logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

Anteproxecto de Lei do patrimonio natural de Galicia

Santiago de Compostela, 22-03-2017

No trámite de audiencia no procedemento para a elaboración da Lei do Patrimonio natural de Galicia, SGHN presentou as súas alegacións e suxerencias (PDF), con propostas de modificación para 88 dos seus 135 artigos, así como 24 comentarios xerais entre os que compre salientar os seguintes

  • A nova Lei non mellora o marco de protección ambiental establecido pola lexislación da Unión Europea (Directiva 2009/147/CE, DC 92/43/CEE) e Estatal (Lei 42/2007), e mesmo pretende diminuila, cun posible incumprimento da normativa estatal e europea.
  • Minimízase a importancia da Rede Natura 2000 na protección e conservación dos compoñentes da biodiversidade e do patrimonio natural galego.
  • Limítase a posibilidade de declarar novos espazos naturais en solos clasificados como urbanos, sen avaliar as repercusións desta decisión para garantir un estado de conservación favorable dos compoñentes da biodiversidade e do patrimonio natural, pois dentro dos espazos naturais protexidos de Galicia se atopan na actualidade solos urbanos delimitados sobre sistemas dunares, brañas, bosques naturais, etc.
  • Elimínase a posibilidade de tanteo e retracto nos espazos da Rede Natura 2000, tanto naqueles que de acordo coa vixente normativa (Lei 9/2001) xa a posúen, como nos futuros espazos que se poidan designar.
  • Devalúase a importancia dos humidais en Galicia e óbviase calquera referencia á necesidade da súa conservación, catalogación e monitoreo e omítese calquera referencia á prohibición que sobre o uso e tenza de munición de chumbo nos humidais se establece na lexislación estatal.
  • Óbviase a importancia do medio mariño en Galicia, eliminando a posibilidade de declarar espazos baixo a figura de Área Mariña Protexida, establecida na lexislación estatal, e non incluída no borrador da norma galega.
  • Óbviase a importancia da xeodiversidade e dos seus distintos compoñentes.
  • Limítase a posibilidade de declarar novos parques a unha superficia mínima (10.000 ha) que carece de ningún tipo de xustificación científica ou técnica (duplica a establecida na lexislación estatal para os Parques Nacionais!!!) e que de aplicarse con efectos retroactivos obrigaría a descatalogar 5 dos 6 Parques Naturais de Galicia.
  • A xestión dos espazos naturais e dos compoñentes da biodiversidade e do patrimonio natural segue supeditada a cargos políticos sen contar cós criterios dos cadros técnicos, á gardaría e os vixiantes ambientais restando capacidade e independencia aos técnicos, vixiantes e gardas.
  • Plantéxase a nova figura de Microrreserva con "data de caducidade" e integrada dentro das Reservas Naturais o cal, xunto coas condicións outorgadas a estas, farían imposible o desenvolvemento efectivo desta figura.
  • Altéranse e esváense os obxectivos, procedementos e salvagardas de conservación que afectan aos espazos naturais da Rede Natura 2000, minimizando e ninguneando a normativa europea (DC 92/43/CEE) e estatal (Lei 42/2007).
  • Amosa unha formulación moi reduccionista en relación coa necesidade de inventariar, monitorizar e avaliar os diversos compoñentes do Patrimonio Natural, contemplando soamente estas accións para algúns dos compoñentes.
  • O artigo 2 da Lei formula a mellora do coñecemento científico como base da conservación do patrimonio natural e da biodiversidade, en coordinación coas universidades galegas e demais institucións de investigación públicas ou privadas, pero este loable propósito esquécese no resto do articulado.
  • Non contempla a realización e posta en marcha do imprescindible Catálogo de Especies Exóticas Invasoras.
  • Non fai referencia algunha ao Observatorio Galego da Biodiversidade e/ou o COGAMADS.
  • Bótase en falla que a Lei estableza de forma nítida que a Xunta de Galicia non poderá subvencionar ningún tipo de medida que poida afectar á integridade dos espazos naturais ou ao estado de conservación dos compoñentes da biodiversidade e xeodiversidade.
  • Bótase en falla unha estratexia clara de apoio ás entidades de custodia do territorio.

Por todas estas razóns, SGHN considera que o anteproxecto de Lei do Patrimonio Natural será incapaz de frear a perda de biodiversidade que sofre Galicia e demanda unha revisión do mesmo en profundidade.