logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

Plan de conservación da píllara das dunas: comunicado de SGO e SGHN

Santiago de Compostela, 01 de xullo de 2013

A Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) e a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) consideran que o Plan de conservación da Píllara das dunas constitúe unha ferramenta útil e necesaria para a conservación desta especie ameazada. Sen embargo, a proposta presentada pola administración autonómica presenta unha serie de deficiencias que poden comprometer a conservación da especie en determinados espazos ou circunstancias, motivo polo cal presentaron alegacións durante o proceso de información pública recentemente finalizado.

SGO e SGHN solicitan a ampliación da definida como Área Prioritaria de Conservación ao extremo Oeste da praia de Baldaio (Carballo) e á praia de Area Cruz (O Grove), así como que se recoñeza a presenza da especie nas praias de Montalvo e Major (Sanxenxo). Ademais, solicítase o balizamento temporal de tramos de praia para a protección da píllara, e valórase negativamente que na redacción actual do plan se eliminasen diversas disposicións necesarias contempladas na primeira versión do Plan. En concreto, a maior permisividade con respecto ao emprego de metodos de limpeza non manual nin selectiva , así como coa presenza de cans (incluso atados) nas praias e a instalación de estruturas hostaleiras nos sistemas dunares, son aspectos que van e contra da conservación da píllara e de ecosistemas tan fráxiles e valiosos como os nosos areais e sistemas dunares.

En relación coa recente polémica sobre o conflicto entre as medidas de protección da píllara e determinados usos deportivos e recreativos nas praias galegas, as entidades asinantes manifestan que as praias e sistemas dunares galegos non deben ser considerados unicamente como espazos de esparcemento, senón que constitúen ecosistemas naturais altamente sensibles e valiosos, conformando un patrimonio común de toda a sociedade. A súa conservación, xunto coa dunha especie tan emblemática e vulnerable como a píllara das dunas, debe polo tanto ser considerada como prioritaria e prevalecer sobre o ocio particular ou outros tipos de usos que puideran por en risco ás súas poboacións, sempre baixo criterios técnicos e científicos.

En particular, e no referente á regulación da práctica do kite-surf, debe terse en conta que Galicia conta con 712 praias (fonte: Guía de Playas-Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente), das cales o Plan de Conservación afecta unicamente a 45 (o 6% do total). Dentro destas, establécense regulacións de acceso para os kitesurfistas en 29 praias, prohibíndose a actividade en tan só 12, o 1,5% do total das praias galegas. Consideramos que queda por tanto garantida a práctica desta actividade nas praias galegas, constituíndo aquelas nas que se limita, bastións fundamentais para a supervivencia da especie, aspecto este que debe polo tanto prevalecer sobre calquera outra actividade de ocio.

A Píllara non debe ser vista como un problema, senón como unha oportunidade e un valor patrimonial de toda a sociedade: unha praia ou un concello sen píllaras estarán perdendo unha parte importante da súa riqueza natural. Polo tanto, a súa conservación é unha responsabilidade de toda a sociedade e da administración en particular, incluíndo ás administracións locais.

 

Plan de conservación da píllara das dunas.
Plans de recuperación do sapoconcho común e da escribenta das canaveiras

Ao abeiro do periodo de información pública, SGHN ven de presentar alegacións a o plan de conservación da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus L.) e aos plans de recuperación do sapoconcho común (Emys orbicularis L.) e da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus L. subsp. lusitanica Steinbacher), os tres primeiros elaborados pola Xunta de Galicia para especies incluidas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. En liñas xerais, SGHN considera acertadas ás finalidades e obxectivos dos tres plans:

  • Restaurar e manter unha poboación viable da píllara das dunas en Galicia e desclasificala, a curto/medio prazo, da categoría de vulnerable do CGEA.
  • Consolidar a conservación dos núcleos de poboación coñecidos de sapoconcho común, garantindo así a supervivencia a longo prazo destas poboacións, e promover a introdución da especie no seu hábitat potencial, duplicando polo menos o número de áreas de presenza coñecidos na actualidade.
  • Inverter a tendencia demográfica regresiva da escribenta das canaveiras iberooccidental e acadar a recuperación das localidades de reprodución coñecidas que se perderon.

Imaxe: Parella de pillara das dunas.

Pero, malia ser un asunto crítico para a conservación das especies, lamentablemente ningún dos proxectos de Decreto establece medidas claras encamiñadas a conservar de forma efectiva o hábitat de ditas especies, nin siquera nas súas zonas prioritarias, e que vinculen inequivocamente á administración e ós particulares, comezando por que os plans e proxectos suxeitos a Avaliación de Impacto Ambiental que poidan afectar o hábitat de calquera destas especies deberan avaliar detalladamente os seus efectos sobre ás mesmas e adaptarse obrigatoriamente ao establecido nos respectivos plans de conservación ou recuperación.

No caso da píllara das dunas, catalogada como vulnerable, SGHN considera imprescindible que, agás razóns imperiosas de interese público de primeiro orde, nas súas zonas de presenza:

  • O tránsito de persoas e mascotas polo cordón dunar quede limitado a corredores definidos de acceso.
  • Non se permitan labores de limpeza nas áreas de restricción do tránsito de persoas e animais das 25 praias máis importantes para a especie durante o periodo comprendido entre o 1 de marzo e o 31 de agosto de cada ano. Fóra dese periodo só se deberan autorizar limpezas manuais para retirar o lixo e nunca os restos naturais de arribazón.
  • Non se permita a ocupación nin degradación do ecosistema dunar coa construción de paseos, estradas, pistas, aparcadoiros, servizos hostaleiros, etc.

Nos casos do galápago europeo e a escribenta das canaveiras catalogados como “En perigo de extinción” é de aplicación o artigo 45.6 da Lei 42/2007 de Patrimonio Natural e da Biodiversidade, que indica que, no proceso de avaliación de plans e proxectos, só poderán autorizarse en ausencia doutras alternativas, e cando concurran razóns imperiosas de interese público de primeiro orde. En consecuencia, agás coa dita excepción legal, SGHN solicita:

  • A prohibición de novas estradas ou pistas que afecten aos seus hábitats.
  • A adaptación obrigatoria dos instrumentos de planificación urbanística e territorial aos contidos dos plans de recuperación.
  • A necesidade de informe preceptivo e vinculante da Consellería competente en materia de conservación da natureza para que o manexo dos carrizais beneficie á escribenta das canaveiras e respecte os hábitats de conservación prioritaria na UE e as especies incluidas nos catálogos español e galego de especies ameazadas. Ademais, as cortas deberan manter unha franxa de alomenos 10 m de largura e nunca poderán afectar a unha superficie continua maior de 0,5 ha nin a máis dunha cuarta parte da superficie cuberta por especies helófitas no humidal.

Imaxe: Sapoconcho común.