logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

Celebración dunha proba "alegal" de 4x4 no P.N. Baixa Limia - Serra do Xurés

Ourense, 07-04-2016

Na pasada fin de semana realizouse unha proba con vehículos 4X4 no Parque Natural Baixa Limia Serra do Xurés cun itinerario que transcurriu por áreas cualificadas como ZPDG-A1 (Alta Serra do Xurés en Lobios e Barranco de Cruz do Touro en Lobios) e como ZPDG-A (Alta Serra do Xurés en Lobios e Serra de Santa Eufemia) segundo o PORN do Parque Natural Baixa Limia Serra do Xurés (Decreto 64/2009, artigo 46º c.1, e Decreto 401/2009), e recoñecidos tamén con esa cualificación polo Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia (Decreto 37/2014, Anexo II, artigos 4º, 15º, e 24º).

Pero o PORN do Parque Natural Baixa Limia Serra do Xurés (Decreto 64/2009, artigo 46º c.1) establece como viais de acceso restrinxido a totalidade das pistas existentes na subzona ZPDG-A1 (Alta Serra do Xurés en Lobios e Muíños, o Barranco de Cruz do Touro en Lobios e o Barranco de Olelas en Entrimo) dentro da zona de interese prioritario para a conservación (ZPDG-A) e o Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia (Decreto 37/2014, Anexo II, artigo 61º) establece que a circulación de vehículos relacionada con actividades recreativas en viais de acceso restrinxido é unha actividade prohibida.

A vista destes feitos, SGHN ven de solicitar á D.X. de Conservación da Natureza (PDF) información sobre se a proba contou cós informes administrativos preceptivos e:

  • En caso afirmativo, facilite a SGHN copia de todos eles para coñecer os criterios técnicos, legais e ambientais empregados para autorizar o desenvolvemento desta actividade nunha zona declarada Parque Natural e ZEPA, máxime cando estamos xa en temporada de reproducción da fauna.
  • En caso negativo, informe á SGHN sobre as actuacións iniciadas contra os organizadores e participantes

Ademais, SGHN demanda á D.X. de Conservación da Natureza que lle facilite as avaliacións que teña realizadas sobre os efectos da proba no estado de conservación dos hábitats do anexo I da DC 92/43/CEE, das áreas prioritarias de conservación das especies dos anexos II e IV da DC 92/43/CEEE, especies de aves migratorias e aves do anexo I da DC 79/409/CEE, especies incluídas no Catálogo nacional de especies ameazadas e no Catálogo galego de especies ameazadas.

Por último, SGHN desexa coñecer a valoración dos danos que a proba puidera ter causado nas infraestruturas do Parque Natural e solicitá á D.X. de Conservación da Natureza que adopte todas as medidas necesarias para delimitar o uso público adecuando a zonificación e uso e o sinalice adecuadamente.