logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

ADECUACIÓNS "MEDIOAMBIENTAIS" NA PRAIA DE VILARRUBE (VALDOVIÑO)

A Delegación de Ferrol da Sociedade Galega de Historia Natural ven de presentar Alegacións ao Estudo de Impacto Ambiental do Proxecto de Recuperación e Restauración do Dominio Público Marítimo-Terrestre na Praia de Vilarrube (Valdoviño, A Coruña).

O Dunar de Vilarrube forma parte da Rede Natura 2000, como Lugar de Interese Comunitario (“Costa Ártabra”) e Zona de Especial Protección para as Aves. Está situado no fondo sur da Ría de Cedeira, enmarcado polos ríos Ferrerías e Das Mestas. Constitúe un espazo de alto interese pola diversidade de hábitats existentes e por presentar un notable estado de conservación.

Despois de manifestar a súa satisfacción pola evolución do ecosistema, pasados varios anos dende a demolición das construcións que invadían as dunas traseiras, esta entidade demanda operar con prudencia na presente fase, chamada de recuperación e restauración, preservando este importante espazo de maiores presións que as que soporta. Fai fincapé, así mesmo, na axeitada rexeneración dunha pequeña charca, actualmente moi deteriorada debido á existencia de canles artificiais de drenaxe e a presentar un estado de eutrofización preocupante. Alegacións Vilarrube. PDF

Fotografía: Zona en rexeneración natural afectada polo proxecto

Fotografía: Zona dunar afectada polo proxecto

Fotografía: Zona dunar afectada por futuras pasarelas

 

UN PROXECTO DE REFORESTACIÓN AMEAZA O LIC COSTA ÁRTABRA E A ZEPA COSTA DE FERROLTERRA-VALDOVIÑO

Verdegaia e a SGHN-Delegación de Ferrol veñen de demandar ós Delegados Provinciais do Servizo de Conservación da Natureza e de Medio Rural da Xunta de Galicia que ordenen a paralización inmediata dos traballos de desbroce e plantación de piñeiros nunhas 300 ha do Monte Comunal de San Xurxo integrado no LIC “Costa Ártabra” e na ZEPA “Costa de Ferrolterra-Valdoviño”. As razóns para esta petición son que ditos traballos silvícolas:

  • Ameazan con destruir tres hábitats naturais considerados de interese comunitario pola Directiva 92/43/CEE do 21 de maio, de Conservación dos Hábitats Naturais e da Flora e Fauna Silvestres: 2230 Dunas con céspedes de Malcolmietalia, 2130 Dunas fixas con vexetación herbácea (dunas grises) e 4020 Queirugais húmidos atlánticos de Erica ciliaris e Erica tetralix, os dous últimos considerados como hábitats prioritarios.
  • Afectarían gravemente a diversas especies de aves protexidas, entre elas Circus cyaneus (especie Invernante e paso migratorio, catalogada como Vulnerable), Asio flammeus (Invernante e en paso migratorio; rapaz moi escasa en Galicia), Alauda arvensis (poboación en declive), Sylvia undata (Nidificante, poboación en declive), Lanius collurio (Nidificante),Emberiza schoeniclus subsp. lusitanica (especie invernante, catalogada En Perigo de Extinción).
  • Estanse a realizar sen o preceptivo estudio de avaliación de impacto ambiental.

Máis...