logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
 

 

 

Enerxías alternativas si, pero non a calquera prezo

Salto de Eiras II no río Oitavén

A SGHN ven de solicitar a anulación dun proxecto de aproveitamento hidroeléctrico no río Oitavén, denominado Salto de Eiras II, nos concellos de Ponte Caldelas, Fornelos de Montes e Soutomaior, provincia de Pontevedra (expediente PO/1/130; ver PDF). Sobre este mesmo tema xa se presentara un escrito o pasado 23 de abril de 2011, xa que segund as investigacións realizadas polo grupo Asemblea do Suido, existe na zona un área ocupada por cinco especies de morcegos: Miniopterus schreibersii (Kuhl, 1819), Rhinolophus ferrumequinum (Schreber, 1774), Myotis myotis (Borkhausen, 1797), Myotis daubentonii (Kuhl, 1817) e Myotis escalerai Cabrera, 1904. Tres destas especies de morcegos están catalogadas como VULNERABLES no Catálogo Galego de Especies Ameazadas de Galicia e se atopan no ANEXO II (especies animais e vexetais de interese comunitario que para a conservación e necesario designar zonas especiais de conservación) da Lei 42/2007, de 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade e estan incluídas no Anexo II da Directiva 92/43/CEE, para os que é necesario designar zonas especial conservación e que son Miniopterus schreibersii, Rhinolophus ferrumequinum e Myotis myotis e tamén se atopan dúas das catro especies contempladas no Plan de conservación dos morcegos cavernícolas en proceso de elaboración pola Consellería de Medio Rural e que son Miniopterus schreibersii e Rhinolophus ferrumequinum.

Miniopterus schreibersii é a que presenta un maior número e a máis ameazada dado que só se coñece esta colonia para a provincia de Pontevedra e as colonias máis próximas estarían a uns 150 km nas provincias de Lugo e Ourense.

Imaxe: Myotis myotis

 

MINICENTRAIS HIDROELÉCTRICAS
A OPINIÓN DA S.G.H.N.

A explotación racional de calqueira recurso require, necesariamente, unha análise rigurosa de todolos factores implicados, que no caso das minicentrais son de tipo ecolóxico, económico, enerxético e social.

Tras a crisis do petróleo de 1973, e diante dos graves problemas ecolóxicos derivados do crecente consumo de combustibles fósiles, aumentou o atractivo da enerxía hidroeléctrica e para a producción desta cun menor custo ambiental considerouse ás minicentrais coma unha interesante alternativa ás grandes presas. Nembargantes, plantexar en Galicia a disxuntiva entre construir un ou otro tipo de encoro non se axustaría á verdade, pois xa hai construidas perto de medio cento de grandes presas que destruiron os principais vales fluviais e empuxaron cara a emigración a moitos galegos. Ademais, os plans xestados durante o franquismo seguen a executarse: nos últimos 5 anos os encoros do Cenza e do Alto Lindoso asulagaron dous vales ourensáns de interese natural, así como 4 pobos. Na actualidade o monocultivo hidroeléctrico de moitos dos nosos vales contribúe o superávit eléctrico de Galicia, que exporta a terceira parte da electricidade que produce, proporción que pronto poderá duplicarse si a planta de alúmina-aluminio de S. Ciprián (Lugo), que actualmente consume o redor do 35% da electricidade producida en Galicia, comenza a consumir gas natural. Non se pode, pois, xustificar a instalación de novas centrais eléctricas por necesidades de abastecemento do consumo galego; e ó non ser de interese público galego, habería que reconsiderar o otorgamento dos beneficios da expropiación forzosa. Doutra banda, as posibilidades físicas de construir novos encoros rendables en Galicia están virtualmente esgotadas; de feito o do Cenza non é rendable, pero Iberdrola tiña que construilo (por unha obrigación imposta no ano 1955) ou perdería a concesión para o aproveitamento hidroeléctrico de toda a cunca do Sil.

Nestas circunstancias plantéxase a construcción de ata 300 minicentrais nos ríos galegos; a miudo nas cabeceiras fluviais ben conservadas, en áreas de elevado interese natural e, mesmo, en espacios protexidos. Estas centrais terían, por definición, pouca potencia instalada, e en moitos casos non poderían funcionar varios meses o ano polo insuficiente caudal de agua; a facturación por electricidade producida (4500 Mwh anuais de media) sería, polo tanto, pequena. Ainda que os custos de mantemento son reducidos pola súa automatización, os de construcción son elevados (de 100 a 1.000 millóns; custo medio estimado en 1991: 360 millóns). A rendabilidade económica é, pois, dubidosa e para incentivar a súa construcción as administraciones subvencionanas ó menos nun 20-25%. De todolos xeitos, ainda así os promotores de minicentrais aseguran que solo poderían ser rendables un cento das 300 minicentrais que a Xunta de Galicia considera que se poden construir. Semella que a Consellería de Industria quere repetir o erro da súa política de solo industrial que está a levar a unha proliferación en Galicia de mais parques empresariais dos necesarios, e sen ningunha rendabilidade socioeconómica.

Chegados a este punto convén reflexionar si o plan de construcción de minicentrais hidroeléctricas en Galicia cumpre os requisitos de rendabilidade económica, enerxética e social (e os de custo ecolóxico tolerable) que deberan esixírselle ó recibir acudas públicas.

Ainda que se construiran todalas minicentrais previstas en España aportarían apenas o 1% da electricidade producida no noso país. Esta cifra é irrisoria comparada có 30% da electricidade que, como mínimo, se podería aforrar hoxendía, sin disminuir a calidade de vida, empregando as medidas de utilización eficiente da electricidade xa dispoñibles comercialmente.

O aforro de enerxía é moito mais ecolóxico e económico que a producción da mais limpa das enerxías renovables. Vexamos un exemplo dos moitos que se poderían poñer:

  • Instalar unha capacidade productiva de 1 Mwh anual nunha minicentral media custa aproximadamente 63.000 ptas. Si se consideran as perdas por transformación e transporte, cada Mwh anual "a pé de contador do usuario" sobrepasaría as 90.000 ptas.
  • Instalar unha capacidade de aforro de 1Mwh anual con lámparas fluorescentes de baixo consumo custa (a precios de minorista) 34.000 ptas. Esta cifra poderíase reducir coa xeneralización destas lámparas.
  • Nos USA, meca do capitalismo e do consumo de enerxía, son as propias empresas eléctricas as que promoven o uso de equipos que usan eficientemente a electricidade. Así, no ano 1990 mais de 60 compañías, que abastecen de electricidade a casique a metade dos estadounidenses, ofrecían programas de incentivos económicos para promover a compra ou a venda de dispositivos eficientes. Por exemplo, a Southern California Edison Company regalou mais de 800.000 lámparas fluorescentes compactas de baixo consumo ós seus abonados e a Taunton Municipal Lighting Plant en Massachussets alugalles estas lámparas por 20 centavos de dólar (25-30 ptas) ó mes, e cambiallas gratuitamente cando se estropean. Evidentemente, as empresas eléctricas non fan ésto por ecoloxía, sinon por economía. Diante do incremento da demanda de electricidade tiñan duas alternativas: a) construir novas centrais eléctricas (política de megavatios ou de producción),
    b) promover o aforro entre os seus abonados (política de "negavatios" ou de aforro). E chegaron á conclusión de que ganaban mais cartos vendendo menos electricidade, pero producida nas plantas que xa tiñan amortizadas, que vendendo mais pero construindo novas centrais que terían que financiar e amortizar: a Southern California Edison Company conseguíu un aforro anual que representaba o 8,6% da demanda máxima da compañía naquela época cun custo de tan sólo o 1% do que lle suporía a construcción e funcionamento dunha nova central eléctrica.

Polo contrario en Galicia, en lugar de promover ó aforro que beneficiaría directamente á economía dos cidadáns galegos (reducíndolles a factura da luz) e a competitividade das empresas galegas (reducíndolles os custos de producción), as administracións promoven (beneficios da expropiación forzosa, exencións e subvencións nalgúns casos) que empresas privadas, a miudo forasteiras, instalen mais capacidade de producción e sigan vendéndonos mais e mais electricidade, cada día mais cara.

¿Supón o devandito que non se debera construir ningunha minicentral hidroeléctrica en Galicia? Non, algunhas minicentrais terían cabida nunha política enerxética correcta que, a xuicio da Sociedade Galega de Historia Natural, se basaría nos seguintes puntos:

  • Potenciar a instalación de medidas de aforro enerxético en edificios e industrias, e tamén o uso de equipos que utilicen eficientemente a electricidade.
  • Promover o aproveitamento racional das enerxías renovables.
  • As minicentrais que se considere xustificado, e aceptable, construir deben cumplir estrictamente os seguintes requisitos:
    • Emprazamento: Non deben ubicarse xamais en espacios protexidos, en paraxes de interese (natural, histórico artístico,...), nin en lugares onde hipotequen usos prioritarios do auga (abastecemento, regadío).
  • Características técnicas: A derivación do caudal debe facerse por tubería, nunca por canle aberta (risco grave para as persoas e trampa mortal, de acción permanente, para a fauna). A tubería forzada e a de derivación deben ir soterradas na medida do posible. A presa debe ter escadas para salmónidos e non derivar mais de dous tercios do caudal do río en cada momento. Ademais as pistas, os edificios e os tendidos eléctricos deben ser respetuosos có entorno.