logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

Celebración do Día Mundial do Medio Ambiente e 25º aniversario do Parque Natural

Pésimo exemplo da Consellería de Medio Ambiente no PN de Corrubedo

Santiago de Compostela, 21-06-2017

O pasado 5 de xuño o Día Mundial do Medio Ambiente celebrouse oficialmente en Galicia no Parque Natural do Complexo dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixan (Ribeira, A Coruña), xa que coincidindo con esta data celebrábase o 25 aniversario da súa creación (Decreto 139/1992). O P.N. do Complexo Dunar de Corrubedo, un dos escasos Parques Naturais de Galicia e o único de ámbito litoral, acubilla nas súas reducidas 999 ha unha notable biodiversidade, polo que tamén foi declarado en distintos datas como Humidal de Importancia Internacional do Convenio de Ramsar, Espazo Protexido da Rede Natura 2000 (ZEC e ZEPA) e Espazo Natural Protexido derivada da a lexislación autonómica. Como se pode observar na ampla documentación gráfica sobre este acto publicada na prensa galega (máis...) o acto festivo organizado pola Xunta de Galicia:

  • Contou coa presenza de distintas autoridades (Presidente da Xunta de Galicia, Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Directora Xeral do Patrimonio Natural, Presidente da Xunta Consultiva do Parque Natural e outras) que dificilmente poden alegar descoñecemento sobre a normativa aplicable neste singular espazo.
  • Desenvolveuse na área contigua ao Centro de Interpretación do Litoral de Galicia (CIELGA) onde se instalaron diversas infraestruturas (palco ou carpa, toldos, mesas, bancos, etc) nunha área do ecosistema dunar (duna terciaria ou duna fixada, con vexetación natural de distintos tipos de hábitats arbustivos pero afectada en tempos recentes pola plantación de especies alleas como Pinus pinaster e Pinus radiata) que en parte viuse afectada polos lamentables e neglixentes incendios que arrasaron o Parque Natural nos veráns pasados, e que aínda se atopa en proceso de restauración ambiental tal e como se indica nos letreiros da Consellería de Medio Ambiente.
  • Contou cunha potente megafonía, homologable en potencia á de calquera verbena ou romaría, sendo utilizada de forma continua ao longo da mañá e durante toda a tarde, xunto con actuacións musicais,dun grupo de danza tradicional acompañado por gaiteiros, e escolares.
  • Incluíu un “refrixerio” con ampla subministración de comida e bebidas, incluídas as alcohólicas.
  • Incluíu unha inadecuada plantación de árbores sobre unha área do ecosistema dunar, elixindo especies que resultan incongruentes coas súas características ecolóxicas e botánicas, e que soamente contribúen a degradar estas áreas do ecosistema dunar. Precisamente estas zonas, que deberían ser protexidas e restauradas, foron polo contrario sometidas a unha intensa e inxustificada roza da vexetación nativa con eliminación dun gran número de elementos arbustivos, especialmente de Daphne gnidium, así como especies endémica como Angelica pachycarpa, respectando unicamente as especies arbóreas, a maioría delas alleas a estes ecosistemas (Pinus pinaster, Pinus radiata, etc).

A área onde se realizaron os actos do 25 Aniversario do Parque Natural intégrase completamente dentro da “ZONA-1 Area Litoral”, establecida no seu Plan de Ordenación dos Recursos Naturais (Decreto 148/1992), incumprindo:

  • O artigo 3 do PORN do Parque Natural de Corrubedo, que na ZONA-1 só permite actividades científicas e de uso público, estando estas últimas restrinxidas á área de praia e ao acceso á mesma a traverso dos camiños habilitados para ese efecto. O PORN restrinxe ademais a tipoloxía de actividades de uso público nestas áreas a actuacións de “paseo, baño, xogo, e actividades deportivas non permanentes” e non contempla nin as actividades musicais nin a organización de comidas campestres multitudinarias.
  • O artigo 3.5 do Decreto de Declaración do Parque Natural (Decreto 139/1992), que prohibe o uso de megáfonos ou de calquera instrumento de amplificación de son que perturbe a tranquilidade do parque. Esta prohibición, común na maioría dos espazos naturais europeos, recóllese igualmente no Plan Director da Rede Natura 2000 (Decreto 37/2014).
  • O Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia (Decreto 37/2014):
    • Que inclúe a área onde se celebraron os actos do 25 Aniversario do Parque Natural de Corrubedo na “ZONA-1 Area de Protección”, destinada prioritariamente á conservación dos compoñentes da biodiversidade e do patrimonio natural. Xa que logo non considera adecuada esta zona para levar a cabo actividades de “uso público” que supoñan a aglomeración de persoas ou que xeren perturbacións sobre o ecosistema, que deberían ser establecidas noutras áreas do espazo ou preferiblemente fóra deste.
    • Que prohibe, de forma taxativa e sen ningún tipo de excepción, o uso de megafonía, así como doutros aparellos de son que perturben a tranquilidade e a calma da fauna e do propio espazo natural (art. 61. 3. G. 2. VI).

Os actos organizados pola Xunta de Galicia o 05/06/2017 reflicten unha vez máis o nivel de descontrol e desinterese na protección da biodiversidade e o patrimonio natural de Galicia, por parte das persoas oficialmente encargadas (e remuneradas) de garantir a súa protección e conservación.Os “actos festivos” organizados en Corrubedo contrastan coa realidade dun Parque Natura que leva 25 anos soportando unha mala xestión (construcións de vivendas que nunca deberon ser autorizadas, falta de persoal dedicado a tarefas de conservación, xestión e vixilancia, falta de actuacións de restauración e control de ecosistemas, incrementos nos impactos na periferia do Parque Natural que afectan á conectividade e permeabilidade do sistema, falta de control de especies invasoras, etc.). Xestión que mesmo empiorou nos últimos dous anos ao suprimirse a figura do director conservador, reducirse o persoal no parque, reducirse os traballos de restauración, control e seguimento de hábitats e especies. Estas deficiencias se magnifican no referente ao uso público, de modo que na actualidade estase a vulnerar de forma continua a normativa vixente, con tránsito ilegal de persoas sobre a duna móbil, un dos ecosistemas máis fráxiles e máis valiosos de todo o litoral galego, así como a circulación e aparcadoiro indiscriminado de vehículos sobre áreas expresamente prohibidas. Ao respecto chama a atención que, mentres que a Xunta de Galicia reduciu considerablemente os efectivos de persoal e as medidas para controlar o masivo uso público do Parque Natural (máis de 200.000 persoas/ano), o alcalde de Ribeira siga empeñado, e así o manifestou no acto, en que se volva autorizar o pisoteo e alteración da duna móbil, unha proposta inasumible en calquera xestión racional dun espazo natural, máxime nun Parque Natural.

Pola súa gravidade estes feitos poderían ser constitutivos dunha acción tipificable como delito polo actual Código penal, así como unha grave infracción do deber de conservar e protexer os compoñentes da Rede Natura 2000, polo que ao abeiro da lexislación europea (Directiva 2003/4(CE), española (Lei 38/1995 e Lei 27/2006) e galega (Lei 1/1995) garante o dereito de acceso á información sobre o medio ambiente, SGHN ven de solicitar á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio (PDF):

  • O expediente completo en relación cos actos de celebración do 25 aniversario do Parque Natural de Corrubedo. Incluíndo especialmente as documentos e autorizacións emitidas polo órgano autonómico competente en materia de conservación da natureza a través dos servizos centrais da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e da Xefatura de Servizo de Parques Naturais, Xefatura Territorial de Medio Ambiente e o Servizo de Conservación da Natureza da Coruña, vinculadas coa realización das rozas, instalacións de infraestruturas de uso público (palco, toldos, mesas) e instalación do palco e megafonía.
  • Documentación xustificativa que acredite as medidas de xestión e uso público establecidas para o desenvolvemento do acto e a salvagarda dos valores da biodiversidade e do patrimonio natural. Identificando o persoal técnico responsable das mesmas, así como calquera informe emitido por éste antes, durante ou despois da celebración do acto.
  • Documentación dos gastos que puidese asumir a Xunta de Galicia e especialmente a Dirección Xeral de Patrimonio Natural en relación coa realización do acto: adecuación da zona, montaxe e desmontaxe das infraestruturas temporais, actuacións contratadas, instalación e elaboración de paneis ou documentos, subministración de bebida (incluidas as alcohólicas), comidas, así como de calquera material (árbores, camisetas, chapeus, etc). Indicando o importe, o proceso de contratación, así como o tipo de fondo e partida económica no que se asignaron estes gastos, ademais da persoa responsable na autorización dos mesmos.

Ademais, polo nefasto exemplo dado á cidadanía, involucrando mesmo ao propio Presidente da Xunta de Galicia, SGHN solicitou á Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio queproceda ao cese inmediato dos cargos de libre designación responsables da organización de ditos actos: Directora Xeral de Patrimonio Natural, así como da Xefa Territorial de Medio Ambiente da Coruña, Xefe do Servizo de Parques Naturais e Xefe do Servizo Provincial de Patrimonio Natural da Coruña.

 

Incendio no Parque Natural de Corrubedo

Santiago de Compostela, 17-08-2016

Dende a supresión da figura de Director e a instauración dunha xestión centralizada, os Parques Naturais entraron nunha vía morta e nin siquera puxeron en marcha as mínimas actuacións de xestión e control que desde hai anos viñan realizando.

No caso do PN de Corrubedo esta inacción materializouse na falta de control da vexetación nas vías de uso agrícola, a pesar da demanda dos veciños. Con respecto a anos anteriores, a presenza de axentes ambientais no Parque reduciuse moito e eliminouse a súa presenza continua nos puntos máis sensibles e de maior valor ambiental. Como consecuencia a acción dos desaprensivos e delincuentes ambientais incrementouse: a duna móbil sofre os efectos dun continuo pisoteo e os vehículos estaciónanse en moitos casos sobre hábitats protexidos, cando non obstruindo parcialmente os viais e impedindo o tránsito de vehículos de emerxencia.

Aa este negativo panorama uniuse a madrugada do pasado domingo día 7, un incendio intencionado arrasou unha superficie de máis de 70 ha, das que 27 ha atópanse situadas dentro do Parque Natural. Esta acción incendiaria criminal transformou en cinza unha importante superficie de piñeirais e eucaliptais establecidos sobre o ecosistema dunar que (malia a invasión de ditas árbores) atesouraba unha elevada diversidade de especies de flora e fauna. O lume cebouse igualmente sobre áreas de hábitats prioritarios como as dunas grises e a cintura de vexetación máis externa da marisma de Carregal. Ademais, a área afectada no Parque Natural inclúe 1 das 8 zonas de cría do anfibio máis ameazado de Galicia, o sapo de esporóns (Pelobates cultripes).

O incendio puso novamente de manifesto a deixadez e inacción dos responsables da DX de Conservación da Natureza, que non tomaron medidas para evitar a destrución da zona de cría de Pelobates cultripes e deixaron que os helicópteros contraincendios, en lugar de tomar a auga da zona mariña en total calma, o fixeran na lagoa de Vixan que se atopa no seu período máximo de estiaxe e estaba ocupada por numerosas especies de aves que observaban distintos grupos de persoas.

A falta habitual de control do uso público agudizouse durante o incendio nos aparcadoiros, nos que durante todo o domingo e o luns permitiuse a entrada de vehículos e visitantes (aos que ninguén informaba), a pesar de estar rodeados polas lapas e de ter que compartir un estreito viario (parcialmente obstruido polos coches aparcados) co tránsito dos camións contraincendios.

Unha vez controlado o incendio tampouco se viu ningunha actuación sobre as áreas queimadas, que nin se balizaron nin protexeron da presión dos visitantes e os seus vehículos, unhas mínimas accións de cautela habitualmente adoptadas cando un incendio forestal afectaba a unha zona de elevado valor ambiental. Ata o momento ningún responsable da DX de Conservación da Natureza realizou unha valoración precisa e obxectiva dos danos nin manifestrou as medidas que pensan desenvolver a curto ou medio prazo.

Por todo o devandito, SGHN ven de dirixirse á Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio para pedirlle que:

  • Leve a cabo todas as investigacións necesarias para identificar os culpables deste delito ambiental para que respondan das súas accións diante os tribunais de xustiza.
  • Iimplemente outro modelo na xestión das áreas protexidas, baseado no cumprimento da normativa ambiental, nos principios de cautela e de precaución, e por conseguinte nunha xestión máis eficiente, profesional, sustentable e participativa dos recursos naturais e da biodiversidade de Galicia.