logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
 

 

Alegacións ao E.I.A. da Central hidroeléctrica reversible Salas-As Conchas

NON ao trasvase das augas infectas do Limia a un LIC, ZEPA e Parque Natural

Versión en castellano

Ourense, Santiago 18-01-20123

A bacia do Limia en Ourense está intensamente explotada para a produción hidroeléctica. Na actualidade as augas do encoro de Salas (ano 1971; cota 835 m snm) son derivadas por unha tubería forzada ata o encoro das Conchas (ano 1949; cota 550 m snm) no que descargan tras turbinalas na central de Mugueimes (51,9 MW); a auga do encoro das Conchas turbínase na central de Valoiro (47,4 MW). A construción destes encoros e o de Lindoso (1992) non contribuíu en absoluto ao desenvolvemento socioeconómico dos municipios en que se enclavan, que perderon 2/3 da súa poboación nos últimos 60 anos.

Agora Gas Natural-FENOSA pretende construír unha Central Hidroeléctrica Reversible As Conchas-Salas que funcionaría en modo de bombeo "Nas horas en que o prezo da electricidade sexa máis baixo" e "en turbinación xerando electricidade. En horas punta de demanda, ou cando a electricidade véndase a maior prezo", con dous grupos de 190 MW cada un que elevarían a potencia total ata os 479,3 MW, quintuplicando case a potencia actual. Toda a área de actuación do proxecto enmárcase dentro da Reserva da Biosfera transfronteiriza Xurés-Gêrés e afecta ao espazo natural Baixa Limia - Serra do Xurés protexido polas figuras de LIC, ZEPA e Parque Natural.

Para empezar, o EIA falta á verdade ao afirmar que "O Salto de Salas desempeña a función de regular o caudal ecolóxico do río Salas" e que "O Salto das Conchas desempeña a función de regular o caudal ecolóxico do río Limia", como se pode comprobar na foto da dereita co embalse das Conchas cheo ata a súa máxima cota e o río Limia augas abaixo do muro de presa totalmente seco.

De acordo co Plan Hidrolóxico da Demarcación Miño-Sil, actualmente o encoro de Salas presenta un "estado total bo" e un "potencial ecolóxico bo ou máximo" mentres que o das Conchas atópase nun "estado total malo" e presenta un "potencial ecolóxico moderado", e preténdese alcanzar un "Bo potencial ecolóxico e bo estado químico en 2021".

O mal estado actual das augas do encoro das Conchas, con graves episodios recurrentes de proliferación de cianobacterias tóxicas, é un "exemplo de libro" de eutrofización desencadeado pola deficiente depuración de augas residuales na cabeceira do río Limia e a fortísima contaminación agro-gandeira difusa na chaira da Limia debida á fertilización excesiva e a pésima xestión dos estercos e xurros xerados polas 70.000-75.000 UGM de gando estabulado (equivalentes aos dunha poboación de 1,3-1,5 millóns de persoas).

Fotografía: Imaxe aérea do encoro de As Conchas na súa máxima cota (presa arriba á esquerda) e o río Limia totalmente seco augas abaixo.

Na situación actual, a execución do Proxecto "exportaría" o grave problema de eutrofización ás aínda limpas augas do encoro de Salas, ás que, ademais, "infectaría" cunha cianobacteria produtora de toxinas hepáticas da que actualmente está libre. Xa que logo, o Proxecto suporía un grave incumprimento da Directiva 2000/60/CE e do Plan Hidrolóxico da Demarcación Miño Sil .

Para simular a evolución futura da situación dos encoros das Conchas e Salas no EIA empregouse un potente programa informático pero:

  • Incumplironse a sabendas os requisitos do programa ("calibración e validación de detalle, con datos reais de diferentes campañas") ao empregar só os datos de 2010 pese a dispoñer dos datos necesarios para o periodo 2001-10.
  • Infrautilizáronse en gran medida as capacidades do programa informático ao empregarse só os datos de 5 variables (temperatura, clorofila A, fósforo total, osíxeno disolto e profundidade de visualización do disco de Secchi), pese a dispor tamén dos datos de amonio, nitritos, nitratos, ferro, manganeso, sulfhídrico, fósforo soluble, cianobacterias e outros grupos taxonómicos de fitoplancton.

Malia estas deficiencias, a simulación realizada predice que as concentracións de clorofila A duplicaríanse no encoro de Salas ata igualarse cos actuais das Conchas. Aínda que lamentablemente non se avaliou, cabe esperar que o fitoplancton do encoro de Salas se vexa moi afectado cunha perda de biodiversidade e a entrada masiva de cianobacterias produtoras de toxinas hepáticas que na actualidade non existen no encoro. Non se avaliaron as repercusións que tería o Proxecto sobre a saúde do gando que abreva no encoro e a súa salubridade posterior para consumo humán.

Imaxe: Evolución simulada no EIA dos niveis de clorofila A no encoro de Salas no estado actual (liña verde) e despois da construción da central reversible (liña violeta).

Por outra banda, ao analizar os sedimentos do encoro das Conchas para o EIA atopouse que nunha zona próxima ao muro de presa conteñen cantidades anormalmente elevadas de contaminantes perigosos:

  • Fluoranteno: 0,88 mg/kg, 29 veces por enrriba do límite legal para a protección dos organismos acuáticos (RD 9/2005).
  • Pireno: 0,63 mg/kg, 63 veces por enrriba do límite legal para a protección dos organismos acuáticos (RD 9/2005).
  • Benzo(a)antraceno: 0,44 mg/kg, 44 veces enrriba do límite legal para a protección dos organismos acuáticos e 2 veces máis do nivel establecido para protección da saúde humana (RD 9/2005).
  • Benzo(a)pireno: 0,24 mg/kg, 24 veces por enrriba do límite legal para a protección dos organismos acuáticos e máis do nivel establecido para protección da saúde humana (RD 9/2005).

Por todo o cal, SGHN solicitou á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (PDF):

  • Que desestime totalmente a realización do proxecto en tanto non se alcance o bo estado ecolóxico das augas no encoro das Conchas.
  • Que, cando se cumpra a condición inexcusable indicada no punto anterior e se reconsidere a realización do proxecto, se impoña sine qua non:
    • Unha modificación do actual réxime concesional dos encoros das Conchas e Salas para garantir un réxime de caudais ecolóxicos ao longo do ano que permita a recuperación, completamente funcional, dos tramos dos ríos Limia e Salas hoxe totalmente secos augas abaixo das presas das Conchas e Salas, respectivamente.
    • A instalación de escalas para peces axeitadamente deseñadas e operadas nos encoros das Conchas e Salas.
    • A NON prolongación das actuais concesións dos encoro das Conchas e Salas, de tal xeito que revirtan a propiedade pública no prazo orixinalmente aprobado.
    • A reversión de parte dos beneficios que se obteñan coa explotación da nova central hidroeléctrica para garantir o desenvolvemento socioeconómico sostible dos pobos afectados polos encoros, canalizándoos a través de iniciativas impulsadas polos órganos xestores da Reserva da Biosfera transfronteriza Xurés-Gêrés e do Parque Natural da Baixa Limia e Serra do Xurés.
    • A condición de non afectar a hábitats de interese comunitario ou de conservación prioritaria na UE (Directiva 92/43/CEE), o espazo protexido polas figuras de LIC, ZEPA e Parque Natural Baixa Limia - Serra do Xurés, as zonas núcleo e tampón da Reserva da Biosfera transfronteriza Xurés-Gêrés e todas as especies incluídas no anexo I da Directiva Aves, na Directiva 92/43/CEE, no Catálogo Español de Especies Ameazadas (Real Decreto 139/2011) e no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Decreto 88/2007, Decreto 167/2011).
  • Que en relación cos niveis de hidrocarburos policíclicos [Fluoranteno, Pireno, Benzo(a)antraceno e Benzo(a)pireno] por enrriba dos límites legais para a protección dos organismos acuáticos e a saúde humana (RD 9/2005) detectados en sedimentos do encoro das Conchas durante a elaboración do Proxecto, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil abra inmediatamente de oficio unha exhaustiva investigación para determinar:
    • A extensión de sedimentos contaminados no leito do encoro.
    • A orixe de devanditos contaminantes.
    • As medidas a adoptar cos sedimentos contaminados para garantir a protección do ecosistema acuático do río Limia e a saúde humana

 

Central hidroeléctrica reversible Salas-As Conchas

NON ao trasvase das augas infectas do Limia a un LIC, ZEPA e Parque Natural

Ourense, Santiago 16-11-2012

Na actualidade as aguas do encoro de Salas (río Salas) son derivadas por unha tubería forzada ata o encoro de As Conchas (río Limia) no que descargan despois de turbinarse na central eléctrica das aforas de Mugueimes. Pero un proxecto de Gas Natural Fenosa pretende facer reversible a conexión actual, bombeando agua dende As Conchas ao Salas en horas val, para logo turbinala en senso contrario en horas punta.

O proxecto sería económicamente moi beneficioso para a empresa, pola diferencia tarifaria entre horas punta e val e porque aproveitaría dous encoros xa existentes da súa propiedade. Dependendo das circunstancias, o proxecto tamén podería ser bo dende un punto de vista de aproveitamento máximo das enerxías renovables, pois permitiría manter en funcionamento parques eólicos mesmo en momentos sen demanda eléctrica e “almacenar” parte da enerxía xenerada.

O problema xurde polo pésimo estado actual das augas do encoro de As Conchas, que padece unha eutrofización galopante con graves consecuencias ecolóxicas, sanitarias e económicas (máis). Durante o gravísimo episodio de proliferación de cianobacterias que persistiu todo o periodo de primavera-verán de 2011, o equipo do Dr. Eduardo Costa (catedrático de xenética na Universidad Complutense de Madrid) detectou mais de 15.000 UFM (unidades formadoras de colonias) por cada mililitro de auga da cianobacteria Microcystis aeruginosa que produce toxinas hepáticas (detectadas tamén nas augas), así como unhas concentracións escandalosas de bacterias fecais. O equipo do Dr. Costa confirmou tamén no verán de 2012 cantidades elevadas de cobre (ver); ademáis de empregarse na formulación de funxicidas, o cobre pode proceder dos zurros de granxas intensivas de porcino, abondosas na chaira limiá.

Nesta situación, a construcción da central reversible suporía trasvasar as augas infectas do encoro de As Conchas, recoñecido como con “estado total malo” e para o que se pretende alcanzar o “bo potencial ecolóxico e bo estado químico en 2021" ás limpas augas do encoro de Salas cun “estado total bo” e un “potencial ecolóxico bo ou máximo” (véxase Plan Hidrolóxico da Demarcación Miño-Sil), e tamén ao tramo do río Salas comprendido entre o muro de presa e a confluencia co río Limia.

Trasvasar augas contaminadas a un encoro limpo sempre sería inaceptable, pero é que, ademais o encoro de Salas é un espazo natural protexido como Lugar de Interese Comunitario, ES1130001 Baixa Limia, Zona de Especial Protección para as Aves, Parque Natural e Reserva da Biosfera transfronteiriza.

Fotografía: Imaxe aérea da tubería forzada entre os encoros de Salas e As Conchas e da central actual (arriba á esquerda) ás aforas de Mugueimes (SIGPAC, Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

Por todos istes motivos, SGHN ven de solicitar ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (PDF) que desestime totalmente a realización do proxecto en tanto non se alcance o bo estado ecolóxico das augas no encoro de As Conchas e que cando se cumpla dita condición o proxecto se realice un Estudio de Impacto Ambiental que:

  • Analice todas as alternativas posibles, incluida a Alternativa 0 ou non execución do proxecto.
  • Describa en detalle as instalacións proxectadas e o modo de execución das mesmas.
  • Avalíe con detalle e rigor as posibles afeccións do proxecto sobre:
    • Hábitats de conservación prioritaria na UE (Directiva 92/43/CEE) e adapte o proxecto para evitalos totalmente pois non existen razóns imperiosas de interese público de primeiro orden (art. 6 da Directiva 92/43/CEE, art. 45 da Lei 42/2007) para que sexan afectados por un proxecto de central hidroeléctrica reversible.
    • Hábitats de interese comunitario (DC 92/43/CEE) e estudie alternativas para minimizalos canto sexa técnica e ambientalmente posible.
  • Avalíe con detalle e rigor as posibles afeccións do proxecto sobre TODAS as especies incluidas no anexo I da Directiva Aves, na Directiva 92/43/CEE, no Catálogo Español de Especies Amenazadas (Real Decreto 139/2011) e no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Decreto 88/2007, Decreto 167/2011) presentes na zona e contemple a adaptación do proxecto para evitalas totalmente no caso de especies de interese comunitario e/ou en perigo de extinción, pois no existen razóns imperiosas de interese público de primeir orden (art. 6 da Directiva 92/43/CEE, art. 45 da Lei 42/2007) para que sexan afectados por un proxecto de central hidroeléctrica reversible, e para mitigarlas no caso das restantes especies catalogadas.

Fotografía: Imaxe aérea do encoro de As Conchas, coas augas totalmente verdes pola proliferación de cianobacterias tóxicas debida á eutrofización (SIGPAC, Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

Á vistas das repercusións do proxecto sobre a calidade das augas do río Salas e sobre o LIC, ZEPA, Parque Natural e Reserva da Biosfera da Baixa Limia-Serra do Xurés, SGHN remitiu asimismo escritos á Dirección Xeral de Conservación da Natureza (PDF) e á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (PDF).