logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

OS ORGANIZADORES ACEPTARON MODIFICAR O TRAZADO NO ÚLTIMO MOMENTO

O TRAZADO DUNHA CARREIRA DE TRAIL AMEAZOU UNHA IMPORTANTE COLONIA DE AVES NO MONUMENTO NATURAL DA COSTA DE DEXO, EN OLEIROS

Solicitouse, sen conseguilo inicialmente, a modificación do trazado da proba, que só afectaría a 3 km do total de 18. Desta maneira evitaríase unha grave afección ós niños das aves, neste momento ocupados por estaren en plena tempada de cría. Diversas organizacións ecoloxistas e conservacionistas de Galicia (Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), Amigos da Terra, Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), Verdegaia e Grupo Naturalista Hábitat) puxéronse en contacto cos organizadores da proba, así como co Concello de Oleiros e os responsables de Conservación da Natureza da Consallería do Medio Rural.

Os organizadores (o Clube de Montaña Ártabros e o Clube Pico do Castro) non solicitaron permiso para a realización da proba no espazo natural protexido, declarado Monumento Natural e Lugar de Importancia Comunitaria (LIC – Natura 2000), segundo estas organizacións conservacionistas puideron confirmar por parte dos responsables da Consellería de Medio Rural.

O próximo domingo 3 de abril celebrarase o “I Costa-Trail de Oleiros “Seixo Branco”, competición deportiva de carreira de montaña organizada pola S.M. Ártabros en colaboración co Clube Pico do Castro de Oleiros. Diversas asociacións adicadas ó estudo e a protección do medio ambiente en Galicia alertan do posible impacto que esta competición deportiva podería ter sobre unha das principais colonias de aves mariñas de Galicia.

Esta proba percorrerá o espazo Rede Natura 2000 e Monumento Natural Costa de Dexo, no cal se localiza unha das principais colonias galegas de corvo mariño cristado, probablemente a de maior importancia de cantas existen no continente (é dicir, fóra das nosas illas). O corvo mariño cristado é unha especie ameazada que está experimentando un acentuado declive poboacional nos últimos anos, o que o ten levado a estar considerado como en perigo de extinción no “Libro Rojo de las Aves de España (Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural y Marino)” e protexido legalmente a través do Catálogo Galego de Especies Ameazadas, que o considera como vulnerable.

Esta proba, na que está prevista a participación de 200 corredores máis persoal da organización e público, percorrerá, tal e como está actualmente deseñada, a primeira liña de costa, a menos de 20 m dun número elevado de niños de corvo mariño cristado e en pleno periodo de cría desta especie e outras especies protexidas presentes na zona, provocando unhas molestias que poderían supor o abandono dun número elevado de niños nun periodo crítico de eclosión e desenvolvemento dos pitos.

Durante parte do seu percorrido, a carreira alónxase dos camiños que conforman a ruta de sendeirismo existente na zona, chegando a aproveitar terreos afectados por un lume ocorrido en 2010 e a afectar a hábitats prioritarios segundo a Directiva 43/92/CEE ou Directiva Hábitats.

As entidades denunciantes, que asumen e lamentan o escaso prazo de tempo existente até a data de celebración, non se opoñen a este tipo de actividades deportivas realizadas dunha maneira regulada, por consideralas sostibles e realizadas por persoas xeralmente respectuosas co medio. Non obstante, consideran que a data de realización da proba é inaxeitada, máis tendo en conta que non se ten constatado a existencia de ningún tipo de autorización por parte da administración para a súa realización. Por este motivo, as asociacións asinantes puxéronse en contacto coas entidades organizadoras e coa administración co obxectivo de solicitar que o percorrido transcorra a unha maior distancia dos niños das aves e se evite o pisoteo de hábitats prioritarios.

En concreto, solicitouse a modificación de tan só tres pequenos treitos dunha lonxitude aproximada de 3.000 metros, realizando unha proposta de trazado alternativo. Desta maneira, a variación na lonxitude final do percorrido sería de só 250 m, nunha proba dunha lonxitude total aproximada de 18 km. Até o momento a organización no se ten mostrado receptiva ante estas propostas.

Por último, queremos subliñar que este caso pon en evidencia a urxente necesidade dunha ordeación, xestión e regulación de usos nos espazos naturais protexidos galegos, que permita compatibilizar a conservación e posta en valor dos seus valores co su uso público e o desenvolvemto sostibe da poboación local.

Finalmente, os organizadores aceptaron modificar o trazado para evitar as afeccións á colonia de aves acuáticas. A carreira celebrouse, pois, sen perxudicar a biodiversidade o 3 de abril de 2011.

Escrito da SGHN ó Xefe de Servizo de Conservación da Natureza (Consellería de Medio Rural) en A Coruña. PDF.

Comunicado de prensa en PDF