| |
Cinco anos despois rexurde a ameaza sobre o Canón do Sil
Alegacións de SGHN e SGO ao aproveitamento hidroeléctrico de bombeo de Sta. Cristina |
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil expuso a información pública, coincidindo cun período tradicionalmente vacacional, o proxecto de IBERDROLA, SA para construír un aproveitamento hidroeléctrico reversible en Santa Cristina (Nogueira de Ramuín e Parada de Sil, Ourense) que mantén basicamente o proxecto inicial de 2006: un sistema para bombear auga dende o encoro de Santo Estevo durante as horas val ata un depósito máis elevado (agora desprazado ao somonte de Cabeza de Meda, fóra xa do LIC do Canón do Sil e do perímetro de protección do Mosteiro de Santa Cristina), dende o cal turbinar o auga para xerar electricidade nas horas punta. O depósito de auga, a coroación da cheminea de equilibrio, as entradas ás galerías, o parque de alta tensión e a líña eléctrica de 400 kV estarían na superficie e o resto das instalacións serían soterradas.
Sociedade Galega de Ornitoloxía e Sociedade Galega de Historia Natural veñen de amosar nas súas alegacións coordinadas que, aínda que as afirmacións de IBERDROLA sobre o seu proxecto non poden ser máis grandilocuentes, é preciso salientar que:
- O “subministro eléctrico” en Galicia non depende en absoluto deste proxecto.
- As “desconexións de parques eólicos da Rede por falta de demanda”:
- Son tan excepcionais que IBERDROLA, que iniciou a tramitación do proxecto hai 5 anos, só pode poñer un exemplo, o 2 de novembro de 2008.
- Evítanse coa adecuada xestión dos distintos tipos de centrais eléctricas e aproveitando as vantaxes da interconexión das redes eléctricas a nivel internacional (España, Francia, Portugal, Marrocos,...).
- A “estabilidade do Sistema Eléctrico” está garantida e as “restricións á produción eólica de Galicia por falta de capacidade de evacuación polas líñas eléctricas” son moi improbables pois o desenvolvemento da enerxía eólica en Galicia está moi planificado en aplicación da Lei 8/2009 e da Orde do 29-03-2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia en novos parques eólicos.
- No suposto de que o proxecto fose unha “instalación estratéxica”, que non o
é, o lóxico sería que a súa realización, propiedade e xestión fosen públicas.
|

Fotografía: Vista do LIC ES1120014 Canón do Sil dende o emprazamento previsto para a Subestación Transformadora perto de Vilouxe. |
En canto ao impacto ambiental do proxecto, certo é que con respecto ao inicial IBERDROLA realizou un esforzo para minimizar o provocado polo depósito, no que reempregaría os materiais das instalacións soterráneas, pero:
- O impacto ambiental durante a fase de construción (8 anos) sería severo pois para transportar 1.035.805 m³ de materiais procedentes da escavación de galerías e cavernas soterráneas (no interior do LIC ES1120014 Canón do Sil) ata ao depósito superior precisaríanse uns 52.000 viaxes de camión co conseguinte impacto sobre a fauna, a poboación e as infraestruturas.
- Malia que só unha parte das instalacións estarían na superficie, o impacto sobre a paisaxe (motor económico da zona dende hai anos) sería moi forte no caso da:
- Subestación Transformadora que se ubicaría na contorna inmediata dun dos espazos habilitados como mirador perto de Vilouxe e, ademais, sería moi visible dende varios miradores na marxe de Lugo.
- Liña eléctrica de alta tensión (400 kV) con 43 apoios de ata 77 m de altura (máis que a torre de Hércules e semellantes as torres da catedral de Santiago) e unha lonxitude de 11.800 m, a metade dos cales afectarían a hábitats de interese comunitario, con efectos acumulativos e sinérxicos co resto das infraestruturas enerxéticas existentes ou proxectadas na zona.
- O impacto sobre a fauna sería importante, con afección sobre especies de aves de presa protexidas pola lexislación autonómica, estatal e europea: Falcón pelegrin (Falco peregrinus), Águia real (Aquila chrysaetos, o Canón do Sil é un área prioritaria para calquera plan de recuperación futuro desta especie en Galicia), Bufo real (Bubo bubo), Miñano queimado (Milvus migrans) e Águia calzada (Hieraetus pennatus).
A xustificación do proxecto en canto a que cunha produción estimada de 1.000 GWh
evitará a emisión de 700.000 toneladas de CO2 anualmente á atmosfera non se sostén pois o balance enerxético neto da central é negativo. Ademais, en ningún caso se podería calcular o aforro de emisións de CO2 en base ao total de enerxía xenerada durante a turbinación pois, de facelo así, como semella polo documento de Iberdrola, daríase unha "doble contabilidade" no caso de que a electricidade empregada para o bombeo se producira con enerxías renovables. Dito doutro xeito, se un parque eólico produce X megawatios de enerxía e ésta xa se contabiliza como un aforro de Y toneladas de CO2, si se emprega para bombear auga nunha central como Santa Cristina logo a electricidade producida cando se turbine non pode voltar a contabilizarse como un aforro de CO2.
Non hai vantaxes sociais, nin de utilidade pública nin de mitigación do cambio climático senón que, simplemente, IBERDROLA incrementaría os seus beneficios ao aumentar a facturación de electricidade nas horas punta de tarifa máis elevada. Por suposto, este é un obxectivo lícito, pero ambientalmente inadmisible por ser a costa dun forte impacto nun espazo natural sobranceiro, patrimonio colectivo de todos os cidadáns, por todo o cal SGO e SGHN solicitaron que se desbote o proxecto.
Máis... |
|
|