logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

Proxecto de repotenciación Parque Eólico de Cabo Vilano
EIA = Estudio de Inutilidade Ambiental

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2014

Malia ser díficil conseguilo, o Estudo de Impacto Ambiental (EIA) do proxecto é aínda pior ao que por desgraza (coa pasividade cómplice das autoridades ambientais e sectoriais) nos teñen acostumados este tipo de estudos, pois está literalmente plagado de erros, contradiccións, vaguidades, opacidades e eufemismos para “escurrir o bulto”.

  • Semella realmente increíble que o EIA dun proxecto enerxético conteña erros mesmo nos cálculos do incremento de potencia que se pretende instalar, que sería de 2,1 MW (un 53,8%) e non de 1,56 MW (un 40%) como se afirma. Qué rigor e fiabilidade cabe esperar do EIA dun proxecto de repotenciación que contén semellantes erros e contradicións no obxecto mesmo do proxecto?
  • Resulta imposible dilucidar se o EIA considera que o aeroxenerador Izar Bonus 1,2 MW, pertencente ao grupo ENEL Green Power ( X en verde na imaxe de abaixo) está ou non está incluido no parque eólico pois en 3 páxinas di que SI, en 4 páxinas aparece como incluido no “ámbito”, na “zona” ou nas “proximidades”e en 8 páxinas, explícita ou implícitamente, considérase NON incluido no P.E. Cabo Vilano.
  • O EIA non acaba de decidirse por se existe ou non afección a hábitats de interese prioritario na Unión Europea (Directiva 92/43/CEE) pois contradise contínuamente. Nega a existencia de hábitats prioritarios en 4 das páxinas, pero noutras 6 e no Plano “Hábitats naturales catalogados” recoñece explícitamente a existencia do hábitat prioritario *4040 Uceiras costeiras con Erica vagans en toda a zona do parque eólico antes e despois da repotenciación. Aínda máis, en 2 páxinas recoñece expresamente que “la tesela donde se sitúa el área de estudio, tiene un valor de conservación alto (valor 4) y se considera una Zona de Interés Prioritario para la Conservación (ZPDG-2).”
  • Nun mesmo parágrafo o EIA afirma que na zona “Se han localizado numerosas especies ... Tres de ellas aparecen en la Lista Roja de las Plantas Vasculares, dos en peligro y una con datos insuficientes e que "no consta la existencia de especies vegetales que merezcan una especial consideración desde el punto de vista de su conservación”. Por se fose pouca a contradición entre as dúas frases antes subliñadas, acto seguido no documento figura unha táboa que recoñece expresamente a presenza de Euphorbia uliginosa e Omphalodes littoralis ssp. gallaecica, dous taxóns considerados como “En perigo de extinción” na Lista Roja de las Plantas Vasculares de España e no Catálogo Galego de Especies Ameazadas.

Resulta francamente moi difícil de entender como para instalar 2 novos aeroxeneradores non se poida aproveitar ningún dos emprazamentos dos 22 aeroxeneradores aos que substituirán e se pretenda destruir máis superficie dun hábitat prioritario. Pretensión que, ademais, é rotundamente ilegal pois non existen razóns imperiosas de interese público de primeiro orden (artigo 6 da DC 92/45/CEE, artigo 45 da Lei estatal 42/2007) para que sexan afectados por un proxecto de parque eólico. Como mostra do despropósito que pretende perpetrar o promotor baste sinalar que:

  • No interior da poligonal de 18 ha que engloba os 22 aeroxeneradores existentes hai case 2.400 m de viais (equivalentes a 133 m/ha), malia o cal o promotor pretende construir 223 m de viais novos.
  • O promotor posúe actualmente uns 5 km de zanxas de canalizacións no interior do parque eólico, malia o cal pretende, inxustificadamente, abrir 855 m de novas zanxas.

Ademais, o EIA non tivo en conta, ou desbotou sen argumentos convincentes, as consideracións e esixencias feitas por tres departamentos da Xunta de Galicia e a SGHN:

  • A posibilidade de emprazar o aeroxerador CV-O1 onde a máquina AE-04 para minimizar as infraestruturas de nova execución.
  • A esixencia de que se avalíasen os posibles efectos acumulativos con outros proxectos da mesma natureza na zona, nomeadamente co P.E. do Vilán situado a uns 300 m de distancia, preténdese eludir con “argumentos” que, de ser certos, revelarían a inexistencia dunha auténtica avaliación ambiental do Parque Eólico e dun seguemento dos seus efectos ambientais nos últimos 23 anos.
  • A esixencia de facilitar unha táboa coa mortandade de aves e quirópteros durante o funcionamento dos actuais aeroxeneradores, e a súa comparación cos valores medios dos parques eólicos en Galicia, tamén se pretende eludir cunha afirmación que ratificaría a carencia dun seguemento e vixilancia ambiental.
  • Para o EIA só se fixo o seguemento durante 4 meses (maio-agosto) e non durante o ano enteiro esixido, esquecendo completamente os posibles impactos durante os importantes pasos migratorios primaveral e outonal, así como durante a invernada.
  • A esixencia de avaliar:
    • Os posibles impactos sobre as especies de aves protexidas presentes na zona.
    • A mortandade de anfibios, réptiles, aves e mamíferos nos viais de accesoe a adopción de medidas eficaces para mitigala non se tivo en conta.
    • As consecuencias de aumentar a superficie barrida polas aspas e do aumento de altura do rotor.

Imaxes: Situación actual e proxectada do Parque Eólico de Cabo Vilano. Puntos amarelos, aeroxeneradores a sustituir. Puntos verdes, novos aeroxeneradores. Cruz verde, aeroxenerador existente que se mantería. Liñas vermellas, novas canalizacións proxectadas. Liñas azuis, pista nova (esquerda) ou acondicionada (dereita). Liña violeta, tesela de hábitat prioritario.

Por se todo o anterior fose pouco, para a revexetación dos terreos afectados polos movementos de terras, o plan de restauración contempla varias medidas que van dende preocupantes a moi alarmantes:

  • Non indica a procedencia xenética das sementes a empregar nin a certificación de que están exentas de sementes de especies invasoras, algo especialmente preocupante no caso das de Lolium perenne.
  • Contempla o emprego de sementes do xénero Erica pero non indica a(s) especie(s) concreta(s) nin a súa procedencia, o cal resulta moi preocupante pois na zona existe unha poboación de Erica vagans que debería conservarse obrigatoriamente.
  • Como se fose un pasteiro ou unha terra agrícola, para “asegurar una buena nascencia y desarrollo de las gramíneas a cultivar (sic)” o EIA contempla o emprego dun “abono compuesto N-P-K de fórmula 15-15-15 repartido uniformemente en toda la zona a sembrar” e “Un encalado con caliza granulada a razón de 1.000 kg repartidos uniformemente”. Pero a zona do parte eólico non é nin un pasteiro nin unha labrada, senón que está ocupado polo hábitat de conservación prioritaria *4040 Uceiras costeiras con Erica vagans, do que en España hai tan só unhas 3.400 ha, e para o que tanto o abonado como o encalado son absolutamente contraproducentes pois para conservalo é preciso:
    • ”Evitar la eutrofización. Evitar/controlar el uso de fertilizantes en áreas agrícolas cercanas (nitrificación y eutrofización por lixiviado)” xa que “...el suelo, que debe ser predominantemente ácido... Los medios muy pobres en nutrientes fosfatados asimilables son los más favorables para la conservación del tipo de hábitat... los bajos niveles de K asimilable limitan la competencia de otras especies que pueden desplazar rápidamente estas comunidades” como se indica na monografía oficial sobre este hábitat": [Ojeda, F., 2009. 4040 Brezales costeros con Erica vagans (*). En: VV. AA., Bases ecológicas preliminares para la conservación de los tipos de hábitat de interés comunitario en España. Madrid: Ministerio de Medio Ambiente, y Medio Rural y Marino. 39 p].

Tendo en conta todo o devandito, SGHN ven de solicitar (PDF1; PDF2, PDF3):

  • Que se desbote totalmente o proxecto e o Estudo de Impacto Ambiental na súa redacción actual.
  • Que nos condicionantes para a redacción dun novo proxecto se inclúa:
    a. A prohibición taxativa de que calquera infraestrutura do parque eólico afecte a hábitats prioritarios na Unión Europea ou a especies de interese comunitario e/ou en perigo de extinción [Directiva Aves, Directiva 92/43/CEE, Catálogo Español de Especies Amenazadas (Real Decreto 139/2011) e Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Decreto 88/2007)], pois non existen razóns imperiosas de interese público de primeiro orden (artigo 6 da Directiva 92/43/CEE, artigo 45 da Lei estatal 42/2007) para que sexan afectados por un proxecto de parque eólico.
  • A adopción de medidas eficaces para mitigar as posibles afeccións sobre as restantes especies e hábitats catalogados.
  • A análise dos datos dispoñibles de mortandade de aves e morcegos contra os aeroxeneradores existentes para determinar se algún(s) emprazamento(s) son máis perxudiciais para ditas especies e telo en conta na decisión de ubicación dos novos aeroxeneradores.
  • A adopción de todas as medidas preventivas e/ou correctoras recomendadas nos Plans de conservación de especies ameazadas que teña elaborados (ou en elaboración) a Xunta de Galicia de acordo co previsto nos artigos 15 e 16 do Decreto 88/2007.
  • A avaliación da mortandade de anfibios, réptiles, aves e mamíferos nos viais de acceso (atropelo e atrapamento en gabias, taxeas, pasos canadienses, etc.) e a adopción de medidas eficaces para mitigala.