logo

 

Dende 1973 estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego

sghn@sghn.org

line decor
  INICIO   
line decor
   

 

Nota de prensa de ADEGA, FEG e a SGHN

O comezo da pesca compromete o futuro dos nosos ríos ante a pasividade do goberno galego

A Xunta de Galiza pecha os ollos ante a situación de seca que están a sufrir os nosos ríos e mantén o inicio da pesca para este domingo 18 de marzo, co conseguinte risco para as poboacións piscícolas e os nosos ecosistemas fluviais.

Compostela, 17 de marzo de 2012.  Este domingo 18 de marzo está prevista o inicio da tempada de pesca segundo o establecido na orde do 28 de decembro de 2011, pola que se establecen as normas de pesca nas augas continentais de Galicia durante a tempada 2012 (DOG nº 12 do 18/01/2012 e corrección de erros DOG nº 33 do 16/02/2012).

A información subministrada polos distintos organismos con competencias en materia de augas (Augas de Galiza, Confederación Miño-Sil e Confederación do Cantábrico) coinciden en sinalar que estamos en mínimos históricos para o presente mes con repecto aos caudais da maioría dos ríos galegos. Esta situación é derivada dun período con precipitacións por baixo da media dende a primavera de 2011, o que segundo datos da propia Meteo Galicia sitúanos nunha escenario de seca.

Os efectos desta seca sobre os ecosistemas acuáticos e as especies piscícolas (que se atopan nunha situación de estrés) verase incrementado coa pesca, o que pode comprometer o futuro de moitas poboacións da fauna e flora ligadas aos nosos ríos nun escenario de afluencia masiva de pescadores (comezo de tempada) e reducido espazo para a vida acuática (caudais baixos). A isto temos que engadir que pescar nesta situación de seca pode comprometer o reclutamento (as incorporacións de novos peixes) de moitas das especies piscícolas, especialmente os salmónidos (troita, reo e salmón), pola maior captura de reprodutores e destrucción de zonas de reproducción (frezadoiros).

Ante esta situación o goberno galego está a facer ouvidos xordos ás distintas voces que recomendan o retraso do comezo da tempada de pesca e negando a realidade meteorolóxica. Por esta deixadez de funcións ADEGA, a FEG (18 organizacións) e a SGHN instamos á Dirección Xeral de Conservación da Natureza a que reconsidere a súa decisión de continuar con normalidade a tempada de pesca e paralice o seu desenvolvemento até que se podan restablecer os caudais medios dos nosos ríos. Todo o contrario suporá poñer en risco os nosos ecosistemas fluviais e hipotecar o futuro da pesca en Galiza.

  • Asinan: ADEGA, FEG (integrada por ADEGA, ADENCO, APDR, Asemblea do Suido, Colectivo Ecoloxista do Salnés, Coto do Frade, Gerrilleiros das Fragas, G.N. Hábitat, Luita Verde, MEL, Naturviva, Néboa, Niño do Azor, Oureol, Vaipolorío, Verbo Xido, Verdegaia e Xevale) e a SGHN.