logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

LIC e ZEPA de Pena Trevinca

 

Denuncia de SGHN diante do Comisario Europeo de Medio Ambiente

Pena Trevinca: 4 Directivas Europeas incumpridas

Ourense, Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2013

Hai 11 anos a Consellería de Medio Ambiente iniciou o procedemento de elaboración do Plan de Ordenación de Recursos Naturais (PORNa) de Pena Trevinca (Orde do 19-04-2002) polo que dende entón está legalmente prohibida “a realización de actos que supoñan unha transformación sensible da realidade física ou biolóxica” do espazo natural de Pena Trevinca (Orde do 19-04-2002; Lei 4/1989; Lei 42/2007).

Hai 6 anos a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible licitou a contratación da redacción do PORNa do LIC Pena Trevinca cun prazo de execución de 14 meses e un orzamento base de 87.000 euros (DOG nº 110, do 08-07-2007 e nº 131, do 06-07-2007). Dita contratación adxudicouse por Resolución do 07-04-2009, cun 70% de cofinanciación da Unión Europea (DOG nº 41, do 28-02-2012).

Rematado hai 3 anos o prazo e pagada a asistencia técnica con fondos europeos, o PORNa de Pena Trevinca aínda non se aprobou e nin siquera se someteu a información pública. Aínda máis a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas non respostou ao escrito de SGHN de 26-11-2012 (PDF) solicitándolle que informase a SGHN sobre o estado actual de tramitación do PORNa de Pena Trevinca e que detivese a destrución do LIC e ZEPA de Pena Trevinca polas explotacións de lousa a ceo aberto (máis...).

O silencio por resposta da CMATI supón un incumprimento da Directiva 2003/4/CE do Parlamento Europeo e do Consejo, de 28-01-2003, relativa ao acceso do público á información medioambiental. A deixación de funcións da CMATI, quedando de facto desprotexida a ZEPA e LIC Pena Trevinca, constitúe un incumprimento flagrante da Directiva 92/43/CEE do Consello, de 21-05-1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres e da Directiva 2009/147/CE do Parlamento Europeo e do Consello, de 30-11-2009, relativa á conservación das aves silvestres. Ademais, a deixación de funcións da CMATI e da Confederación Hidrográfica do Miño Sil (hai 6 km de cauces fluviais desaparecidos pola explotacións de lousa) incumpre a Directiva 2000/60/CE do Parlamento Europeo e do Consello, de 23-10-2000, pola que se establece un marco comunitario de actuación no ámbito da política de aguas.

Por todos estes motivos, SGHN ven de denunciar a situación do LIC e ZEPA de Pena Trevinca, co incumprimento das devanditas catro Directivas, diante do Comisario Europeo de Medio Ambiente (PDF).

Foxo Castaño no LIC-ZEPA Pena Trevinca

Imaxes: Pena Trevinca cuberta de neve (esquerda) e entulleira dunha louseira ameazando a ermida de San Cosme (dereita) fronte ao pobo de Casoio.

 

"Un claro exemplo de visión estreita e fanática pola conservación a toda costa"

Fotografía: Imaxe aérea das canteiras de lousa a ceo aberto nos arredores de Casaio
obtida do SIGPAC (Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente).

Santiago, Ourense, 27-11-2012

Pois si, ao consideralo "Un claro ejemplo de visión estrecha y fanática por la conservación a toda costa para el desarrollo turístico de sus provincias", Pizarras San Gil, S.L. presentou en 2002 un Recurso Contencioso-Administrativo contra a Orde do 19-04-2002 da Consellería de Medio Ambiente pola que se iniciou o Plan de Ordenación de Recursos Naturais (PORNa) de Pena Trevinca.

Ademáis de polo mencionado "argumento", o recurso de Pizarras San Gil, S.L. resulta especialmente rechamante porque - mentres os louseiros non estaban a investir nada na legalmente obrigatoria restauración ambiental das zonas explotadas - alardeaban de que o sector da pizarra en Ourense facturaba daquela 35.000 millóns de pesetas para a exportación e case 6.000 millóns para o mercado nacional (cero pesetas para restauración ambiental = maiores beneficios empresariais). Tamén sorprende o recurso porque o 10-07-2001 a Xunta de Galicia, o Ministerio de Medio Ambiente, a Confederación Hidrográfica de Norte e a Asociación Galega de Pizarristas asinaron un Protocolo General de Colaboración cunhas condicións extraordinariamente vantaxosas para os pizarristas: a Confederación (con fondos FEDER da UE) pagaría un 70% dos gastos da restauración hidrolóxico-forestal das xigantescas escombreiras das louseiras, a Xunta un 10% e as empresas tan só un 20%. Esa distribución de gastos mantívose tamén no Convenio para a asistencia técnica á dirección dos proxectos e obras das actuacións de restauración hidrolóxico-forestal, pero para a execución das obras a cofinanciación FEDER subiu ata o 75% (ver páx. 154-157 do Programa Operativo Integrado de Galicia 2000-06).

Fotografías: Escombreiras das louseiras de Casaio, que ameazan mesmo o patrimonio cultural, como a ermida de San Cosme (a dereita) fronte ao pobo de Casoio.

 

O Recurso de Pizarras San Gil, S.L. desestimouno a Sá do Contencioso-Administrativo co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia mediante sentenza de 20-04-2005, pero o PORNa de Pena Trevinca quedou nun caixón ata que o 01-06-2007 a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible licitou a contratación dunha asistencia técnica para a súa redacción nun prazo de 14 meses e cun orzamento de 87.000 euros (DOG do 08-06-2007 e DOG do 06-07-2007).

Case dous anos, nada menos, tardou a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas en adxudicar a contratación da asistencia técnica, o cal fixo finalmente o 07-04-2009, cun 70% de cofinanciamento FEDER (ver).

A día de hoxe, tres Conselleiros de Medio Ambiente despois, transcorridos máis de 10 anos dende que se iniciase o procedemento de elaboración e máis de 2 anos dende que rematase o prazo para a súa redacción, aínda non se aprobou e nin siquera se someteu a información pública o PORNa de Pena Trevinca. De todos os xeitos, en virtude da Orde do 19-04-2002 da Consellería de Medio Ambiente, do artigo 7 da Lei 4/1989 e do artigo 22 da Lei 42/2007, dende o 20-04-2002 está legalmente prohibida “a realización de actos que supoñan unha transformación sensible da realidade física ou biolóxica” do espazo natural de Pena Trevinca.

Iso é o que din as leis, pero a realidade é moi diferente. De acordo coa documentación gráfica de acceso libre dispoñible no SIGPAC do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (imáxenes-ortofotos e capas vectoriais de LICs e ZEPAs), na actualidade:

  • Alomenos 12 ha do LIC e ZEPA de Pena Trevinca foron xa destruidas por explotacións mineiras a ceo aberto de pizarra: 2,15 ha por escombreiras da louseira que ocupa a zona de Os Fiolos, O Osperón, Amproa e Os Mallos e 9,43 ha por escombreiras e a propia explotación de lousa que ocupa a zona de “Alto do Campo” no límite entre Ourense e León (polígonos resaltados en vermello, respectivamente, nas dúas fotos da columna esquerda).
  • A escombreira da louseira que ocupa as zonas “A Carba”, “Ana da Vacas” e Vindideiras na ladeira NO do Alto das Chás sitúase xa a 10 m do límite do LIC Pena Trevinca.
  • Hai alomenos 6 km de cauces fluviais literalmente desaparecidos: 2 km do río San Xil, 3,5 km do río Valborrás e 0,5 km do rio Casoio augas abaixo da confluencia dos ríos San Xil e Valborrás (treitos en azul claro na imaxe de abaixo á dereita).

E por si 6 km de ríos destruidos foran pouco, agora os pizarreiros pretenden tamén desviar cauces fluviais para "acoller escombros"; o pior é que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, que debera defender os nosos ríos, seica é "receptiva á idea".

Por todo o anterior, SGHN ven de solicitar á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (PDF):

  • Que informe sobre o estado actual de tramitación do “Plan de ordenación dos recursos naturais e do medio físico do lugar de importancia comunitaria (LIC) e zona de especial protección dos valores naturais (ZPPVN) denominado Pena Trevinca (Ourense)” e os plazos previstos para a súa aprobación.
  • Que comece de inmediato as accións administrativas e legais necesarias para:
    • Deter a destrución do LIC e ZEPA de Pena Trevinca polas explotacións de lousa a ceo aberto.
    • Esixir a reposición de legalidade vixente.

Arriba

 

PROXECTO DE ESTACIÓN DE ESQUÍ EN PENA TREVINCA
Actuacións da SGHN-Ourense

De seguido transcríbese o informe que a S.G.H.N.-Delegación Ourense remiteu o 14-11-2001 ó Ministerio de Medio Ambiente, o 28-11-2001 ó Ministerio de Pesca y Alimentación e o 08-02-2002 á Deputación Provincial de Ourense en relación ó Proxecto de estación de esquí en Pena Trevinca (Ourense):

Dende o ano 2000, un particular tenta por tódolos medios vender á opinión pública un proxecto denominado “Estación de Esquí e Montaña en Peña Trevinca (A Veiga, Ourense)” e "garantiza" o éxito económico do proxecto, a creación de postos de traballo e o respeto para o medio ambiente. Como iste proxecto se ubica nuha zona ourensana de alta montańa con valores naturais relevantes, a Delegación da Sociedade Galega de Historia Natural en Ourense realizou a seguinte análisis baseada na información recollida nos medios de comunicación social, entrevistas e datos propios.

1. Antecedentes

1.1. Custe do proxecto

Nun principio falouse dun investimento de 6000 millóns de pesetas, que logo se reduciron a 4000, aínda que ó parecer serían 4.500 a investir en dúas fases. Para conseguir esta cantidade, o autor do proxecto propón formar unha entidade xurídica cun capital social de 1000 millóns de pesetas que aportarían: as Comunidades Autónomas de Galicia e Castela-León; as Deputacions de Ourense e Zamora; os Concellos de A Veiga e Porto, a Comunidade veciñal e outras persoas físicas e xurídicas. Así, a Comunidade veciñal aportaría o 5% en terreos, a iniciativa privada o 10-20% e as entidades públicas, o 75-85% restante.

Dise que o investimento estimado para a 1ª fase é de 3.200 millons de pesetas, dos cales un 40% (aprox. 1.300 millons) preténdense extraer de subvencións oficiais (Fondos Europeos, Estado, Autonomías) e o 60% restante (aprox. 1.900 millóns) de “Aportacións” financiadas con créditos e hipotecas.

Trevincas

1.2. Postos de traballo

Prométense 80 directos e máis de 240 indirectos. Sen embargo afírmase que a explotación funcionaría 150 días o ano como máximo; con 100 días de baixa actividade e 50 de alta. O persoal necesario calculado é de 30 persoas para o período baixo e 60 para o alto.

1.3. Respeto para o medio ambiente

A estación de esquí situaríase no lugar denominado “O Chouzo do Escabadoiro” (U.T.M. 29TPG8078), no concello ourensano de A Veiga, o sur do de Carballeda de Valdeorras e o oeste do zamorano de Porto. Para chegar a esta paraxe o promotor pretende que se abran tres novas estradas cunha lonxitude total de 23,5 km e unha explanación de ata 14 m; nalgunha a pendente acadaría o 10%.

Ademáis tenderíanse 20 km de líñas eléctricas, xunto cos transformadores correspondentes e construiríanse edificios, depósitos, viais, dezaoito ou dezanove pistas de esquí, un heliporto e un aparcamento para 1600 veículos (1.500 particulares e 60 autobuses). Este gran aparcamento da idea da magnitude das obras a realizar tendo en conta que equivale a 19 ou 20 campos de fútbol.

A auga potable captaríase dos mananciais existentes nos cumios de “O Xencianal” e a destinada ó uso industrial extraeríase do río Xares. Para almacena-las enormes cantidades que precisa a estación, construiríanse grandes depósitos.

As augas residuais trataríanse nunha depuradora dimensionada para unha poboación de 2.500 habitantes. A depuradora vertería no río Xares, ó que tamén irían a parar as augas pluviais e as de escorrentía.

A superficie total ocupada sería de 600 ha, algo menos que a urbana correspondente a capitalidade provincial que é de 880 ha. En canto á afluencia humana manexase a cifra de 250.000 persoas por ano, coa presencia diaria de 3000 ou 7500, segúndo as fontes. Conven suliñar que o concello de A Veiga, cunha superficie de 29.049 ha, ten unha poboación de 1498 habitantes, cunha densidade de 5,1 por km2.

Teixedal

2. Discusión

2.1. Custe do proxecto

Na entidade xurídica que pretende crear o promotor para poñer en marcha o proxecto, o investimento inicial privado é dun 10 a un 20%; o resto é diñeiro público de institucions ás que se lles fixa unha cota en función da súa influencia e peso político. A forzada inclusión da Comunidade veciñal, que é unha entidade xurídica privada, resulta obligada por se-la propietaria dos terreos comunais nos que se pretende ubicar a explotación de esquí. A súa aportación en terreos valórase en 50 millóns de pesetas, equivalentes o 5% dos 1.000 millóns iniciais.

Así, descontando a participación veciñal, o investimento público sería dun 75 a un 85%. Ó parecer ista porcentaxe descendería ó 40% no transcurso da denominada 1ª fase do proxecto, baseándose nas hipotecas sobre as obras realizadas cos 950 millóns iniciais e con créditos bancarios. En canto á necesidade destes créditos e hipotecas non queda clara se como se afirma hai un grupo de inversores locais que xa teñen cubertos 4.000 millóns de pesetas.

A participación da Junta de Castilla-León non parece consolidada e, pola súa banda, a Comunidade veciñal esixe o pago anual de 20 millóns de pesetas como arrendamento dos terreos, cantidade que o promotor considera imposible de pagar co volumen de ingresos previsto.

2.2. Postos de traballo

Dos que se indican, seis corresponden á dirección; o que representa o 10% do total en tempada alta e o 20% en tempada baixa. Estos postos directivos considéranse fixos e aproximadamente representan o 33% dos soldos do persoal.

2.3. Efectos sobre o medio ambiente

A estación de esquí ubícase na zona de maior altitude de Galicia, característica que, ata agora, mantivoa relativamente illada e conservada. Os impactos negativos que a explotación xeneraría sobre a xea, flora e fauna virían determinados, mentras se desenvolven as obras, en primeiro lugar polos movementos de terras e as ocupacións de solo para a urbanización propiamente dita, as pistas de esquí e os remontes; en total unhas 80-100 ha. Ademáis existe unha zona de influencia doutras 500-520 ha, tamén afectada por edificacións de varias clases, captacións de agua, depósitos, viais e estradas.

Os impactos inciden directamente sobre aspectos físicos tan importantes como os cumios, as cabeceiras e concas dos ríos Xares e Bibei e as lagoas glaciais que aínda se conservan. Entre os impactos cumpre salientar os seguintes:

  • Pena Negra (2119 m de altitude s.n.m.): instalación de telesilla cuatriplaza e hangar.
  • Pena Trevinca (2127 m de altitude s.n.m.): instalación de telesilla cuatriplaza e hangar.
  • Cumios de O Xencianal (2029, 2039, 2028 y 2042 m de altitude s.n.m.): captación de mananciais de augua potable; construcción dun depósito de 500 m3; construcción dun edificio para tratamento e bombeo. Estos cumios distan uns 600 m. en dirección S.O de Pena Trevinca.
  • Alto da Xurbía (2053 m de altitude s.n.m.): instalación de telesilla cuatriplaza e hangar.
  • Piatorta (2010 m apróx. de altitude s.n.m.): instalación de telesilla cuatriplaza e hangar
  • Zona intermedia entre Pena Negra e Pena Trevinca: construcción de edificio, cafetería, fosa séptica; depósito de 15.000 m3 para auga industrial; compresores, circuitos e 80 canóns de auga. Edificio Pico: Cafetería, fosa séptica, garaxe para motos de neve. Edificio en zona de ampliación: similar ó anterior.
  • Río Xares: Unha ponte para o vial da urbanización; pistas de esquí e catro pontóns para as mesmas; captación de auga industrial; depuradora na marxe esquerda, no límite perimetral da estación; urbanización de 500 m de marxes. Ó río verterían directamente as augas pluviais e as de escorrentía.
  • Regato da Xurbía: construcción dun pontón para a pista de esquí e a propia pista.
  • Regato do Escabadoiro: canalización e reforma á entrada da estación. Ó regato verterían directamente as augas pluviais e as de escorrentía.
  • Río Bibei: Afectado o río e toda a súa conca dende o pobo de Porto (Zamora) por unha das estradas de nova construcción para o acceso á estación.
  • Lagoas de O Celo e A Serpe: Afectadas por unha das estradas de nova construcción para o acceso á estación.
  • Lagoas de Piatorta: afectadas polo trasego de persoas.
Lagoa_da_Serpe
Cumpre salientar que os cumios afectados por obras e instalacións son os máis notables do Macizo, ó que dan nome, e constitúen a práctica totalidade das existentes na superficie delimitada para a estación. Unha das obras previstas, o depósito de 15.000 m3, equivale a unha construcción que ocupase a metade dun campo de fútbol con tres metros de altura. Hai que considerar, ademáis, os verquidos e escombreiras xenerados polas obras e as repoboacións con especies botánicas exóticas ou foráneas para xardinería e arborado de adorno.

Na fase de explotación, xunto coas ocupacións xa realizadas, os impactos serían producidos polo tráfico automóbil ó longo das estradas de acceso e na estación, con vertebrados atropellados, contaminación, ruido e lixo, engadido ó que xeneraría a elevada presencia humana, con pisoteo de grandes superficies, ruido e desperdicios. Ó respecto hai que indicar que a xeneración prevista de residuos sólidos urbáns é de 3-8 Tm/día.

2.4. Efectos sobre a fauna e flora

No Macizo contabilizáronse 1 peixe, 12 anfibios, 13 réptiles, 100 aves e 36 mamíferos. Para algúns anfibios Trevinca sinala o límite altitudinal da súa distribución coñecida; hai un endemismo monotípico como é a Salamantica galega (Chioglossa lusitanica), que acada na zona os 1.300 m. Outro endemismo ibérico, o Limpafoantes común (Lissotriton boscai), chega ós 1600 m.; o Limpafontes verde (Triturus marmoratus) está presente ata os 1.700, a Rá patilonga (Rana iberica), a Estroza (Hyla arborea) e a Rá verde (Pelophylax perezi) ata os 1.800 e o Sapo correqueiro (Bufo calamita), o Sapo cunqueiro (Bufo bufo) e a Rá vermella (Rana temporaria), que chegan ós 1.900 m.

Tamén os réptiles están presentes en Trevinca, con varios endemismos, como o Lagarto das silvas (Lacerta schreiberi), ata os 1500 m, a Lagartixa da serra (Iberolacerta monticola, presente dende os 1400 m) e a Lagartixa galega (Podarcis bocagei), que acada no Macizo os 1850 m de altitude. Existen ademáis outras especies eurosiberianas como a Cobra lagarteira común (Coronella austriaca), e mediterráneas como o Lagarto arnal (Timon lepidus), o Esgonzo común (Chalcides chalcides), a Cobra rateira (Malpolon monspessulanus), a Cobra lagarteira meridional (Coronella girondica) e a Víbora de Seoane (Vipera seoanei cantabrica).

Entre as aves destaca a presencia da Águia real (Aquila chrysaetos), o Butre leonado (Gyps fulvus), a Perdíz charrela (Perdix perdix) ó bordo da extinción, o Búfo real (Bufo bufo) en idéntica situación que a anterior, o Merlo rubio (Monticola saxatiles), a Choia biquivermella (Pyrrhocorax pyrrhocorax), a Gralla cereixeira (Corvus monedula) e o Corvo viaraz (Corax corax). O Somorgullo pequeno (Tachybaptus ruficollis) aniña na Lagoa de O Celo, xa no límite altitudinal da especie polo que a súa cría pode considerarse como excepcional. Nesta lagoa tamén está presente o Alavanco real (Anas platyrhynchos).

En canto ós mamíferos destacan o Lobo (Canis lupus), o Raposo (Vulpes vulpes,) o Armińo (Mustela erminea), o Tourón (Mustela putorius), a Marta (Martes martes), a Garduña (Martes foina), o Teixugo (Meles meles), a Londra (Lutra lutra), a Algaria (Genetta genetta), o Gato bravo (Felis silvestris), o Porco bravo (Sus scrofa) e o Corzo (Capreolus capreolus).

Na flora hai que sinala-la presencia de numerosos taxóns con maior ou menor grado de endemismo. Ó respecto indícanse unhos 25-30, dos cales polo menos 12 serían endemismos exclusivos de Trevinca. Na realidade o coñecemento actual e a investigación das especies botánicas, neste e noutros macizos ourensanos, non é o axeitado e precisase tempo para a realización de estudos de maior profundidade. Como endemismos exclusivos de Trevinca citanse os seguintes: Agrostis tilenii, Campanula cantabrica occidentalis, Desmazeria marina pauciflora, Dianthus merinoi, Genista sanabrensis, Helianthemun croceum rothmaleri, Jasione brevisepala, Luzula caespitosa, Potentilla recta asturica, Santolina rosmarinifolia semidentata y Thymelaea coridifolia dendryobryum.

Juniperus_nanaJuniperus_nana_detalle

2.5. Protección legal

O Macizo de Trevinca é un espacio natural protexido, dende xuńo de 1991, polas Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da Xunta de Galicia e polas Normas Subsidiarias de Planeamento da Veiga aprobadas o 15 de abril de 1997. Ademáis, de acordo coa transposición ó ordenamento xurídico español da Directiva 92/43/CEE, figura incluído na proposta para a Rede Europea Natura 2000. A Xunta de Galicia non tivo mais remedio que incluílo provisoriamente no “Rexistro Xeral de Espacios Naturais”, por Orde do 7 de xuño do 2001, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 118 do 19-06-01.

3. Conclusións

O éxito económico da explotación proxectada descansa en subvencións públicas a fondo perdido. Non embargante a participación pública non parece necesaria se, como se afirma na prensa, hai un grupo de inversores locais que xa teñen cubertos 4000 millons de pesetas. De calquera maneira, os ingresos previstos para un investimento de 4500 millóns de pesetas non van producir os rendementos suficientes (segundo publica a mesma prensa que se ocupa de promociona-la explotación) para pagar o aluguer das 600 ha veciñais fixado en 20 millóns anuais.

Os investimentos económicos e os postos de traballo que se crearían son obxecto dunha activa campaña de publicidade que está xenerando unas expectativas esaxeradas, (concesión do Leader Plus, retorno de emigrantes, a solución económica para a zona e subvencións aseguradas de todo tipo, entre outras) para xustificar a utilización de fondos públicos. Non embargante, no mellor dos casos crearíanse unhos cantos postos de traballo temporal e precario, que non acadan sequera os seis meses continuados, excepto para os directivos que é fixo.

Esta clase de proxectos, logo das presuntas ganancias empresariais iniciais, acaban sempre a cargo das Administracións Públicas, é decir, pagadas as súas cuantiosas perdas e millonarios déficits por tódolos cidadans. Na provincia de Ourense hai dous exemplos notorios que son o Clube Náutico de Castrelo de Mińo e a estación de esquí, “Manzaneda Estación Invernal, Sociedad Anónima” (M.E.I.S.A.), da que, por certo, foi administrador prominente, durante moitos anos, o particular que agora promove esta nova aventura económica.

En canto ó medio natural, non existe salvagarda posible cunha explotación como a que se pretende e non parece probable, polo tanto, que se lle destinen fondos europeos. Así, o impacto sobre a xea sería moi grave, coa súa destrucción na zona de obras e na superficie ocupada polas dezaoito, dezanove pistas de esqui, e total para a fauna e flora. Hai que considerar que, por exemplo, a densidade poboacional aumentaría de 5,1 habitantes por km2 (media do concello moi superior á real da zona explotada) a 500 e aínda 1333 habitantes por km2, de acordo coas cifras de afluencia publicadas. A todo isto, o promotor, como medida correctora concreta, construiría unha E.D.A.R. (estación depuradora de augas residuais) que unicamente depuraría un tercio dos verquidos residuais desta enorme poboación.

Gentiana_lutea
En consecuencia e considerando:
  • Que a explotación se construiría nunha das zonas máis sensibles do Espacio incluido na Rede Natura 2000 e con 600 ha urbanizadas, ocupadas e transitadas, afectaría a fauna, flora e xea dos cumios principais, ós nacementos de dous ríos e as súas concas e a dúas lagoas glaciares relictas.
  • Que se trata dunha actuación especulativa gravemente lesiva para o medio natural.
  • Que non parece polo tanto probable que se lle destinen fondos europeos dalgunha clase, nos que precisamente basea a súa viabilidade.
  • Que de acordo co publicado, non xenerará beneficios suficientes nin para pagar o aluguer anual dos terreos sobre os que se pretende asentar
  • Que actuacións como esta fanse posibles cando non existe, como no caso de Ourense e Galicia, unha Ordenación do Territorio nin plans para un desenvolvemento integral sostible.
  • Que no Plano Estratéxico da Provincia de Ourense, encargado polo Instituto Ourensano de Desenvolvemento á empresa LKS Consultores S.Coop., indícase como unha necesidade “a ordenación do territorio, co obxeto de lograr una ocupación máis racional e equilibrada do espacio” e así mesmo preconízase “a creación dunha rede de espacios naturais protexidos.”

A S.G.H.N.-Ourense solicitou que, ó abeiro da normativa comunitaria e española vixente e no uso das atribucións que lle competen, o Ministerio de Medio Ambiente, o Ministerio de Pesca e Alimentación e a Deputación Provincial de Ourense, aseguren a conservación íntegra deste espacio natural, impidan a construcción de estradas e calquera outra obra lesiva a cargo do Plan Leader Plus, non destinen subvencións ou axudas para a súa destrucción e rexeiten esta iniciativa particular que, ó igual que outras e polas súas cuantiosas perdas económicas, acaban sempre “socializadas”, con cargo ós presupostos do Estado ou das Comunidades Autonómicas.

Arriba