logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

O sorprendente "Voluntariado ambiental" do Subdirector Xeral

Santiago de Compostela, 04-12-2013

SGHN ven de recibir a resposta do Conselleiro de Medio Ambiente (PDF) á pregunta relativa á viaxe do Sr. Subdirector Xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade para impartir a conferencia “Espacios Naturales Protegidos de España” no “Centro Cultural y Educativo Español Reyes Católicos” de Bogotá (Colombia) o 17-09-2013 (PDF).

Oficialmente o Sr. Subdirector Xeral realizou a viaxe aproveitando “unha parte das vacacións que lle corresponden como empregado público” .

Esta información, toda unha sorpresa para SGHN que descoñecía estas actividades de voluntariado ambiental en vacacións do Subdirector Xeral, inspirou unha iniciativa na que nunca antes pensara SGHN, que ven de consultar ao Sr. Subdirector Xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade a súa dispoñibilidade durante “unha parte das vacacións que lle corresponden como empregado público” en 2014 para divulgar a Rede Natura galega en centros educativos e culturais galegos (PDF).

Entre as posibilidades de organización, SGHN ofreceulle varias alternativas de costa, interior e montaña, con temáticas ad hoc, para que poida elixir a(s) que máis atractiva(s) lle resulte(n):

  • Costa: Conferencia en O Pindo ou Carnota sobre a importancia do LIC Monte Pindo e as medidas programadas pola Dirección Xeral para a súa recuperación ambiental despois do pavoroso lume que o arrasou o pasado mes de setembro.
  • Costa: Conferencia en O Grove para divulgar entre a poboación local e os veraneantes a importancia do LIC, ZEPA e Humidal Ramsar Umia-Grove-Carreirón e a píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), así como as medidas necesarias para a súa conservación.
  • Interior: Conferencia en Melide sobre a importancia do LIC Serra do Careón e as medidas previstas pola Dirección Xeral para salvagardar os seus valores ambientais fronte aos proxectos de infraestruturas que o ameazan.
  • Interior: Conferencia en Xinzo de Limia sobre a importancia da ZEPA de A Limia e o “Plan de desenvolvemento sustentable orientado ao fortalecemento da actividade económica, social e cultural ... que establecerá medidas de apoio e orientación tendentes ao desenvolvemento da actividade agraria en réxime sustentable, de cara a harmonizar a obtención de bens e servizos co mantemento dun estado de conservación favorable das especies e dos hábitats que as sustentan” que, 4 anos despois de que comezase a súa redación (e 2 xa fóra do prazo legal), a Dirección Xeral debe ter xa finalizado.
  • Montaña: Conferencia en Quiroga sobre a importancia do LIC Serra do Courel e os motivos polos que aínda non é Parque Natural (de paso tamén podería explicar por qué non hai Parques Naturais en Lugo).
  • Montaña: Conferencia en O Barco de Valdeorras sobre a importancia do LIC e ZEPA de Pena Trevinca e o Plan de Ordenación dos seus Recursos Naturales que, 10 anos despois de que comezase a súa realización, a Dirección Xeral debe ter xa finalizado.

EOSA asinou dous contratos de 21.598 e 4.840 € coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

 

Parabéns e críticas pola xestión dos espazos naturais protexidos

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2013

Por motivos ben distintos, SGHN ven de remitir un escrito dándolle a noraboa ao Presidente da Deputación de Lugo (PDF), polas recentes decisións adoptadas polo Órgano Xestor da Reserva da Biosfera Terras do Miño, e outro moi crítico ao Conselleiro de Medio Ambiente (PDF), pola "orfandade" dos espazos naturais protexidos de Galicia durante a vaga de lumes do pasado mes de setembro.

Parabéns para a Deputación de Lugo

SGHN considera moi acertada a decisión do Órgano Reitor da Reserva da Biosfera Terras do Miño de solicitar ao Consello Científico do Comité Español do Programa MaB que realice unha avaliación científica e obxectiva das posibles repercusións que pode conlevar sobre o estado de conservación dos valores ambientais e culturais da Reserva de Biosfera Terras do Miño o permiso de exploración mineira Lago II (nº 6056) nun ámbito territorial de 396 cuadrículas mineiras. Dito proxecto afecta a unha parte importante da zona tampón e de transición da Reserva de Biosfera Terras do Miño, zonas éstas que funcionan como áreas de amortecemento de impactos para as zonas núcleo, nas cales deben primar os obxectivos de conservación da biodiversidade e xeodiversidade.

Ademais, SGHN apoia totalmente a petición do Órgano Reitor para que o Consello Científico do Comité Español do Programa MaB inste aos organismos autonómicos competentes en materia de avaliación ambiental, así como de conservación da natureza, para que integren a condición de Reserva de Biosfera, e por tanto Área Protexida por Instrumentos Internacionais de acordo á Lei 42/2007, dentro dos procedementos de avaliación e tramitación ambiental.

Críticas e preguntas para a Consellería de Medio Ambiente

Segundo información publicada no blog do colexio de Bogotá: “Don Rogelio Fernández Díaz, “Subdirector Xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade", de la "Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas" de la Xunta de Galicia ha visitado el Centro Cultural y Educativo Español Reyes Católicos, de la Embajada de España en Colombia... acompañado por representantes de la empresa española EOSA,... impartiendo el Conversatorio "Espacios Naturales Protegidos de España", al que asistió todo el alumnado de Bachillerato. En la mesa el ponente... realizó un recorrido por las diferentes figuras de protección en España, centrándose en Red Natura 2000, Parques nacionales y Parques naturales.”

Tendo en conta o tempo necesario para a viaxe ata Bogotá, o Sr. Rogelio Fernández Díaz tivo que ausentarse do seu posto ao frente da Subdirección Xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade durante a grave vaga de lumes que asolaba Galicia nesas datas, mesmo cando o maior incendio do ano aínda queimaba, ou cando menos fumegaba, no Monte Pindo. A ausencia do Subdirector Xeral coincidiu no tempo co permiso por maternidade da actual Directora Xeral de Conservación da Natureza, que deixou aos espazos naturais galegos “orfos” dos seus máximos responsables durante a grave vaga de lumes que os asolaban.

Por todo iso, ao abeiro da lexislación europea (Directiva 2003/4/CE), española (Lei 38/1995 e Lei 27/2006) e galega (Lei 1/1995) que regulan o dereito de acceso á información sobre o medio ambiente, SGHN ven de solicitar ao Conselleiro de Medio Ambiente:

  • Que informe sobre se a viaxe a Bogotá (Colombia) do Subdirector Xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade se corresponde cun acto oficial da Consellería que vostede preside e, nese caso, informe sobre:
    • Cal foi o importe dos gastos abonados (dietas e desprazamento) e a que partida orzamentaria da Consellería se imputaron.
    • Cales son os motivos que xustificaron o lugar e o momento elexido para dita viaxe.
    • Cantos actos semellantes organizou durante o último ano a Consellería que vostede preside en centros educativos galegos para explicarlle aos estudantes galegos a rede de espacios naturais protexidos, así como en cantos deses actos participou o Subdirector Xeral de Espazos Naturais.
  • Que, se a devandita viaxe non era un acto oficial nin organizado pola Consellería, que preside informe sobre:
    • Cales son os motivos para autorizar unha viaxe non oficial mentres sobranceiros espazos naturais galegos eran pasto do lume.
    • Os contratos coa empresa EOSA asinados pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas dende que vostede a preside.