logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

DIA desfavorable para Paratermo Energía, SL

Santiago de Compostela, 21-03-2017

No DOG de hoxe ven de publicarse o "Anuncio do 22 de febreiro de 2017, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental desfavorable para o proxecto dunha planta de produción de combustible mediante gasificación de carbón empregando como enerxía térmica a producido por radiación solar, no concello de Viana do Bolo (Ourense) promovido por Paratermo Energía, S.L. (clave 2015/0090)" (ver máis...), proxecto ao que SGHN presentou no seu momento unhas alegacións demoledoras (ver máis abaixo). O texto completo da DIA pódese descargar premendo AQUÍ.

 

Proxecto fantasioso, faraónico e ambientalmente moi prexudicial

Planta para produción de metanol e hidróxeno en Viana do Bolo

Ourense-Santiago, 15-03-2016

Actualmente atópase a información pública a Autorización Ambiental Inegrada do proxecto de “Implantación de una planta de producción de combustible industrial mediante gasificación de carbón utilizando como energía la producida por radiación solar”, promovido por PARATERMO ENERGÍA, S.L. que pretende construir, nun terreo rústico de 188 ha nas parroquias de Fornelos de Filloás e Fradelos (Viana do Bolo, Ourense), unha instalación industrial adicada á produción de metanol (75.000 Tm/ano) e hidróxeno (375 Tm/ano), consumindo como materias primas 75.000 Tm/ano de carbón (aínda que logo fala “de case 100.000 Tm/ano”) e 37.500 m3/ano de auga, ademais de 4.500 Mwh/ano de enerxía (que produciría in situ con 3 paraboloides solares de 83 m de diámetro cada un) e que xeraría 18.750 Tm/ano de cinzas.

Faraónico e fantasioso

O orzamento do proxecto acadaría os 54 millóns de euros que, supostamente, se cubrirían con 35 millóns en créditos, 2,8 millóns en subvencións de Incentivos Económicos Rexionais e presuntamente 16,2 millóns co capital social, que é só de 3.000 euros!!! Deles, 1.500 euros foron aportados por Daniel González González que en nome propio ou das empresas Guradoor SL e Lisply SA, xa estivo involucrado en tres mega-proxectos semellantes (todos fallidos) para a produción de metanol e hidróxeno empregando enerxía solar e ocupando sempre grandes extensións de terreos rústicos, en Granadilla de Abona (Tenerife, 2009), Tabernas (Almería, 2012) e Bergantiños (A Coruña, 2015); os dous primeiros iniciados sen permisos e paralizados pola administración que gañou os recursos xudiciais presentados polas empresas que reclamaban indemnizacións por lucro cesante de 50 e 620 millóns de euros diarios!!! .

Como no caso de Tabernas (Almería), os impulsores do presente proxecto obtiveron un informe favorable do arquitecto asesor do Concello de Viana do Bolo (en base a unha interpretación moi sui generis da Lei 2/2010 de ordenación urbanística e proteción do medio rural de Galicia (LOUGA) pretendendo facer un subterfuxio legal en total ignorancia e incumprimento do establecido ao respecto na Lei 22/1973 de minas e na Lei 3/2008 de ordenación da minería de Galicia,

Ambientalmente moi prexudicial

  • A instalación industrial tería un moi forte impacto paisaxístico, incompatible co espírito e a letra da Lei 7/2008 de protección da paisaxe de Galicia, pois:
    • Preténdese construir nun terreo que se recoñece explícitamente como de “paisaxe abrupta” e no que a explanación de 3 ha de terreo á cota 900 m snm conlevaría un terraplenado de ata 24 m de altura na zona de maior desnivel, de integración pmoi difícil ou imposible na paisaxe da zona.
    • Suporía o desbroce permanente nunha franxa perimetral de 100 m de largura ata deixala “libre de vexetación”, de integración paisaxística moi difícil ou imposible.
    • Contempla a instalación de 3 paraboloides para captar enerxía solar cun diámetro de 83 m e a construción dunha nave coas dimensións dun campo de fútbol (65 x 100 m) e 10 m de altura para almacenamento e tratamento de carbón, totalmente imposibles de integrar na paisaxe da zona.
  • Situaríase a menos de 6 km do Parque Natural do Invernadoiro, a menos de 2 km da ZEC Macizo Central Ourensán, e nun tramo do río Camba incluido na “Proposta de Ampliación da Rede Natura 2000 de Galicia” (ano 2011. Anexo-I Cartografía dos LIC ampliados” páx. 77) e vén así expresamente sinalado na web da Dirección Xeral de Conservación da Natureza (ver).
  • Afectaría directamente a un hábitat de interese comunitario (4030: Queirogais secos europeos) e a un hábitat de conservación prioritaria na Unión Europea (91E0*: Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsor).
  • Afectaría negativamente a un total de doce especies incluidas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas:
    • Unha especie de planta en perigo de extinción (Eryngium duriaei) e outra vulnerable (Silene marizii).
    • Unha especie de invertebrado acuático en perigo de extinción a nivel galego e español (Margaritifera margaritifera) que ten na zona a cuarta poboación máis grande de Galicia.
    • Nove especies de vertebrados ameazadas: un anfibio vulnerable (Rana iberica), dúas aves en perigo de extinción [Aquila chrysaetos,(afectaría ao territorio dunha das escasas parellas reprodutoras en Galicia), Milvus milvus] e tres vulnerables (Bubo bubo, Circus cyaneus, Circus pygargus), así como tres mamíferos catalogados como vulnerables (Galemys pyrenaicus, Rhinolophus ferrumequinum, Rhinolophus hipposideros).
  • Afectaría negativamente a un total de doce especies incluidas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas:
    • Unha especie de planta en perigo de extinción (Eryngium duriaei) e outra vulnerable (Silene marizii).
    • Unha especie de invertebrado acuático en perigo de extinción a nivel galego e español (Margaritifera margaritifera) que ten na zona a cuarta poboación máis grande de Galicia.
    • Nove especies de vertebrados ameazadas: un anfibio vulnerable (Rana iberica), dúas aves en perigo de extinción [Aquila chrysaetos,(afectaría ao territorio dunha das escasas parellas reprodutoras en Galicia), Milvus milvus] e tres vulnerables (Bubo bubo, Circus cyaneus, Circus pygargus), así como tres mamíferos catalogados como vulnerables (Galemys pyrenaicus, Rhinolophus ferrumequinum, Rhinolophus hipposideros).

Á vista do devandito, SGHN ven de solicitar:

  • Que se desbote total e definitivamente o proxecto de Paratermo Energía SL na zona prevista (máis...).
  • Que o Concello de Viana do Bolo non lle conceda licencia municipal (máis...).
  • Que se convoque unha xuntanza extraordinaria do Observatorio Galego da Biodiversidade para avaliar e informar os seus efectos sobre as especies ameazadas presentes na zona (máis...).

Resposta de SGHN ao Sr. Arnau, enxeñeiro de Paratermo Energía, SL

Santiago de Compostela, 04-04-2016

No "Buzón del lector" de La Voz de Galicia do pasado 31 de marzo inclúese unha carta de D. José Ramon Álvarez Arnau na que critica as alegacións de SGHN (publicadas previamente no mesmo xornal) á planta de metanol que Paratermo Energía SL quere facer en Viana do Bolo e da cal é o Enxeñeiro Industrial redactor do estudo.

Non é intención de SGHN polemizar co Sr. Arnau, pero, ao abeiro do dereito de réplica, solicitou a publicación da presente resposta pois consideramos imprescindible aclarar algunhas das súas afirmacións e desmentir algunha falsidade:

  • Os autores do escrito sobre a planta de metanol non se agochan detrás das siglas de SGHN pois, coma sempre, as alegacións de SGHN van asinadas por algún dos seus directivos e representantes legais, neste caso polo seu Presidente. A comprobación é moi doada pois dende a súa presentación o escrito escaneado pódese descargar libremente nesta web de SGHN pero, ademais, o Sr. Arnau debera saber que conforme á Lei de Procedemento Administrativo ningún rexistro oficial acepta a presentación de escritos que non estean asinados.
  • Equívocase doblemente o Sr. Arnau coa súa "lección maxistral" ao afirmar que o autor "carece de conocimientos de unidades de medida del suelo, ya que el suelo se mide en unidades de superficie y no de volumen".
    • En primeiro lugar, o Sr. Arnau confúndese de "alumnos" pois no escrito de SGHN dise textualmente que "na provincia de Ourense hai dispoñibles máis de 250.000 m2 de solo industrial".
    • En segundo lugar, xunto con expertos en botánica e zooloxía, un dos autores do escrito é casualmente un científico especializado no estudo dos solos, os cales, Sr. Arnau, se miden en unidades de superficie, pero tamén de lonxitude (a profundidade ou espesor) e, xa que logo, de volumen, de masa ou de densidade. Para non estendernos demasiado, recomendamos ao Sr. Arnau que teclee en internet "Ano Internacional dos Solos" ou "Día Internacional dos Solos" e, a partires desas iniciativas da ONU e da FAO en 2015, poderá aprender que o solo é bastante máis que unha superficie sobre a que construir un dos seus proxectos.
  • Certo é que, igual que uns aeroxeneradores, nun solo rústico poderían instalarse uns paraboloides para enerxía solar, pero NON unha planta industrial para producir metanol como o Sr. Arnau pretende facer entender.
  • Nas súas alegacións, SGHN non fala da integración paisaxística do proxecto nas aldeas vianesas, como afirma o Sr. Arnau, senón da imposible integración da planta industrial na paisaxe da zona.
  • Os trens seguen a pasar pola estación de Venda da Capela (Vilariño de Conso), pero NON paran nela pois NON está en servizo como pode comprobar o Sr Arnau na web de RENFE se intenta mercar un billete con ese destino.
  • Nada di o Sr. Arnau respecto aos gravísimos impactos que tería a planta de metanol sobre os espazos naturais protexidos e as especies en perigo de extinción da zona. Entendemos que non ten argumentos para rebater os expostos por SGHN nas súas alegacións.

 

Manzaneda: neve artificial, realidade virtual

Ourense-Santiago, 31-03-2016

Algo máis dun ano despois das consultas previas (ver alegacións SGHN do 13-01-2015), está a información pública o proxecto de innivación artificial na estación de esquí de Manzaneda (Ourense), ao que SGHN ven de presentar as súas alegacións (PDF),

  • Na nova documentación recibida en soporte informático:
    • A análise da alternativa cero, reclamada por SGHN nas alegacións que presentou o 13-01-2015, é un cúmulo de vaguedades non contrastadas nin contrastables, escritas simplemente para cubrir o expediente.
    • Na análise dos efectos do cambio climático sobre a viabilidade técnica, económica e ambiental do proxecto, reclamada asimesmo por SGHN nas súas alegacións, contémplase un aumento de 1,5 ºC na temperatura en inverno (páx. 104) e conclúese que “las temperaturas mínimas registradas en Manzaneda en los meses de noviembre, diciembre, enero, febrero, marzo y abril se encuentran por debajo de la temperatura de -3ºC necesaria para llevar a cabo la innivación por lo que es posible técnicamente realizar la innivación en la zona y meses propuestos”. Pero unha observación mínimamente atenta da figura 58 nesa mesma páx. 104 permite detectar que en tres dos nove anos do periodo 2007-2015 para os que se fai a simulación as temperatura mínimas nos meses de xaneiro estarían a piques de sobrepasar a temperatura crítica de -3 ºC necesaria para a innivación. O problema agravaríase aínda máis se o incremento de temperaturas invernais fose de 2 ºC como indican outros estudos (Álvarez et al. 2011. Cambio climático en Galicia en el siglo XXI: Tendencias y variabilidad en temperaturas y precipitaciones. ACT 2, 65-85).
  • SGHN reitera o exposto nas súas alegacións do 13-01-2015:
    • Xa hai un cuarto de século, cunhas condicións climatolóxicas menos desfavorables para os deportes de neve que as actuais e moito mellores que as do futuro próximo, a Estación de Inverno de Manzaneda SA (MEISA) era unha empresa privada ruinosa por falta de neve que os seus propietarios conseguiron “colocar” ás administracións públicas galegas.
    • Na actual situación de crise económica e recortes draconianos do estado do benestar (sanidade, prestacións desemprego, pensións, educación, cultura, medio ambiente...) resulta incomprensible e indignante que se pretendan despilfarrar un total de máis de 12 millóns de euros nas sucesivas fases (a primeira de 6 millóns) nun proxecto sen as máis mínimas garantías de viabilidade técnica, ambiental e económica.
  • Se o proxecto fose en realidade tan viable dende un punto de vista técnico e tan rendible económicamente como se pretende facer creer, sorprendería moitísimo que durante o último ano a empresa privada Oca Hotels se desprendese de case todas as súas accións de MEISA: ata hai un ano posuía un 37,6% das accións e agora pasaría a ter apenas o 0,62%, mentres que a Xunta de Galicia (cun 49,65%) e a Deputación de Ourense (cun 49,45%) pretenden convertirnos a todos os galegos en “fachendosos” propietarios de tan ruinoso negocio.
  • Se a Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense non saben que facer cos seus orzamentos, SGHN pode propoñerlles moitos proxectos de índole ambiental e, sen dúbida, moitas asociacións de axuda a persoas da terceira idade (nunha das provincias máis avellentadas de España e Europa) e aos máis desfavorecidos poderán suxerirlles moitos proxectos de índole social.

 

"Conxelando" o investimento público: neve artificial para Manzaneda

Ourense, 15-01-2015

Despois dun intento fallido en 2006, polo informe desfavorable da entón Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, a Estación de Esquí e Montaña de Manzaneda volve á carga cun proxecto de innivación artificial para as súas pistas.

Xa hai un cuarto de século, cunhas condicións climatolóxicas menos desfavorables para os deportes de neve que as actuais e moito mellores que as do futuro próximo, a Estación de Inverno de Manzaneda SA (MEISA) era unha empresa privada ruinosa por falta de neve que os seus propietarios conseguiron “colocar” á Xunta de Galicia e á Deputación de Ourense.

Continuando co despropósito desta estación de esquí sen neve, na actual situación de crise económica e recortes draconianos do estado do benestar (sanidade, prestacións desemprego, pensións, educación, cultura,...) resulta incomprensible e indignante que se pretendan depilfarrar máis de 12 millóns de euros nun proxecto sen as máis mínimas garantías de viabilidade técnica, ambiental e económica. Así, na documentación recibida por SGHN en soporte informático:

  • Non se contempla a alternativa cero de non execución do proxecto.
  • Plantéxase a construción dunha balsa de almacenamento de auga cunha capacidade de 50.000 m3 coa que alimentar o sistema de xeración de neve artificial para a innivación de 7.187 m de pistas, cunha superficie de 239.050 m2 e un orzamento de 12.046.158 € de fondos públicos.
  • Discútense os efectos do cambio climático tanto sobre a vexetación potencial como sobre o papoazul Luscinia svecica pero, sorprendentemente, non se fai mención algunha sobre os efectos que tería sobre o rexime de chuvias e de temperaturas na zona, malia a súa importancia transcendental para a dispoñibilidade de auga e a viabilidade técnica e económica do proxecto.

Á vista destes feitos, SGHN ven de solicitar (PDF) que se desbote totalmente o proxecto. No caso de que se desestime dita solicitude, SGHN pide que o Estudio de Impacto Ambiental avalíe:

  • A alternativa cero de non execución do proxecto.
  • Os efectos do cambio climático sobre a viabilidade técnica, económica e ambiental do proxecto.

Os diversos modelos matemáticos predicen un aumento de temperatura en Galicia duns 2 ºC durante os invernos segundo o artigo de ÁLVAREZ, V., TABOADA, J.J., LORENZO, M.N. 2011. Cambio climático en Galicia en el siglo XXI: Tendencias y variabilidad en temperaturas y precipitaciones. Avances en Ciencias de la Tierra 2, 65-85