logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

MINA DE ANDALUCITA NAS FRAGAS DO EUME

A Fiscalía de Medio Ambiente admite a trámite a denuncia da SGHN-Ferrol

A Fiscalía Provincial de A Coruña para Delitos Ambientais ven de abrir as dilixencias preprocesais nº 355/2010 pola denuncia que o 12-04-2010 presentou a SGHN-Ferrol (e as posteriores de Adega e Verdegaia) solicitando a paralización definitiva da tramitación do proxecto da empresa Picobello Andalucita, SL. para o aproveitamento mineiro "Sonsoles IV, 6156.1" no concello de As Pontes de García Rodríguez (A Coruña). Véxase PDF Fiscalia_MA_Andalucita

Na denuncia e un escrito posterior aclaratorio (07-05-2010), a SGHN-Ferrol insiste nos argumentos das alegacións que presentou hai dous anos (04-06-2007) ao Estudo de Impacto Ambiental e ao Plan de Restauración e polos que solicitou a paralización da tramitación de dito proxecto mineiro. Ademais, a SGHN-Ferrol subliña na denuncia que:

  • Transcorridos 39 meses do inicio da tramitación do proxecto debera entenderse que a solicitude foi denegada por silenzo administrativo hai case ano e medio, pois o artigo 26 da Lei 3/2008, de 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia establece un prazo de 12 meses para resolver as solicitudes.
  • As valoracións do Impacto Ambiental fanse unicamente sobre unha das dúas cuncas fluviais afectadas, a do Río Eume, omitindo a afección á cunca do Río Belelle, que sería a única irreversiblemente afectada de entrambas as dúas cuncas fluviais, xa que é no Rego Cernadas (o nacemento do Belelle) onde se ubica a zona perimetral do xacemento.
  • A forte pendente das abas do val do río Eume no que se ubicaría a escombreira exterior faría imposible a implantación das medidas correctoras indicadas no proxecto. Malia eso, no EIA non considerou ningunha outra alternativa de ubicación, vulnerando o establecido polo R.D.L. 1/2008 de avaliación de impacto ambiental de proxectos.
  • Tamén en contra do disposto no R.D.L. 1/2008 de avaliación de impacto ambiental de proxectos, no informe de avaliación ambiental non se detallan as repercusións negativas derivadas da execución do Proxecto sobre o Parque Natural das Fragas do Eume, incluído na Rede Natura 2000, situado a tan só 50 metros de distancia da zona da extracción.
  • A explotación mineira afectaría a amplas áreas de “queirogais e matogueiras de zona temperada de Erica ciliaris e Erica tetralix” que constitúen o hábitat prioritario número 4020 indicado na Directiva 97/62/CE.

¿É a andalucita un mineral estratéxico como pretenden algúns?

A andalucita, con fórmula química Al2SiO5, é un mineral da clase Silicatos, subclase Nesosilicatos, que se forma por metamorfismo en aureolas de contacto entre granitos e pizarras arxilosas, micáceas ou corneanas. Esporádicamente aparece asociado a procesos hidrotermais máis propicios á formación de xacementos. A etimoloxía do seu nome provén do de Andalucía, ó atribuirse erróneamente a esa rexión a orixe dos exemplares empregados por Werner e Delamétherie para definir o mineral; ditos exemplares procedían realmente de El Cardoso (Guadalajara).

A andalucita, e as súas variedades polimorfas sillimanita e distena, empréganse para a obtención de cerámicas refractarias que se utilizan na industria metalúrxica (revestimentos de fornos, moldes) e na fabricación de buxías. Tendo en conta os fins para os que se emprega e que, xunto coa República de Sudáfrica e Francia, España é un dos principais países productores destes minerais, non semella que a explotación do xacemento de andalucita ó carón do Parque Natural das Fragas do Eume poida xustificarse por ser un mineral estratéxico.

http://www.uclm.es/users/higueras/yymm/YM13.html#T13AndSilDist

http://www.uned.es/cristamine/fichas/andalucita/andalucita.htm

 

Andalucita