Dous anos e dous meses despois da anterior xuntanza, habendo incumplido o regulamento en 2009 por non reunirse, tras dúas peticións das asociacións de defensa ambiental en febreiro (SGHN) e setembro de 2010 (ADEGA), e xa a piques de rematarse o Ano Internacional da Biodiversidade, por fin o pasado martes celebrouse un pleno ordinario do Observatorio Galego da Biodiversidade. Lamentablemente, a nova que debera de ser boa para a biodiversidade galega non foi tal .
Malia as afirmacións que fixeron os representantes da Dirección Xeral de Conservación da Natureza (DXCN), a información agora facilitada sobre as liñas de traballo actuais para a conservación de especies ameazadas e para a xestión da problemática das especies exóticas invasoras é sensiblemente a mesma que a presentada hai 26 meses na anterior xuntanza.
Por falar só das especies máis ameazadas, as catalogadas en perigo de extinción, a día de hoxe non está aprobado o plan de recuperación para ningunha delas e non parece que se vaian a aprobar próximamente.
Por falar són de dúas especies invasoras moi perigosas para a biodiversidade autóctona, o control do visón americano e a herba da Pampa non se está a consegir de momento nin siquera nos espacios protexidos máis emblemáticos (Parque Nacional e Parques Naturais), seica polas restriccións presupuestarias.
Malia aprobarse por unanimidade na anterior xuntanza a inclusión de Quercus lusitanica do Monte Pindo no Catálogo Galego de Especies Ameazadas na categoría de Vulnerable, en 26 meses a DXCN non foi capaz de publicar o necesario Decreto para que a súa catalogación entre en vigor.
Continuando co Monte Pindo, no debate sobre a proposta de ADEGA e SGHN de declaralo parque natural tratouse a necesidade ou non dunha nova figura de protección para este espacio, cal delas sería máis acaída e houbo unha opinión maioritaria de que calquera nova figura debera incluir tamén as marismas e praia de Caldebarcos-Carnota e o monte e a lagoa de Louro. Formalmente non se tomou ningunha decisión firme e o debate quedou posposto ata que a DXCN presentase un informe sobre as vantaxes e inconvintes que cada figura de protección tería neste caso. Por iso, resultou unha desagradable sorpresa a declaración da Consellería de Medio Rural na que se desbota a creación dun parque natural no Monte Pindo, e máis calquera outro en Galicia, durante a presente lexislatura.
O Observatorio non puido debatir a grave afectación que tería sobre á principal poboación reproductora en España da Escribenta das Canaveiras (máis...) a construcción dun paseo fluvial nas brañas do río Ulla en Dodro, pois a DXCN non incluíu na orde do día a petición que fixo por rexistro nese senso a SGHN hai 10 meses e que, polo que pareceu, está esquecida nalgún caixón da DXCN mentres a ameaza sobre a escribenta continúa adiante.
Finalmente a DXCN rexeitou a petición dos grupos ecoloxistas para que facilitase a información das superficies incluidas na proposta de ampliación da Rede Natura 2000 (ferramenta imprescindible para a protección da biodiversidade galega) e só entregará ós membros do Observatorio dita información unha vez xa estea a planificación totalmente elaborada.
En fin, a actitude da DXCN na xuntanza do pasado martes foi un triste colofón da Xunta de Galicia ó Ano Internacional da Biodiversidade. Obviamente, a SGHN non se resignarán diante da inacción da DXCN e, como dende hai case catro décadas, continuarn a loitar a prol da conservación da biodiversidade e o patrimonio natural galego. |