logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

Informe sobre as Fragas do Eume: un Parque Natural baixo mínimos

Santiago de Compostela, Ferrol, 16-04-2014

O vindeiro 2 de maio acada a "maioría de idade" o Plan de Ordenación dos Recursos Naturais (PDF) das Fragas do Eume e o vindeiro 30 de xullo cumprense 17 anos dende a súa declaración como Parque Natural (PDF). Transcorreu, pois, un tempo suficiente para poder avaliar o cumprimento dos obxectivos que xustificaron a súa creación, así como a adecuación do Parque Natural aos criterios de conservación inherentes con esta figura, e coa Rede Natura 2000 da que forma parte. O resultado da análise feita por SGHN é francamente desalentadora pois revela que nos atopamos diante dun parque baixo mínimos, cunha pésima gobernanza e no que a deterioración da biodiversidade se impón fronte á súa conservación. Un Parque incapaz de impulsar os compromisos e obxectivos de conservación e o uso de prácticas e actividades sostibles, tanto entre o público que o visita como na súa área de influencia socio - económica.

O Parque Natural das Fragas do Eume é un mal exemplo da xestión dun Espazo Natural protexido. Fiel reflexo dunha política incapaz de cumprir e facer cumprir as normativas ambientais, de apoiar e impulsar actividades de carácter sostible nas áreas de influencia socio - económica, que promovan o seu desenvolvemento e revertan o abandono que sofre o rural galego. Os valores do Parque Natural da Fragas do Eume esixen un cambio substancial na forma de dirixir e xestionar este emblemático espazo natural, fomentando unha xestión máis técnica, acorde coas necesidades de conservación do espazo, e que promova a participación dos cidadáns que viven no Parque.

1. Desgoberno

A situación actual do Parque Natural é fácilmente comprensible tendo en conta os que foron ou son responsables da xúa xestión. Un dos seus Directores foi Roxelio Fernández que logo, como Subdirector Xeral de Espacios Naturais e Biodiversidade deixou un gris historial de destrución no que destacan a acusación pola Fiscalía debido á irregular tramitación ambiental do dragado da ría de Ferrol e tamén a viaxe a Colombia en plena vaga de lumes nos espazos naturais galegos. O Director durante o último ano e medio foi Jorge Vázquez, sen experiencia na xestión de áreas protexidas, polo que a xa deficiente xestión do Parque Natural resentiuse considerablemente, e que logo resultou imputado no caso da "fraude forestal". Dende o seu recente cese o Parque Natural carece de Director polo que, de acordo co organigrama da Consellería, a súa xestión recae sobre o Carlos Muñoz, Xefe do Servizo Provincial de A Coruña, cargo de libre designación cun longo historial de tropelías ambientais: denunciado pola Fiscalía pola autorización irregular do dragado da Ría do Ferrol, ademais de responsable das aperturas reiteradas da lagoa de A Frouxeira sen criterios hidrolóxicos nen ambientais (máis...) e da matanza de lobos na Serra do Barbanza (máis 1...; máis 2...).

Mentres tanto, o presidente da Xunta Consultiva do Parque Natural das Fragas do Eume, que deixara constancia da súa implicación en resolver os graves problemas do Parque Natural e en apoiar moitas das medidas propostas polos Concellos e as persoas que viven no Parque Natural, foi cesado (máis...) e substituido por unha persoa que dende o seu nomeamento apareceu en contadas ocasións no Parque Natural.

2. Carencia de Planificación

A normativa establece que a conservación e xestión dun Parque Natural debe realizarse a través do Plan de Ordenación dos Recursos Naturais (PORN) e do Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX). O PORN das Fragas do Eume data de 1996 (PDF), polo que xa era un plan anticuado antes de que a aprobación do Plan Director da Rede Natura 2000 o deixase aínda máis desactualizado. Un incumprimento que tamén se evidencia noutros Parques Naturais galegos, e que denota a incompetencia e desinterese da Xunta de Galicia en materia ambiental. No ano 2011 a Dirección Xeral de Conservación dá Natureza, presentou á Xunta de Galicia un borrador de PRUX para o Parque Natural do cal non se soubo máis, polo que en 17 anos, a Xunta de Galicia ni tan siquera foi capaz de comezar o trámite de exposición pública do PRUX.

3. Especies invasoras

Hai sete anos (máis...) o Director do Parque Natural indicaba que tres especies exóticas invasoras ameazaban as Fragas do Eume (eucalipto, Eucalyptus globulus; crocosmia, Crocosmia x crocosmiflora; mimosa, Acacia dealbata), resaltando que a expansión do eucalipto (que ocupaba un quinto da superficie do Parque) lográrase parar coa declaración do Parque Natural. Pero hoxe o único control que ten o eucalipto no Parque Natural é a expansión doutra especie exótica, o insecto defoliador Gonipterus scutellatus, pois deixáronse medrar eucaliptos illados no interior das principais masas de carballeira, mesmo na ripisilva, que ao chegar á súa idade reprodutora favoreceron a expansión da especie no interior do bosque autóctono.

As zonas de matogueira, malia ser hábitats do Anexo I da Directiva 92/43/CEE, viron reducida de maneira significativa a súa superficie, ao ser plantados con eucaliptos ou outras especies exóticas. Tampouco son estraños os casos nos que despois da curta a matarrasa dun bosque de caducifolias se permitiu a plantación de eucaliptos. Pero ademais do eucalipto, a crocosmia e a mimosa, o Parque Natural alberga moitas máis especies exóticas invasoras que están a degradar os hábitats naturais, e desprazar as especies nativas, incluídas as especies protexidas. A inexistencia de medidas de control das especies invasoras queda patente, cando estas crecen con total impunidade nas áreas de máxima afluencia de visitantes, rodeando ás propias sinais do postas pola Xunta de Galicia.

Fotografía: As especies invasoras (na imaxe Tradescantia fluminensis) medran mesmo ao carón dos carteis do propio Parque.

Fotografía: Eucalipto recén plantado nunha das zonas do Parque queimadas polo lume de 2012.

4. Destrución de ecosistemas

Dende hai anos as asociacións ecoloxistas e de pescadores veñen denunciando o deficiente estado ecolóxico do río Eume provocado polos aproveitamentos hidroeléctricos abusivos. Ademais no encoro do Eume pódense observar milleiros de plásticos flotando ou depositados nas beiras (máis...) e, a menor escala, tamén resultan inaceptables os pequenos vertedeiros incontrolados, mesmo nas marxes de pequenos regueiros. As toradas de carballos que se acumulan nas estradas e pistas que percorren o Parque Natural evidencian o ritmo continúo de destrución que está a sufrir os bosques naturais dentro do Parque.

Pero non soamente se perden e degradan superficies de bosque autóctono. Os labores silvícolas non teñen en conta a diversidade de ecosistemas nin que moitos son hábitats prioritarios (Directiva 92/43/CEE). Superficies importantes de brañas, breixeiras húmidas e breixeiras secas perdéronse ao ser transformadas en plantacións artificiais, mentres que outras desapareceron pola apertura de devasas, de reducida efectividade, máis aínda cando se rodean de grandes superficies continuas de piñeirais e eucaliptais. Por outra banda, un pequeno tropel de cabras domésticas asilvestradas están a provocar danos na vexetación en zonas de grande valor ecolóxico sen que se tomen medidas para mitigar ou eliminar os efectos negativos que provocan.

Fotografía: Toradas de árbores caducifolias taladas no interior do Parque Natural.

5. Malos exemplos

A Xunta de Galicia posúe no interior do Parque Natural distintas parcelas forestais nun estado ecolóxico claramente mellorable pois na maioría medran especies exóticas (Pinus pinaster, Pinus radiata, Eucalyptus globulus) sobre hábitats de interese comunitario ou competindo directamente coas especies arbóreas autóctonas.

Se a Xunta de Galicia é incapaz de realizar unha xestión conforme aos obxectivos do conservación do Parque Natural, como se lle vai esixir que o fagan os propietarios ou as comunidades de montes?

6. Centros de desinformación

A política da Consellería de Medio Ambiente é a de pechar ou deixar languidecer os centros de interpretación ambiental existentes en Galicia, incumprindo así unha das funcións básicas da Consellería en materia de Conservación da Natureza. Nas Fragas do Eume malgastáronse cento de miles de euros nun absurdo edificio nunha área afectada pola servidume de augas e contra o noiro sen restaurar dunha canteira, do que cairon grandes pedras sobre o edificio, o que obrigou a modificar (e encarecer) o proxecto.

Segundo a información do Concello de Pontedeume, o centro de interpretación abre todos os días, incluídos festivos, de 9 a 14 e 16 a 20 horas, agás os meses de inverno nos que pecha unha hora antes. Sen embargo, o horario oficial de apertura que figura na cristaleira do Centro de Información é máis reducido durante a semana (9-14 e 16-19 horas) e, sobre todo, os festivos e fins de semana (10-12 e 16-19 h), xusto os días que maior afluencia teñen os espazos naturais. Pero o pior é que o horario real é aínda menor, xa que os visitantes atopan o centro pechado polas tardes de luns a domingo, incluídos festivos.

E se o visitante ten a sorte de atopar o centro de interpretación aberto, atopásese que a penas hai información, e que a pouca existente non está adaptada aos distintos tipo de usuarios dun Parque Natural no século XXI. A maiores, a Xunta de Galicia rehabilitou en Monfero un edificio antigo próximo ao mosteiro como centro de interpretación. O proxecto construtivo con outras actuacións efectuadas no Parque Natural, foi subvencionado polo Ministerio de Agricultura con 420.000 € (Resolución de 20 de outubro de 2010 e Resolución de 14 de decembro de 2011) e debería realizarse en 2010-11; nalgúns documentos informativos accesibles na web do Ministerio de Agricultura consta como certificada no seu 100%. Pero o Centro de Interpretación de Monfero nunca foi aberto e, polo desleixo e falta de vixilancia, o edificio arranxado con fondos públicos estase a degradar antes de poñerse en funcionamento.

Semella claro que a Consellería de Medio Ambiente non están polo labor de fomentar un turismo sostible e acorde cos valores naturais do territorio, impedindo así que as Fragas do Eume alcance a certificación de calidade en materia turística que teñen outros parques españois, ou o da Baixa Limia - Serra do Xurés.

7. Fomento de actividades pouco respectuosas co medio

E por último os letreiros informativos do Parque Natural inclúen afirmacións sen ningunha base histórica coa finalidade de xustificar actuación pouco xustificadas nun parque natural. Así nos carteis próximos ao cenobio de Caaveiro, afirmase con total impunidade e terxiversando os feitos históricos: "Como bo amante da caza, Fernán Pérez de Andrade, mandou incorporar ó escudo de Pontedeume as figuras dun xabaril e dun oso."

A cristaleira da fachada principal do Centro de Interpretación aparece empapelada por anuncios de empresas privadas, algo en si mesmo cuestionable nun edificio público. A cuestión é aínda máis preocupante e criticable porque a propaganda non inclúe ningunha actividade relacionada coa información e divulgación ambiental, senon actividades que resultan contraditorias cos obxectivos e a normativa de aplicación no Parque Natural. Así nos carteis pódense ver grupos de persoas a cabalo vadeando un curso fluvial, en lugar de empregar as pontes e pasos habilitados, e o anuncio dunha proba deportiva de 4 x 4.

8. Xestión ineficaz do uso público

O estado das sinais no Parque Natural das Fragas do Eume e na súa área perimétrica é moi deficiente, con numerosos letreiros están rotos e outros con pintadas. Moitos carteis son ademais inútiles, como o repetidísimo mapa de uso público, que nin siquera ten a imprescindible indicación de “vostede atópase aquí” para que o visitante poida situarse.

A ubicación e xestión da "Area recreativa da Xunqueira" é lamentable. Construída en zona de inundación ordinaria no esteiro do Eume, segundo as mareas pode quedar en poucos minutos totalmente cuberta pola auga. Un cutre letreiro indica a entrada da área e o aparcamento, sen advertir que é unha zona perigosa sometida á inundación periódica da auga do esteiro. Dentro do aparcamento atópanse dous pequenos carteis que recomendan non aparcar nun pequeno tramo próximo á ribeira, no que debería estar prohibido xa que é un hábitat protexido.

Malia que foi arranxado o ano pasado pola Xunta de Galicia, o víal de acceso dende o centro de recepción de Ombre ao Mosteiro de Caaverio ten máis de 500 fochas nos seus 9 km. A obra executouse moi mal, xa que parte da grava sobrante depositouse polos seus bordos, en áreas ocupadas pola propia Fraga, e xa as primeiras chuvias arrastraron o material depositado nas fochas.

9. Ausencia de vixilancia

Se ben na contorna do antigo centro de guiado de salmónidos do río Cobes (Pontedeume) hai presenza habitual de vehículos e persoal da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, un pode percorrer durante horas o Parque Natural sen atoparse cun vixilante ou cun vehículo do Parque. A falta de vixilancia é ben coñecida polos condutores que circulan e estacionan onde non está permitido, aparcando mesmo durante horas en áreas estritamente reservadas ao tránsito peonil.

10. Un catálogo de feísmo

Nas marxes do vial de acceso ao Mosteiro de Caaveiro hai distintas construcións totalmente disonantes coa paisaxe e cos modelos tradicionais deste territorio. Se ben a maioría delas mostran polo menos un bo coidado de fachadas e accesos, ao final da pista e antes da ponte que leva ao Mosteiro hai unha construción dunha planta feita con bloques de formigón, fiestras e reixas metálicas e unha mesa de ladrillo vista, devorada pola vexetación, que semella tratar de ocultar este xenuíno elemento do feismo galego en pleno corazón do Parque Natural.

Outro elemento sorprendente ao longo desta singular ruta que une o Mosteiro co Centro de Interpretación, é o adorno dun camiño de acceso ao río con dúas balas metálicas de gases inflamables, incumprindo a normativa da propia Xunta para peches e a que regula a instalación e emprego destes materiais.

Mentres tanto, a mala xestión das axudas públicas e a falta de vixilancia en materia urbanística causan efecto no Parque Natural, onde ano tras ano vanse degradando de forma moi significativa os seus núcleos tradicionais, perdéndose un grande número de elementos tradicionais vinculados cos modos e formas de aproveitamento secular do territorio.

Conclusión

O Parque Natural das Fragas do Eume é un mal exemplo da xestión dun Espazo Natural protexido. Fiel reflexo dunha política incapaz de cumprir e facer cumprir as normativas ambientais, de apoiar e impulsar actividades de carácter sostible nas áreas de influencia socio - económica, que promovan o seu desenvolvemento e revertan o abandono que sofre o rural galego.

Os valores do Parque Natural da Fragas do Eume esixen un cambio substancial na forma de dirixir e xestionar este emblemático espazo natural, fomentando unha xestión máis técnica, acorde coas necesidades de conservación do espazo, e que promova a participación dos cidadáns que viven no Parque.