logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

Proxecto de ampliación do peirao deportivo na Illa da Toxa

O Grove, 28-12-2015

Con data 18/12/15 presentáronse alegacións á ampliación do peirao deportivo na illa da Toxa, no centro do Complexo Intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, Punta Carreirón e Lagoa Bodeira. O proxecto, denominado “Construción e explotación das instalacións náutico recreativas, na illa da Toxa, clave 2005/0200”, pretende ampliar as actuais instalacións no corazón deste espazo, que está amparado baixo varias figuras de protección: zona de especial conservación (ZEC) “Complexo Ons-O Grove (ES1140004)”, zona de especial protección para as aves (ZEPA) “Complexo intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, Punta Carreirón e Lagoa Bodeira (ES0000087)” pertencentes á Rede Natura 2000.

Un proxecto similiar, de maior tamaño foi tamén obxecto de alegacións por parte da SGHN o 27/07/2000. Quince anos e semella que nada cambiou.
As alegacións da SGHN baséanse en que no caso do desenvolver o actual proxecto:

  • Incrementará as molestias á fauna local.
  • Afecta directamente a dous bancos marisqueiros AR-079 e AR-108 e indirecta a outros 18.
  • As avaliacións para o estudo de impacto ambiental consideráranse moi infravaloradas, sesgadas e parciais. Como considerar á zona de tradicional actividade portuaria cando non o é; que o incremento do trasego de embarcacións non incrementará o ruído na zona, sendo un efecto permanente e non recuperable; variacións locais na xeomorfoloxía orixinal, polo enclavado dos piares, afección local á poboación de Zostera spp (vexetación acuática), entre outros.

Polo tanto a SGHN conclúe que considerando a sinerxía de diversos procesos na enseada (verquidos incontrolados de embarcacións e casas, recepción de diversos lixos traídos pola marea o deitados dende terra, a contaminación de metais pesados e tóxicos aportados polo río Umia, a ocupación do bordo litoral de empresas como Cerámicas Campo ou os núcleos de poboación da ribeira da enseada, as molestias e ruídos das embarcacións actuais, entre outros, conlevan un impacto ambiental global SEVERO, con impactos ambientais significativos que non poden ser eliminados coas medidas correctoras indicadas polo promotor.

 

Contaminación severa a moi severa por cobre, arsénico e chumbo no humidal Ramsar Umia-Grove-Carreirón

Está ameazada a principal zona de invernada de aves acuáticas de Galicia?

Versión en castellano

Santiago de Compostela, 17-01-2014

Nas alegacións ao Anteproxecto de Lei de Augas de Galicia (PDF), SGHN salientaba expresamente que “De manterse a redacción do anteproxecto sería un recoñecemento expreso de espírito derrotista e claudicante da Lei e de que todo o rimbombante “Título sexto: Réxime especial de protección da calidade das augas das rías de Galicia” é papel mollado. Independentemente do seu estado actual (bó, aceptable, malo ou moi malo) a Lei confórmase con que o contido en contaminantes órgánicos ou inorgánicos tóxicos nos sedimentos, moluscos e crustáceos das rías galegas “non deberá aumentar ó longo do tempo”.

É dicir, que se o seu estado actual é malo ou moi malo segundo a Lei de Augas de Galicia poderá continuar así indefinidamente sen que se contemplen plans ou actuacións para reducir os niveis de sustancias tóxicas.

Imaxe: Figura 7 do artigo de Álvarez-Vázquez et al. (2014) na que (de esquerda a dereita) se reflicten os niveis de contaminación por cobre, arsénico e chumbo, e sobre a que SGHN salientou en vermello o perímetro do Humidal Ramsar Complexo Intermareal Umia, Grove, Carreirón e lagoa Bodeira.

As devanditas alegacións de SGHN están agora de actualidade pois nun artigo recentemente publicado nunha revista científica especializada [Álvarez-Vázquez, M.A., Bendicho, C., Prego, R. (2014). Ultrasonic slurry sampling combined with total reflection X-ray spectrometry for multi-elemental analysis of coastal sediments in a ria system. Microchemical Journal 112, 172–180], investigadores da Universidade de Vigo e o Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC atoparon nos sedimentos da ría de Arousa unha contaminación:

  • Severa por cobre perto das desembocaduras dos ríos Ulla e Umia, e o porto de Vilagarcía.
  • Severa por arsénico fronte a Cambados.
  • Severa a moi severa por chumbo na marxe sur da ría.

Os autores sinalan que este tipo de contaminación tende a estar asociada ás zonas portuarias (por ex. o caso do porto de Vilagarcía) polas pinturas dos cascos dos buques e as actividades industriais asociadas, pero non apuntan ningunha posible explicación para os elevados niveis de cobre e arsénico na desembocadura do Umia e fronte a Cambados e tampouco para os de chumbo na marxe sur da ría. A falla de estudos complementarios que clarifiquen con certeza a súa orixe, SGHN manexa como hipótese que, pola súa situación ao carón dunha importante zona vitivinícola, dita contaminación por cobre e arsénico no esteiro do Umia e Cambados podería proceder dos tratamentos con funxicidas e outros plaguicidas nos viñedos. A contaminación por chumbo é máis difícil de explicar, pero podería proceder da queima de combustibles fósiles.

Ademais, das posibles repercusións sobre as explotacións pesqueiras e marisqueiras que deberían avaliar outras Consellerías, dita contaminación por cobre, arsénico e chumbo afecta á que, segundo os censos anuais realizados por SGHN dende 1973 (máis...), é a principal zona de invernada de aves acuáticas en Galicia: o Complexo Intermareal Umia, Grove, Carreirón. Esta Zona Húmida de Importancia Internacional segundo a Convención de Ramsar é a principal (ou a única) área de invernada en Galicia para 28 especies de aves, acadando importancia nacional para 16 desas especies ó acubillar máis do 1% dos seus efectivos invernantes en España: Pato rabilongo, Corvo mariño grande, Cullereiro, Gabita, Píllara real, Píldora cincenta, Pilro tridáctilo, Pilro común, Mazarico rabinegro, Mazarico rubio, Mazarico chiador, Mazarico real, Bilurico patirrubio, Bilurico claro, Bilurico das rochas e Virapedras. Máis da metade desas especies son limícolas que se alimentan, precisamente, nos limos do complexo intermareal e, xa que logo, resultan especialmente vulnerables á contaminación dos sedimentos.

Á vista desta situación, ademais de poñela en coñecemento da Secretaría Xeral da Convención de Ramsar (PDF), SGHN ven de solicitar ao Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (PDF) que:

  • Se investigue a orixe da contaminación severa a moi severa por cobre, arsénico e chumbo nos sedimentos do Complexo Intermareal Umia, Grove, Carreirón e se adopten as medidas necesarias para reverter esa situación.
  • Se avalíe os efectos de dita contaminación sobre as aves acuáticas que se alimentan na zona intermareal deste humidal Ramsar de importancia internacional.
  • Informe a SGHN e a oficina da Convención de Ramsar das xestións que desenvolva e os resultados que obteña.

Outras actuacións de SGHN relacionadas co Humidal Ramsar CI Umia, Grove, Carreirón e lagoa Bodeira: Depósitos de Ferrazo. Accidente de Brenntag en Caldas de Reis. Eutrofización encoro do Umia.

Fotografía: Bando de pilros comúns (Calidris alpina) no Complexo Intermareal Umia-Grove-Carreirón.

QUÉ DIFERENCIA!!!

SGHN presentou o escrito ao Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no rexistro da Xunta de Galicia sito na rúa Doutor Teixeiro de Santiago de Compostela o xoves 16 de xaneiro. De momento non hai resposta e non se agarda en bastante tempo á vista da exasperante lentitude da Consellería en asuntos ambientais.

SGHN enviou o escrito e unha copia impresa do artigo científico por correo postal ordinario á Secretaría Xeral da Convención de Ramsar (con sede en Suiza) un día despois, o venres 17 de xaneiro. O luns 20 de xaneiro, a media mañán, SGHN recibiu un correo electrónico da Convención de Ramsar dando acuse de recibo da información remitida e comunicando que "En los próximos días revisaremos la información y tomaremos una decisión en relación a este caso. Por el momento hemos registrado el sitio Ramsar bajo el Artículo 3.2 “Cambios Potenciales en el Carácter Ecológico de los Humedales” y nos hemos puesto en contacto con nuestro punto nacional focal Ramsar en el Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente."

Teremos algún día unha Consellería de MEDIO AMBIENTE (así con MAIÚSCULAS) igual de rápida, eficaz e preocupada pola conservación do patrimonio natural galego?