| |
PLAN GALEGO DE ACCIÓN FRONTE Ó CAMBIO CLIMÁTICO.
Alegacións, comentarios e suxerencias da SGHN
A posta en marcha do Plan Galego de Acción fronte ó Cambio Climático é unha iniciativa moi necesaria e o seu obxectivo central (abordar de xeito integral todo o conxunto de accións necesarias para afrontar os retos que, no século XXI, suporá o fenómeno do cambio climático) é acertado, o mesmo que a súa estructuración nos catro programas previstos (mitigación; avaliación de impactos e adaptación; observación e investigación; educación, información e cooperación).
De todolos xeitos, a SGHN considera que o programa de mitigación debera contemplar:
- A mellora da eficiencia enerxética na iluminación exterior (rúas, prazas, estradas e monumentos), non só pola vía da ”substitución do alumado público actual por outro con dispositivos para o aforro e o incremento da eficiencia enerxética “. Deberíase tamén considerar a ubicación e altura das luminarias, evitando, por exemplo, farolas entre as gaias das árbores ou situadas á altura dun segundo ou terceiro andar (medida que, ademáis, contribuiría á reducción da contaminación lumínica). Tamén se deberían de racionalizar as horas de encendido e apagado e regular a intensidade luminosa segundo a magnitude da actividade humana na zona en cada tramo horario.
- A adecuación dos niveis de iluminación interior dos edificios ás actividades que se desenvolven neles, pois a miúdo resulta excesiva.
- A prohibición das “cortinas” de calefacción invernal e refrixeración estival nas entradas que se manteñen permanentemente abertas en moitos comercios e locales públicos, cun despilfarro inútil e insostible de enerxía.
- O establecemento para os comercios e locales públicos de temperaturas máximas para a calefacción no inverno non superiores a 20-22 ºC e mínimas para a refrixeración no verán non inferiores ós 24-25 ºC.
- A promoción dos biocombustibles só no caso daqueles procedentes do reciclado (aceites comestibles domésticos e de hostelería; aceites industriais, etc.).
- A utilización de biomasa para usos térmicos industriais só despois dunha auditoría enerxética e de gases de efecto invernadeiro (GEIs), que certifique un balance favorable, e dunha aAuditoría ambiental que avalíe os seus efectos sobre a biodiversidade e a fertilidade dos solos.
- O aproveitamento enerxético do biogás proveniente de zurros só si previamente unha auditoria enerxética e de emisión de gases de efecto invernadeiro (GEIs) demostra científicamente que esta alternativa é preferible ó emprego dos zurros como fertilizantes en sustitución dos fertilizantes industriais.
- Instruccións claras para que os concellos inclúan obligatoriamente nas súas ordenanzas municipais medidas enerxéticas, económicas e fiscais que favorezan a eficiencia e o aforro enerxético.
- Medidas para reducir o descontrolado incremento de emisión de GEIs polo sector transportes.
Ademais, en opinión da SGHN, o programa de avaliación de impactos e adaptacion ó cambio climático:
- No caso da biodiversidade debera prestar moi especial atención as especies incluidas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, as especies que teñen en Galicia o límite da súa distribución xeográfica e as especies alóctonas invasoras.
- No caso dos espacios naturais debera avaliar os efectos que terá sobre os humidais o descenso previsto na precipitación media anual dun 5%.
- No sector da agricultura debería ter en conta os efectos que sobre os plans de regadíos terá o descenso previsto na precipitación media anual dun 5%.
Para máis información véxase PDF Alegacións_Plan_galego_cambio_climatico.
|
|