O Monte Pindo no Concello de Carnota presenta 8 especies vexetais protexidas pola lexislación galega, 5 hábitats protexidos pola Directiva Europea 92/43/CE e 12 especies de fauna protexidas polos distintos Libros Vermellos da Fauna do Estado Español, según o documento elaborado que foi revisado na súa parte botánica por Xavier Amigo Vázquez, Profesor de Botánica da USC e, na súa parte faunística por Pedro Galán Regalado, Profesor de Zooloxía da UAC. Ademais destácase a importancia xeolóxica dunha área que está clasificada Punto de Interese Xeolóxico do estado español (PIG-C-115) polo seu abrupto relevo de rochas graníticas que acada o 628 metros de altitude na Moa a pesar de situarse á beira do mar.
A isto hai que engadir abundantes restos patrimoniais medievais e o seu carácter de lugar simbólico que Otero Pedrayo denominou como “Olimpo Celta” no que as rochas adquiren significados míticos como a coñecida como “O Guerreiro” entre outras.
O abrupto e rochoso do terreo fai que estea no seu interior por completo despoboado xa que as aldeas están situadas nas beiras do monte. Tampouco existen aproveitamentos económicos destacables a parte do turismo no interior do Monte Pindo. |