logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

PARQUE NATURAL DAS FRAGAS DO EUME

SGHN pide que se avalíe o impacto ambiental do
“Proxecto de Modernización do desaugue de fondo da presa do Eume”

O proxecto desenvolveríase íntegramente dentro do espazo natural “Fragas do Eume” incluido na Rede Natura 2000 (LIC ES1110003) e declarado Parque Natural e afectaría a unha das súas zonas de maior interese, cualificada como Zona de reserva natural no seu Plan de Ordenación dos Recursos Naturais.

Por estes motivos, SGHN ven de pedir á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental que esixa un estudio de impacto ambiental do proxecto que:

  1. Avalíe con detalle e rigor as posibles afeccións do proxecto sobre os hábitats de conservación prioritaria na UE e, consecuentemente, adapte o proxecto para evitalos totalmente pois non existen razóns imperiosas de interese público de primeiro orden para que sexan afectados por un proxecto desta natureza, así como para minimizar canto sexa técnica e ambientalmente posible os impactos sobre hábitats de interese comunitario
  2. Avalíe con detalle e rigor as posibles afeccións do proxecto sobre TODAS as especies incluidas no anexo I da Directiva Aves, na Directiva 92/43/CEE, no Catálogo Español de Especies Amenazada e no Catálogo Galego de Especies Ameazadas presentes na zona e contemple a adaptación do proxecto para evitalas totalmente no caso de especies de interese comunitario e/ou en perigo de extinción, pois non existen razóns imperiosas de interese público de primeiro orden para que sexan afectados por un proxecto desta natureza, ou para mitigalas no caso das restantes especies catalogadas.
  3. Avalíe con detalle e rigor as afeccións sobre o estado químico (pH, DBO, DQO, concentracións de nitróxeno, fósforo e metais pesados) e biolóxico (coliformes fecais, flora, invertebrados e vertebrados acuáticos) das augas do río Eume e da Ría de Ares.

Máis...

 

SGHN-Ferrol denuncia danos ambientais
no Rego San Bartolomé (Parque Natural das Fragas do Eume) e no Río Belelle

A Sociedade Galega de Historia Natural de Ferrol denuncia, diante da Consellería de Medio Ambiente, que no que vai de verán non se respectou o caudal ecolóxico do Rego San Bartolomé (Concello de Monfero), tributario do Río Eume, sendo responsable dos feitos a empresa que xestiona a Central Hidroeléctrica do Parrote, que, como ocorre todos os anos, ten a obriga de pechar a devandita central ao comezo do verán, co obxectivo de asegurar o caudal ecolóxico ao rego, para o  que é preciso pechar as comportas que desvían, durante o resto do ano, parte do caudal do Rego San Bartolomé cara a canle que subministra auga á central. A avaría dunha comporta semella ter sido a causa de que non se repuxese a auga ao leito orixinal, e que a auga acumulada no vaso de descarga saíse por unha comporta e baixase directamente cara o Eume pola ladeira do val producindo un importante efecto erosivo.

As consecuencias destes feitos poden ser graves, debido á escaseza de choivas rexistrada na primavera e no principio do verán, afectando un tramo do río de dous quilómetros de lonxitude.

Por todo isto, solicitouse á Consellería que se realice unha análise das posibles incidencias negativas, tanto sobre o Rego San Bartolomé, como os efectos erosivos na canle de desaugue do vaso de descarga, e se adopten as medidas sancionadoras que correspondan á empresa responsable, tendo en conta, ademais, a inclusión deste Rego no Parque Natural das Fragas do Eume.

Casualmente, e con coincidencia no tempo, feitos similares ocorreron no Río Belelle. Por causas que descoñecemos, a comporta que regula o paso da auga dende o azude á canle que a dirixe ao vaso de descarga da Central Hidroeléctrica da Fervenza, non se pechou, como corresponde á estación na que estamos. Así, un caudal considerable de auga, que debera circular libremente polo Río Belelle, percorre toda a canle, malia estar a central fora de funcionamento, e rebosa por un aliviadoiro existente case no remate da canle, baixando, tamén neste caso, directamente ao río en caída ao longo da ladeira.

Cómpre ter en conta que este tramo do río (de 1600 metros de lonxitude) é o mellor conservado, coa maior biodiversidade, polo que está proposto para ser incluído na Rede Natura, ao estar considerado unha das representacións de bosque atlántico máis importante da provincia de A Coruña.

Polo tanto, e nos mesmos termos que no caso anterior, pronunciámonos no sentido de solicitar a análise da situación, das posibles consecuencias e na adopción de medidas reparadoras e sancionadoras.

 

MINA DE ANDALUCITA NAS FRAGAS DO EUME

A Fiscalía de Medio Ambiente admite a trámite a denuncia da SGHN-Ferrol

A Fiscalía Provincial de A Coruña para Delitos Ambientais ven de abrir as dilixencias preprocesais nº 355/2010 pola denuncia que o 12-04-2010 presentou a SGHN-Ferrol (e as posteriores de Adega e Verdegaia) solicitando a paralización definitiva da tramitación do proxecto da empresa Picobello Andalucita, SL. para o aproveitamento mineiro "Sonsoles IV, 6156.1" no concello de As Pontes de García Rodríguez (A Coruña). Véxase PDF Fiscalia_MA_Andalucita

Na denuncia e un escrito posterior aclaratorio (07-05-2010), a SGHN-Ferrol insiste nos argumentos das alegacións que presentou hai dous anos (04-06-2007) ao Estudo de Impacto Ambiental e ao Plan de Restauración e polos que solicitou a paralización da tramitación de dito proxecto mineiro. Ademais, a SGHN-Ferrol subliña na denuncia que:

  • Transcorridos 39 meses do inicio da tramitación do proxecto debera entenderse que a solicitude foi denegada por silenzo administrativo hai case ano e medio, pois o artigo 26 da Lei 3/2008, de 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia establece un prazo de 12 meses para resolver as solicitudes.
  • As valoracións do Impacto Ambiental fanse unicamente sobre unha das dúas cuncas fluviais afectadas, a do Río Eume, omitindo a afección á cunca do Río Belelle, que sería a única irreversiblemente afectada de entrambas as dúas cuncas fluviais, xa que é no Rego Cernadas (o nacemento do Belelle) onde se ubica a zona perimetral do xacemento.
  • A forte pendente das abas do val do río Eume no que se ubicaría a escombreira exterior faría imposible a implantación das medidas correctoras indicadas no proxecto. Malia eso, no EIA non considerou ningunha outra alternativa de ubicación, vulnerando o establecido polo R.D.L. 1/2008 de avaliación de impacto ambiental de proxectos.
  • Tamén en contra do disposto no R.D.L. 1/2008 de avaliación de impacto ambiental de proxectos, no informe de avaliación ambiental non se detallan as repercusións negativas derivadas da execución do Proxecto sobre o Parque Natural das Fragas do Eume, incluído na Rede Natura 2000, situado a tan só 50 metros de distancia da zona da extracción.
  • A explotación mineira afectaría a amplas áreas de “queirogais e matogueiras de zona temperada de Erica ciliaris e Erica tetralix” que constitúen o hábitat prioritario número 4020 indicado na Directiva 97/62/CE.

¿É a andalucita un mineral estratéxico como pretenden algúns?

A andalucita, con fórmula química Al2SiO5, é un mineral da clase Silicatos, subclase Nesosilicatos, que se forma por metamorfismo en aureolas de contacto entre granitos e pizarras arxilosas, micáceas ou corneanas. Esporádicamente aparece asociado a procesos hidrotermais máis propicios á formación de xacementos. A etimoloxía do seu nome provén do de Andalucía, ó atribuirse erróneamente a esa rexión a orixe dos exemplares empregados por Werner e Delamétherie para definir o mineral; ditos exemplares procedían realmente de El Cardoso (Guadalajara).

A andalucita, e as súas variedades polimorfas sillimanita e distena, empréganse para a obtención de cerámicas refractarias que se utilizan na industria metalúrxica (revestimentos de fornos, moldes) e na fabricación de buxías. Tendo en conta os fins para os que se emprega e que, xunto coa República de Sudáfrica e Francia, España é un dos principais países productores destes minerais, non semella que a explotación do xacemento de andalucita ó carón do Parque Natural das Fragas do Eume poida xustificarse por ser un mineral estratéxico.

http://www.uclm.es/users/higueras/yymm/YM13.html#T13AndSilDist

http://www.uned.es/cristamine/fichas/andalucita/andalucita.htm

 

Andalucita