logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

Desfeita no LIC "Bidueiral de Montederramo" por un aproveitamento madeireiro

Ourense-Santiago, 21-10-2015

Algo que nunca debera acontecer nun aproveitamento madeireiro en calquera monte de Galicia vense de producir, precisamente, nun monte xestionado pola Consellería do Medio Rural e no interior dun espazo protexido da Rede Natura 2000. Trátase do aproveitamento madeirable correspondente ao lote de corta 320491350001 (069/13) no monte veciñal en man común “Serra de San Mamede” na parroquia de Gabín (Montederramo, Ourense), no que se empregou o método de corta de rexeneración mediante corta a feito con árbores pai no que se talaron 6054 pés de piñeiro silvestre (Pinus sylvestris) nunha superficie de 16,76 ha integramente incluídas no LIC "Bidueiral de Montederramo". Na execución do aproveitamento:

  • Incumplíronse as instrucións do plan de ordenamento do monte que establece que as cortas de rexeneración se realizarán seguindo a metodoloxía do aclareo sucesivo uniforme, que se desenvolven en tres fases, e nunca polo método do corta a feito.
  • Incumpliuse o prego de prescrición técnicas do aproveitamento que obriga ao picado dos restos da corta, en trozas de menos de 50 cm, pois, o adxudicatario procedeu ao pisado repetitivo dos devanditos restos coa maquinaria.
  • Debérase ter solicitada a pertinente autorización á Confederación Hidrolóxica do Miño-Sil pois afectouse á zona de policía de augas na parte oeste do cantón ao carón do regato “Corgo das Aguzadeiras”.
  • Producíronse graves danos:
    • Nas pistas forestais, coa destrucción das gabias ao longo de varios quilómetros, de xeito que coa primeiras choivas produciranse arrastres de auga deteriorando a plataforma de rodadura.
    • Sobre a vexetación do sotobosque afectando a gran número de especies do estrato arbustivo (acivro, cancereixo, bidueiro, etc.) non contemplados no aproveitamento. O acivro, especie protexida, aparece cortado e arrancado, en toda a superficie do lote de corta, afectando a centos de pés. O resto de especies latifoliadas que non foron apeadas ou arrancadas sufriron graves danos de desmouche e mutilación.
    • Ao botar restos de corta (polas de grandes dimensións, pés de latifoliadas) directamente polo noiro da pista cara ao regato “Corgo das Aguzadeiras”.

Posto que os danos e incidencias descritas supoñen un incumprimento da lexislación e normativa vixente en materia forestal e de protección de medio ambiente, e resultan de especial gravidade ao producirse nun monte xestionado pola Consellería do Medio Rural e situado nun espazo da Rede Natura 2000, SGHN ven de solicitar á Conselleira de Medio Rural (PDF) que abra unha investigación dos feitos denunciados, depure as posibles responsabilidades nas que teñan incurrido o concesionario da corta e o personal da Consellería encargado da tramitación, aprobación e supervisión da corta, e que adopte as medidas precisas para evitar que feitos semellantes se repitan nun futuro en calquera dos montes xestionados pola Consellería do Medio Rural (Resposta da Consellería).