logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

Desfeita no bosque asolagable de Dodro (A Coruña)

Dodro, 09-09-2016

O pasado 26-08-2016 SGHN dirixou un correo electrónico de urxencia á Dirección Xeral de Conservación da Natureza ao ter coñecemento dunha ampla tala (aprox. 0.6 ha) de bosque aluvial (Salix spp. e Alnus glutinosa fundamentalmente) asolagable temporalmente, preto da ZEC ES1140001 "Sistema fluvial Ulla-Deza" e do Humidal protexido "Esteiro do Ulla", pero fóra dos seus límites (Concello de Dodro, A Coruña).

Aínda sen resposta da DX de Conservación, SGHN foi informada de as talas (e desbroces) estendéronse a zonas moito máis amplas ao norleste desa primeira zona, a ambos lados da estrada AC-305 entre Tallós e Muronovo, con afeccións moi importantes sobre:

  • Un hábitat prioritario na Unión Europea (91E0* Bosques húmidos) e dous hábitats de interese para a conservación (9230 carballeiras; 6410, 6420 e 6430 formacións higrófilas de Carex, xunqueiras, espadas, canaveiras e outros helófitos).
  • Unha zona húmida incluida no Inventario de Humidais de Galicia.

Á vista destes feitos, SGHN ven de solicitar á D.X. de Conservación da Natureza (PDF):

  • Que ordene cautelarmente a paralización inmediata de ditas talas e identifique aos responsables das mesmas.
  • Que informe á SGHN sobre se ditas talas contan cós informes administrativos preceptivos e, en caso afirmativo, facilite a SGHN copia de todos eles para coñecer os criterios técnicos, legais e ambientais empregados para autorizalas.

 

As fotografías reflicten o estado do bosque aluvial asolagable de Dodro antes das talas (dereita) e despois das mesmas (abaixo).

 

AMEAZADO Ó 3% DA POBOACIÓN MUNDIAL DUN AVE
por un proxecto da Demarcación de Costas en Dodro

A SGHN ven de presentar diante do Ministerio de Medio Ambiente as súas alegacións ó Estudio de Impacto Ambiental do proxecto 20060677COS, “Actuacións medioambientais na ribeira do río Ulla Término Municipal de Dodro (A Coruña)” sometido a información pública.

Aínda que a Demarcación de Costas de Galicia pretende maquillalo como “actuacións ambientais”, non é máis que un proxecto de urbanización/axardinamento no “corazón” dos carrizais do Ulla (Lugar de Interese Comunitario - Rede Natura 2000) posto que pretende destinar o 96,74 % do orzamento a movementos de terras, pavimentación, equipamento e mobiliario urbano e sinalización.

En total serían 2,2 millóns de euros, dos que 2,1 millóns serían para as obras e 80.000 euros para expropiar 19.000 m2 de fincas, pero nin un só céntimo de euro á resolución dos problemas ambientais reais do lugar de interese comunitario ES1140001 “Sistema fluvial Ulla-Deza” no que se realizaría íntegramente: verquido incontrolado de basuras, entullos e augas fecais, expansión de especies invasoras (entre elas o visón americano) que ameazan a especies autóctonas ameazadas, etc.

O proxecto, que non resposta a unha demanda municipal e para o que non consta en absoluto que exista unha demanda social, falta á verdade ó afirmar que na zona non existen os equipamentos urbanos que pretende construir, porque nos últimos 10,5 km do río Ulla hai tres embarcadoiros, 2 áreas recreativas, 1 praia fluvial e a lo menos 2 piscinas públicas.

Carriz_Ulla_inv

Carriz_Ulla_ver

De levarse a cabo, o proxecto afectaría de xeito gravísimo e irreversible á mellor zona de cría en España da Escribenta das canaveiras iberooccidental, Emberiza schoeniclus lusitanica, ave catalogada como en Perigo de Extinción tanto no Libro Vermello das Aves de España como no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Nos carrizais do Ulla que a Demarcación de Costas pretende absurdamente destruir concéntrase en torno ó 3% de toda a pobación mundial desa ave.

A SGHN ven de pedir tamén á Dirección Xeral de Conservación da Natureza (Consellería de Medio Rural) que convoque urxentemente unha reunión do Comité Galego para a Conservación da Biodiversidade para debatir as repercusións do proxecto sobre a escribenta das canaveiras iberooccidental.

Para máis información véxase PDF Alegacions_Dodro_2010.

 

Fotografías: Carrizais do Ulla (Dodro, A Coruña) en verán (arriba) e inverno (esquerda).

 

A SGHN PIDE Á MINISTRA O CESE DO XEFE DA DEMARCACIÓN DE COSTAS EN GALICIA
e que o Ministerio de Economía non gaste “nin un céntimo de euro” no proxecto de Dodro

En dúas ocasións (31-05-2007 e 09-02-2010), a SGHN dirixiuse ó Ministerio de Medio Ambiente poñendo no seu coñecemento o grave e irreversible impacto ambiental do proxecto 20060677COS “Actuaciones medioambientales en la ribera del río Ulla, Término Municipal de Dodro (A Coruña)”.

En contra de toda lóxica ambiental, social e económica, o Xefe da Demarcación de Costas en Galicia, Sr. Rafael Eimil, persiste na súa intención de levar a cabo o proxecto segundo novas de prensa de hoxe.

Ó contrario que hai 3 anos, o Sr. Eimil non pode alegar ignorancia (que xa sería grave nun cargo da súa responsabilidade), pois foi adecuadamente informado con datos científico-ornitolóxicos, ambientais e de interese social que son, simplemente, irrefutables e que demostran que dito proxecto é socialmente innecesario, ambientalmente perxudicial e, xa que logo, un despilfarro de fondos públicos.

Desbotada a ignorancia, caben diversas interpretacións para a actitude do Sr. Eimil pero, en opinión da SGHN, todas son incompatibles coa permanencia do Sr. Eimil no posto de Xefe da Demarcación de Costas en Galicia.

Por todo elo, a SGHN ven de solicitar á Ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño que cese de maneira fulminante ó Sr. Eimil e que ordene a paralización inmediata do proxecto que ameaza ó LIC ES1140001 “Sistema fluvial Ulla-Deza” e ó 3% da poboación mundial de escribenta das canaveiras iberoocidental, ave en perigo de extinción.

Noutro escrito, a SGHN ven de solicitar á Ministra de Economía e Facenda que faga canto estea dentro das súas competencias para evitar que un só céntimo de euro dos Orzamentos Xerais do Estado sexa despilfarrado en dito proxecto innecesario e perxudicial.

Para máis información véxanse PDF Cese Xefe Costas Galicia, Dodro Ministra Economía e Alegacions_Dodro_2010.

 

"Escribano palustre" de Radio 3 (RTVE)
defende a Escribenta das canaveiras en Dodro (A Coruña)

Facendo xusta honra ó seu nome, o programa de Radio 3 "Escribano palustre" sobre temas ambientiais, recolleu unha ampla entrevista co Presidente da SGHN sobre o proxecto da Demarcación de Costas de Galicia que ameaza ó 3% da poboación mundial da subespecie de Escribenta das canaveiras iberooccidental. En www.rtve.es/podcast/radio-3/escribano-palustre pódese ler:

"Escribano defiende escribanos (Escribano Palustre)"

"Hoy queremos defender a una importante población de escribanos palustres amenazados por unas actuaciones "medioambientales". Nos situamos en la ribera del río Ulla, en el término municipal de Dodro (A Coruña). Allí se quieren gastar 2,2 millones de euros en una serie de infraestructuras que ponen en peligro el hábitat del escribano palustre íbero-occidental. Para la Sociedad Galega de Historia Natural es un proyecto socialmente innecesario, ambientalmente perjudicial y en una época de crisis, un despilfarro de fondos públicos."

O programa pode escoitarse e descargarse íntegramente en formato MP3 en http://www.rtve.es/podcast/radio-3/escribano-palustre/ e a entrevista pode escoitarse e descargarse premendo aquí.