logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
 

 

A FROUXEIRA-VALDOVIÑO

 

"Plan de conservación do humidal protexido Lagoa e areal de Valdoviño"

Semella que nin siquera leeron as alegacións:

Santiago-Ferrol, 29-07-2014

SGHN ten xa 41 anos de experiencia en escritos sen resposta e alegacións que non se teñen en conta, o cal resulta moi frustrante e desincentivador da participación cidadá nos trámites de información pública. Pero o acontecido co trámite de consultas no procedemento de avaliación ambiental estratéxica do “Plan de conservación do humidal protexido Lagoa e areal de Valdoviño” vai un pasó máis aló xa que, alomenos aparentemente, as alegacións, comentarios e suxerencias presentados por SGHN (PDF) nin siquera chegaron a lerse. SGHN chegou a esta conclusión ao ver que no nova versión do dito "Plan de Conservación" nin siquera se tiveron en conta as consideracións sobre aspectos formais do documento pois no Plan agora sometido a información pública repítense as erratas e os erros que SGHN comunicou por escrito o 16-12-2013 (PDF).

O "novo Plan de Conservación" destaca polas "desaparicións" con respecto ao que se someteu a información pública en decembro pasado. Así "desapareceron" den deixar rastro nen explicación:

  • Un parágrafo que merecera os parabéns de SGHN: “A solución aos problemas causados pola inundación ordinaria do humidal sobre o paseo marítimo e os predios contiguos, debe realizarse en conformidade coa normativa vixente, e en concreto coa Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, a Lei 42/2007, do 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade e o Decreto 127/2008, do 5 de xuño, polo que se desenvolve o réxime xurídico dos humidais protexidos e se crea o Inventario de humidais de Galicia”.
  • Dous hábitats de interese comunitario (Directiva 92/43/CEE) que si están presentes no humidal protexido: 1140 Chairas fangosas ou areosas que non están cubertos de auga cando hai marea baixa e 1130 Esteiros.
  • Dous hábitats de carácter prioritario segundo a Directiva 92/43/CEE: 4020 * Queirogais húmidos atlánticos de zonas temperadas de Erica ciliaris e Erica tetralix e 4040 * Queirogais secos atlánticos costeiros de Erica vagans.

E destaca tamén por non subsanar as carencias do "vello Plan de Conservación" en información decisiva para calquera plan de conservación dun humidal, como por exemplo, sobre a dinámica hidrolóxica e a fauna acuática (excluidas as aves).

Por todos istes motivos, as alegacións agora presentadas por SGHN (PDF) rematan dicindo que "para non alongar de xeito innecesario, e seguramente (outra vez) infructuoso, o presente escrito SGHN se ratifica en todas e cada unha das alegacións presentadas por rexistro o 16-12-2013 e que non foron tidas en conta."

 

As alegacións que semella que non leeron

Ferrol, Santiago de Compostela, 08-01-2014

A Lagoa e areal de Valdoviño son un humidal Ramsar dende 1992 (PDF) e un humidal protexido dende 2004 (Decreto 110/2004). Por istes motivos, segundo a Lei 9/2001 a Consellería con competencias en medio ambiente debera ter aprobado alomenos un plan de conservación dende hai once anos, pero non foi ata finais do pasado ano (pouco despois de que SGHN solicitara unha copia do mesmo; máis...) que a Dirección Xeral de Conservación da Natureza someteu a información pública o "Plan de conservación do humidal protexido Lagoa e areal de Valdoviño" (PDF) que se estaba a realizar dende 2010.

Ademais de dúas páxinas de comentarios, correcións de erros, aportacións de información sobre biodiviersidade do espazo protexido e diversas suxerencias, as alegacións de SGHN (PDF) salientan:

  • Que o Plan incumpre a Lei 9/2001 ao non respetar os prazos establecidos e non establecer as normas de aproveitamento dos recursos naturais, de uso público e para as actividades científicas ou educativas, necesarias para protexer e conservar ou mellorar os valores ambientais.
  • Que o Plan non pode considerarse un auténtico estudio hidro-ecolóxico, imprescindible para a xestión dun humedal Ramsar, pois carece dunha caracterización do ciclo hidrolóxico e de información clave sobre a biodiversidade do medio lagunar propiamente dito (fitoplancton, zooplancton, invertebrados e ictiofauna).
  • Que non consta a autoría do Plan, nin se inclúe a bibliografía citada nin unha copia dos documentos técnicos nos que se basea.
  • Que urxe elaborar ou mellorar os protocolos de actuación neste humidal protexido, pois, como se recoñece agora no propio Plan, en 2003 e 2009 danouse con maquinaria pesada a coiraza externa da lagoa "... sen considerar o réxime hidro-biolóxico do humidal e os obxectivos de conservación establecidos polas distintas figuras de espazos naturais que inciden neste lugar”. Aínda que non se recoñeza, a coiraza volveu a danarse en xaneiro de 2012 (foto abaixo á dereita). SGHN pide que se depuren as responsabilidades legais, administrativas e/ou profesionais de tan monumentais erros na xestión dun humidal con media ducia de figuras de protección.
  • Que á vista das ben documentadas e nefastas consecuencias das canles excavadas na coiraza interna en novembro de 2003, urxe avaliar as posibles técnicas de restauración da coiraza e restaurala o antes posible.
  • Que despois de citar traballos que salientan "a vulnerabilidade que sobre a evolución natural das lagoas costeiras teñen as accións antrópicas mantidas no tempo”, sorprende enormemente que “Coa finalidade de recuperar o funcionamento natural da lagoa, considérase necesario de forma periódica proceder á recuperación do tramo final da canle de desaugue” e iso:
    • Sen a imprescindible información científico-técnica sobre os ciclos hidrolóxicos da lagoa e recuperación natural da barreira.
    • Sen establecer un horizonte temporal a partires do cal, grazas as actuacións de restauración hidrolóxica e ecolóxica, a lagoa recuperase o seu funcionamento natural.
  • Que é unha eiva moi importante que nin siquera se avalíe a necesidade da eliminación total ou parcial do “viario que percorre a parte posterior da praia de A Frouxeira, e prolóngase polo bordo E da cubeta lacunar, fracturando a zona de ecotonía entre os medios higrófilos-continentais, cando non discorrendo polo interior dos medios higrófilos" con efectos moi perxudiciais sobre "hábitats fundamentais para o mantemento de moitas especies características do humidal”.
  • Que é un grave erro "obviar" a necesidade dunha seria ordenación urbanística, que alivie a forte presión que sofre o espazo natural e contemple a oportuna reposición da legalidade no caso de que houbera violacións da mesma, como ven solicitando SGHN dende hai tres anos (PDF).
  • Que o Plan amosa pouco compromiso e firmeza pola defensa e conservación de hábitats e especies protexidas e é pouco ambicioso no relativo ao control das 35 especies de flora alóctona (28 delas potencialmente invasoras) presentes no espacio protexido.

Fotografía: Danos provocados pola maquinaria pesada sobre o substrato rochoso da praia da Frouxeira durante a apertura do novo trazado da canle de drenaxe (2012-01-25).

Se todo isto fose pouco, no documento sometido a información pública bótanse en falla aspectos tan imprescindibles nun Plan de Conservación como:

  • Unha priorización das accións proposas.
  • Unha programación temporal para o desenvolvemento do Plan cun calendario concreto e detallado.
  • Un orzamento para realizar as accións propostas, cun compromiso claro de investimentos, detallando as partidas orzamentarias ás que se preve imputar.
  • Os criterios para realizar un seguemento das actuacións para verificar o cumprimento do Plan e avaliar a súa efectividade real.

Tendo en conta os anteriores argumentos, SGHN considera que non se subsanan estas gravísimas eivas, o “Plan de conservación do humidal protexido Lagoa e areal de Valdoviño” será tan só outro documento perfectamente inútil.

Arriba

 

Denuncia de SGHN e Verdegaia

Os cans soltos ameazan as aves da Frouxeira

Ferrol, 13-12-2013

A presenza diaria de numerosos cans soltos e sen control por parte dos propietarios na praia, sistema dunar e lagoa da Frouxeira está a provocar graves efectos nas aves migradoras.

Así, desde que esta presenza canina se fixo regular, algunhas especies foron abandonando o areal, coma o Pilro común (Calidris alpina) ou a Gabita (Haematopus ostralegus). Outras limícolas que aínda manteñen poboacións invernantes tiveron que mudar os seus hábitos de alimentación e descanso. Debido ás permanentes molestias que sofren por parte dos cans sen control, foron cambiando progresivamente os seus repousadoiros de preamar na Praia de Lago, e agora vense obrigadas a voar cara a costa cercana ou o illote da Percebelleira, onde atopan a tranquilidade necesaria para o repouso. De igual modo, durante as baixamares, período de alimentación nos intermareais da Frouxeira, soportan tamén un constante acoso por parte destes cans, o cal xenera una molestia grave, que mesmo pode afectar á supervivencia das aves, polo constante gasto enerxético que necesitan para voar fuxindo dos ataques, sen apenas poder alimentarse.


Na mañá do pasado domingo, un ornitólogo da SGHN comprobou que hai auténticos especialistas no acoso ás aves, (como o can da fotos), que adicou case media hora a perseguir de maneira repetitiva a todos os bandos de limícolas e gaivotas que atopaba e volvía a facelo en canto éstas pousaban. Durante as súas persecucións chegou a alonxarse ata case un quilómetro do seu dono, que permanecía impasivo.Na primavera, ademáis, esta presenza masiva de cans por en grave perigo a nidificación da Píllara das dunas, que posúe na Frouxeira un dos seus refuxios na comarca de Ferrol.

Por outra banda, a desidia das autoridades no apartado informativo, concienciador e sancionador fai que os ornitólogos se vexan obrigados a informar aos propietarios das mascotas de que deben levar os cans coa correa e impidan que espanten as aves nunha zona con cinco figuras de protección teóricas.

Desde a SGHN e Verdegaia esíxese unha aplicación rigorosa da lexislación vixente,  empregando una interpretación da mesma coerente co espíritu do recente “Plano de Conservación do Humidal”, elaborado pola propia Consellaría. E demanda, polo tanto, un compromiso real da Administración autonómica e municipal para eliminar dunha vez esta ameaza permanente que pon en perigo a riqueza ornitolóxica da Frouxeira, que xa padece outras problemáticas aínda sen resolver.

Arriba

 

 

SGHN solicita copia do estudio sobre a Lagoa de Valdoviño

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2013

Con data 18-01-2010 (PDF), SGHN solicitou á Dirección Xeral de Conservación da Natureza que abordase, urxentemente, un amplo e detallado estudio multidisciplinar sobre a Lagoa de A Frouxeira que debería:

  • Documentar axeitadamente a situación previa e avaliar os cambios que sufriu o espazo natural da Lagoa e praia da Frouxeira dende mediados do século XX. Esta información é chave para coñecer a batimetría e extensión previa da lagoa, a superficie dos fondos limosos e areosos e a frecuencia, intensidade e duración das conexións naturais da lagoa co mar.
  • Avaliar a situación actual e as medidas precisas para a conservación e restauración do espazo natural da Lagoa e praia da Frouxeira en base a criterios xeomorfolóxicos, hidrolóxicos, botánicos e faunísticos.
  • Contemplar a implementación de medidas de xestión agroambiental nas terras agrícolas ó carón da lagoa (co pertinente programa de axudas e subvencións ós propietarios).
  • Abordar unha seria ordenación urbanística, que alivie a forte presión que sofre este espazo natural e que contemple a oportuna reposición da legalidade no caso de que houbera violacións da mesma.

Para SGHN foi unha moi grata sorpresa a resposta que un mes despois (22-02-2010) recibiu da Dirección Xeral de Conservación da Natureza (PDF) na que comunicaba que dito estudo imprescindible xa se estaba a facer antes da solicitude SGHN e que nel estaban a participar botánicos, zoólogos, e hidrólogos de recoñecido prestixio “para coñecer o funcionamento hidrodinámico do sistema praia/barreira/lagoa e asemade a súa interrelación faunística e botánica e as incidencias dos desaugadoiros periódicos producidos na lagoa no último século” e logo poder “adoitar as medidas máis convintes para a conservación e restauración do humidal baixo criterios xeomorfolóxicos, hidrolóxicos, botánicos e faunísticos.”

Imaxe: A Frouxeira na "Carta Xeométrica de Galicia" de Fontán (1845)

Supoñendo que (tres anos despois) xa está rematado o estudo, SGHN ven de solicitarlle á Dirección Xeral de Conservación da Natureza (PDF) unha copia do mesmo para coñecer as súas conclusións e recomendacións sobre a xestión da Lagoa da Frouxeira e comparalas coas actuacións que está a desenvolver dita Dirección Xeral neste humidal Ramsar de importancia internacional e con cinco figuras de protección nacional e internacional.

Fotografías: A Lagoa de A Frouxeira en 1955 (esquerda) e na actualidade (dereita, imaxe descargada do SIGPAC do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente). Observación importante: a situación da marea é sensiblemente diferente nas dúas imaxes.

Arriba

 

APERTURA NATURAL DA LAGOA DA FROUXEIRA

A apertura espontánea da canle da lagoa da Frouxeira en Valdoviño a primeiras horas da mañá de onte (30-01-2012) evidencia o inapropiado das medidas tomadas pola Xunta de Galicia neste último mes, como colofón a unha longa traxectoria de desinterese polo cumprimento das súas obrigas legais respecto da xestión dun humidal con cinco figuras de protección, unha delas internacional.

A canle voltou a abrir por onde o sistema ofrece máis estabilidade, fronte ao illote Percebelleira, evidenciando que se subestimou a forte dinámica mariña da zona coa pretensión da construción dunha canle de desaugue supostamente controlado que, ademáis, mudaría o caracter alternante de albufeira/lagoa que lle confire á Frouxeira un dos seus maiores valores ambientais.

A SGHN lamenta fondamente a obstinación e falta de diálogo das autoridades ambientais, desprezando o diálogo con entidades como a nosa con máis de trinta anos de coñecemento da zona, e vai esixir onde corresponda as responsabilidades por unha xestión tan criticable dende o punto de vista ambiental.

Por último, pero non menos importante, SGHN reclama a inmediata restitución da barra de area da praia pequena ao seu estado anterior, retirando os xeotextiles colocados e restaurando o areal ao seu perfil habitual, moi alterado pola actuación da Consellería de Medio Ambiente con maquinaria pesada o cal afectou alomenos a dúas especies de coleópteros con estatus vulnerable:

  • Zabrus (Euryzabrus) pinguis, especie que tan só se localiza nas dunas litorais da costa occidental de Galicia e da metade norte de Portugal; está ligada á presenza de Ammophila arenaria e, ao non ser voadora, a súa mobilidade vése reducida. Categoría UICN 2007 de Vulnerable baixo Criterio B2ab (ii,iii): http://www.marm.es/es/biodiversidad/temas/inventarios-nacionales/Zabrus_pinguis_tcm7-187591.pdf
  • Eurynebria complanata, especie halófila de hábitos nocturnos, que vive nas praias marítimas con presenza dun sistema dunar pouco alterado e que se localiza, polo xeral, baixo residuos depositados pola marea na zona de transición entre a duna embrionaria e a liña de preamar. É unha especie vulnerable que, ainda que localmente poda asemellar dunha presenza abundante, atópase en regresión nas nosas costas polo forte impacto da actividade humana neste medio.

Arriba

 

ASÍ NON!

COMUNICADO DA SGHN SOBRE A APERTURA DA LAGOA DA FROUXEIRA

A Sociedade Galega de Historia Natural manifesta a súa fonda preocupación sobre o deseño e execución do procedemento adoptado polas autoridades competentes para aliviar os elevados niveis de agua da lagoa da Frouxeira (Valdoviño).

Respecto ao deseño, cabe salientar que se descoñecen os posibles efectos do novo trazado do sistema de desaugue e non pode desbotarse que chegue a dificultar a entrada do mar na Frouxeira, alterando o seu funcionamento natural.

Respecto á execución, as obras en realización conlevan a remoción e desprazamento dunha grande cantidade de area con maquinaria pesada: ata 3 bulldozers e 3 retroexcavadoras traballando simultáneamente que xa alteraron o perfil da praia e moi probablemente estean a provocar unha compactación das areas con efectos pendentes de avaliar.

Pero, con diferencia, o máis preocupante é que a maquinaria pesada empregada está a profundizar máis aló do depósito de areas da praia. As fotografías obtidas por SGHN revelan con claridade meridiana que os bulldozers están a rebaixar o propio leito rochoso de xistos subxacente ás areas da praia, provocando unha afectación xeomorfolóxica seguramente irreversible.

Unha transformación xeomorfolóxica deste tipo resulta incomprensible e inaceptable se as obras son unha solución provisional de “urxencia”.

Incomprensible e inaceptable serían tamén os cualificativos aplicables para esta transformación xeomorfolóxica se as obras non son provisionais e se están a realizar carecendo aínda dos resultados do estudio científico e plan de xestión reclamado dende hai 2 anos por SGHN e que segundo a Xunta de Galicia aínda se está a realizar porque SE UNHA COUSA ESTÁ FORA DE TODA DÚBIDA É QUE A CANLE NATURAL DA FROUXEIRA NUNCA FOI POR DEBAIXO DO LEITO ROCHOSO.

Arriba

Fotografía: Danos provocados pola maquinaria pesada sobre o substrato rochoso da praia da Frouxeira durante a apertura do novo trazado da canle de drenaxe (2012-01-25).

 

COMUNICADO DE PRENSA DA S.G.H.N. SOBRE A SITUACIÓN NA LAGOA DA FROUXEIRA

A Xunta Directiva Xeral da SGHN desexa facer pública a súa posición respecto á xestión pasada e actual do ecosistema da Frouxeira. Consiste este nunha lagoa litoral, que se enche coa auga doce de varios regatos e desauga na praia da Frouxeira por unha canle de desaugue polo NE, ao abrigo do illote Percebelleira. No verán, a estiaxe e os ventos pechan a lagoa ata que, ao recuperar niveis altos de inundación, rompe a barra por efecto das mareas máximas e a marusía, ou axudada manualmente ata os anos 60 e con maquinaria pesada nos seguintes vinte anos.

A situación actual da Lagoa da Frouxeira, debido á elevación excesiva do nivel da lámina de auga, sobrepasa o límite soportable para algúns dos hábitats que xustificaron no seu día a declaración deste espazo como ZEPVN “Costa de Ferrolterra-Valdoviño”, Humidal Protexido “Lagoa e areal de Valdoviño”, LIC ES1110002 “Costa Ártabra”, Zona Ramsar 7ES025 “Lagoa e areal de Valdoviño” e ZEPA ES0000258 “Costa de Ferrolterra-Valdoviño”, principalmente a aqueles hábitats que conforman o bordo da Lagoa: 7140 “Mires de transición”, 1150 “Lagoas costeiras”, 2120 “Dunas móbiles do litoral con Ammophila arenaria, (dunas brancas)”, 2130 “Dunas costeiras fixas con vexetación herbácea, (dunas grises)”, hábitat prioritario e 9130 “Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior", tamén prioritario. De persistir as presentes circunstancias, estes hábitats poderanse verse afectados, ata o punto de producirse modificacións no valor relativo á conservación, atendendo a criterios contemplados no Anexo III da Lei 42/2007 para a avaliación de hábitats.

En canto ao valor ornitolóxico internacional da Frouxeira, determinado pola riqueza e diversidade en aves asociadas ao medio acuático, dada a proximidade da tempada de cría as consecuencias desta crecida (no caso de prologarse varias semanas máis) poderían ser nefastas para diversas especies, varias delas incluidas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas como vulnerables (Garza pequena Ixobrychus minutus; Papoazul Luscinia svecica) ou en perigo de extinción (Abetouro Botaurus stellaris; Alcaraván Burhinus oedicnemus; Escribenta das canaveiras Emberiza schoeniclus lusitanica).

A Lei 42/2007, do patrimonio natural e da biodiversidade, sinala a obriga, por parte das administracións competentes, de tomar as medidas apropiadas para evitar a deterioración dos hábitats naturais e dos hábitats das especies que motivaron a designación das áreas integradas na Rede Natura 2000.

A SGHN advertiu con data de 18 de xaneiro de 2010 dos potenciais riscos para este ecosistema de non tomarse medidas baseadas na investigación, estudo e valoración das posibles alternativas que leven a unha correcta xestión do medio.

Os problemas actuais veñen do cambio de uso tradicionais. Nos anos 60 o aproveitamento de pastoreo e pesca deixou paso á unha extracción masiva de area que castigou o sistema dunar da Frouxeira. Antes do remate da mesma, en 1979, a apertura con máquinas polo NO da lagoa en momentos de enchente desencadeou unha entrada masiva de area que cubriu parcialmente o leito da lagoa, reducindo a súa capacidade e tapando os limos e a vexetación subacuática que mantiñan a organismos acuáticos e aves.

En 1984 o concello de Valdoviño, asesorado pola SGHN reabríu a vella canle NE ao abrigo do illote Percebelleira. Esta canle estabilizouse abrindo tanto espontáneamente coma por intervención humana ata 2002, cando foi pechado para impedir a entrada da marea negra do Prestige. En 2003 retirouse dita barreira con maquinaria pesada, pero esta intervención necesaria executouse moi mal xa que afondou o perfil da canle, o que levou á administración á colocación dunha barreira de pedra que se mantén na actualidade. En opinión da SGHN, esta actuación alterou a dinámica dos vinte anos anteriores, dificultando hoxe o desaugue da lagoa.

Esa situación levou áSGHN a solicitar en 2010 un estudo multidisciplinar para asesorar sobre as medidas a tomar para mellorar a capacidade da lagoa e a recuperación da súa productividade natural. Lamentablemente, a realización de dito estudo estase a dilatar excesivamente no tempo polo que, á vista das afeccións actuais ao medio e en base ao principio de precaución, SGHN estima que se deberían considerar medidas inmediatas de alivio controlado do nivel hídrico tendentes a evitar males maiores aos valores naturais de A Frouxeira.

Por suposto, sen prexuízo de que se continúen as imprescindibles investigacións en curso, coa finalidade de acadar o antes posible unha solución definitiva que asegure a autorregulación do sistema lagunar.

Arriba

 

COMUNICADO DE PRENSA DA SGHN EN RELACIÓN COA LAGOA DA FROUXEIRA

A SGHN, ante as declaracións de responsables de Conservación da Consellería de Medio Rural aludindo á imposibilidade de actuación na lagoa da Frouxeira debido ás denuncias de organizacións conservacionistas desexa levar ao público as seguintes consideracións:

  • Ningunha denuncia paraliza nada na UE senón ten unha base legal fundamentada.
  • A actitude da SGHN sempre é a de buscar o mellor nivel de colaboración con administracións e colectivos para preservar o patrimonio natural galego. De non conseguilo trata de instar ás instancias que correspondan para que se cumpra a lei.
  • O caso da Frouxeira, que reúne cinco figuras de protección, unha delas internacional, é un dos exemplos máis lamentables do abandono da administración autonómica responsable da conservación, toda vez que incumpriu reiteradamente as obrigas que lle confire a lei e compromisos internacionais, gastando pouco ou nada na xestión e, o que é peor, demostrando pola vía dos feitos que non hai unha política de xestión, nin sobre o papel nin sobre o terreo, descargando actuacións que lle competen sobre os limitados medios e competencias do concello de Valdoviño.
  • Os conservacionistas SI somos culpables de preocuparse dende 1973 para evitar que na superficie da Frouxeira houbera cousas como un complexo turístico, un 'lago' para deportes náuticos e unha 'reserva', como recollen as hemerotecas. Máis non somos os únicos culpables, moitos veciños de Valdoviño apoiaron esas reivindicacións e un alcalde valente, Jesús Tutor (†) tivo o valor en 1985 de asumir a restitución da canle vella aconsellado pola SGHN. Non lle dou ou non puido construír o acceso en peine ás fincas, como parece que se está a facer de urxencia este decembro.
    Esa valentía cómprelle agora á Dirección Xeral de Conservación e a Augas de Galicia para tomar medidas técnicas de xestión da lagoa apoiadas en estudos científicos fundamentados, máis que pretender enfrontar a conservacionistas e veciños que encontrarán sempre na SGHN unha organización interesada na mellor calidade do medio de Galicia.

Santiago, 2 de xaneiro de 2012

Arriba

 

Alegacións de SGHN e SGO
MÁIS “ACTUACIÓNS” DA DEMARCACIÓN DE COSTAS EN VALDOVIÑO

Sociedade Galego de Ornitoloxía (SGO) e Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) veñen de presentar coordinadamente alegacións (ver PDF) ao Estudo de Impacto Ambiental e ao Proxecto "Actuaciones en el entorno de A Frouxeira T.M. de Valdoviño (A Coruña) ref.: 15-0659" sometido a información pública pola Demarcación de Costas de Galicia (BOE nº 202, de 23 de agosto de 2011).

O proxecto apenas aporta elementos de recuperación de zonas sensibles, como supostamente se pretende na exposición de obxectivos, e abonda na idea de engadir supostos atractivos turísticos a costa de agravar os impactos negativos de “actuacións” previas da Demarcación de Costas sobre:

  • Hábitats incluidos na Directiva Comunitaria 92/43/CEE:
    • Código 1230 Cantís con vexetación das costas atlánticas e bálticas; hábitat de interese comunitario.
    • Código 4040 Uceiras secas costeiras de Erica vagans, hábitat de conservación prioritaria na UE do que apenas hai 400 ha en toda Galicia.
  • Un área de interese salientable para a avifauna:
    • Reprodutora: Pillara das dunas (Charadrius alexandrinus), Choia biquivermella (Pyrrhocorax pyrrhocorax), Lagarteiro (Falco tinnunculus), Lavandeiras boieiras (Motacilla flava), Merlo azul (Monticola solitarius) ou os Liñaceiros (Carduelis cannabina).
    • Migrante ou invernante: Pedreiros cincentos (Oenanthe oenanthe), Picas comúns (Anthus pratensis), Chascos rabipintos (Saxicola torquata), as raras Escribentas das neves (Plectrophenax nivalis), moi escasa no contexto peninsular, bandos de Píllara dourada (Pluvialis apricaria) e exemplares de Ganso sangano (Branta leucopsis).

Fotografía: Cantís con vexetación das costas atlánticas e bálticas; hábitat de interese comunitario.

Fotografía: Uceiras secas costeiras de Erica vagans, hábitat de conservación prioritaria na UE.

Fotografía: Antirrhinum majus ssp. linkianum, endemismo.

Fotografía: Reichardia gaditana, endemismo.

Polo devandito, SGHN e SGO veñen de solicitar á Demarcación de Costas en Galicia que:

  1. Das actuacións previstas na contorna do Faro da Punta Frouxeira se conserve únicamente a instalación de paneis, circunscrita ás inmediaciones do Faro.
  2. En relación ao aparcadoiro no Campo de Fútbol e ao campo dunar todas as actuacións deberan encamiñarse a restaurar o campo dunar e facer o posible por conquerir a medio prazo o cambio de ubicación das instalacións deportivas, situando nese sitio o campo da festa e un aparcadoiro (máis pequeno que o proxectado). A restauración da parcela debera facerse aportando sustrato areoso en sustitución do extraído e recuperando as formas do contorno, eliminando drenaxes e sen revexetar artificialmente. É importante tamén eliminar o peche existente da especie alóctona Myoporum laetum.
  3. Se deben restaurar, na medida do posible, os cantís da Praia Pequena e o talude da Praia Grande de tal xeito que posibilite o asentamento dos hábitats presentes anteriormente. Para levar adiante estas restauracións é necesario tamén eliminar, en parte, as sendas existentes, substituíndoas por camiños de tamaño máis reducido que conduzan ás escaleiras, que deberan ser de madeira como están proxectadas, pero reducindo as dimensións en anchura.
  4. É necesario que o regato que desemboca na Praia Pequena deixe de ser unha tubería de formigón e recupere a súa circulación natural en superficie. Para posibilitar esta opción, o aparcadoiro que se propón para a Praia Pequena debera ubicarse no mesmo lugar que o xa indicado para a Praia Grande.
  5. A solución ao problema dos casetos de aperos de pesca na Praia dos Botes non é cambiar o emprazamento destas edificacións, senón demoler as actuais e recuperar o tipo tradicional de pedra e madeira, adaptada ás características orográficas e que ofrecía un aspecto harmonioso coa paisaxe circundante. É necesario, así mesmo, regular o uso e as dimensións das instalación, debendo quedar o uso restrinxido á actividade tradicional.

Fotografías: Muro de bloques de granito e tubo de formigón (esquerda) cos que en 2003 a Demarcación de Costas de Galicia destruíu parte do cantíl da Praia pequena e encanou o regato que desembocaba nela para a súa "recuperación" (véxase placa na imaxe da dereita), todo con fondos públicos do Ministerio de Medio Ambiente.

Arriba

 

LAGOA DE A FROUXEIRA
e a reiterada apertura artificial da súa canle de drenaxe

O recurso reiterado á apertura artificial da canle de desaugamento da Lagoa da Frouxeira con maquinaria pesada (no outono de 2009, alomenos en dúas ocasión) amosa con claridade a ineficacia destas medidas de ”xestión hidrolóxica” que, actualmente en resposta á presión urbanística, semellan aplicarse en base ó sistema de “ensaio e error”, sexa por parte dos propios operarios da maquinaria ou baixo a supervisión de persoal non cualificado na materia.

Ademais do despilfarro de recursos públicos que supón, a ”xestión hidrolóxica por ensaio e error” debido a motivos urbanísticos é inaceptable nun espazo natural como a Lagoa da Frouxeira que, polos seus sobranceiros valores ambientais, acumula nada menos que 5 figuras legais de protección nacionais e internacionais:

  • Zona de Especial Protección dos Valores Naturais “Costa de Ferrolterra-Valdoviño”.
  • Humidal protexido “Lagoa e areal de Valdoviño”.
  • LIC ES1110002 “Costa Ártabra”.
  • Zona Ramsar 7ES025 “Lagoa e areal de Valdoviño”.
  • ZEPA ES0000258 “Costa de Ferrolterra-Valdoviño”.

Diversas evidencias indican que as continuas aperturas da canle de desaugamento están a agravar varios procesos de deterioro ambiental da Lagoa da Frouxeira desencadeados no pasado (destrucción da barra dunar pola extracción de area, mala xestión do humidal durante a catástrofe do Prestige, transformación do entorno, etc.), entre eles:

  • Danos á vexetación salobre litoral e eulitoral polos cambios drásticos na salinidade e nos niveis de auga.
  • Colmatación do vaso lagunar por entrada masiva de sedimentos areosos, que afecta xa a aproximadamente un tercio da súa superficie.
  • Incisión de canles profundas no leito do vaso lagunar polos fenómenos erosivos durante o rápido baleirado da lagoa.
  • Facilitación do acceso incontrolado de persoas, vehículos (motos e quads) e cans a zonas moi sensibles dende os puntos de vista botánico e faunístico.
  • Provocando, en definitiva, unha degradación paulatina do ecosistema praia-duna-lagoa con afección ós hábitats e ás especies de conservación prioritaria que motivaron a súa protección legal.

Fotografía: Vistas aérea da lagoa de A Frouxeira e a praia de Valdoviño obtida do Sistema de Identificación de Parcelas Agrícolas, do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño (http://sigpac.mapa.es/fega/visor)

Por estas razóns, en xaneiro de 2010 a SGHN solicitu á Dirección Xeral de Conservación da Natureza:

  • Que aborde, urxentemente, un amplo e detallado estudio multidisciplinar que debería:
    • Documentar axeitadamente a situación previa e avalíe os cambios que sufriu o espazo natural da Lagoa e praia da Frouxeira dende mediados do século XX. Esta información é chave para coñecer a batimetría e extensión previa da lagoa, a superficie dos fondos limosos e areosos e a frecuencia, intensidade e duración das conexións naturais da lagoa co mar.
    • Avaliar a situación actual e as medidas precisas para a conservación e restauración do espazo natural da Lagoa e praia da Frouxeira en base a criterios xeomorfolóxicos, hidrolóxicos, botánicos e faunísticos.
    • Contemplar a implementación de medidas de xestión agroambiental nas terras agrícolas ó carón da lagoa (co pertinente programa de axudas e subvencións ós propietarios).
    • Abordar unha seria ordenación urbanística, que alivie a forte presión que sofre este espazo natural e que contemple a oportuna reposición da legalidade no caso de que houbera violacións da mesma.
  • Que non realice novas aperturas da canle de desaugamento da Lagoa da Frouxeira, nin permita que outros organismos ou particulares a realicen, mentres non se dispoña do devandito estudio multidisciplinar.

Arriba

Frouxeira_canle

Fotografía: Lagoa de A Frouxeira despois da apertura artifiicial da canle en decembro de 2009.

 

O OBSERVATORIO DA FROUXEIRA QUEIMADO OUTRA VEZ

A SGHN quere denunciar a queima do observatorio instalado na lagoa da Frouxeira na noite pasada, e expresar a súa enérxica repulsa por este acto provocado. As circunstancias meteorolóxicas destes días, cun forte temporal de chuvia, deixan ben patente, por se houbese dúbidas, que foi intencionado. O mesmo que pasou hai dez anos cos anteriores observatorios, que tamén foron destruídos.

Obs_Frouxeira Obs_Frouxeira_quemado
Fotografías: Imaxes do observatorio ornitolóxico de A Frouxeira, recén estrenado o pasado verán (esquerda) e recén queimado (1 de novembro).

A Frouxeira é a lagoa litoral máis importante de Galiza para as aves acuáticas, como indican os censos que se veñen realizando durante os pasos migratorios e a invernada. De feito está catalogada como zona Ramsar pola súa importancia vital para este grupo de aves. Sen embargo, a día de hoxe, o abandono por parte das autoridades municipais e da Xunta é notoria. A diario repítense episodios de invasión do areal e dunas por parte de vehículos como Quads ou Kite Buggys e por paseantes con cans ceibes. E, desde hai anos, veñen actuando con total impunidade, pescadores furtivos, que empregan aparellos ilegais coma nasas e redes. Durante anos realizaron a súa actividade ilegal a plena luz do día. Pero ante a cada vez máis numerosa presenza de ornitólogos, pasaron a actuar ao amparo da noite. Recentemente membros da SGHN  cursaron denuncias ao Seprona ao detectar casos de furtivismo a primeira hora da mañá, cando os furtivos recollían os seus aparellos e a pesca capturada. Para acceder máis facilmente á ribeira da lagoa chegan a meter os seus vehículos polo paseo peonil, de acceso totalmente prohibido. Os observatorios de aves cumprían, neste sentido, unha dobre misión, xa que permitían ver as aves e ao mesmo tempo todo canto alí acontecía,e por iso pode ser que alguén lle estorbasen.

Desde a SGHN reclamamos un plano definitivo de conservación e vixilancia da lagoa, que vimos pedindo nos últimos anos. E un dos seus piares fundamentais da súa conservación debe ser a vixilancia intensiva, para que estas actividades ilegais sexan erradicadas dunha vez neste importante humidal.

Arriba