logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

Ambiente e arteríoesclerosis no Val do Támega

Verín, 23-10-2016

No cadro das xornadas organizadas en Verín pola Asociación Cultural Monterrei, Cultura e Territorio, onte celebrouse a segunda xornada temática sobre Medio Ambiente que se centrou no ecosistema do río Támega, que contou coa participación do Presidente de SGHN.

Na súa intervención o Presidente de SGHN salientou os elevados valores ambientais do val do Támega e tamén a forte relación existente entre a degradación ambiental e a elevada incidencia da arteríoesclerosis no val, circunstancia que tamén se da noutros vales galegos.

A presentación pode descargarse premendo AQUÍ ou na imaxe da dereita.

Ameaza para o LIC Río Támega e os humidais inventariados na súa contorna

Ourense, 18-11-2012

Membros da nosa asociación e veciños da zona avisaron á SGHN de que os traballos da concentración parcelaria de Tamagos, Tamaguelos e Mourazos (Verín, Ourense) están a afectar negativamente a zonas húmidas incluidas no inventario de humidais de Galicia e aproxímanse moito aos límites do LIC Río Támega. Por ise motivo, SGHN-Delegación Ourense ven de solicitar á Dirección Xeral de Conservación da Natureza (PDF) que investigue como están a afectar as obras da antedita concentración parcelaria ao LIC Río Támega e ás zonas incluidas no inventario de humidais de Galicia e poña en marcha as accións necesarias para preservar o LIC, os humidais catalogados e a chaira de asolagamento do río. Dirixíronse, asimesmo, peticións no mesmo sentido ao Xefe do Servicio de Infraestruturas Agrarias de Ourense, da Consellería de Medio Rural (PDF), e á Confederación Hidrográfica do Duero, bacía á que pertence o río Támega (PDF).

 

Desfeita "alegal" das obras do AVE en Cerdedelo (Macizo Central Ourensano)

SGHN-Delegación Ourense ven de solicitar A PARALIZACIÓN CAUTELAR INMEDIATA POR VÍA DE URXENCIA dos traballos que están a arrasar un excelente souto de Castiñeiros en Cerdedelo (Laza, Ourense) nas obras do AVE, nunha zona non incluída na Declaración de Impacto Ambiental da obra e que constitúe parte do escaso patrimonio de bosques que aínda perviven nesta parte do Macizo Central ourensano. A solicitude dirixiuse ao Sr. Subdelegado do Goberno en Ourense (PDF) e ao Sr. Director Xeral de Ferrocarriles do Ministerio de Fomento (PDF); así mesmo instouse actuación do Sr. Xefe Territorial en Ourense da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (PDF) e ao Sr. Secretario de Estado de Medio Ambiente do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (PDF).

Inicialmente, a superficie afectada polo proxecto neste treito de 2,3 km era de 190.000 m2; iso é o que se someteu a información pública, se aprobou na avaliación de impacto ambiental e se comezou a expropiar aos veciños propietarios. Pero agora, sen xustificación técnica algunha, amplíase ata os 450.000 m2, é dicir ocupando 260.000 m2 adicionais, cunha absoluta falta de respeto á legalidade vixente malia que esta obra sufrágase en parte con cartos procedentes de Europa, que esixe legalidade e exquisitez na formulación dos seus investimentos.

A invasión afecta a un importante souto de castiñeiros (Castanea sativa) e nogueiras (Juglans regia) en plena producción de froito, fundamentais na economía dos pobos de Cerdedelo e Trez. Máis de 2000 árbores de medidas e formación xigantescas cunha producción promedio de 200 kg/ano van desaparecer sen necesidade e sen xustificación se os nosos gobernantes non son quen de pórlle couto. Cabe ademais salientar que no entorno figura unha árbore extraordinaria, o Castiñeiro de Cerdedelo, incluído no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia que publicou a Xunta de Galicia (PDF 1; PDF 2).

Por sei aínda esto fóse pouco, o desprezo pola riqueza do territorio galego chega á destrucción, así mesmo, de perto de 3000 árbores de ribeira como freixos (Fraxinus angustifolia), amieiros (Alnus glutinosa) Bidueiros (Betula celtiberica) e outras especies riparias de vital importancia para os cauces altos dos ríos de montaña e que se inclúen no LIC (Lugar de Importancia Comunitaria) Río Támega. É lamentable a escasa sensibilidade ambiental que se demostra a cotío en Galicia, cando un feito como o presente sería impensable, por exemplo, en Catalunya.

SGHN, tras ter coñecemento dos feitos, inicia este proceso para esixir que tamén no interior de Galicia, en pleno Macizo Central se cumpla coa Constitución de España, coa lexislación ambiental, có Código Civil, etc.; é dicir, o mínimo que sempre pide SGHN para calquera actuación: o cumprimento da legalidade vixente. E tamén e, sobre todo, esixir respeto para os galegos, de Cerdedelo neste caso, que teñen a valentía de coidar e vivir no rural e do rural e para a dignificación da súa propiedade; pois tamén dende o simple punto de vista económico a burla aos propietarios demóstrase en que o ente público ADIF valora as superficies con castiñeiros en producción a 1,40 EUR/ m2. Estas cifras deixan patente constancia de que os danos á paisaxe, ao entorno, e, en fin, á natureza xa nin se valoran.

 

Talas polas obras do AVE en Cerdedelo (Macizo Central Ourensano)

En relación coa información aparecida no diario La Región (24/08/2012) (http://www.laregion.es/noticia/221244/noticia-correo/) segundo a cal a SGHN formaría parte dunha comisión municipal de vixiancia das obras do tren alta velocidade ao seu paso por Laza, a Delegación de SGHN en Ourense manifesta que:

  • SGHN descoñece a existencia da mencionada comisión.
  • Non consta en SGHN que ningún dirixente nin técnico do Concello de Laza (ou doutra entidade) se puxera en contacto con nós para formar parte da devandita comisión e, polo tanto, ningún membro de SGHN forma parte da mesma nin concorreu a reunión algunha.

 En Ourense, a 25 de agosto de 2012

 

Máis abusos nas obras do AVE en Ourense

As obras do AVE, como as de calquera grande infraestrutura, inevitablemente supoñen unha impactante destrución do territorio. Fóra das traballos aprobados, licitados e adxudicados segundo proxecto e da declaración de impacto ambiental do mesmo, ás Administracións competentes por un lado e ás empresas adxudicatarias por outro deberan actuar có máximo respeto cara aos cidadáns e ao patrimonio, incluído o medio natural.

Sen embargo, e demóstrase día a día en moitos ámbitos, a sensibilidade ambiental das empresas e das administracións é prácticamente inexistente, agás se alguén protesta ou sinala co dedo. Véxase como exemplo recente a desfeita do souto de castiñeiros centenarios de Cerdedelo. E véxase tamén a situación dos regatos da zona. Dende primeiros de agosto, socios de SGHN teñen observado que, a pesares da seca existente, estáse a detraer a pouca auga que levan as cabeceiras dos regatos por donde transcorre o AVE, afectando ás condicións hidrobiolóxicas dos mesmos e impedindo o sustento e supervicencia da fauna. Con ese motivo, solicitouse ás Confederacións Hidrográficas do Miño Sil (PDF) e do Douro (PDF) que se faga cumplir a Lei e se restrinxan os aproveitamentos exclusivamente ao abastecemento de auga potable como marca a Lei de Augas mentres non se restablezan os caudais mínimos.

Tal solicitude realizouse o pasado 11 de agosto de 2012 e, a data de 28-08-2012 non hai resposta das Confederacións Hidrográficas.

 

INCENDIO FORESTAL DE ARCUCELOS-VENCES (OURENSE)

URXE APLICAR MEDIDAS PARA PROTEXER O LIC "ES1130005 Río Támega"

O incendio forestal que a primeiros de outubro 2011 afectou a terreos entre Arcucelos (Laza) e Vences (Monterrei), na provincia de Ourense, ademais de provocar a morte dunha persoa nas labouras de extinción, calcinou 382 ha cunha pendente media do 39,6 % (equivalente a subir un edificio de 15 plantas nunha distancia dun campo de fútbol) polo que o risco de graves fenómenos erosivos é moi importante, máis aínda ao considerar que:

  • Perto de tres cuartas partes (272 ha; un 71,1 %) ten pendentes superiores ao 30 %.
  • Case a metade (182 ha; un 47,6 %) ten pendentes superiores ao 40 %.
  • Case a cuarta parte (95 ha; un 24,9 %) ten pendentes superiores ao 50 %.
  • Máis de 42 ha (un 11,1% do total) ten pendentes maiores do 60 %, que chegan a ser de ata o 80-90 %.
  • As características da vexetación queimada, composta maioritariamente por matogueiras de uces e carqueixas, e a intensidade do lume indican unha forte susceptibilidade aos fenómenos erosivos.

No seu bordo leste, o perímetro da área queimada atópase en promedio a menos de 600 m (rango entre 75 e 977 m) do cauce do río Támega, é dicir, do LIC ES1130005 Río Támega, no que desembocan directamente dous cursos de auga estacionais, os regatos de Fervenza e Rebordallo, que nacen na zona queimada. Compre salientar que un 44% da superficie do LIC Río Támega está constituído polo hábitat de conservación prioritaria na Unión Europea "91E0 Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior". (Directiva 92/43/CEE), e que neste espazo natural está documentada a presencia de dous moluscos considerados "vulnerables" polo Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Decreto 88/2007): a babosa terrestre Geomalacus maculosus e o mexilón de río Anodonta cygnea, especie esta última moi sensible á degradación da calidade das augas.

Por todas estas razóns, SGHN ven de solicitar á Consellería de Medio Rural (PDF) e á Confederación Hidrográfica do Duero (do que o Támega é afluente, PDF) que adopten, coordinadamente e coa máxima urxencia, todas as medidas posibles de conservación dos solos e protección hidrolóxico-forestal na área queimada para minimizar o seu deterioro post-incendio así como as afeccións ao LIC ES 1130005 Río Támega por arrastres de cinzas e sedimentos, especialmente no referente a calidade das augas e conservación dos hábitats de conservación prioritaria na Unión Europea.

Imaxes (elaboración propia): Perímetro do lume (esquerda) delimitado sobre unha ortofoto obtida do SIGPAC (Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño) e mapa de pendentes da zona queimada (dereita).