logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

"Rehabilitación" da Fábrica de Luz en Castro Romai (Lugo)

Xogando cos eufemismos e a conservación dos espazos naturais protexidos

Lugo, 02-12-2015

Co eufemismo de "rehabilitación" da antiga fábrica de luz e aumentando amplamente o caudal turbinado (de 7000 a 18000 l/s), o Concello de Lugo promoveu a posta en marcha dunha minicentral hidroeléctrica no interior dun Espazo Natural Protexido:

  • Zona de Especial Protección dos Valores Naturais Parga-Ladra-Támoga (Decreto 72/2004).
  • Zona Especial de Conservación Parga-Ladra-Támoga (Decreto 37/2014; DOG nº 62, 31-03-2014).
  • Zona Núcleo da Reserva da Biosfera de Terras do Miño (Lei 42/2007).

O proxecto pon en perigo o estado ecolóxico do treito fluvial (Directiva Marco da Auga), así como da integridade do Espazo Natural Protexido, repercutindo de forma negativa sobre o estado de conservación dos hábitats e das especies protexidas presentes no ámbito de actuación do proxecto:

  • 5 hábitats de interese comunitario (3260, 3270, 6510, 6410, 6430), que se omitiron ou ocultaron na avaliación ambiental, e 1 de conservación prioritaria (91E0*) (Directiva 92/43/CEE).
  • 4 especies de flora, 4 de invertebrados, 3 de peixes, 9 de anfibios, 7 de réptiles, 93 de aves e 13 de mamíferos incluidos nos Anexos II ou IV da Directiva 92/43/CE, no Anexo I Directiva 2009/147/CE), ou nos catálogos español (Real Decreto 139/2011) ou galego de especies ameazadas (Decreto 88/2007). Resulta especialmente rechamante que o Estudo de Impacto Ambiental pretendese negar a presencia ben demostrada de especies como a lontra (Lutra lutra) e o nenúfar de río Nymphoides peltata.

A avaliación dos efectos do proxecto fose incorrecta ao non ter en conta os obxectivos de conservación do Espazo Protexido Rede Natura 2000 ZEC Parga - Ladra – Támoga (ES1120003) pero, ademais, estase a incumprir a Declaración de Impacto Ambiental durante a execución das obras, iniciadas o 13-11-2015 nun período contrario ao establecido na declaración de impacto ambiental: "As obras levaranse a cabo en épocas de estiaxe co fin de que os caudais a desviar sexan os mínimos posibles". A este grave incumprimento únese o feito de que os diques construídos sobre a canle do rio Miño sitúanse fóra da área establecida pola propia Declaración de Impacto, aínda que seguen a afectar ao espazo natural protexido ZEPVN - ZEC Parga - Ladra – Támoga (ES1120003). Por todo iso, SGHN ven de solicitar ao Presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (PDF):

  • Que ordene a inmediata e permanente paralización das obras conducentes á posta en funcionamento da antiga fábrica da Luz no Río Miño, Castro Romai, e esixa a reversióno das actuacións ao estado orixinal do treito fluvial.
  • Que se investigue, e no seu caso sancione, o grave incumprimento da Declaración de Impacto Ambiental levada a cabo dende o comezo da obras, dando traslado deste á Fiscalia Superior de Galicia.
  • Que se revise de oficio a Resolución de Impacto Ambiental e se proceda á súa anulación ao ser totalmente contraria á normativa ambiental (Directiva 92/43/CE,Lei 42/2007, Lei 9/2001, Decreto 72/2004).

Resposta da Confederación Hidrográfica do Miño Sil.

 

LIC, RESERVA DA BIOSFERA, HÁBITATS PRIORITARIOS... e mina a ceo aberto

En resposta á petición de informe, recibida da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, sobre Proyecto de Ampliación de Explotación dentro de la Concesión de Explotación “Villalba I” nº 5511, en el Término municipal de Begonte (Lugo) promovido por Explotación de Rocas Industriales S.A. (ERIMSA), SGHN presentou o 23-08-2011 as seguintes alegacións (ver PDF):

  1. O proxecto suporía a destrucción dunha superficie de 101.960 m2 de tres hábitats de conservación prioritaria na Unión Europea (“4020 Uceiras húmidas atlánticas de Erica ciliaris e Erica tetralix”, “91D0 Bosques turbosos” e 91E0 Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior), circunstancia totalmente inaceptable pois non existen razóns imperiosas de interese público de primeiro orden (artigo 6 da DC 92/45/CEE, artigo 45 da Lei estatal 42/2007) para que sexan afectados por un proxecto de explotación de seixo metalúrxico e áridos para a construcción.
  2. Parte da explotación mineira a ceo aberto contemplada no proxecto suporía a degradación irreversible de parte dunha zona núcleo e dunha zona tampón da Reserva da Biosfera “Terras do Miño”, circunstancia, asimesmo, totalmente inaceptable pois como tal Reserva da Biosfera Española ten a consideración de espacio natural, baixo a tipoloxía de “Áreas Protexidas por Instrumentos Internacionais”, de acordo coa Lei estatal 42/2007, de 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade.
  3. Sin chegar a afectalo directamente, unha boa parte da zona que se pretende explotar linda co LIC ES1120003 Parga-Ladra-Támoga e sitúase na súa mesma chaira de asolagamento, polo que o risco de afeccións indirectas é moi elevado.
  4. O plan de explotación presentado é inaceptable por canto contempla a explotación simultánea de ata 3 das 5 zonas para as que se solicita a ampliación (primeiro as 3N, 7 e 9; logo as 6, 8 y 9). Para garantir a efectiva recuperación ambiental das zonas explotadas, a explotación e a restauración deben progresar ao mesmo tempo, sendo aceptable como máximo ter unha zona en preparación para a súa explotación, unha zona en explotación e unha terceira xa en fase de restauración.
  5. En base á experiencia actual, o período de explotación para o que se solicita o proxecto (21 anos) resulta excesivo para permitir un control axeitado por parte da administración, quedando xeralmente á boa fe dos propietarios da explotación o cumprimento das labores de restauración da zona, tal como se especifican no proxecto.
  6. O plan de restauración contempla a utilización de especies invasoras.

Imaxe: Fotografía aérea da zona, obtida do SIGPAC (Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño).

Tendo en conta estes argumentos, SGHN solicitoulle á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, á Dirección Xeral de Conservación da Natureza e a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, que:

  1. En aplicación da DC 92/45/CEE e da Lei estatal 42/2007, non se autorice a explotación sobre os hábitats de conservación prioritaria na Unión Europea existentes na zona.
  2. En coherencia coa definición e obxectivos que para as “zonas núcleo” establecen La Estrategia de Sevilla, o Marco Estatutario da Rede Mundial das Reservas da Biosfera e o Plan de Acción de Madrid para as Reservas da Biosfera, non se autorice a explotación sobre áreas identificadas como zona núcleo.
  3. Para evitar afeccións indirectas sobre o LIC ES1120003 Parga-Ladra-Támoga se estableza un perímetro de protección mínimo de 50 m no cal non se autorice a explotación
  4. Se reduza o tempo autorizado de explotación.
  5. Baixo ningún concepto se inclúan especies vexetais alóctonas no proxecto de recuperación e se empreguen especies que teñan certificada a súa procedencia xenética en poboacións galaicas, ó obxecto de evitar a contaminación xenética das poboacións autóctonas. En especial non se debe permitir o uso de calquera Ray Grass (Lolium spp.), dado que ten consideración de especie invasora.