logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
 

 

Cambio global. Cambio legal. ¿Cambio mental?

Hai xa máis de 30 anos que os "expertos en técnicas de producción e mercado" no eido da producción de carne de polo tiñan moi claro que dende que nacían os poliños debían ter as luces da granxa permanentemente encendidas, agás durante 5 minutos cada día para que os polos "coñezan a escuridade" e así evitar mortandades masivas polo susto en caso de apagón. A vantaxe é que, ó ter luz todo o día, permanecen despertos máis tempo, consumen máis alimento e medran máis rápido, acortando os turnos de producción. O dano colateral dunha maior mortalidade queda ben compensado, a ollos dos "expertos en técnicas de producción e mercado", por unha maior productividade e rendibilidade global: máis carne en menos tempo e con máis beneficios.

Os actuais "expertos en técnicas de mercado" decidiron que os establecementos comerciais deben ter as portas sempre abertas (ou simplemente non ter portas) e un potente sistema de calefacción/refrixeración xusto na entrada para xerar unha "cortina" de aire quente no inverno e de aire frío no verán que, por contraste coa temperatura do resto da rúa, supoña un atractivo irresistible para os transeúntes e os anime a entrar no local e converterse en consumidores.

En canto ós "danos colaterais", descoñecemos si hai unha estatística das víctimas humanas do consumismo compulsivo, pero si a houbera seguro que tampouco lles importaría ós expertos do mercado. O que sí podemos é albiscar as víctimas ambientais: o despilfarro brutal e absurdo de enerxía leva a máis consumo de combustibles fósiles, máis cambio climático, máis aeroxeneradores nos nosos montes, máis encoros hidroeléctricos nos nosos ríos, ¿máis centrais nucleares? Pouco importan os insostibles perxuicios económicos e ecolóxicos; cegados polos beneficios ó máis curto prazo, os "expertos en técnicas de mercado" botan as súas contas: como non teñen que pagar os custos ambientais reais e hoxe así gañan máis cartos, para qué pensar en mañán? Pero cando a burbuxa de despilfarro enerxético estoupe as consecuencias han ser moito piores que as do estoupido da burbuxa inmobiliaria e financieira da que agora nos laiamos.

Portas_abertas_3

Afortunadamente, desenvolvendo o Plan de Activación do Aforro e a Eficiencia Enerxética 2008-2011, o R.D._1826/2009_do_27-11-2009 establece que os edificios e locais destinados a uso administrativo, comercial e de pública concurrencia deben dispor dun sistema de peche de portas para impedir que estén permanentemente abertas e limita as condicións de temperatura, que non deberá ser superior a 21 ºC nos recintos calefactados nin inferior ós 26 ºC nos recintos refrixerados.

Lamentablemente, de nada vale unha lexislación moi razoable e chea de senso común si non se divulga adecuadamente primeiro e se inspecciona rigurosamente o seu cumprimento despois. Un simple paseo por calquera cidade pon de manifesto un notable incumprimento do R.D. 1826/2009. Por exemplo, tan só nun puñado de rúas céntricas de Santiago de Compostela hai alomenos 35 locais comerciais de todo tipo nos que as portas están abertas permanentemente cos sistemas de calefacción ou refrixeración encendidos (a metade de ditos locais mesmo non teñen portas, só unha persiana para pechalos de noite). En toda España deben contarse por milleiros, quizáis deceas de milleiros.

Portas_abertas_4 Portas_abertas_6
Por estas razóns, a SGHN ven de dirixir un escrito ó Ministro de Industria, Comercio e Turismo solicitándolle que se inicie o antes posible unha ampla campaña de divulgación do R.D. 1826/2009 e a continuación comence sen demora unha campaña para a inspección do seu cumprimento en todos “os edificios e locais destinados a uso administrativo, comercial e de pública concurrencia”. O texto íntegro do escrito está recollido no PDF SGHN_Ministro_Industria_RD_instalacions_termicas.