logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

Accidente fatal na praia das Catedrais: crónica dun risco anunciado

Santiago, 02-04-2018

Con data 10-10-2014 (Entrada 22436 / RX 1170562), en escrito dirixido á entón Directora Xeral de Conservación da Natureza (hoxe Directora Xeral de Patrimonio Natural), SGHN presentou as súas alegacións ao documento preliminar do"Plan de Conservación do Monumento Natural da praia de As Catedrais". De seguido extráctanse dous parágrafos do documento, que está accesible dende entón na web de SGHN (PDF).

SOBRE A SITUACIÓN ACTUAL DO MONUMENTO NATURAL

  • “Como consecuencia da dinámica climática global e dos propios procesos evolutivos dos materiais xeolóxicos, detectáronse nos últimos anos caídas de pedras provenientes dos arcos e columnas pétreas, a estabilidade das cales podería estar comprometida.”
SOBRE O PLAN DE CONSERVACIÓN DO MONUMENTO NATURAL

4. Calidade e rigor do documento

  • “Xea: malia que probablemente o elemento ambiental máis singular de As Catedrais sexan os seus compoñentes xeolóxicos e xeomorfolóxicos, o Plan carece dunha mínima diagnose sobre os mesmos. A singularidade destes elementos, e a súa preservación a curto ou medio prazo debe pasar por unha análise sobre a estabilidade dos distintos elementos, identificando os problemas que inciden sobre eles, os posibles riscos, os posibles efectos que poderían repercutir no uso público do espazo, e as medidas concretas para asegurar a súa preservación e estabilidade."

Como en tantas ocasións anteriores, as suxerencias e alegacións de SGHN foron completamente ignoradas. Nunca saberemos si, de habelas tido en conta, se houbera podido evitar o accidente que agora lamentamos.

Plan de Conservación do Monumento Natural "Praia das Catedrais"

Santiago-Lugo, 20-10-2014

O Monumento Natural Praia das Catedrais. creado mediante o Decreto 11/2005, recibe anualmente un elevado número de visitantes que, froito dunha deficiente xestión do uso público, desemboca nunha presenza descontrolada que afecta de xeito moi negativo e significativo tanto á percepción que os visitantes teñen do espazo natural, como á propia conservación dos valores ambientais que motivaron a súa protección legal. Estes problemas débense en boa medida a:
  • Unha deficiente delimitación que restrinxiu o M.N. das Catedrais a unha superficie de apenas 28,94 ha (entre medio terrestre e mariño) e cun límite oriental coincidente co Dominio Público Marítimo Terrestre (DPMT), que zigzaguea polo cumio do acantilado deixando fóra áreas de grande valor xeolóxico - ambiental e dificultando enormemente a planificación racional do espazo.
  • Un conxunto de elementos artificiais mal concibidos (escaleira de baixada á praia, aparcadoiros, área recreativa, sendeiros e outras áreas artificializadas) que ocupan abusivamente máis dunha cuarta parte da superficie terrestre do espazo e que constitúen unha degradación paisaxística, estética e de conservación.

Como “tarxeta de presentación” do M.N. das Catedrais os visitantes atópanse con:

  • Unha área adicada á restauración cunha construción discordante coa paisaxe, a escasos 50 m do mar e cun xardín onde medran sen pudor varias especies catalogadas como invasoras polo RD 630/2013.
  • Un conxunto de postos de venda ambulante, ilegais segundo a normativa do Concello de Ribadeo e a Lei 42/2007.
  • Carteis publicitarios, incluído o uso de vehículos con propaganda, nos propios aparcadoiros ou na beirarrúa.
  • A inexistencia da máis mínima documentación sobre os valores do Monumento Natural, con indicacións e recomendacións para a visita.
  • Cunha rasante artificial formada por terra e entullos dentro do DPMT no treito de acantilado que discorre ao Leste da escaleira de acceso á praia.

En amplas zonas declaradas Monumento Natural e Zona Especial de Conservación (ZEC) e noutras que son só ZEC, o pisoteo descontrolado polos visitantes eliminou totalmente os hábitats prioritarios (o que supón un grave incumprimento da DC 92/43/CEE e da Lei 42/2007) e desencadenou a erosión do solo.

Como consecuencia da dinámica climática global e dos propios procesos evolutivos dos materiais xeolóxicos, detectáronse nos últimos anos caídas de pedras provenientes dos arcos e columnas pétreas, a estabilidade das cales podería estar comprometida.

Boa parte dos problemas que afectan ao M.N. de As Catedrais solucionaríanse facendo cumprir a lexislación vixente: Decreto 11/2005, Lei 9/2001, Lei 42/2007 (especialmente, o artigo 33.3), R.D. 630/2013 e DC 92/43/CEE e o resto resolveríanse elaborando e aplicando un Plan de Uso Público racional, sostible e comprometido cos obxectivos de conservación do espazo natural.

Imaxes coma a da esquerda, tomada en 1990, son case imposibles de obter na actualidade pola avalancha incontrolada de visitantes.

Pero o proceso de elaboración do Plan de xestión do M.N. As Catedrais (PDF) é de carácter impositivo (de arriba - abaixo) e nel non se buscou o diálogo, nin a participación pública, máis alá dos mínimos legais, cun prazo para presentación de alegacións de só 15 días naturais. Ademais, o documento sometido a información pública:

  • Amosa graves deficiencias e carencias de información, non cumprindo os mínimos de calidade esixible a un documento técnico.
  • Baséase nunha análise deficiente da capacidade de carga, a partires dos datos obtidos en dúas únicas xornadas de visita ao espazo.
  • A normativa non resulta axeitada.
  • A proposta de transformación do uso público nunha actividade de carácter administrativa e suxeita a unha autorización telemática non foi convenientemente definida e menos aínda contrastada, a súa posta en marcha pode afectar moi negativamente ao turismo de A Mariña, ademais de crear graves problemas en relación coa xestión do ZEC Ás Catedrais e o acceso público ao DPMT.
  • O documento carece de medidas concretas de actuación, de orzamentos e de cronograma.

Por todo o devandito, SGHN solicitou nas súas alegacións (PDF) que se retire o documento e que a DXCN aborde de forma mais participativa (abaixo - arriba) a elaboración dun novo plan coa tipoloxía dun Plan de Ordenación dos Recursos Naturais, empregando como área mínima de planificación o límite da ZEC Ás Catedrais e as zonas non catalogadas como área protexidas lindantes co actual Monumento Natural, chegando ata a liña do FEVE.