logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
 

 

 

DIA desfavorable para Paratermo Energía, SL

Santiago de Compostela, 21-03-2017

No DOG de hoxe ven de publicarse o "Anuncio do 22 de febreiro de 2017, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental desfavorable para o proxecto dunha planta de produción de combustible mediante gasificación de carbón empregando como enerxía térmica a producido por radiación solar, no concello de Viana do Bolo (Ourense) promovido por Paratermo Energía, S.L. (clave 2015/0090)" (máis...), proxecto ao que no seu momento SGHN presentou unhas demoledoras alegacións (máis...). O texto completo da DIA pódese descargar premendo AQUÍ.

 

Resposta de SGHN ao Sr. Arnau, enxeñeiro de Paratermo Energía, SL

Santiago de Compostela, 04-04-2016

No "Buzón del lector" de La Voz de Galicia do pasado 31 de marzo inclúese unha carta de D. José Ramon Álvarez Arnau na que critica as alegacións de SGHN (publicadas previamente no mesmo xornal) á planta de metanol que Paratermo Energía SL quere facer en Viana do Bolo e da cal é o Enxeñeiro Industrial redactor do estudo.

Non é intención de SGHN polemizar co Sr. Arnau, pero, ao abeiro do dereito de réplica, solicitou a publicación da presente resposta pois consideramos imprescindible aclarar algunhas das súas afirmacións e desmentir algunha falsidade:

  • Os autores do escrito sobre a planta de metanol non se agochan detrás das siglas de SGHN pois, coma sempre, as alegacións de SGHN van asinadas por algún dos seus directivos e representantes legais, neste caso polo seu Presidente. A comprobación é moi doada pois dende a súa presentación o escrito escaneado pódese descargar libremente nesta web de SGHN pero, ademais, o Sr. Arnau debera saber que conforme á Lei de Procedemento Administrativo ningún rexistro oficial acepta a presentación de escritos que non estean asinados.
  • Equívocase doblemente o Sr. Arnau coa súa "lección maxistral" ao afirmar que o autor "carece de conocimientos de unidades de medida del suelo, ya que el suelo se mide en unidades de superficie y no de volumen".
    • En primeiro lugar, o Sr. Arnau confúndese de "alumnos" pois no escrito de SGHN dise textualmente que "na provincia de Ourense hai dispoñibles máis de 250.000 m2 de solo industrial".
    • En segundo lugar, xunto con expertos en botánica e zooloxía, un dos autores do escrito é casualmente un científico especializado no estudo dos solos, os cales, Sr. Arnau, se miden en unidades de superficie, pero tamén de lonxitude (a profundidade ou espesor) e, xa que logo, de volumen, de masa ou de densidade. Para non estendernos demasiado, recomendamos ao Sr. Arnau que teclee en internet "Ano Internacional dos Solos" ou "Día Internacional dos Solos" e, a partires desas iniciativas da ONU e da FAO en 2015, poderá aprender que o solo é bastante máis que unha superficie sobre a que construir un dos seus proxectos.
  • Certo é que, igual que uns aeroxeneradores, nun solo rústico poderían instalarse uns paraboloides para enerxía solar, pero NON unha planta industrial para producir metanol como o Sr. Arnau pretende facer entender.
  • Nas súas alegacións, SGHN non fala da integración paisaxística do proxecto nas aldeas vianesas, como afirma o Sr. Arnau, senón da imposible integración da planta industrial na paisaxe da zona.
  • Os trens seguen a pasar pola estación de Venda da Capela (Vilariño de Conso), pero NON paran nela pois NON está en servizo como pode comprobar o Sr Arnau na web de RENFE se intenta mercar un billete con ese destino.
  • Nada di o Sr. Arnau respecto aos gravísimos impactos que tería a planta de metanol sobre os espazos naturais protexidos e as especies en perigo de extinción da zona. Entendemos que non ten argumentos para rebater os expostos por SGHN nas súas alegacións.

 

Proxecto fantasioso, faraónico e ambientalmente moi prexudicial

Planta para produción de metanol e hidróxeno en Viana do Bolo

Ourense-Santiago, 15-03-2016

Actualmente atópase a información pública a Autorización Ambiental Inegrada do proxecto de “Implantación de una planta de producción de combustible industrial mediante gasificación de carbón utilizando como energía la producida por radiación solar”, promovido por PARATERMO ENERGÍA, S.L. que pretende construir, nun terreo rústico de 188 ha nas parroquias de Fornelos de Filloás e Fradelos (Viana do Bolo, Ourense), unha instalación industrial adicada á produción de metanol (75.000 Tm/ano) e hidróxeno (375 Tm/ano), consumindo como materias primas 75.000 Tm/ano de carbón (aínda que logo fala “de case 100.000 Tm/ano”) e 37.500 m3/ano de auga, ademais de 4.500 Mwh/ano de enerxía (que produciría in situ con 3 paraboloides solares de 83 m de diámetro cada un) e que xeraría 18.750 Tm/ano de cinzas.

Faraónico e fantasioso

O orzamento do proxecto acadaría os 54 millóns de euros que, supostamente, se cubrirían con 35 millóns en créditos, 2,8 millóns en subvencións de Incentivos Económicos Rexionais e presuntamente 16,2 millóns co capital social, que é só de 3.000 euros!!! Deles, 1.500 euros foron aportados por Daniel González González que en nome propio ou das empresas Guradoor SL e Lisply SA, xa estivo involucrado en tres mega-proxectos semellantes (todos fallidos) para a produción de metanol e hidróxeno empregando enerxía solar e ocupando sempre grandes extensións de terreos rústicos, en Granadilla de Abona (Tenerife, 2009), Tabernas (Almería, 2012) e Bergantiños (A Coruña, 2015); os dous primeiros iniciados sen permisos e paralizados pola administración que gañou os recursos xudiciais presentados polas empresas que reclamaban indemnizacións por lucro cesante de 50 e 620 millóns de euros diarios!!! .

Como no caso de Tabernas (Almería), os impulsores do presente proxecto obtiveron un informe favorable do arquitecto asesor do Concello de Viana do Bolo (en base a unha interpretación moi sui generis da Lei 2/2010 de ordenación urbanística e proteción do medio rural de Galicia (LOUGA) pretendendo facer un subterfuxio legal en total ignorancia e incumprimento do establecido ao respecto na Lei 22/1973 de minas e na Lei 3/2008 de ordenación da minería de Galicia,

Ambientalmente moi prexudicial

  • A instalación industrial tería un moi forte impacto paisaxístico, incompatible co espírito e a letra da Lei 7/2008 de protección da paisaxe de Galicia, pois:
    • Preténdese construir nun terreo que se recoñece explícitamente como de “paisaxe abrupta” e no que a explanación de 3 ha de terreo á cota 900 m snm conlevaría un terraplenado de ata 24 m de altura na zona de maior desnivel, de integración pmoi difícil ou imposible na paisaxe da zona.
    • Suporía o desbroce permanente nunha franxa perimetral de 100 m de largura ata deixala “libre de vexetación”, de integración paisaxística moi difícil ou imposible.
    • Contempla a instalación de 3 paraboloides para captar enerxía solar cun diámetro de 83 m e a construción dunha nave coas dimensións dun campo de fútbol (65 x 100 m) e 10 m de altura para almacenamento e tratamento de carbón, totalmente imposibles de integrar na paisaxe da zona.
  • Situaríase a menos de 6 km do Parque Natural do Invernadoiro, a menos de 2 km da ZEC Macizo Central Ourensán, e nun tramo do río Camba incluido na “Proposta de Ampliación da Rede Natura 2000 de Galicia” (ano 2011. Anexo-I Cartografía dos LIC ampliados” páx. 77) e vén así expresamente sinalado na web da Dirección Xeral de Conservación da Natureza (ver).
  • Afectaría directamente a un hábitat de interese comunitario (4030: Queirogais secos europeos) e a un hábitat de conservación prioritaria na Unión Europea (91E0*: Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsor).
  • Afectaría negativamente a un total de doce especies incluidas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas:
    • Unha especie de planta en perigo de extinción (Eryngium duriaei) e outra vulnerable (Silene marizii).
    • Unha especie de invertebrado acuático en perigo de extinción a nivel galego e español (Margaritifera margaritifera) que ten na zona a cuarta poboación máis grande de Galicia.
    • Nove especies de vertebrados ameazadas: un anfibio vulnerable (Rana iberica), dúas aves en perigo de extinción [Aquila chrysaetos,(afectaría ao territorio dunha das escasas parellas reprodutoras en Galicia), Milvus milvus] e tres vulnerables (Bubo bubo, Circus cyaneus, Circus pygargus), así como tres mamíferos catalogados como vulnerables (Galemys pyrenaicus, Rhinolophus ferrumequinum, Rhinolophus hipposideros).

Á vista do devandito, SGHN ven de solicitar:

  • Que se desbote total e definitivamente o proxecto de Paratermo Energía SL na zona prevista (máis...).
  • Que o Concello de Viana do Bolo non lle conceda licencia municipal (máis...).
  • Que se convoque unha xuntanza extraordinaria do Observatorio Galego da Biodiversidade para avaliar e informar os seus efectos sobre as especies ameazadas presentes na zona (máis...).