ambientais da Xunta de Galiza:

  • A declaración como Parque Natural no ano 1997 non foi suficiente para que se tomaran as medidas necesarias que garantiran a súa conservación. A día de hoxe non conta co obrigado Plan Rector de Usos e Xestión nin cun programa forestal, o que favorceu que as Fragas do Eume sufran un paulatino proceso de eucaliptización e crecemento de especies alóctonas. Un exemplo o temos nos terreos afectos polo incendio: unha das zonas calificadas como de Reserva Natural está rodeada por zonas de repoboacións (eucaliptais, piñeirias, etc.), multiplicando o risco de que o lume chegue ás zonas máis sensibles.
  • A Xunta primou en Galiza o investimento en medios de extinción en detrimento da prevención, feito que non supuxo reducir o número de conatos e incendios. As Fragas do Eume, como veñen manifestando tempo atrás técnicos da propia administración, presentan zonas prácticamente inaccesibles debido ao abandono dos montes. Cando as circunstancias climatolóxicas son moi desfavorables, coma acontece actualmente, eses medios de extinción atopan grandes dificultades á hora de loitar contra os lumes. Se a isto sumamos que nos últimos tempos os brigadistas critican a precariedade laboral e a falta de medios coa que traballan, ademáis da aposta da Xunta por reducir o persoal encargado do cuidado dos espazos naturais, atopamos unha situación de grave perigo que ameaza aos nosos montes e que nos últimos meses está a castigar duramente moitos dos nosos espazos protexidos: LIC Macizo Central, ZEPA A Limia, Reserva da Biosfera de Allariz, LIC Ancares-Courel, etc. No caso das Fragas do Eume, o chamado da Xunta de Galiza ao exército pon de manifesto a incapacidade de afrontar unha circunstancia previsible de diferentes incendios cos medios e persoal existentes.
  • Queremos facer un chamado de atención sobre o réxime hídrico do río Eume, moi afectado pola detracción de auga para o enchido do oco da mina de As Pontes. Descoñecemos, debido á falta de información proporcionada por Augas de Galiza, se o proceso de enchido está a cumprir co obrigado caudal ecolóxico nun momento de seca como o actual. O menor caudal do río Eume podería estar a reducir a evapotranspiración, contribuindo a unha menor humidade no ambiente e a un maior risco de incendio en espazos que, como as fragas, soen verse pouco afectadas polos lunes gracias ao seu elevado nivel de humidade.

Perante a gravidade dos acontecementos, os colectivos asinantes esiximos a convocatoria urxente da Xunta Consultiva do Parque Natural Fragas do Eume como primeiro paso para elaborar un plano a través do cal se avalíen os danos sufridos e se establezan as medidas de restauración dos espazos e a dotación económica axeitada. Do mesmo xeito, consideramos imprescindible a convocatoria do Consello Forestal e do Consello Galego de Medio Ambiente.