logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

Vertido de entullos nas Brañas Mouras (Laxe)

Laxe-Santiago, 16-09-2016

O pasado día 01-09-2016 SGHN tivo coñecemento dun vertido con varios acúmulos de terra, pedras e tamén entullo (tubos PVC, chapa metálica, formigón, restos de tellado, etc.) no humidal denominado Brañas Mouras (Laxe, A Coruña), exactamente nas coordenadas UTM (Datum ETRS89) 0500311-4784247. Ditos acúmulos constan de dous amoeramentos de aproximadamente 72 e 30 m3, e están arroxados sobre unha beira composta principalmente de amieiros (Alnus glutinosa) e salgueiros (Salix atrocinerea) con afección directa ao humidal inventariado "1110224 Brañas Mouras" e sitúase a escasos 40 metros da "ZEC ES1110005 Costa da Morte". Por todo o cal, SGHN ven de solicitar á D.X. de Conservación da Natureza (PDF):

  • Que investigue a procedencia e autoría deste vertido e movemento de terras.
  • Que informe á SGHN sobre se dito vertido conta cós informes administrativos preceptivos e, en caso afirmativo, facilite a SGHN copia de todos eles para coñecer os criterios técnicos, legais e ambientais empregados para autorizalas.
  • Que en caso de ser unha actuación ilegal, se proceda á restauración da zona a conta do autor dos feitos.
  • Que informe a SGHN das actuacións que dean lugar.

Resposta da Dirección Xeral de Conservación da Natureza. Resposta da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

 

LIC e ZEPA da Costa da Morte: Edgewater Exploration Ltd, outra vez a febre do ouro?

En setembro de 2011, SGHN respostou á solicitude de información da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental sobre a Decisión de Avaliación de Impacto Ambiental do proxecto concesións de explotación “Emilita” nº 1221, “Ciudad de Landró” nº 1454 e “Ciudad del Masma” nº 1445, que forman o coñecido como “Grupo mineiro de Corcoesto” (concellos de Cabana, Coristanco e Ponteceso; A Coruña) promovido por Río Narcea Gold Mines, SL, hoxe propiedade da compañía canadiana Edgewater Exploration Ltd, que pretende explotar o xacemento de ouro de Corcoesto:

  • Nunha superficie de 773,6 hectáreas mediante minería a ceo aberto e, en menor medida, galerías subterráneas.
  • Durante 10-20 anos, cunha produción duns 20 millóns de metros cúbicos de estériles de mina, parte dos cales intentarán aproveitalos como áridos para a súa venda.
  • Empregando unha solución fortemente alcalina (pH 10,5) de cianuro sódico para separar o ouro das rochas extraidas e trituradas, sexa mediante lixiviación dinámica en tanques axitados ou mediante lixiviación en pilas. De empregarse esta última estarian a ceo aberto tres instalación contendo dito produto químico extremadamente tóxico para o home e a fauna: a pila de rochas trituradas e as dúas balsas mineiras (a de solución con ouro e a de solución estéril).

Á vista da información recibida, SGHN solicitou á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, da Consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas, que o Estudio de Impacto Ambiental do proxecto:

  1. Avalíe con detalle e rigor as posibles afeccións sobre:
    • Hábitats de conservación prioritaria na UE (DC 92/43/CEE) e, consecuentemente, adapte o proxecto para evitalos totalmente pois non existen razóns imperiosas de interese público de primeiro orden (artigo 6 da DC 92/45/CEE, artigo 45 da Lei estatal 42/2007) para que sexan afectados por un proxecto de explotación mineira de ouro.
    • Hábitats de interese comunitario (DC 92/43/CEE) e estudie alternativas para minimizalos canto sexa técnica e ambientalmente posible.
    • Os Lugares de Interese Comunitario existentes na zona (LIC ES1110015 Río Anllóns) e as súas inmediacións (LIC ES1110005 Costa da Morte; ZEPA ES0000176 Costa da Morte) (véxase Lista actualizada LICs).
    • Os recursos pesqueiros e marisqueiros no río Anllóns e o seu esteiro.
  2. Avalíe con detalle e rigor as posibles afeccións sobre TODAS as especies incluidas no anexo I da Directiva Aves, na Directiva 92/43/CEE, no Catálogo Español de Especies Amenazadas (Real Decreto 139/2011) e no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Decreto 88/2007) presentes na zona e contemple a adaptación do proxecto para evitalas totalmente no caso de especies de interese comunitario e/ou en perigo de extinción, pois non existen razóns imperiosas de interese público de primeiro orden (artigo 6 da DC 92/45/CEE, artigo 45 da Lei estatal 42/2007) para que sexan afectados por un proxecto de explotación mineira de ouro, ou para mitigalas no caso das restantes especies catalogadas. Ademais, no caso de especies catalogadas como vulnerables ou en perigo de extinción, o EIA debería contemplar a inclusión de todas as medidas preventivas e/ou correctoras recomendadas nos Plans de conservación de especies ameazadas que teña elaborados (ou en elaboración) a Xunta de Galicia de acordo co previsto nos artigos 15 e 16 do Decreto 88/2007.
  3. Iinclúa unha simulación dos efectos sanitarios, económicos e ecolóxicos do peor accidente posible: rotura da(s) balsa(s) mineiras con vertido total ao cauce do río Anllóns da cantidade máxima da solución de cianuro sódico a pH 10,5 que prevexa empregar. Dita simulación é imprescindible á vista dos precedentes noutros casos de minería metálica a ceo aberto, por exemplo a rotura da balsa mineira en Aznalcollar cos seus dramáticos efectos ambientais e económicos sobre o río Guadiamar e a contorna do Parque Nacional de Doñana.
  4. Inclúa, na availiación da viabilidade económica do proxecto, os custes da contratación dun seguro de responsabilidade civil cunha compañía de seguros radicada na Unión Europea e suxeita á lexislación da UE, para facer fronte a todos os danos previsibles de acordo coa simulación do punto anterior. Esta petición da SGHN sitúase na liña do establecido pola Directiva 2004/35/CE (PDF) e a Lei estatal 26/2007 (PDF) sobre responsabilidade medioambiental en relación coa prevención e reparación de danos medioambientais: "La responsabilidad medioambiental es, además, una responsabilidad ilimitada, pues el contenido de la obligación de reparación (o, en su caso, de prevención) que asume el operador responsable consiste en devolver los recursos naturales dañados a su estado original, sufragando el total de los costes a los que asciendan las correspondientes acciones preventivas o reparadoras".

Máis...