logo
 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO
line decor
   

 

 

Tramitación de "Declaración de abandono" dos áridos asfálticos do porto exterior de Ferrol

Ferrol, 01 de xullo de 2013

Ven de publicarse no BOE (PDF) que a Autoridade Portuaria de Ferrol - San Cibrao está a tramitar "unha posible declaración de abandono de acopio de árido reciclado asfáltico (ARA) descargado pola estibadora "COP Galicia, S.L." no Porto Exterior de Ferrol. Quen se fará cargo agora destes residuos?

:

Asociacións ambientalistas esixen solucións

Depósitos de áridos asfálticos de Vilar do Colo

Representantes da Plataforma de Defensa dos Camiños, AETNA, Plataforma de Afectados polo Polígono Industrial de Vilar do Colo, Verdegaia, ADEGA e SGHN, realizaron unha visita ao Monte de San Lourenzo (concello de Cabanas) nunha parcela de solo rústico de uso forestal, propiedade da empresa MANMER na que se atopan, dende o ano 2009, uns amoreamentos de áridos asfálticos procedentes de Holanda. Este materiais foron descargados no Porto Exterior de Ferrol, onde aínda quedan depositadas unhas 300.000 toneladas.

A finalidade da visita era constatar que, a día de hoxe, aínda non se emprendeu obra ningunha, nin se libraron os cinco metros da zona de policía do rego ao que están obrigados, malia a teren transcorrido oito meses despois de ser licitados os acopios por parte da Consellería de Medio Ambiente, e atoparse esa licenza condicionada á instauración, nun prazo de dous meses, dunhas medidas de prevención de impactos ambientais sobre as augas, tanto superficiais como subterráneas e sobre o solo.

Atendendo ás resolucións da Secretaría Xeral de Calidade Ambiental, de Augas de Galicia e da Fiscalía Provincial de A Coruña, -a cal se expresa nestes termos: “Se o seu almacenamento, unha vez advertido, non se realizase coas prevencións establecidas, tal e como advirte o informe, daquela si podería entenderse que poidese traspasar o límite do dereito penal”-, as devanditas asociacións deciden solicitar, por unha banda, que se tomen medidas sancionadoras contra a empresa MANMER por incumprimento das condicións impostas por ditos organismos, e por outro lado que se retome esta cuestión por parte da Administración e a Fiscalía, tendo en conta os seguintes puntos:

  • A ilegalidade da ubicación dos residuos en solo rústico, conculcando gravemente a Lei do Solo.
  • O recoñecemento destes materiais como residuos, xa que non foron debidamente inertizados.
  • A contaminación directa das fontes do río Baa.
  • O cuestionamento das concentracións de sustancias tóxicas, nocivas ou perigosas para o medio ambiente e a saúde humana que poden definir un material como perigoso, tendo en conta que os áridos asfálticos da parcela de Cabanas ocupan solo rústico e non industrial, que o potencial de carga dos ecosistemas circundantes é moi reducido e que os puntos anteriores hai que poñelos en relación co inmenso volume (60.000 toneladas) dos materiais amoreados.
  • A posible consideración de tráfico ilegal, dende a orixe da operación de traslado, segundo sinala a normativa europea para o traslado de residuos entre países comunitarios.
  • Os intereses ambientais, por existir hábitats prioritarios na contorna, os intereses económicos, pola posible afección aos bancos marisqueiros de Mugardos e Barallobre, e o interese prioritario da toma de auga potable para consumo humano, dado que en Mugardos existe un punto de captación de auga para ese uso.

Por todo isto, solicitaron a actuación da Fiscalía de Delictos Ambientais (ver denuncia), e á Consellería de Medio Ambiente que se ordene o traslado dos residuos a unha instalación que reúna as condicións de seguridade necesarias para o almacenamento destes materiais, en tanto non se resolva sobre o seu destino final.

 

OS ÁRIDOS ASFÁLTICOS DE MANMER EN FERROL

Os hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAP ou PAH en inglés) son un grupo de máis de 100 sustancias químicas diferentes que poden atoparse case en todas partes: aire, terra e auga. Sábese con certeza que algúns HAP son axentes canceríxenos e que producen malformacións conxénitas. Por iso están incluidos legalmente (Real Decreto 9/2005) nos listados de contaminantes para os que hai establecidos niveis de referencia para a protección da saúde humana e dos ecosistemas. De algúns, ademais, sospeitase que poidan ser disruptores endocrinos e interferir coas hormonas sexuais en animais.

Aínda que tamén se orixinan por procesos naturais (incendios forestais, volcáns, formación do petróleo) e se atopan no fume do tabaco e nos alimentos á grella, afumados e fritidos, a principal fonte de HAP é a combustión de combustibles fósiles, seguida pola combustión de residuos e madeira e a utilización de asfalto para pavimentar rúas e estradas.

Como o asfalto contén numerosos HAP, tamén os conteñen os áridos obtidos durante a reciclaxe dos aglomerados asfálticos de estradas. Este é o caso dos áridos importados de Holanda pola empresa Manmer que etán almacenados no porto exterior e nun polígono industrial de Ferrol. Posto que o asfalto xa contén HAP, se ditos áridos se destinan á fabricación de aglomerado asfáltico non deberan supoñer, en principio, un problema ambiental maior que o propio asfaltado de rúas e estradas. En tanto que supón un aforro energético (discutible no caso de Manmer ao trasladalos dende Holanda) e de materias primas, a reciclaxe dos aglomerados asfálticos para a reparación de firmes danados é beneficioso dende un punto de vista ambiental e faise dende hai anos tanto en España como noutros países.

Os problemas poden xurdir se os áridos asfálticos se transportan, almacenan ou empregan de forma inaxeitada. Aínda que non hai certeza de que sexa así, considérase que a meirande parte dos compostos perigosos do asfalto (incluidos os HAP) etán “inmobilizados” ou “cementados” dentro dos aglomerados asfálticos sólidos (Irwin, R.J., VanMouwerik, M., Stevens, L., Seese, M.D., Basham, W.. 1997. Environmental Contaminants Encyclopedia. National Park Service, Water Resources Division, Fort Collins, Colorado; http://www.nature.nps.gov/hazardssafety/toxic/asphalt.pdf). Pero iso non ten xa porque ser certo nos áridos asfálticos que, como mínimo, teñen moita máis superficie exposta.

Imaxe: Estrutura química do benzo(a)pireno, o máis perigoso dos hidrocarburos aromáticos policíclicos detectados nas areas asfálticas importadas de Holanda.

Non parece, pois, prudente almacenar grandes cantidades á intemperie ou empregalos como material de recheo, moito menos perto de cursos ou masas de auga. Máxime cando as análises realizadas pola Consellería de Medio Ambiente indican que as concentracións de seis HAP superan os niveles xenéricos de referencia establecidas polo Real Decreto 9/2005 para a avaliación da contaminación do solo e que as análises de Augas de Galicia dectectaron diversos HAP perigosos na auga dos charcos existentes nas zonas de almacenamento.

Respecto aos HAP indicados nas análises da Consellería de Medio Ambiente [benzo(a)antraceno, benzo(b)fluoranteno, benzo(k)fluoranteno, benzo(a)pireno e indeno(1,2,3,cd)pireno], as fichas internacionais de seguridade química sinalan que se poden absorber por inhalación do aerosol e a través da pel e que non se debe permitir que se incorporen ao ambiente. De acordo con ditas fichas internacionais, eses compostos son canceríxenos confirmados [benzo(a)pireno] ou sospeitase que o poidan ser (os restantes) e, agás o primeiro deles, sábese que “na cadea alimentaria referida aos seres humáns ten lugar bioacumulación, concretamente en aceites e graxas”. Ademais, ditas fichas de seguridade sinalan que o benzo(a)pireno é unha sustancia “moi tóxica para os organismos acuáticos”, que “pode causar efectos prolongados no medio acuático” e “producirse unha bioacumulación en peixes, plantas e moluscos”.

Tendo en conta as cifras de áridos manexadas nos medios de información (unhas 800.000 toneladas) e as concentracións indicadas polas análises da Consellería de Medio Ambiente, interpretados aplicando os intervalos dos niveis de referencia do Anexo V do Real Decreto 9/2005, cabe destacar que ditos áridos conterían entre 30 e 137 toneladas de HAP perigosos, repartidos como segue:

  • Benzo(a)antraceno: entre 1,6 e 16 toneladas.
  • Benzo(b)fluoranteno: máis de 16 toneladas.
  • Benzo(k)fluoranteno: entre 1,6 e 16 toneladas.
  • Benzo(a)pireno: máis de 1,6 toneladas.
  • Fluoranteno: entre 6,4 e 64 toneladas.
  • Indeno(1,2,3,cd)pireno: entre 2,4 e 24 toneladas.

Definitivamente, non é prudente telos almacenados á intemperie.