logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

AC Rabo de Galo, ADEGA-Coruña, AE Arcoiris, GN Hábitat, PDR Sada-Betanzos, SGHN-As Mariñas e SGO

Piden a suspensión total da "Actuación medioambiental na ría do Pedrido"

Sada, 26-08-2015

A Delegación de As Mariñas da SGHN ven de presentar un escrito ante a Demarcación de Costas de Galicia xunto coas organizacións: ADEGA-Coruña, Grupo Naturalista Hábitat, Plataforma na Defensa da Ría de Sada e Betanzos, Asociación Ecologista Arco Iris e Asociación Cultural O Rabo do Galo e tamén a Sociedade Galega de Ornitoloxía (PDF). Neste escrito se pide a suspensión total do obra “Actuación medioambiental de la ría del Pedrido, fase I, playa de Sada (A Coruña)” e a anulación do proxecto “actuación medioambiental de la ría del Pedrido (A Coruña)”, debido ás graves deficiencias no Estudo de Impacto Ambiental no que se basea a súa Declaración de Impacto Ambiental. Non parece lóxico nun estado moderno que se acometan proxectos baseados en Estudos de Impacto Ambiental redactados dez anos antes sobre unha ría como a de Sada – Betanzos.

Esta obra non ten en conta a destrución da pradeira da planta acuática zostera na propia praia de Sada, sendo unha zona de refuxio e cría de especies mariñas (algunhas con interese comercial). Tamén, entre outros aspectos, se minimiza o impacto sobre a zona prevista de extracción da area (enfronte de Lorbé). Esta zona serve de lugar de cría e recrutamento de diversas especies de aproveitamento comercial tal e como xa puxeron de manifesto as Confrarías de pescadores da ría de
Sada e Betanzos xunto coa da Coruña.

As sete organizacións asinantes consideran que se debe acometer un novo proxecto ambiental da ría de Ares-Sada-Betanzos (funciona como un único ecosistema) afrontando os problemas de contaminación, impacto das infraestruturas existentes, mellora dos recursos marisqueiros e pesqueiros e mellora dos espazos protexido, pero sen danar os ecosistemas xa existentes e coa menor obra civil posible. Este novo proxecto debe contar cun novo estudo de impacto ambiental e ter o máximo consenso entre os sectores sociais implicados.

 

Deterioración do estado de conservación dos ecosistemas litorais de Galicia:
1. O Parque Natural de Corrubedo

Santiago, 07-08-2015

A beiramar Galicia conserva un importante elenco de compoñentes do patrimonio natural e da biodiversidade, moitos dos cales están estritamente protexidos pola normativa comunitaria, estatal e autonómica, se ben a configuración da Rede de Espazos Naturais de Galicia é aínda incompleta, carecendo dunha efectiva protección áreas con importantes valores ambientais, unha situación agravada coa paralización da última proposta existente de ampliación da Rede Natura 2000.

Moi lamentablemente, nos espazos xa declarados asistimos a unha progresiva deterioración do estado de conservación dos ecosistemas litorais de Galicia (praias de area, seixos e coidos; sistemas dunares; acantilados; marismas, e lagoas costeiras) debido á falta de medidas de conservación/restauración, así como á case ausencia de vixilancia e a permisividade no desenvolvemento de distintas actuacións (introdución de especies exóticas invasoras, circulación de vehículos e persoas sobre áreas sensibles, vertedura de todo tipo de residuos, construcións sobre hábitats e núcleos de presenza de especies protexidas, presenza irregular de cans e outros animais de compañía, etc) que vulneran abertamente a lexislación. Valga, como primeira mostra, o caso do Parque Natural de Corrubedo.

Xunto co Parque Nacional das Illas Atlánticas, o Parque Natural de Corrubedo e o único espazo no que se manteñen uns mínimos criterios de xestión racional, homologables ao que internacionalmente se considera unha área protexida. Esta xestión desenvólvese a pesar dunha reducida dotación de medios e cunha progresiva diminución dos traballos científicos de monitoreo, que na maioría dos casos se realizan sen achegas económicas da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

A declaración do Parque Natural de Corrubedo en 1992 promoveuse para impedir a deterioración do sistema dunar ameazado pola extracción ilegal de áridos e o desenvolvemento dun urbanismo depredador. O primeiro director do Parque Natural desenvolveu unha serie de actuacións irracionais que trouxeron consecuencias moi negativas para a conservación diste singular espazo, entre elas a introdución de distintas especies exóticas invasoras para o ornato de camiños e os sistemas dunares ou a construción dunha pasarela de madeira que atravesaba transversalmente a grande duna móbil. A construción desta pasarela constituíu un feito irregular, en canto a que a mesma contradí abertamente a regulación que establece o propio Plan de Ordenación dos Recursos Naturais do Parque Natural de Corrubedo (Decreto 139/1992). A pasarela e o uso peonil efectuado con ela alteraron moi significativamente a dinámica natural da duna, provocando a súa degradación e provocaron tamén o deterioro do sistemas de dunas grises e depresións intradunares, zonas de cría e de presenza de numerosas especies protexidas, especialmente do Alcaraván (Burhinus oedicnemus). Froito destas actuacións desapareceron no Parque Natural as únicas poboacións coñecidas de Omphalodes littoralis subsp gallaecica, especie catalogada como “Prioritaria” pola Directiva Hábitat e “En Perigo” no Catalogo Galego de Especies Ameazadas.

No ano 2006 a Xunta de Galicia retirou a pasarela e prohibiu o acceso peonil á "Duna Móbil", formulando unha xestión alternativa do uso público e dos accesos á praia que tivo un efecto moi positivo na rexeneración da propia duna, así como dos hábitats e núcleos poboacionais de especies protexidas que se atopan neste ámbito. A decisión foi apoiada por ONG e investigadores das distintas universidade de Galicia. Existe unha ampla documentación científica que permite considerar que ditas medidas formuladas dende a dirección do Parque Natural tiveron un efecto positivo na conservación do patrimonio natural e da biodiversidade, mellorándose ademais o uso público de espazo e a percepción que os visitantes obteñen do Parque Natural de Corrubedo. Na actualidade o Parque Natural de Corrubedo acubilla a máis importante poboación reprodutora galega de Alcaraván, especie catalogada “En Perigo de Extinción” no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. O mantemento desta poboación depende criticamente da adecuada tranquilidade no cordón de dunas grises. A apertura dunha pasarela o longo da duna móbil incrementaría o nivel de perturbacións sobre os exemplares residentes, reducindo a capacidade de acollida deste ecosistema e con efectos impredecibles na propia viabilidade da poboación local.

O modelo formulado no Parque Natural de Corrubedo debería ser mellorado, dado o avance da duna móbil, incrementando as medidas de vixilancia nos días non laborais e no período estival, adecuando ademais a tipificación e importe das sancións aos infractores que pisan e alteran os hábitats de interese naturais e as zonas críticas para a conservación de especies protexidas, aplicando as sancións establecidas na Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, en lugar de aplicar de forma benévola para o infractor a Lei 9/2001.

SGHN asiste, con fonda preocupación, a declaracións da Dirección Xeral de Conservación da Natureza (La Voz de Galicia - Barbanza, 17-07-2015) nas quese plantexa a posibilidade de reinstalar a pasarela sobre a duna móbil de Corrubedo, coa sutil xustificación de poñer fin ao pisoteo ilegal e puntual que sufre na actualidade. A proposta suxerida pola Directora Xeral de Conservación da Natureza suporía claudicar fronte aos infractores ambientais e realizase obviando os efectos negativos que esta infraestrutura xa xerou no pasado sobre os compoñentes do patrimonio natural e da biodiversidade, e os que previsiblemente xeraría, de novo, tras a súa reinstalación. E o máis grave, volvendo a propoñer unha acción que segue a resultar incompatible co Plan de Ordenación dos Recursos Naturais (Decreto 139/1992).

Con istes argumentos, SGHN ven de solicitar á Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (PDF) que promova unha protección racional e eficiente do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, sustentada na mellor información científico - técnica e na aplicación dos principios de cautela e prevención, tal e como contempla o Tratado de Funcionamento da Unión Europea. Evitando con iso establecer medidas irracionais como a formulada para a duna móbil do Parque Natural de Corrubedo, cando os datos científicos corroboraron de forma categórica os seus graves efectos negativos sobre o estado de conservación diste senlleiro ecosistema litoral.

 

Deterioración do estado de conservación dos ecosistemas litorais de Galicia:
2. ZEC As Catedrais

Santiago, 17-08-2015

A Zona Especial de Conservación Ás Catedrais (ZEC ES1120005) inclúe unha superficie marítimo-terrestre de 304 ha, distribuídas entre os concellos de Barreiros e Ribadeo. Está área protexida posúe ademais a condición legal de "espazo natural protexido", ao ser declarada como "Zona de Especial Protección dos Valores Naturais". Á súa vez parte da área protexida pertencente ao termo municipal de Ribadeo, en concreto a zona de Augas Santas - Esteiro - Os Castros, foi declarada como Monumento Natural, mentres que a totalidade do espazo protexido ribadense forma parte da zona núcleo da Reserva da Biosfera do Río Eo, Oscos e Terras de Burón.

Malia a existencia destas figuras de áreas protexidas, así como normativas e plans de xestión para garantir a protección dos ecosistemas e especies de flora e fauna silvestre, o estado de conservación dos compoñentes da biodiversidade, especialmente na área occidental da ZEC Ás Catedrais (Concello de Barreiros), resulta moi deficiente:

  • A Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón, xestionada polos gobernos autónomos de Galicia e Asturias carece de actividade. A pesares dos 8 anos transcorridos dende a súa declaración (Xuño -2007) a Reserva aínda non cumpriu cos mínimos esixibles na actualidade a todas as Reservas da Biosfera (órganos de xestión e participación; plan de xestión), circunstancia que podería determinar a súa descatalogación pola UNESCO.
  • A aprobación do Plan de Conservación do Monumento Natural da Praia das Catedrais non resolveu os incumprimentos da lexislación vixente no espazo natural (alegacións SGHN) e, mesmo, xenerou un novo:
    • Continúa o incumprimento do artigo 33.3 da Lei 42/2007 ao permitir dentro do Monumento Natural a existencia de actividades de aproveitamento económico.
    • Non se puxo en marcha ningunha medida para evitar a deterioración dos hábitats prioritarios e favorecer a súa recuperación, tolerando a degradación dos ecosistemas de cantís e breixeiras de conservación prioritaria (4040 * Breixeiras secas atlánticas costeiras de Erica vagans) polo pisoteo continuo dos visitantes que transitan por áreas de grande fraxilidade ambiental de forma totalmente irracional.
    • As restricións ao acceso á praia, que priorizan a visita dos que pasan a noite en establecementos hoteleiros da bisbarra) poderían incumprir o artigo 45 da Constitución, que garante a todos os cidadáns o dereito a gozar dun medio axeitado, sen diferenza polo lugar da súa procedencia ou aloxamento.
  • Na área correspondente á ZEC Ás Catedrais do Concello de Barreiros intensificouse nos últimos anos a destrución de elementos de interese ambiental e cultural:
    • Á existencia dun nefasto paseo marítimo que afecta á integridade do ecosistema dunar, creando viais e aparcamentos sobre áreas ocupadas potencialmente por hábitats de interese comunitario, únese un total descontrol no uso público, con presenza continua de cans sen bozo e correa, tendas e antucas instaladas sobre as dunas, tránsito anárquico de persoas, etc.
    • Recentemente o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, coa autorización da Consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas, realizou distintas actuacións para favorecer un uso intensivo dos veraneantes, incluida a retirada con maquinaria pesada dos cantos mariños depositados na praia para logo incorporar a area acumulada sobre a zona eulitoral, que tiveron consecuencias nefastas para o patrimonio natural e cultural:
      • Destruiuse o hábitat de interese comunitario “1220. Vexetación perenne de bancos de seixos”.
      • Destruíuse un depósito paleontolóxico de máis de 8.000 anos de antigüidade (Praia de Area Longa, San Miguel de Reinante), no que se conservan restos de turba, grandes madeiros e restos óseos de distintas especies de animais salvaxes.
      • Parte dos cantos mariños depositáronse sobre o sistema dunar, provocando unha considerable alteración dos hábitats de dunas brancas “2110 Dunas móbiles embrionarias; 2120 Dunas móbiles de litoral con Ammophila arenaria, dunas brancas” e o hábitat prioritario de dunas grises “2130 * Dunas costeiras fixas con vexetación herbácea, dunas grises”.
    • O hábitat prioritario de dunas grises deste espazo mostra unha elevada presenza de especies invasoras, que evidencian a falta de protección e conservación. As manchas constituídas pola especie exótica invasora Carpobrotus edulis elimináronse de forma deficiente e non se implementaron medidas para a restauración posterior.

Hábitat de interese comunitario "1220. Vexetación perenne de bancos de seixos” antes e despois da súa destrución pola Demarcación de Costas do Estado en Galicia.

Xacemento paleontolóxico da Praia de Arealonga parcialmente destruido polas actuacións da Demarcación de Costas do Estado en Galicia.

Por todos estes motivos, SGHN ven de solicitarlle á Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (PDF) que:

  • Articule as medidas necesarias para poñer en funcionamento a Reserva da Biosfera do Río Eo, Oscos e Terras de Burón acorde cos criterios establecidos pola UNESCO e a lexislación española.
  • Cumpra e faga cumprir o artigo 33.3 da Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e da Biodiversidade.
  • Asegure, en conformidade coa lexislación comunitaria (DC 92/43/CEE) e española (Lei 42/2007) un estado de conservación favorable, e no seu caso a súa restauración, para os tipos de hábitats de interese comunitario presentes na ZEC Ás Catedrais:
    • 1220 Vexetación perenne de bancos de seixos.
    • 2110 Dunas móbiles embrionarias.
    • 2120 Dunas móbiles de litoral con Ammophila arenaria, dunas brancas.
    • 2130 * Dunas costeiras fixas con vexetación herbácea, dunas grises.
    • 4040 * Breixeiras secas atlánticas costeiras de Erica vagans.
  • Asegure a protección integral do depósito paleontolóxico existente na praia de Area Longa (San Miguel de Reinante, Barreiros), instruíndo un expediente informativo sobre as accións denunciadas neste escrito, depurando as responsabilidades administrativas que puidese derivarse destas, e comunicandoas á Fiscalía do Medio Ambiente.

Ademais, vista a gravidade da situación na ZEC As Catedrais, SGHN solicitoulle tamén á Fiscalía de Medio Ambiente da Comunidade Autónoma de Galicia (PDF) que proceda á apertura de dilixencias previas para determinar se existen, e no seu caso para depurar, as posibles responsabilidades penais dos feitos denunciados.

 

Despois da sucesión de fortes temporais durante o inverno

Propostas de SGHN para facilitar a rexeneración natural dos sistemas dunares

Santiago de Compostela, 04-04-2014

A sucesión de temporais durante o inverno provocou a desaparición das dunas embrionarias na meirande parte das praias galegas e, nalgúns casos, mesmo erosionou a totalidade da duna branca e parte da duna gris. A consecuencia é que entre a duna e a praia queda un noiro moi vertical que resulta moi limitante para a recuperación dos hábitats prioritarios e de interese comunitario (Directiva 92/43/CEE) e das especies que alí viven e están incluidas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Decreto 88/2007 e Decreto 167/2011), entre elas a píllara das dunas (Charadrius alexandrinus).

Dende un punto de vista xeomorfolóxico a recuperación dos sistemas praia-duna ten lugar durante a primavera e o verán. Polo tanto, para garantir a recuperación natural dos hábitats e das poboacións das especies de flora e fauna afectadas deberíase extremar a vixilancia sobre o sistema dunar, evitando o pisoteo e a creación de tobogáns e puntos incontrolados de baixada á praia, así como favorecer a rexeneración do sistema dunar.

As noticias publicadas na prensa nas que se demanda a "rehabilitación" das praias e algunhas actuacións xa realizadas, como a de Bastiagueiro (nas fotografías), resultan moi preocupantes para a conservación e recuperación dos sistemas praia-duna ao longo de toda a beiramar galega. Por iso, SGHN ven de solicitar á Dirección Xeral de Conservación da Natureza (PDF) que se balicen as áreas de hábitats prioritarios e de interese comunitario (Directiva 92/43/CEE), e as zonas ocupadas por especies incluidas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Decreto 88/2007 e Decreto 167/2011) para evitar que o uso turístico-recreativo e a limpeza mecánica dificulten a recuperación natural da duna embrionaria e da duna branca e destrúan as zonas de cría da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) e doutras especies dos medios dunares.